OS NOSOS GAITEIROS I

 Baixo este epígrafe enceto hoxe un traballo por entregas no que irei reproducindo sinxelos bosquexos sobre algúns interesantes e orixinais músicos tradicionais galegos, a moitos dos cales tratei e cos que nalgúns casos toquei en distintas romarías, xuntanzas e outras troulas.

Introdución

A gaita, termo que segundo o lexicógrafo e etimólogo catalán Joan Coromines procede do gótico gaits, que significaba “cabuxa”, animal con cuxo pelexo se constrúe o fol característico deste instrumento, xa fora introducida no noso país non moitos séculos despois de Cristo, quizá no tempo dos romanos ou tal vez máis tarde, cando os suevos crean un reinado en Galiza que durou máis de século e medio, e que Castelao considera como o primeiro estado que se formou na Península Ibérica. Na Idade Media non atopamos moitas referencias documentais do instrumento até que a partir do séc. XIV comezan a multiplicarse as alusións en manuscritos notariais e na iconografía (aínda que a primeira representación escultórica dunha gaita aparecía en Melide nun capitel románico hoxe conservado no Museo de Pontevedra que, segundo algúns especialistas, data do séc. XII). Nesta e noutras representacións iconográficas deste século topámonos xa un tipo de gaita con todas as súas pezas básicas: fol, soprete, punteiro e ronco.

Rilo

Rilo

O Ventosela co seu fillo Serafín

O Ventosela co seu fillo Serafín

Coro Aires da terra. Perfecto Feixoo no centro

Coro Aires da terra. Perfecto Feixoo no centro

Manuel Dopazo. Á esquerda

Manuel Dopazo, á esquerda

choumín

Choumín

Na tarefa de enaltecemento do noso instrumento nacional contribuíron dun xeito decisivo, dende unha faciana puramente musical, gaiteiros como o tan gabado por Curros, Manuel Castro González (Penalta-Celanova, 1832-?), ou o pontevedrés Perfecto Feixóo (Pontevedra, 1858-1936), Rilo (Oza dos Ríos, 1929-1997), Manuel Dopazo (Manduas-Silleda, 1882-1952), o ribadaviense Xan Míguez González “O Ventosela” (1847-1912), Choumín de Céltigos (Negradas-O Vicedo,1823-1911), o asasinado polo franquismo Constante Moreda (Cabral-Lavadores, 1884-1936)… Grazas a eles e a moitos outros músicos anónimos, conseguiuse non só a difusión e dignificación da nosa música popular, senón tamén que esta, cun maior ou menor grao de adaptación, impregnara decisivamente a que adoitamos denominar música culta, logros que corenta anos de franquismo quixeron botar por terra, e sen dúbida o conseguirían de cheo se non fose polo labor consciente de mestres da gaita entre os que cómpre salientar, ademais dos xa mencionados, a Avelino Cachafeiro (Soutelo de Montes, 1899-1972), Faustino Santalices (Bande, 1877-1960), Nazario González “Moxenas” (Sárdoma-Vigo, 1934-1995), Henrique Otero (Lavadores-Vigo, 1930-2013), Xosé Raído “Patelas” (Cuntis, 1916-2009), Ricardo Portela (Viascón, 1920-1992), Xaquín Míguez “Xocas”(Pazos de Borbén, 1940-2019), Antón Corral (A Coruña,1936), Manuel López “Poso” (Navia de Suarna, 1907-2000), Hermenexildo Fernández, “Herme” (A Fonsagrada,1918-1996)…, e moitos outros que sería difícil de enumerar dun xeito rigoroso.

Quixera con este traballo dar a coñecer, na medida das miñas posibilidades, a aqueles músicos que cumpriron unha senlleira laboura cultural e social, transmitíndonos con teimosía e vocación o legado musical dos nosos devanceiros, ao tempo que conseguían que a xente bailase, cantase e se divertise, mesmo en tempos en que a pobreza material máis abafante se espallaba polas nosas terras.

Gaiteriros de Soutelo, Avelino 2º a esquerda

Gaiteiros de Soutelo, Avelino 2º a esquerda

Xocas

Xocas

Moxenas

Moxenas coa súa gaita rústica construída por Xocas

X. Raído Patelas. Á esquerda

X. Raído Patelas. Á esquerda

Ricardo Portela

Ricardo Portela

Xa dende o séc. XIX observamos unha teimosa arela de dignificación da figura do gaiteiro que aparece en moitos artigos de prensa, relatos e mesmo nos poemas dalgúns dos máis senlleiros poetas do Rexurdimento, obxectivo que continuará vixente ao longo do séc. XX. O caso máis emblemático e coñecido é o do poema titulado “Un repoludo gaiteiro”, incluído en Cantares Gallegos (1863) de Rosalía de Castro:

Un repoludo gaiteiro

de pano sedán vestido,

com’ un príncipe cumprido,

cariñoso e falangueiro,

antr’ os mozos o pirmeiro

e nas siudades sin par,

tiña costum’ en cantar

aló pola mañanciña,

con esta miña gaitiña

ás nenas hei d’ engañar.

Sempre pola vila entraba

con aquel de señorío,

sempre con poxante brío

co tambor s’ acompasaba:

e si na gaita sopraba

era tan dulce soprar,

que ben fixera en cantar

aló pola mañanciña,

con esta miña gaitiña

ás nenas hei d’ engañar.

Todas por el reloucaban,

todas por el se morrían,

s’ o tiñan cerca, sorrían,

s’ o tiñan lonxe, choraban:

mal pecado! non coidaban

que c’ aquel seu frolear,

tiña costum’ en cantar

aló pola mañanciña,

con esta miña gaitiña

ás nenas hei d’ engañar.

Camiño da romaría,

debaixo d’ unha figueira,

canta meniña solteira

Quérote! lle repetía…

I el c’ a gaita respondía

por a todas emboucar,

pois ben fixera en cantar

aló pola mañanciña,

con esta miña gaitiña

ás nenas hei d’ engañar.

Elas louquiñas bailaban

e por xunta d’ el corrían,

cegas… cegas que non vían

as espiñas qu’ as cercaban;

probes palomas buscaban

a luz qu’ as iba queimar

pois qu’ el soupera cantar,

aló po la mañanciña,

con esta miña gaitiña

ás nenas hei d’ engañar.

Nas festas, canto contento!

Canta risa nas fiadas!

Todas, todas namoradas

deranll’ o seu pensamento;

i el que d’ amores sedento

quixo a todas engañar,

cand’ as veu dimpois chorar

cantaba nas mañanciñas,

non sean elas toliñas

non veñan ó meu tocar.

Unha pauta temática semellante segue “O gueiteiro” (Aires d’a miña terra, 1880) de Curros Enríquez, que teimou na idea de amosarnos ao gaiteiro como prototipo do galán habelencioso, atractivo, fachendoso e engaiolador das mozas, que contrastaba coa difundida imaxe do gaiteiro como músico de segunda categoría que aínda se delongou até non hai moito tempo:

Déndesde do Lérez lixeiro

ás veigas que o Miño esmalta,

non houbo no mundo enteiro

máis arrogante gueiteiro

que o gueiteiro de Penalta.

Sempre retorcendo o bozo,

erguida sempre a cabeza,

daba de miralo gozo:

era un mociño… ¡que mozo!

era unha peza… ¡que peza!

Depois do tempo pasado,

pasado pra non volver,

como on profeta inspirado,

inda mo parece ver

na festa de San Trocado.

Calzón curto, alta monteira,

verde faixa, albo chaleque,

i o pano na faltriqueira;

sempre na gaita parleira

levaba dourado fleque.

Non houbo home máis comprido

no mundo, de banda a banda;

nin rapaz máis espelido,

con máis riqueza vestido,

nin de condición máis branda.

Prás festas e romarías

chamado todos os días,

topábase donde queira,

anque por certas porfías

sólo tocaba a muiñeira.

Pois, como poucos teimado,

cando unha venta lle pega,

xura que pra o seu agrado,

non se ten inda enventado

múseca como a gallega.

Nena era eu cando el vivía,

mais non o podo esquecer,

¡O que el na gaita sabía!

¡O que el cos dedos podía

naquel punteiro faguer!

Cando nas festas maores

era esperado o gueiteiro,

botábanlle as nenas frores,

ledas copras os cantores,

foguetes o fogueteiro.

Tras del, en longa riola,

da gaita o compás levando

con infernal bataiola,

iban correndo e choutando

os rapaciños da escola.

Nunca se puido avriguar,

véndolla repinicar,

por que, o son da gaita ouíndo,

cantos bailaban sorrindo,

acababan por chorar.

Pero el cando no turreiro,

cal na trébede a Sibila,

pegaba o pío primeiro,

daban ó vento o sombreiro

todos os mozos da vila.

Comenzado o baile entón,

cousa era pra ademirar

aquel sembrante bulrón,

aquel aire picarón

i aquel modo de mirar…

I era de ver con que trazas,

sin faguer pausas nin guiños

nin caso das ameñazas,

furtaba un bico ás rapazas,

dos noivos diante os fuciños.

Ninguén soubo frolear

do xeito que el froleaba:

verlle a muiñeira botar,

era unha nube mirar

de anxeliños que pasaba.

Xentil, aposto, arrogante,

en cada nota o gueiteiro

ceibaba un limpo diamante,

que logo no redobrante

pulía o tamburileiro.

¿Que Orfeo se lle igualaba,

si mesmo, dentro do fol

que co cóbado apertaba,

parecía que cantaba

escondido un rousiñol?

Músico on tempo e poeta,

algunha fada sacreta

tiña con que conmovía,

pois nunca dunha palleta

saíu tan doce harmonía.

Tocaba…, e cando tocaba,

o vento que do roncón

polo canuto fungaba,

dixeran que se queixaba

da gallega emigración.

Dixeran que esmorecida

de door a patria nosa,

azoutada, escarnecida,

chamaba, outra Nai chorosa,

ós filliños da súa vida…

I era verdá. ¡Malpocada!

Contra on penedo amarrada,

cravado un puñal no seo

naquela gaita lembrada

Galicia era un Prometeo.

Un Prometeo cantando

eternas melanconías;

sempre un consolo agardando

e sempre as bágoas chorando

do desdichado Macías.

Por eso, cando a tocar

se puña o gueiteiro lindo,

cantos viñan pra bailar,

si escomenzaban sorrindo,

acababan por chorar.

Por eso en vilas i aldeas,

por xentes propias i alleas

era aquel home estimado,

e por todos saudado

en camiños e vereas.

Por eso, donde el chegaba

dábanlle cita de amores

as mozas por que el toleaba,

e sempre á mesa xantaba

dos abades e priores.

Que dende o Lérez lixeiro

ás veigas que o Miño esmalta,

non houbo no mundo enteiro,

máis arrogante gueiteiro

que o gueiteiro de Penalta.

Do abafallo da figura do gaiteiro e da súa música xa se laiaba Lamas Carbajal, que denunciaba o desleixo que a mocidade do seu tempo comezaba a ter a respecto das nosas melodías perante a chegada de novos xéneros musicais e danzas de orixe foránea.

Unha moda condanada

trouxo as murgas por acá,

invadiron os turreiros

tocando danzas e vals.

O baile do agarradiño

trastornou a mocedá

que louca berraba: “¡Múseca!”

¡que non toque a gaita máis!

O caír d’ o trono a reina

d’ a múseca popular

escomenzaron as coitas

pr’o gaitero de Paizás.

Mais esta teima na exaltación da figura do gaiteiro xa tiña precedentes no tempo dos Precursores do Rexurdimento, que a empregaban co obxectivo de reivindicar a nosa terra, a nosa lingua e a nosa cultura. Antes de nada reproduzo uns fragmentos da obra en prosa El Gaitero Gallego de Antonio Neira de Mosquera (1818-1854):

“(…) tipo marcado, genuino, independiente, hombre de buen humor, algo presumidillo, es cierto, pero galante como el
primero. Su traje favorito es una laical montera de pluma y relicario, buena chaqueta, flojo y campanudo pantalón, un
chaleco de grana, que le viene siempre de perlas, y negro botín; y participando a la vez de las formas grotescas de la
antigüedad, y de los contornos imperfectos de unas costumbres a prueba de revolución. Él es el símbolo de la alegría y de
la devoción, el hijo mimado de las fiestas y de las procesiones, el compañero inseparable de la iglesia o de la taberna, y el
resorte principal de variadas sensaciones en las que se confunden lo místico y lo profano. (…)  Si una moza se muere de
amores por algún oculto galán, y de repente le acomete ó ramo cativo, terrible enfermedad que hace bailar al diablo en el
pecho, y echar espumarajos por la boca, el Gaitero interviene con sus padres para que le permitan visitar todos los
santuarios, ir al anochecer á la salve de la parroquia y recoger en Santiago el ramo de san Pedro mártir; y los padres de la
chica no hacen más que seguir eficazmente sus consejos, y dejar que su hija se cure de mal tan peligroso (…) El Gaitero
por lo regular no tiene edad: cuantos mas años, menos pesares. Siempre es jóven alegre, bullanguero, hablador
sempiterno, y chistoso por demás, para él no hay peligro de ladrones, ni temor de duendes, pues no lleva un ochavo
consigo, y está bien visto de los santos: nunca teme una sorpresa y toda hora es buena, y como acompaña sus palabras de
un tono decidido y se arriesga a los compromisos de mayor bulto, todos le tienen por el más cabal y el más apuesto de los
presentes: él es el coco de todos los cuentos, el consejero de todos los enamorados, el confidente de todas las intrigas, y el
pacificador de todas las voluntades (…)”

Porén o exemplo máis salientábel no tempo dos Precursores é o do pontevedrés Xoán Manuel Pintos e a súa obra prima A gaita Gallega (1843), da que reproduzo un pequeno fragmento, que xa ía encamiñado na liña que axiña marcaran Rosalía e Curros. Nela Cristus, o gaiteiro, diríxese ao seu tamborileiro e pupilo, o castelán Pedro Luces, para instruílo na lingua, cultura, costumes e tradicións de Galiza:

(…)

Sabes ben o que é o gaiteiro?

O gaiteiro é unha cousa

que non se lle topa exempro.

É a alegría dos vales

dos montes e dos outeiros,

das gentes é o consolo

é o solaz e recreo,

e dos tristes corazóns

quita os pesares por dentro.

É o responso do santo

san Antonio o milagreiro

e non hai na foliada

onde tocare o gaiteiro

enemigos, nin hai moza

a quen acometa o demo.

Non che abonda de lembrarte

que hasta milagros fixeron

nos hespitales do norte

os tocares dos gaiteiros?

Que os atacados do gripe

e mais do cólera negro

das camas brincaban sans

a oír aquel son do ceo?

(…)

O gaiteiro! Velo aí vai

para a romage correndo

levando as mellores mozas

detrás del polo vieiro,

os mancebos e rapaces

e tamén os homes vellos

todos cos ollos cravados

nas prumas do seu prumeiro

no ronco e nas súas borlas

no ronquillo e o punteiro.

(…)

Neste senso cómpre reportar o extenso e tristísimo poema de Henrique Labarta Pose adicado a Xan Mella, gaiteiro do seu Baio natal: “Probe gaiteiro de Baio”(1896).

Era o gaiteiro Xan Mella

gaiteiro tan afamado

que n’había festa algunha

nin romería de campo,

nin cousa en que houbese gaita,

sin que Xan fose chamado;

pois a gaita de Xan tiña

algo que non era humano;

algo que facía a un tempo

chorar e rir sin pensalo.

¡Quizais un anxe durmía

no fondo do fol deitado,

e soilo tiña o segredo

Xaniño, pra despertalo!

Por eso os mozos e mozas

de todo o lugar de Baio,

cando el a gaita collía

brincaban xa co entosiasmo.

¡Pro, Xan, canto máis tocaba,

máis triste se iba quedando!

I aquela cara de neno,

i aqueles ollos rasgados,

i aquel corpo tan garrido

que daba xenio miralo,

tomaban un certo deixo

que paresce que soñando

a ialma de Xan voaba

a mundos imaxinarios.

E cando o probe quedaba

malencónico tocando,

con segreda simpatía,

dicía a xente ó miralo:

¡Probe Xan! ¡Probe Xaniño!

¡Probe gaiteiro de Baio!

(…)

Tamén o betanceiro Francisco Vales Villamarín fai unha importante achega coa publicación en Bos Aires do soneto “O vello Rilo”(1949), ilustrado cun debuxo deste sinalado gaiteiro, obra de Xosé Veiga Roel.

Naceu –según é fama- aturuxando

e facéndolle chiscos á parteira.

Ensinoulles aos merlos a muiñeira

cando de pequerrecho iba co gando.

Foi un don Xoán Tenorio namorando

e un Marcial de calzón e de monteira,

e contaba no adral e na lareira

historial da facción e o rei Fernando

Sabía de memoria o Ciprianillo,

libraba da tirís e o garrotillo,

conxuraba o meigallo e o tronante.

E nas romaxes deste chan saudoso

como gaiteiro enxebre e fachendoso

non lle puxo ningún nunca o pé diante.

Aínda que sen ser o tema central do poema, Ramón Cabanillas tamén debulla a figura do gaiteiro considerado como símbolo esencial da alegría, da celebración e da festa, neste caso nun poema rotundamente social e anticaciquil: “Lume no pazo”. Poesía encadrada na súa obra Vento mareiro (1915).

Prendeu lume no pazo.

A roxa labarada

alumea a campía.

Atronan as campanas

o val.

Quentan o aire

espesas bafaradas

de fume.

Corre a xente

berrando, atolondrada.

Ao arder o cume, as tellas

enroxecen e estalan

Caen, cruxindo, as vigas,

e o lume, ás catro bandas

envolve a terra.

Muxen

de medo os bois nas cuadras.

A xente rube ao adro

para ver onde é a desgracia

e ao mirar cara o pazo

detense amontoada.

Érguense as mans ao ceo

e sanguiñenta, tráxica,

refréxase nos ollos

a roxa labarada.

E un velliño, moi vello,

de guedelliñas brancas,

que vive de milagre,

xantando cando xanta,

vestido de farrapos

e durmindo onde cadra

– todo por mor dun preito

de rendas atrasadas,

no que os donos do pazo

deixárono sen nada-

ollando cara o lume

rise, barulla e fala

de ir buscar o gaiteiro

para que toque a gaita!

A partir de aquí non sería doado enumerar, por cuestións de espazo, todas as reseñas literarias que os nosos máis consagrados escritores dedicaron á figura do gaiteiro globalmente ou a algún gaiteiro en concreto. Mais tampouco quero deixar de reproducir, aínda que só sexa dun xeito parcial, o relato do noso xornalista e poeta Roberto Blanco Torres titulado “O cego de Padrenda”, que foi publicado nunha chea de revistas galegas e da emigración latinoamericana.

 “(…) Os gaiteiros da nosa terra son todos asín, entre artistas e fidalgos, entre aventureiros e homes de ben, decidores, campechanos e arrogantes, como o que cantou Rosalía, como o que cantou Curros, como o que cantou Cabanillas. O gaiteiro de Padrenda -o popular Euxenio, respetado polos vellos e agarimado polas mozas de cen comarcas- andivo dende entón polo mundo, polo seu mundo de Galicia, de romaxe en romaxe, de festa en festa, de povo en povo, tocando pra alegrar ás vellas e falando baixiño, conqueridore e namoriscado, ao corazón das mozas que el ben coñecía como vello zuruxano que tiña acertado cas doenzas do peito, máis fortes e escondidas. Euxenio é tan coñecido na provincia de Pontevedra como o marqués de Riestra, anque el por refinamento nunca se meteu en política, nin fixo adoanada ningunha, nin tropezou en cousas que non fosen do seu arte, e dende logo ten amigos máis verdadeiros que o marqués, anque non lle fai a ninguén máis mercé que a da súa verba reloucante e a súa música escolleita (…)”.

Non foron poucos os escritores viveireses de finais do séc. XIX e dos inicios do XX que dedicaron a súa atención a un gaiteiro emblemático da Terra de Viveiro dese período, Choumín de Céltigos. De entre os textos máis destacados reproducirei o poema “Choumín” de Antón Vilar Ponte:

O vello tembreque

sopraba na gaita,

na gaita galega de fol colorado,

inflando os carrillos, mentras meneaba

no longo punteiro

as mans xa cansadas.

O rostro do vello

supremos esforzos no xesto eispresaba,

i-a gaita seguía sin que ni unha nota

en ela soara.

– Meu pai, seique é forte

pra vosté isa gaita,

un fillo lle dixo.

I-o vello anguriado, doído na yalma:

“Meu neno, responde, o alento qu’eu boto

na gaita, non logra, non logra xa impala,

qu’é alento de vello tocado da morte,

alento de vello que logo se marcha”.

– Non diga isas cousas,

mi padre, moi triste o rapaz escrama.

E o vello qu’é terque

sin soltal-a gaita

abrazado n-ela, pois quérea o mesmo

que nai garimosa a un fillo da y-alma,

resopra e resopra no fol colorado

i-a gaita ô fin ruxe cal si se queixara

con ars doces, tristes, das forzas perdidas

do vello gaiteiro que tanto a amara

– ¡Por fin meu filliño,

lograrei tocal-a,

qu’esta é a despedida! o vello marmula.

E inflando de novo seus roxos carrillos

do peito xa endeble el botall’â gaita

o alento que pode, i-a gaita escomenza

a soar moi quediño, rîndo e chorando,

con notas moi doces, moi tenras e brandas,

tan brandas, tan tenras, tan doces, soaves…

qu’o peito cansado do vello ô escoitalas,

salaios emite,

e os ollos do neno bagullas derraman.

Choumin, que aquel vello

así se chamaba,

no val de Viveiro,

na linda comarca

que rega o Landrove

co as suas tranquilas e abundosas augas,

de vellos e mozos era conocido,

que âs festas de sona el nunca faltaba,

pra darlles ledicia cô seu instrumento

a os romeiros todos que a elas chegaran.

Inda eu non olvido

a súa cabeza pequena e moi branca;

seu xesto de pillo

impreso na cara,

onde unhos olliños saltós e pequenos

guiñábanse sempre que ôs mozos falaba,

contándolles verdes hestorias de amores

dos labres das vellas na aldea escoitadas.

¡Quén pode olvidalo,

si el era nas festas da miña comarca,

nas festas enxebres do val de Viveiro,

a nota obrigada!

Si o seu nome ôs nosos recordos alegres

ôs nosos recordos máis doces da infancia,

con fíos de pena, con tristes nostalxias

irá sempre unido,

que el desperta lembranzas

dos tempos pasados

nas nosas memorias e nas nosas almas! (…)

Como remate escollín o poema do granadino e poeta alófono en galego Federico García Lorca “Cantiga do neno da tenda”, que forma parte da súa obra en galego Seis poemas galegos (1935), publicada pola editorial Nós, que dirixía Ánxel Casal.

Bos Aires ten unha gaita

sobor do Río da Prata,

que a toca o vento do norde

coa súa gris boca mollada.

¡Triste Ramón de Sismundi!

Aló, na rúa Esmeralda,

basoira que te basoira

polvo d’estantes e caixas.

Ao longo das rúas infindas

os galegos paseiaban

soñando un val imposíbel

na verde riba da Pampa.

¡Triste Ramón de Sismundi!

Sinteu a muiñeira d’agoa

mentras sete bois de lúa

pacían na súa lembranza.

Foise pra veira do río,

veira do Río da Prata.

Sauces e cabalos múos

creban o vidro das ágoas.

Non atopou o xemido

malencónico da gaita,

non viu o imenso gaiteiro

coa boca frolida d’alas;

triste Ramón de Sismundi,

veira do Río da Prata,

viu na tarde amortecida

vermello muro de lama.

Marcos Seixo Pastor

Marcos Seixo Pastor

Profesor de Galego

Chámome Marcos Seixo. Aínda que a miña chegada ao mundo tivo lugar en 1959 na rúa de San Marcos en Lugo, na casa da miña avoa, fun concibido e criado en Navia de Suarna, onde pasei unha feliz infancia e a onde regreso cando menos dúas ou tres veces ao ano. Por mor da profesión do meu pai, estivemos vivindo en distintos concellos. Asentámonos finalmente en Cuntis (Pontevedra), onde vivo a día de hoxe na aldea de Castrolandín.

Fixen estudos de Filoloxía en Compostela e os últimos 16 anos fun profesor do IES Valle Inclán de Pontevedra, até a miña “xubilación forzosa por incapacidade” no ano 2016. Neste instituto coñecín aos compañeiros do grupo de teatro Argallada, algúns deles impulsores do blog devellabella, no que ando a colaborar con algún traballo.

A miña vida na actualidade segue a ser bastante activa, pois podo dedicar o tempo ás miñas moitas afeccións, entre elas escribir. Alén diso tamén son afeccionado á música tradicional, ás motos, sobre todo ás clásicas, a coidar as viñas, e tamén a nadar, podendo ser, no río de Navia

Blog

Os caretos de Podence

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥