por Amancio Castro 

perillotes

Os Perillotes

Os perillotes.- Son os froitos dunha pereira brava (Pyrus cordata Desv.) coñecida en Galicia como estripeiro, un arbusto con pinchos que se utiliza como patrón onde se enxertan pereiras e maceiras con moito éxito pois este arbusto adáptase moi ben a calquera tipo de terreo.
Para poder comer os perillotes hai que recollelos na árbore xa maduros e deixalos nunha fonte a esperar que sufran unha especie de fermentación, pois do contrario teñen un sabor amargo e acre que tira para atrás. Unha vez que fermentan, antes de podrecer, adquiren un sabor parecido á compota moi agradable.
En Pontevedra tíñaos mercado nunha pequena froitaría que xa hai moitos anos que pechou na praza da Peregrina. A Señora preguntaba se sabía comelos se non non mos vendía pois sempre llos traían de volta. Tiven que explicarlle o método e díxome que era o segundo cliente. O anterior era D. Antonio Odriozola. Dese xeito xa eramos dous “autorizados”.
Na actualidade teño unha amiga que sabe da miña teima e tráeme un montón cada ano.
Datos técnicos da foto: f/14 ; 1 seg ISO: 100 ; Trípode; Canon EOS 5D; 100 mm Macro ; Luz lateral ; Disparador cable : Data de realización 26/08/2014.

Amancio Castro García

Amancio Castro García

Fotógrafo

Nacín na zona vella de Pontevedra, nunha familia onde se potenciaban os valores referentes ao respecto polo mundo natural e ás artes por diante dos temas materiais.
Tremendamente curioso dende neno pola natureza estudei para mestre especializándome en ciencias naturais.
Dende 1980 fun percorrendo toda Galicia e zonas limítrofes coa Sociedade Galega de Xeografía fotografando a natureza para ter material de apoio para o estudo dos ecosistemas e formacións xeo-morfolóxicas, materiais que utilizaba para as miñas clases e que figuran en libros de texto e guías didácticas que fun publicando con varios autores.
A partir de 1990 funme especializando na fotografía científica, macro de plantas e fungos de menos de 2mm que saen publicadas nos artigos científicos do micólogo Jaime Blanco Dios co que sigo a colaborar na actualidade.

Camiño a Brañagallones

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥