Pequenas Figuras, Grandes Feitos
Mª Xesús López EscudeiroNun mundo masculino, Anxela Paz abre vieiros, poucas son as mulleres mergulladas no eido da miniatura. Coa incorporación delas xorden novas inquedanzas e aparece a necesidade de ampliar a oferta.
Existen problemas para atopar as figuras femininas desenvolvendo actividades consideradas fóra dos roles tradicionais. Reproducir escenas de loita, de manifestacións, etc, presenta unha nova dificultade.
Leva máis de 20 anos adicada á súa paixón. Longas noites á luz da lámpada, moitas horas de pescuda e de documentación rigorosa para proceder á pintura das figuras de 20 cms, antes da minuciosa elaboración das maquetas. Cada reprodución agocha unha intensa consulta, unha aprendizaxe que lle descobre mundos descoñecidos e a comunica con colegas de diferentes países.

Actualmente, leva un tempo introducida na loita feminista. Na súa manifestación de marzo de 2018, as galegas desfilan coas pancartas reivindicativas, acompañadas do son da batucada. O pequeno tamaño dos tambores e das baquetas supuxo un incremento de tempo na elaboración, mais considerou importante a súa incorporación, así como a de mulleres de diferentes nacionalidades, membros da Marcha Mundial das Mulleres. Deixa constancia asemade da presenza dos homes, apoiando as reivindicacións.
Nunha ollada retrospectiva, noutra das súas creacións, lembra a autora as mulleres loitadoras, defensoras dos ideais da II República, fronte aos ataques do fascismo. Conscientes do atraso que supuxo para a condición feminina o alzamento fascista de 1936, defenderon os ideais de xustiza e liberdade, na Galiza e no Estado Español. En desacordo coa historia oficial, que lles concede un rol secundario, visibiliza Anxela o papel activo das mulleres durante a Guerra Civil e nos anos posteriores, como milicianas ou como guerrilleiras. Inmortaliza unha escena durante un ataque. Con precisión milimétrica mostra as ruínas dunha casa, coas pinturas na parede e cos vidros rotos na fiestra; no exterior a farola medio caída e na eira o caldeiro polo chan, nun recuncho unha charca de auga.
Un instante no que a vida doméstica ficou interrompida polos horrores da guerra e nesa paisaxe desoladora emerxen as figuras das guerrilleiras, verdadeiras protagonistas da escena. Homenaxea a autora ás que actuaron na chaira ou no monte, como enlaces ou colaboradoras (cociñando, lavando roupa, transmitindo mensaxes, colaborando na elaboración de material informativo…) ou ben como guerrilleiras activas. Consuelo Rodríguez (Chelo), Carme Rodríguez, Celia González Pernas, Josefa Escourido Cobo, Carmen Jerez , Caridad Mercader, Esperanza Martínez, Remedios Montero, entre moitas outras, forman parte do colectivo feminino silenciado e menosprezado.

Historias de menosprezo e de silencio que se repiten en todas as sociedades e que a autora denuncia coas súas mans. Na liñaxe das valquirias da mitoloxía xermánica ou das amazonas da mitoloxía grega, a muller guerreira existiu desde a antigüidade no Xapón. Nun mundo tradicional onde a muller ficaba relegada ao ámbito doméstico, a Onna-Bugeisha desenvolvía actividades bélicas.
Arqueiras especializadas no dominio da naginata (especie de sabre longo ) e do arco. A emperatriz Jingu, ( aparece no S.III como pioneira), Hõjõ Masako no S.XIII, Chiyome Mochizuki no S. XVI ou Nakano Takeko son algúns dos nomes destas mulleres samurais, excluídas dos libros de historia. (Recentes achegas arqueolóxicas suxiren que non se trata de casos illados). Na recreación da artista pontevedresa, as onnas diríxense á batalla, os estandartes e a vestimenta están reproducidos con gran meticulosidade polas delicadas mans artesanais, que mostran a abondosa decoración.

Curiosamente na Galiza o nome de Onas empregouse para designar as abadesas do convento de San Pedro de Ramirás ( Ourense). Sen coller as armas, como as Onnas xaponesas, as Onas galegas foron quen de pleitear e loitar pola defensa dos seus dereitos e privilexios. Historias universais unidas pola mesma denominación e que nos falan de figuras que tiveron un gran protagonismo na sociedade da súa época.
Premio Cidade de Pontevedra en 2017 e integrante de Paspallás, a súa vida e a súa obra zumegan compromiso ; como Presidenta da Asociación Socio Sanitaria da Enfermidade Inflamatoria Intestinal (ASSEII) realiza un intenso labor na defensa dos dereitos d@s doentes. Variadas actividades que completa coas miniaturas, compañeiras de noites que transcorren entre pinturas, pinceis, barro, masa, madeira… Nestas tres pequenas creacións , verdadeiras obras de arte, Anxela Paz recoñece a grandeza daquelas que como ela, muller loitadora e feminista, son quen e foron quen de rachar muros, na defensa dunha sociedade xusta e igualitaria.
Texto e Fotos :Mª Xesús López Escudeiro

Entrega de premios Cidade de Pontevedra 2017
Foto Diario de Pontevedra

Mª Xesús López Escudeiro
Profesora de francés xubilada
Licenciada en Filoloxía Francesa na cidade de Compostela, a cidade onde naceu.
Profesora de Francés en diferentes institutos, xubilouse no IES Xunqueira I, de Pontevedra.
Exerceu como Concelleira polo BNG, en Pontevedra e como Delegada de Cultura, Patrimonio e Deportes no goberno bipartito da Xunta de Galiza.
Dirixiu o programa “Vivas e Visibles” do Concello de Sarria (Lugo) e coorganizou a exposición “Esquecidas”, en 2018.
Na actualidade participa no programa do Concello de Pontevedra “Memoria das Mulleres”, dentro do que coorganizou a exposición en 2015 “Do gris ao violeta”.
Forma parte do Movemento Galego pola Recuperación da Memoria Histórica.
O centro das súas inquedanzas xira arredor do tema das mulleres e da recuperación pola memoria histórica.
máis artigos
♥♥♥ síguenos ♥♥♥