Coñecín a Pilar por unha amiga común, Carmen Durán, ela foi a que me dixo que Pilar tiña unha historia de vida para ser contada e non esquecida. Pilar Braga Crespo naceu en 1944. É a maior de dous irmáns (ela e Antonio, xa falecido).

A vida de Pilar e da súa familia estivo marcada pola Guerra civil e polo réxime franquista que se “levou” ao seu tío Antonio, desaparecido na batalla de Brunete, e ao seu avó, Manuel Crespo, que faleceu a consecuencia dunha operación dunha úlcera de duodeno causada polo susto que levou cando unha noite o foron buscar á súa casa para “pasealo”. Outro acontecemento terrible que marcou a vida da familia e tamén de Pilar, foi o encarceramento do seu benquerido tío Carlos que pasou verdadeiras penalidades, incluídas torturas varias naqueles anos escuros.

Pilar Braga
Pilar de recén nacida coa nai, tia e avóa

Pilar coa súa filla, a nai e a avóa

Pilar de nena

Pilar de nena

Pilar e Antonio

Pilar co seu irmán Antonio

Pilar con 3 anos

Pilar na alameda de Pontevedra

Pilar pasou a súa infancia e xuventude coa súa avoa Engracia (que vivía da súa pensión de viúva) e cos seus tíos pois os seus pais, José Braga, mestre en Cedeira e Pilar Crespo, secretaria en Vigo, non podían coidar dela. Deste xeito, Pilar, de nena, vivíu na rúa Andrés Mellado de Pontevedra nun piso de 11 habitacións, preto da vía do tren, onde a súa tía Primitiva tamén tiña una academia con moitos alumnos e alumnas que viñan de todas partes. Alí, de ben pequeniña, aprendeu as declinacións en latín o que lle facía moita graza aos alumnos e alumnas da academia como Lolita Portas, Conchita Carral, Gloria Castuela, Tusa Santos… Foi unha época de carencias pero tamén de gratas lembranzas. Na parte de atrás daquel piso recorda que había unha horta, na que tiñan galiñas, que lindaba coa de Celestino Poza Pastrana, coñecido como o “médico dos pobres” pola súa gran bondade. Precisamente fóra el quen atendera á súa nai cando naceu Pilar (lembremos que, naquela época, só acudían a parir ao hospital as mulleres que tiñan moitos cartos… As demais parían na casa).

Pilar, Engracia e Primitiva

Pilar con Primitiva e tía Sole

Comuñón de Pilar Braga

Pilar na súa primeira comunión en Guadalaxara

En 1949, cando Pilar tiña 5 anos, tivo lugar un acontecemento que a marcou de por vida. A detención do seu benquerido tío Carlos acusado de comunista. Como Pilar vivía na misma casa que o seu tío Carlos, aínda que era moi pequena vivíuno en primeira persoa e recorda perfectamnte aquel momento e todo o que aquilo supuxo. Por exemplo, cando ela, a súa avoa Engracia e a súa tía Primitiva (á que Pilar chamaba Pía) foron visitar a Carlos, encarceado no castelo de Santo Antón na Coruña. 

“De ben pequeniña aprendeu as declinacións en latín o que lle facía moita graza aos alumnos e alumnas da academia

Pilar Braga Crespo

Era outra época. Non tiñan coche nin as carreteras eran como as de agora. Para chegar ao cárcere tiveron que depender de persoas coñecidas que as levaran ata aquel lugar. Lembra aquel día con grandes arrepíos a pesares do paso do tempo. Viaxaron ata alí nunha noite de treboada e moi accidentada, pois o coche non funcionaba ben. Tiñan que estar cedo na Coruña ao día seguinte. Para rematar, ao chegar ao cárcere, tiveron que atravesar unha ponte; a súa avoa ben agarrada do brazo da súa filla Primitiva e Pilar no seu colo pois o forte vento tiraba coas tres. Só lles deixaron ver cinco minutos ao tío Carlos e o paquete que lle levaban, cunha pequena manta e algo de tabaco e comida quedaronllo os carceeiros. A viaxe de volta foi moi triste para Pilar… Ver chorar sen parar á súa avoa… Ver ao seu tío Carlos, que sempre fora tan bo con todo o mundo, naquela terrible situación…

Carlos no cárcere do Dueso

Carlos no penal do Dueso en Cantabria  1949

Patos

Carlos no cárcere coa madriña 1949

Pouco tempo despois, Pilar foise a vivir a Guadalajara pois alí tivo que marchar a súa tía Primitiva, que era asmática, por recomendación do médico. Primitiva aprobou nesa provincia as oposicións de Maxisterio non sen loitar pois, a pesares de sacar o número 1, pretenderon sacala das listas de aprobados. Despois de remover Roma con Santiago, apareceu de novo nas listas pero nos últimos postos. O caso é que alá marchou Pilar pois aínda que os seus pais se opuxeron nun principio, puido o querer da pequena Pilar que non se quería separar da súa avoa e da súa tía. O primeiro ano vivíron en Espinosa de Henares (Guadalajara) onde pasaron un frío horrible polas enormes nevadas e pola mísera casa, na que entraba frío por todas partes, onde se aloxaban pois non se podían permitir nada mellor. Naquela casa había ratas que paseaban ás súas anchas polas noites e alí pasaban tanto frío que tiñan que durmir xuntas na mesma cama para poder entrar en calor. 

Juana con un noviete en Compostela

Carlos Crespo con Paco Pedrosa

Os pais de Pilar

José Braga e Pilar Crespo os seus pais

 Ao curso seguinte destinaron a Primitiva a Mazuecos (Guadalajara) e alí estivo Pilar ata que cumplíu 10 anos e o seu tío Carlos saíu do cárcere. Cando se recuperou un pouco daquelas penalidades sufridas nos distintos penais onde estivo, Carlos conseguíu un traballo de contable dunha fábrica de gaseoas en Barrantes (Pontevedra) e alá marcharon con él, Pilar e a súa avoa pois ámbalas dúas tiñan moita morriña de Galicia aínda que os anos en Mazuecos foron moi bos facendo grandes amigos e amigas como Claudio, Anuncia, Esperanza, Juanito…amizades que aínda conserva hoxe en día.

Boda de Pilar e Manolo

Boda de Pilar e Manolo

os seu 4 fillos

Os seus catros fillos Manuel, Pilar, Carlos e Fernando 

Ao retornar a Galiza, Pilar, a súa avoa e o seu tío Carlos viviron primeiro en Ribadumia na casa dos donos do aserradeiro (Lela, Moncho e os seus fillos. O fillo pequeno, Alberto, é afillado de Pilar). Alí estiveron dous ou tres meses ata que atoparon unha casa que máis ben parecía unha choza pero que era o que se podían permitir naquel momento. En Barrantes, Pilar, como moitos dos seus amigos e amigas (Marité Pedrosa, Mechi e Melita Fraga, Tere Cuíñas e a súa irmá Mari Carmen, Conchita Souto, Tilita, Berta, Pili, Rosiña, …) preparou, na academia do seu tío Carlos, que montara co seu amigo Paco Pedrosa, o exame de ingreso, e as probas para examinarse por libre de Bacharelato e de Maxisterio, carreira que non chegou a rematar pois casou co seu mozo, Manolo R. Pereyra, de Cambados, cuando tiña 19 anos. Xa pasaron 59 anos xuntos… Toda unha vida… Os primeiros sete anos viviron en Vilagarcía pois alí traballaba o home de Pilar na Caixa de Aforros. En Vilagarcía tiveron catro fillos: Manuel, Pilar, Carlos e Fernando que lles deron catro netos: Laura, Andrés, Pablo e Miguel. Pasados eses sete anos en Vilagarcía, trasladáronse a vivir a Pontevedra xa de maneira definitiva.

irmáns de Pilar

Os catro irmáns Crespo Alfaya

Pilar e seus netos

Pilar cos netos, Laura, Andrés, Pablo e Miguel

Ao cumplir os 58 anos e despois de coidar dos seus pais, do seu tío, dos fillos, de axudar cos netos… chegou ás mans de Pilar unha propaganda da Fundación Abanca e decidíu apuntarse a pintura e a ximnasia. Unha importante decisión pois significaba, por fin, adicar un tempo só para ela e ás cousas que lle gustaban despois de tantos anos de dedicación aos demais. 

Sen saber pintar, empezou a pintar… Empezou a escribir rimas e poemas, cancións… Fixo teatro… Organizou festas de Entroido coas amigas , comidas con amigos e amigas da súa infancia e xuventude… Participou en programas de radio… Tamén nos Maios de Pontevedra na Ferraría… Foi unha das primeiras en participar na Asemblea de Mulleres de Pontevedra participando, hai poucos anos, no acto do 8 de marzo da Ferraría de Pontevedra… Tamén participou en exposicións de pintura e Santiago de Compostela, na Estrada, en Caldas de Reis… Participou durante anos nos Cantos de Taberna de Pontevedra…

Pilara Braga Crespo

 Unha importante decisión pois significaba, por fin, adicar un tempo só para ela e ás cousas que lle gustaban despois de tantos anos de dedicación aos demais. Na actualidade, con 78 anos, está aprendendo a tocar a pandeireta, vai a ximnasia dous días á semana e fai paseos todos os mércores para manterse en forma… Encántalle ler, viaxar aínda que xa non o fai (estivo por varios sitios de España e Portugal)… e coidar e procurar a felicidade e o benestar dos seus e dos/as que a rodean.

Pilara Braga Crespo
En Pontevedraviva

Grazas Pilar polo teu tempo, pola xenerosidade de dar sen esperar nada a cambio, por ser como eres e pensar máis nos demáis que en ti mesma.

Ana Santos Solla

Ana Santos Solla

Profesora de E.F.

Son Ana Santos, nacín en Pontevedra no ano 1960, a miña infancia estivo moi ligada a Santa María de Xeve, a terra da miña nai, son a terceira de 8 irmáns, a maior das mozas, a máis vella como me dicían de pequena. Sempre me gustou o deporte e estudei INEF en Madrid, estiven 34 anos no IES Valle Inclán impartindo Educación Física alí foi onde coñecín ao resto dos meus compañeiros que agora me acompañan neste proxecto. Decidín xubilarme para dar un novo rumbo á miña vida e levar a cabo este tipo de iniciativas como @devellabella ue pretende que o envellecemento activo convértase en embelecemento persoal e poder achegar a miña experiencia nesta etapa da vida.

Nós os maiores aínda temos moita guerra que dar, espero que este blogue motívevos a querer colaborar connosco.

Gloria Rivas

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥