Hoxe está con nós, na sección de Historias de Vida, unha boa amiga miña á cal lle profeso moito agarimo e simpatía, polo comprometida, culta, traballadora e boa xente que é: Pilar Comesaña, persoa que traballou na sanidade pontevedresa durante moitos anos e foi e é a Concelleira do Rural, campo que quere moito igual ca a súa paixón pola enfermería.

 Coñecina no Club de Lectura da Biblioteca Pública  de Pontevedra e case sempre coincidimos en conferencias, presentación de libros e eventos nesta capital. Muller que se fixo a si mesma en tempos de dificultades.  Empezou a ler ela soa a base de moito esforzo e dedicación.

 Está xubilada da súa profesión sanitaria pero segue exercendo de Concelleira do Rural do Concello de Pontevedra sen soldo, como acabo de sinalar. O rural marcouna sempre e agora ocúpase con moito agarimo desa laboura.

  Despois destas “ pinceladas” sobre a amiga Pilar, imos comezar coa  súa Historia de Vida, seguindo o modelo no que a entrevistada pasa a ser a protagonista, dunha forma autobiográfica vai respondendo a preguntas sinxelas  a partir das cales relata a súa historia de vida.

Nacín o día 12 de outubro do ano 1949 en Sto. André de Comesaña na cidade de Vigo.

 Meu pai chamábase Sabino, era mecánico torneiro no asteleiro Ruíz de Bouzas. A miña nai era ama de casa, chamábase Peregrina.

Somos catro irmás, todas mulleres, e como dicía miña nai: se seguise parindo querería que foran máis mulleres, que para home xa chega dabondo o marido.

 Estudei na escola da parroquia ata os dez anos, despois deixei un tempo os estudos porque meus pais colleron en aluguer, a un irmán e a súa muller, unha taberna e unha tenda de ultramarinos e eu colaboraba alí mentres miña nai  ía á compra, facía a limpeza da casa e outros mesteres.

Pilar 3 anos
Pilar con 3 anos

Ao cabo dun tempo  díxenlles aos meus pais que quería rematar os estudos primarios, e así o fixen, pero no horario nocturno porque durante o día tiña que seguir no negocio. Cando acabei, matriculeime nunha FP para facer os estudos de Auxiliar de Enfermería. Neste medio tempo meus pais decidiron pechar a taberna e a tenda.

 Se elixín a rama de Enfermería foi porque sempre me preocupaba da xente que o pasaba mal. Víao nos meus propios pais aos que lles gustaba axudar aos que o necesitaban dándolles moitas veces de comer ou cando alguén viña pola tenda e non tiña todos os cartos para pagar dicíanlle que vale,  que daba igual,  que non pasase fame. Esas cousas e moitas máis que facían os meus proxenitores servíronme de exemplo de xenerosidade e quizais provocaron en min esa preocupación polas persoas máis vulnerables.

Pilar de moza

Presenteime ás probas de admisión para traballar na Sanidade no ano 70. Daquela era por concurso aberto e permanente. Aprobei xa á primeira e comecei no Hospital Almirante Vierna,  chamado popularmente O Pirulí. Co tempo, afortunadamente,  quedou como Hospital Xeral de Vigo. Alí traballei ata que  casei no ano 73 xa que o meu marido daquela era funcionario da Deputación polo que me trasladei  a vivir a Pontevedra.

  Traballei no Ambulatorio Virxe Peregrina mentres non remataron a construción do Hospital Montecelo, unha vez se puxo este en funcionamento trasladeime alí permanecendo uns nove anos para volver de novo ao Ambulatorio ata o ano 87 , ano no que, cos cambios que se fixeron na Sanidade Pública creando os Centros de Saúde, opositei para incorporarme ao Centro de Saúde de Lérez onde quedei ata a miña xubilación no ano 2014, ao cumprir os 65 anos.

Durante a miña vida laboral non deixei de preocuparme por ampliar os meus coñecementos sobre a profesión. Asistín a Congresos como o de Sta Coloma de Gramanet ou As Palmas de Gran Canaria, fixen cursos sobre Drogodependencias, Ciencias da Saúde, Maltrato infantil, Maltrato en adultos, Anorexia e Bulimia. Tamén sobre Medicina Preventiva e Saúde Pública na Facultade de Medicina de Santiago, Xeriatría, etc., etc.

Como ves a xuventude actualmente?

 Pois vexo de todo, dende os/as que están moi preocupados polo futuro e con temor a ter que emigrar, como outro/a/s aos que quizais non lles preocupe tanto.

“Como dicía miña nai: se seguise parindo querería que foran máis mulleres, que para home xa chega dabondo o marido.

Pilar Comesaña

,Afeccións, inquietudes, ocio

Como avoa síntome moi ben. Teño tres netas e un neto e procuro dedicarlles todo o tempo que podo. Posiblemente cando era nai non puiden dedicarlles aos meus (filla e fillo) todo o tempo que me gustaría.

 A tele véxoa moi pouco, salvo algún concurso ou programa con algo de entretemento interesante, non me ocupa tempo. Prefiro ler, que é unha afección que me apaixona, así como ir ao cine, procuro ver cine de autor, polo que os meus cines de referencia son: Cine Xeixo de Marín, o Avenida de Caldas de Reis e os Norte de Vigo. Tamén vou aos de Vialia de Pontevedra, pero un pouco menos, Son socia do Cineclub de Pontevedra. As dúas últimas películas que vin foron: No soy un ángel que data do ano 1933 con Mae West no papel principal (esta vina na Casa das Campás) e logo a seguinte  e última foi Alcarrás. Ás dúas gustáronme moito.

Gústame o teatro, saír a camiñar, escoitar música, teño que dicir que o meu gusto musical é  moi variado. Por nomear algo direi que a que interpreta Sondeseu, Treixadura, Luar na Lubre, Xavier Diáz, Serrat, Mecano, Amaral, a dos finados Javier Krae, Pau Donés……….. en fin, moitas músicas e moi variadas, tamén escoitar a radio, practicar natación……..

E que nos dis de viaxar?

Pois en canto ás viaxes que ata o de agora levo realizado, teño que dicir que me considero unha muller moi afortunada. Viaxei a: Bos Aires, Cuba, República Dominicana, Nova Iorque, Londres, Italia, Dubronik, Francia, Suiza, Alemaña, Exipto, Senegal, Estambul………. e creo que me quedan aínda algúns lugares por recordar. No próximo outubro espero viaxar a Austria.

E cal foi o lugar que máis che impactou?

Pois non sabería dicirche. Creo que  todos os lugares foron moi interesantes. Saquei a conclusión de que o mundo é moi amplo, moi diverso e de todos os lugares apréndese para ben e para mal, o importante é observar para darte conta da gran diversidade do mundo.

premio a Pilar
Foto do Faro de Vigo
Grupo BNG

Que tal te alimentas?

A miña alimentación é moi variada pero de pouquiña cantidade. Non padezo, afortunadamente de nada, pero teño que recoñecer que a miña dieta e bastante sá. Moita verdura e froita, bastante peixe e moi pouca carne. Non fumo, non bebo alcohol salvo nalgunha ocasión. A miña forma de comer non variou dende hai moito tempo. O meu prato preferido son patacas fritidas cun par de ovos e pementos vermellos. Ben, tamén a empanada de bacallau con pasas!!!!!!!!!!!!

Fálame das túas lecturas

Dende moi, moi nena sentín curiosidade. Na casa onde nacín, xunto coas miñas irmás, na planta baixa vivían os meus tíos e tiñan oito fillos. Compartiamos o mesmo espazo e polo tanto os xogos. Tiña tres primos maiores ca min que eran moi afeccionados aos cómics (Capitán Trueno, El Jabato…..) Total que tan pronto como eu aprendín a ler pedíalle que mos deixaran, ás veces aceptaban e outras non. Pero como eu vía que os gardaban debaixo do colchón nos seus cuartos, tan pronto como podía, ía alí e subía á miña casa a lelos e logo volvía deixarllos no mesmo sitio.

Tamén tiña dúas compañeiras da escola que, como o seu pai viaxaba, cando regresaba á casa sempre lles traía contos e libros infantís que  gardaban nunha caixa no faiado. Cando un día me levaron a ensinarme o que lles trouxera o seu pai, foi un descubrimento impresionante. Así é que sempre quería ir á súa casa onde pasaba moitas horas lendo ata que xa non entraba a luz do día pola xanela.

Máis adiante xa pasei ás novelas de Corín Tellado, Marcial Lafuente  Estefanía, Mujercitas…….. En fin, que sempre me gustou e me gusta ler. Leo tanto novela como relato ou ensaio, dáme igual. Son unha lectora empedernida. Estou coa novela La anguila de Paula Benet, acabo de terminar Por si la voces vuelven de Angel Martín, e antes lin El prodigio de las migas de pan, por nomear algo porque a lista é moi extensa.

 Tamén leo a prensa sempre que podo, variada, aínda que ultimamente me está cansando un pouco.

Un soño sen cumprir.

 Viaxar a Moscú, San Petersburgo concretamente, pero tal como está o panorama dubido moito que o poida cumprir.

 Os teus rincóns favoritos.

 Rincóns favoritos teño moitos, sen saír de Pontevedra teño a Praza da Leña que me encanta. En Poio: Combarro. Cando viaxei a Dubronik quedei encantada de como manteñen as vilas e as cidades respectando todos os lugares tradicionais, tamén en Alemaña, Suíza…….., moitos e moitos lugares para volver visitar de novo e recrearme na súa culturalidade.

 Agora imos falar da túa Pontevedra á que tanto queres.

Pilar no diario de Pontevedra
Foto do Diario de Pontevedra

Que opinión tes do Alcalde Miguel Lores?   

Como unha cidadá común con respecto ao alcalde teño que dicir que me parece unha persoa moi cercana. Vexo que para con calquera  pola rúa a falar, que conta un chiste en calquera momento e que está moi preocupado por manter a cidade amábel para que os nenos xoguen na rúa e poder convivir e gozar de todos os recunchos nenos e maiores. Así tamén vexo que ten moito interese porque haxa industria, porque baixe o paro e que a economía mellore.

Pilar con Lores
Foto do Faro de Vigo co alcalde e Fernando Búa

Que opinas da Pontevedra de hoxe?

 A Cidade véxoa moi cómoda para vivir. Eu, como xa dixen anteriormente, nacín en Vigo. Cando me trasladei aquí, comprobei que non había distancias, pódese percorrer dun extremo a outro moi facilmente. Nos últimos anos é un pracer ver as persoas que se manexan nas cadeiras de rodas sen impedimentos na rúa. As dos bebés igual e cos carros da compra ou as persoas maiores que teñen que usar bastón. Despois de viaxar un pouco polo mundo recoñezo que Pontevedra é unha cidade moi cómoda.

   En canto a que lle faría falta mellorar, pois  gustaríame que as obras do Teatro Principal finalicen pronto, para seguir podendo acudir aos eventos que se levan a cabo habitualmente alí e, posiblemente,  fará falta remover algunhas rúas que aínda están pendentes. Pero en termos xerais non hai moito do que queixarse.

Fálame un pouco do teu traballo político.

En referencia á miña dedicación á política teño que engadir ao exposto anteriormente, que renunciei dende o primeiro día a percibir os haberes que me poderían corresponder. Comenteilles aos compañeiros que o tomaba como un servizo social á comunidade, e así o sigo mantendo.

foto de Pontevedraviva
Foto de Pontevedraviva

Atendo sete parroquias do rural, ás cales lles dedico todo o tempo posíbel. O rural mudou para ben moitísimo. Unha parte moi importante dos presupostos investímolos en centros sociais, dotándoos de mobiliario, cobertura de internet, cursos de memoria,  de informática, de ximnasia, etc,etc. Arranxo de pistas, levando o saneamento, auga potábel, o cambio de luminarias de led, en fin, que non paramos.

Como ves a Sanidade en Pontevedra?

Pois con moita dor teño que dicir que é unha auténtica desgraza. Non se pode tolerar que o médico de familia tarde ata dez días en atenderte dende que pides cita. Non se viu nunca ( semellante irregularidade por chamarlle algo) É o profesional máis cercano e cando tes un problema de saúde ten que atenderte o máis pronto posíbel, como foi sempre, Antes todo o máis que tardaba era un día. Como o de cerrar camas nos hospitais no verán. Resulta que debe ser unha etapa do ano en que non debemos poñernos enfermos. E xa non falemos da lista de espera para que te consulte un médico especialista, é un auténtico escándalo. Non deberiamos tolerar esta falta de respecto.

Pilar no Diario
Pilar en Onda cero

Como ves a Dependencia en Pontevedra e arredores?

En canto ao Servizo de Dependencia teño que dicir que debe mellorar moito na resolución das concesións xa que, polo que me comentan moitas persoas do rural ás veces están agardando por unha axuda a domicilio máis de dous anos e nalgúns casos chégalle a comunicación da concesión cando o familiar dependente xa finou. Non son casos esporádicos.

Pilar Comesaña

Pois  aquí poñemos fin á historia de Pilar Comesaña, á cal lle dou as grazas pola súa colaboración e por aceptar a miña demanda ao momento.

Pilar todo un exemplo de compromiso e activismo.

José Cerdeira Soto

José Cerdeira Soto

Topógrafo

Eu son Xosé Cerdeira, estou xubilado desde o ano 2004 e vivo en Pontevedra desde 1982.

Nacín en Soutelo de Montes, no Concello de Forcarei, no ano 1946 e xa no 63 entrei na empresa na que transcorrería toda a miña vida laboral Dragados y Construcciones, onde me formei como topógrafo, profesión que exercín ata a miña xubilación.

Pasar a formar parte das “clases pasivas” non se converteu nunha situación traumática para min, ao contrario, enchín as miñas horas de lecer de múltiples actividades para as que, cando traballaba, non tiña tanto tempo: a lectura, a implicación en diversas iniciativas culturais, sociais e políticas;a participación no voluntariado da Cruz Vermella, ir á universidade de maiores, ser moi activo nas redes sociais, etc.

A miña intención é seguir facendo cousas e aprendendo outras, deica o último suspiro.

José Rivas Fontán

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥