Pontevedra, catro días de xullo

Xosé Álvarez

As novas do levantamento do exército de África chegan á cidade a través da radio nas últimas horas do venres 17 de xullo de 1936. O gobernador civil recibe ordes de reforzar a fronteira portuguesa para evitar a entrada de armas e dos xenerais Sanjurjo  e Cavalcanti . Ademais da vixilancia da fronteira refórzase tamén a dos portos, especialmente do de Vilagarcía. Debido a que na cidade de Vigo existía un importante conflito laboral motivado pola folga de dependentes de comercio, o gobernador Gonzalo Acosta Pan  envía a aquela cidade ao capitán da Garda de Asalto Juan Rico González ; alí estaba xa o xefe da comandancia da Garda Civil, tenente coronel Ricardo Macarrón Piúdo , que fora nomeado delegado do gobernador coa misión de manter a orde naquela cidade.

        Dende Madrid, o pontevedrés Bibiano Fernández Osorio Tafall, que fora alcalde da cidade e que desempeñaba o cargo de subsecretario de gobernación, envía instrucións aos gobernadores para que convoquen os dirixentes políticos e sindicais para formar os Comités de Defensa da República (CDR); estes tiñan como finalidade coordinar as distintas organizacións entre si e coas autoridades. De cara a facer fronte a un levantamento militar contemplaban medidas como rexistros domiciliarios, requisas de armas, patrullas de vixilancia, entre outras.

Desfile de Pontevedra

            O sábado 18 o gobernador efectúa unha visita á fronteira pero, debido á gravidade da situación a nivel estatal, volve a Pontevedra á noitiña e procédese á formación do CDR. Forman parte deste organismo representantes dos partidos da Fronte Popular. Hai constancia da presenza no goberno civil de José Adrio Barreiro  (Unión Republicana), Alexandre Bóveda Iglesias   (Partido Galeguista), Amando Guiance Pampín  (Partido Socialista), Ramiro Paz Carbajal   (Partido Socialista), Paulo Novas Souto   (Izquierda Republicana), Maximiliano Pérez Prego  (Izquierda Republicana), José Pintos Quinteiro   (Partido Socialista), Manuel Buján (Juventudes Socialistas), Evaristo Mosquera   (Partido Galeguista),  Claudio Magdalena (Unión Republicana), os irmáns Alejandro  e Faustino Gama   ( Partido Comunista), Manuel Pedreira   (Partido Socialista), entre outros.

No concello tamén se organiza un comité dirixido polo alcalde Manuel García Filgueira,  dirixente obreiro e destacado membro do partido comunista. Tanto no goberno civil como no concello organízanse salas de curas para atender posibles feridos; no goberno faise baixo a dirección do médico Celestino Poza Pastrana    e do dentista Abraham Zbarsky   e no concello atendíano mulleres dirixidas pola comunista Maruja Fandiño.

             A cidade permanece en calma e os militares están acuartelados.

  Debido á censura e ás dificultades de comunicación co resto do estado, a prensa non dá novas do golpe militar ata o domingo 19; nese día o xornal El Pueblo Gallego   informa dun levantamento en Melilla e Ceuta indicando que só afecta a zonas do protectorado do norte de África. Aínda así, novas de ceses de mandos militares como Queipo de Llano   ou Franco permiten intuír que os sucesos son máis graves do apuntado polo xornal.

                       Ante a gravidade da situación organízanse as milicias populares e noméase xefe ao dentista e brigada de complemento Jacobo Zbarsky Kuper  ; estaban formadas, na súa maioría, por afiliados aos partidos Comunista, Socialista e ás Xuventudes Unificadas. Está comprobada a presenza nelas de Jacobo Zbarsky Kuper, Albino Sánchez Leiro   o Perrita, os irmáns Gonzalo e Pascual Guillán Abalo, Manuel Buján Rivas, Edelmiro Dios Vázquez  , Evaristo Mosquera, Manuel Escudero Barquerito  , Claudio Magdalena González,   José Suárez Carro, Dionisio González Pérez, Constantino Gómez Rodríguez, os irmáns Alejandro e Faustino Gama Casalderrey, Benigno Mora Villanueva e Manuel Pedreira Pazos, entre outros. Tamén estaban relacionados con estas e tiñan atribuída a misión de transmitir ordes aos distintos grupos: Castor Pacheco Rey, Pastor Torres Paz, Manuel Calvo Lores, Juan Milleiro Sampedro  , César Poza Juncal, Manuel Martínez Vázquez o Marión, Juan Gómez Corbacho, Clemente Martínez Gendra  , e outros. Este grupo sería o que os sublevados denominarían como “checa” do goberno civil.

              Pola tarde, o capitán Rico regresa de Vigo e entréganse ás persoas presentes no goberno civil as ordes, asinadas polo gobernador, para a requisa de armas e explosivos; medidas semellantes son ordenadas mediante telegramas polo gobernador aos alcaldes da provincia.

            Na noite dese día, os militares celebran unha reunión na que participan tamén catro oficiais do Polígono de Tiro Janer de Marín que chegaran nun auto burlando o control da policía e das milicias. Unha comisión de oficiais tratou de convencer ao coronel Sánchez, xefe do rexemento de artillería, de que sacase as tropas á rúa, pero tanto Sánchez como o xeneral Iglesias, comandante militar da praza, estaban á espera da decisión dos mandos da división na Coruña. Esa mesma noite tivo lugar un intento fallido do capitán Sánchez Cantón para comunicar coa sede da división, tendo que regresar dende Caldas de Reis tras un incidente con afectos á República.

Os militares aseguran lealdade á República e afirman que as tropas non sairían á rúa sempre que non se alterase a orde. Para evitar que se considerase unha provocación, decidiuse non proceder á convocatoria da folga xeral prevista

            Na mañá do luns, día 20, o gobernador e o capitán da Garda de Asalto pasean pola cidade para dar sensación de tranquilidade á poboación. O capitán Rico ten un encontro na Alameda co seu antigo subordinado o tenente Vázquez Quintián, comprometido co golpe, onde o primeiro rexeita a proposta de sumarse á rebelión.

             Varias testemuñas confirman a visita do tenente coronel da Garda Civil, Ricardo Macarrón, ao goberno civil para manifestar a súa disposición de apoiar ao gobernador.

Desfile alameda

Desfile na Alameda de Pontevedra

      Ás once e media da mañá declárase a folga xeral e comezan a chegar á capital xentes das parroquias e concellos veciños con escopetas e armamento de pouca calidade; moitos levan panos vermellos e gritan “U.H.P” (Uníos Hermanos Proletarios). Concéntranse na Alameda e nas inmediacións do goberno civil e do concello. Seguen as requisas de armas e dinamita nas armerías da cidade e os rexistros nos domicilios particulares de persoas catalogadas como de dereitas e nalgunhas casas reitorais. Organízase o reparto de armas no goberno civil e no concello.

  Era certa a inexperiencia política do gobernador para afrontar unha situación tan complexa pero, contrariamente ao que se ten publicado, Gonzalo Acosta asinou as ordes de requisa e permisos de armas aínda que pode que o fixese forzado pola presión dos presentes no goberno civil. Tamén pode explicar a súa actitude cautelosa a confianza na palabra dada polos mandos militares, o medo a que as súas decisións foran tomadas por estes como pretexto para saír á rúa e a presenza ao seu lado de persoas moderadas como Amancio Caamaño Cimadevila  ou José Adrio Barreiro. Sen desbotar as anteriores hipóteses, a actitude do gobernador axústase á máis estrita legalidade: mandou actuar ás forzas da orde pública que estaban baixo o seu mando e, obedecendo as ordes superiores, nomeou axentes temporais para levar a cabo tarefas de mantemento da orde, como requisas preventivas de armas ou materiais que puidesen empregarse por elementos incontrolados para quebrar a legalidade.

 Levaban autorizacións asinadas polo gobernador civil e, nalgún caso, estaban acompañados por un axente de policía. A relación de lugares a rexistrar fora facilitada no goberno civil. Tamén se organizaron grupos para levar a cabo os rexistros nas parroquias limítrofes: de Tenorio encargáronse Manuel Quiñoá, César Poza e Juan Sobral; Pastor Torres, Aurelio Torres, Manuel Amoedo e Joaquín Martínez recolleron armas en Bora e Mourente na tarde do 20; tamén houbo rexistros en Xeve, Lérez, Cerponzóns e outras parroquias.

         A observancia das formalidades legais pode apreciarse no rexistro efectuado na casa da marquesa de Leis o 19 de xullo. Segundo declara Claudio Magdalena nunha causa militar ían acompañados dun policía  e dun carpinteiro para abrir a porta; buscaron ao alcalde de barrio e ao caseiro para que presenciasen o rexistro, no que só atoparon algunhas armas de carácter histórico.

 Segundo o historiador franquista Arrarás, con tendencia á fabulación, sobre as dúas da tarde, o xeneral Iglesias dispón que se declare o estado de guerra. As tropas están formadas no patio e as palabras de arenga do xeneral son acollidas con silencio e, logo, palabras de repulsa. Un sarxento explica: “El Ejército es apolítico y nosotros no podemos acompañar a ustedes en un acto de tendencia fascista y contrario al gobierno de la República”. Vista a oposición, o xeneral dá marcha atrás na súa primeira decisión de declarar o estado de guerra. Certo é que a prevención dos mandos ante a posible resistencia dos subordinados foi unha das causas do atraso na publicación do bando de guerra, como tamén o foron a postura oposta dos mandos superiores da Coruña (serían fusilados por permanecer leais á República) e, en xeral, a cautela das máximas autoridades militares pontevedresas. Esta cautela suporía o seu cese e expulsión do exército por “desafectos” meses despois.

            A mediodía chegan novas da saída dos militares noutras cidades. Paralízase o transporte debido sobre todo á intervención de José Pintos Quinteiro, presidente da sociedade de choferes. Os teléfonos están intervidos por orde do gobernador encargándose de controlar a central telefónica  Víctor Casas e Francisco Gastañaduy, membros do Partido Galeguista. Incáutase a emisora de Radio Pontevedra.

        Entre os actos de resistencia activa contra a saída dos militares mencionamos a denuncia do inspector de policía Iglesias Garcés, que acusa a varias persoas afirmando que se adicaban a recrutar mulleres para secuestrar as familias dos xefes e oficiais do exército; a intención sería a de que servisen como parapeto aos grupos que pretendían facer resistencia aos militares sublevados. Tamén as acusa de chamar covardes aos homes que se retiraban ao ver voar o hidroavión de Marín. Por diversas fontes sabemos que tal intento existiu pero non chegou a consumarse.

     A xustiza militar chegou a abrir unha causa polo delito de intento de rapto das donas dalgúns oficiais da praza. Foron xulgadas as mulleres Carmen Aboin Díaz, Emma Mourón Álvarez  , Luisa Rodríguez Pereira a Chinita  , Hermosinda Blanco, Elvira Lodeiro  e os homes Manuel Martínez, Albino Sánchez, Manuel Pedreira e Rogelio Torres[1], por un delito de rebelión. As probas debían ser tan febles que a causa foi sobresida provisionalmente, “no encontrando méritos bastantes para reputar debidamente justificada la perpetración del delito perseguido”. Aínda así, pola mala conduta e antecedentes, os que non estaban declarados en rebeldía, foron postos a disposición da autoridade gobernativa.

 [1]      Entendemos que se refire a Aurelio Torres.

   A Garda Civil adiántase pola súa conta á declaración do estado de guerra e, ao redor das cinco da tarde, inicia as detencións dos camións que chegaban do norte da provincia e dos grupos participantes nas requisas de armas; o capitán deste corpo Manuel Bernal ponse en contacto con Francisco Bastarreche  , xefe do Polígono Janer, para que envíe un hidroavión. Bastarreche declara o estado de guerra en Marín.

despedida Bastarreche

Despedida de Bastarreche

As evolucións do hidroavión, que nun principio lanza proclamas pedindo á xente que regrese ás súas casas, supoñen un estímulo para os oficiais golpistas que, tras unha arenga do tenente Vázquez Quintián, logran organizar varias baterías ao mando dos capitáns Eduardo Rodríguez e Manuel Casal.

             O xeneral Iglesias chama ao gobernador pasadas as sete da tarde e dálle un prazo de cinco minutos para que se entregue. No goberno civil prodúcense fortes discusións e ameazas contra o gobernador tendo Jacobo Zbarsky, Gonzalo Guillán e Constantino Gómez as posturas máis exaltadas en contra da rendición. No xulgado de instrución abriuse a causa 245/36 por tentativa de asasinato, na que declara o gobernador o 2 de setembro de 1936:

 “…al conocerla [a rendición] empezaron a apostrofar gravemente al declarante, llamándole traidor y diciéndole que no saldría ya del gobierno civil como le habían dicho anteriormente, y estando en sus habitaciones particulares preparando las maletas, sintió dos disparos.

Por outra parte, a declaración de Amancio Caamaño, acompañante durante todo este tempo do gobernador Gonzalo Acosta, recoñece os feitos, aínda que non nomea os autores:

 “y como disgustó gravemente a dicha gente el que así lo hiciese el Gobernador, quiso aquella agredirle después de afearle duramente lo que hacía y aunque fueron varios los que vió empuñar armas que encañonaban contra el Gobernador Civil, no sabe quienes fueron por la aglomeración de gente que había y de gran ofuscación y desorden.”

      Prodúcese a capitulación de Gonzalo Acosta que, acompañado de Bóveda, Guiance e outros, entrégase ao capitán Sánchez Cantón sobre as oito menos vinte. Despois da capitulación, o capitán Rico ordenou aos gardas que alí estaban que recolleran as armas que eran propiedade da Garda de Asalto e que se entregasen, pois o gobernador declinara o mando na autoridade militar; acompañado de dous gardas, dirixiuse ao cuartel de artillería, onde ficou, mentres que os gardas regresaron ao goberno civil.  Desde o cuartel, Bóveda, por indicación do xeneral Iglesias, chamou por teléfono ao concello para que se rendiran os seus ocupantes. Quedan todos en liberdade e o capitán Rico  colabora cos militares na toma do concello e nas operacións de control da cidade.

A resistencia no concello estivo encabezada polo alcalde Manuel García Filgueira, con participación destacada de Francisco Fernández Blanco Sacheiro, camareiro do Savoy e dirixente da Comarcal Agraria, dos concelleiros Francisco Tilve,  José Acuña e Felipe Aparicio, así como do sindicalista Manuel Calvo Lores e o mestre Germán Adrio Mañá. Repartíronse algunhas armas e 40 paquetes de cartuchos facilitados polo capitán Rico para distribuír á policía municipal. Diversos grupos de cidadáns armados ocuparon a praza do concello. Manuel García Filgueira dirixiuse, desde o balcón aos congregados dicindo que había que estar preparados; tamén falou Germán Adrio, mentres que Francisco Fernández proclamou que, se saíse o exército á rúa, era necesario loitar contra el dando o peito e rematou a súa intervención cos gritos de “Viva o comunismo!” e “Viva a revolución!”.

             As evolucións do hidroavión procedente de Marín, que primeiro botou panfletos e despois disparou de modo intimidatorio, fixeron fuxir cara ás súas casas os diversos grupos que estaban pola Alameda e a praza do concello.

As tropas que saíron á rúa, pasadas as sete e media da tarde do día 20, para facilitar a lectura do bando de guerra estaban baixo o mando do capitán Casal e apoiadas polo hidroavión de Marín. O capitán Guillermo Jack Caruncho emprazou un canón nas portas do cuartel e efectuou disparos contra o concello, mentres que a Garda Civil mantiña o control da zona leste da cidade. O encargado da lectura do bando – efectuada entre tiroteos – foi o capitán Luis Sánchez Cantón. A primeira lectura fíxose xunto ao concello e pegouse un exemplar na súa porta; a comitiva continuou pola rúa Michelena e volveu  lelo na praza da Peregrina; posteriormente colleron pola rúa da Oliva ata a praza de san Xosé onde se leu por última vez, regresaron ao cuartel pola rúa de Riestra. Os militares tamén ocuparon os edificios oficiais.

Bando de guerra

Bando de Guerra

Nestas primeiras horas do golpe houbo varios civís feridos e morreron dous: Enrique Torres Barcia, de 72 anos, cobrador do Banco Pastor, que atravesaba a Alameda e veuse envolvido no tiroteo (“vaciamiento de cráneo por explosión”); a outra vítima foi Ángel Torres López, de 44 anos, por “rotura de corazón por arma de fuego”. Entre os militares tamén houbo feridos, como os tenentes Vázquez Quintián e Varela de la Cerda e varios soldados.

             Nese día 20 houbo outro falecido, o mestre de 31 anos, natural e domiciliado en Mourente, Manuel Iglesias Filgueira, que cando marchaba, ás oito da tarde, para a súa casa a través do campo da feira (hoxe Praza de Barcelos), foi abatido por disparos da Garda Civil; a causa da morte que figura no Rexistro foi “hemorragia por disparo de arma de fuego”. A versión oficial do suceso foi que houbo un intento de asalto ao cuartel dese corpo, que estaba situado naquel lugar; outras fontes aseguran que lle dispararon polas costas. Durante a noite continuaron os tiroteos nalgunhas zonas da cidade, entre elas as proximidades da  estación do tren. 

Xosé Álvarez Castro.          

Xosé Álvarez Castro

Xosé Álvarez Castro

Historiador

Xosé Álvarez Castro, mestre, profesor de historia (xubilado) .Licenciado en Xeografía e Historia. 

Máster en Educación Ambiental. Fundación Universidad-Empresa. UNED. 

VI premio Galiza Mártir da Fundación Alexandre Bóveda á recuperación da memoria histórica en 2011. 

 Enlace ao Blog de Xosé Álvarez Castro

A dor infinda:Sofía Kuper

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥