Albania, Macedonia do norte e Serbia
Sara ValenzuelaA viaxe do 2021. Outubro
3ª parte, Albania, Macedonia do norte e Serbia.
Ola, a viaxe continúa, esperamos que gozarades o contado ata agora..
De Montenegro nos diriximos a Albania, estivemos en Durres, Ksamil, e Tirana, seguimos logo por Macedonia do Norte e Serbia. Seguiremos compartindo esta experiencia.
Vouvos falar da visita a Durres, estamos a 17 de outubro.
Alugamos, como fixemos ata agora, un piso no centro da cidade. O propietario era moi simpático díxonos que o piso estaba ao lado da casa da súa nai, e que tiña garaxe no patio da casa. Cando chegamos preguntámoslle se tiña cafeteira, díxonos que non, que os albaneses adoitaban tomar café no bar e buscamos a forma de facelo nós, (mercamos un coador e con servilletas de papel, tiñamos organizado o xeito de facer o café), gústanos almorzar na “casa”. Fomos ver a zona e cando volvemos ao piso, atopamos unha cafeteira nova diante da porta, pareceunos un bonito detalle.
Durrés foi fundada polos gregos, está considerada a cidade máis antiga deste país e é, despois da capital, Tirana, a segunda con maior poboación e importancia económica. Está moi cerca da capital, a só 38 quilómetros e é un pouco a praia e o porto de Tirana.
Trala fin da guerra, o réxime comunista de Enver Hoxha reconstruíu a cidade e converteuna nun centro de industria pesada. A liña de ferrocarril de 38 km que une Durrës con Tirana, iniciada en 1947, foi a primeira de Albania. E en 1980 a cidade chamábase Durrés-Enver Hoxha.
Foi un dos máis importantes portos marítimos dos Balcáns, hoxe é caótica, desordenada, pero paseando pola cidade atopamos restos de monumentos romanos, bizantinos e venecianos.
Escollemos Durres por estar á beira do Adriático, ter praia e polos seus restos arqueolóxicos: o anfiteatro, os baños públicos, restos dun acueduto e as murallas veneciano-bizantinas, a torre veneciana, e como xa vos dixen na outra crónica, os lugares para visitar polo camiño e pasar tres ou catro días, escollémolos con catro ou cinco días de antelación, e reservamos os pisos, pero xa tiñamos os países previstos antes do comezo da viaxe.




Sara Valenzuela Viz
Profesora de Historia
Nacín na parroquia de Santirso de Manduas, en Bandeira.
Aos nove anos mandáronme estudar a Santiago e alí pasei uns cantos anos da miña vida, xa que logo fixen Filosofía e letras e liciencieme en Xeografía-Historia.
Exercín de profesora percorrendo moitos centros educativos das catro provincias, penso que de aí vén o que me gusta viaxar.
Levo en Pontevedra 27 anos, nesta fermosa cidade coñecín a unha parte dos integrantes do blog devellabella, no IES Valle Inclán e tamén no Frei Martín Sarmiento. Con eles vivín moitas aventuras, dende a nosa dedicación común ao teatro a festas diversas relacionadas co noso traballo, e sempre me sentín en total confianza.
Levo xubilada dous anos e procuro aproveitalo ao máximo, sobre todo facendo viaxes.
Neste proxecto vou poñer o meu graniño de area, e espero que sexa do voso agrado
máis artigos
♥♥♥ síguenos ♥♥♥