por Charo Valcárcel
Os ollos dos nenos
fan medrar as forzas onde non hai folgos
e abrollar sorrisos nos rostros lacerados,
son bálsamos lenes sobre as feridas purulentas
e torrentes de vida que anegan o desleixo.
Os ollos dos nenos
ateigan de luz as noites escuras,
as noites poboadas de silencios,
de futuros incertos que asedian o acougo dos corpos cansados
e colmados da verdade que os posúe
sinalan o camiño doutra vida.
Charo Valcárcel
Poema publicado na revista Furman


Charo Valcárcel Mato
Profesora de Galego
Eu son Charo Valcárcel. Nacín nunha pequena freguesía da Estrada (Sta. Cristina de Vinseiro) hai 60 anos, pero xa levo trinta e cinco vivindo en Pontevedra, case tantos como os que traballei no IES Valle Inclán (trinta e dous), toda unha vida…
Estudei Filoloxía Hispánica, aínda que me presentei e aprobei as oposicións para profesora de Lingua galega e sempre exercín como tal, do cal me sinto e sentirei sempre moi orgullosa.
No Valle Inclán coñecín a Ana, Manuel, Isidro, Benito e Sara que, considero, máis que compañeiros, amigos, bos amigos. Xuntos compartimos moitas experiencias.
Agora esta na que nos implicou Ana que, polo menos para min, é un salvavidas, un incentivo que chega para encher o oco que deixa o ensino nas nosas vidas.
Pero tamén formamos parte dun grupo de teatro de profesores (en activo e xubilados) que naceu no 2005 no seo do Valle Inclán, Argallada, e que está esperando tempos mellores para retomar a súa actividade.
Agardo que as miñas contribucións no blog devellabella sexan merecedoras do voso beneplácito ou, polo menos, non do voso desgusto.
máis artigos
♥♥♥ síguenos ♥♥♥
Trackbacks/Pingbacks