PONTEVEDRA: RUEIRO RE(de)TALLADO
2. CONCEPCIÓN ARENAL PONTE
Na rúa da Oliva, no número 27, unha placa recorda que alí viviu Concepción Arenal, dona Concha.
Nada o 31 de xaneiro de 1820 en Ferrol, filla dun militar liberal cántabro e dunha ferrolá. Á morte do pai, a súa familia instalouse no val de Liébana ata o seu traslado a Madrid en 1835, cando Concepción tiña 15 anos. Quince anos e unha inmensa curiosidade por aprender; nos libros descubre a filosofía, a ciencia, as linguas.
En 1841, con 21 anos, pelo curto, sombreiro de copa e levita, asiste a clases de Dereito na Universidade madrileña (hoxe a Complutense). Unha vez descuberta a súa condición de muller, enfróntase a un exame que supera con nota, permitíndolle seguir asistindo a clases, separada dos homes, que eran os únicos con dereito a estudar. É, de feito, a primeira muller en asistir a clases na Universidade. Estudou Dereito durante 4 anos e licenciouse sen título.
En 1848 casou con Fernando García Carrasco, con quen estableceu un matrimonio igualitario. Compartiron pensamentos e traballo intelectual. Tiveron tres fillos, dos que só lle sobreviviu un, Fernando, quen, co paso dos anos, traeríaa a Pontevedra. As súas primeiras obras, nos primeiros anos do seu matrimonio son de carácter literario, e en 1855 comeza a publicar artigos no xornal La Iberia, publicacións que cesan coa morte do seu home en 1857, pola imposibilidade de asinar, como muller, artigos en prensa.
Regresa a Cantabria. En 1860, despois de moita controversia, novamente pola súa condición de muller, outórganlle o premio da Academia de Ciencias Morais e Políticas, polo seu ensaio A Beneficencia, a Filantropía e a Caridade, obra dedicada a Juana de Vega.
En 1864 é nomeada a primeira muller visitadora de cárceres femininos, posto reservado ata ese momento exclusivamente aos homes. O posto é en A Coruña, cidade á que se traslada e na que estreita amizade con Juana de Vega, con quen promove a Asociación “As Madalenas”, para asistir e acompañar ás presas nos termos legais e persoais. É cesada dous anos despois sen mediar explicacións. A publicación do ensaio Cartas aos delincuentes, defendendo a reforma do Código Penal, parece estar nas causas do seu cese. Non é unha muller fácil e acomodaticia para o establecido.
En 1868, co cambio no goberno, é nomeada Inspectora de Casas de Corrección de Mulleres, cargo que ocupa ata 1873. Nestes anos publica varias obras sobre dereitos das mulleres, a educación, o traballo e a dignidade. Funda o xornal A Voz da Caridade.
En 1875 trasládase a Xixón, acompañando desde ese momento a seu fillo Fernando na súa traxectoria laboral. En cada cidade na que viviu mantivo tertulias nas que participa en pé de igualdade cos homes, e continúa escribindo e publicando ensaios arredor do conflito social, penitenciario e o feminismo.
En 1889, o traballo de seu fillo tráea a Pontevedra por uns meses, xa enferma. Aquí, na rúa da Oliva, comparte tertulia con Casto Sampedro, Augusto González Besada e o marqués de Riestra. No ano 1908, o concello de Pontevedra ponlle o seu nome á praza que hoxe aínda o leva. O Museo de Pontevedra é depositario de distintos textos de Concepción Arenal, como obras de teatro e poemas inéditos, xunto con obra artística.
Placa conmemorativa na rúa Oliva nº 27 en Pontevedra
O 4 de febreiro de 1893 falece en Vigo, onde está enterrada.
A súa é unha vida centrada na loita por unha sociedade máis xusta e igualitaria, con especial acento en conseguir o acceso da muller a todos os niveis do ensino. Abríu camiño para mellorar a vida nos cárceres. A obra de Marilar Aleixandre, Premio Nacional de Narrativa 2022, As malas mulleres, reivindica a súa figura nun exercicio de memoria histórica.
Atreveuse a entrar, en pleno século XIX, nos dominios do patriarcado. Definila como precursora do feminismo quédase curto. Dona Concha é feminista, sen ambaxes.
Lema na Plaza de Concepción Arenal en Pontevedra
A información para elaborar esta pequena reseña é emprestada do Consello da Cultura Galega , da Real Academia da Historia, de artigos de prensa e da obra “De mi viejo carnet”, de Prudencio Landín.

Peque González Novoa
Profesora
Son Peque González Nóvoa. Nacín en Pontevedra hai 63 anos, nunha familia das de aquela, “numerosa”. Estudiei Psicoloxía en Santiago e dediquei toda a miña vida laboral á docencia, no ensino público; nos primeiros anos como mestra de infantil e posteriormente como orientadora, ata que hai dous anos decidín pasar a esta etapa chamada xubilación.
No meu percorrido de vida acostumo a definirme como muller, mestra, nai e avoa, sen orde prevalente, por que considero que son os elementos que conforman quen son.
Achégome a este grupo de xente que tivo a boa idea de poñer en marcha este proxecto “De vella a bella” coa intención de aprender e poder aportar un micrograo de area. Neste contexto no que vivimos, e nesta situación de pandemia, creo que todo o que implique a activación das persoas, sexa cal sexa a súa idade, é positivo.
máis artigos
Actividades culturais do 9 ao 15 de Febreiro por Ana Santos
by Ana | Febreiro 8, 2026 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 2 ao 8 de febreiro por Ana Santos
by Ana | Febreiro 1, 2026 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 26 de xaneiro ao 1 de febreiro por Ana Santos
by Ana | Xaneiro 25, 2026 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 19 ao 25 de xaneiro 2026 por Ana Santos
by Ana | Xaneiro 18, 2026 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 12 ao 18 de Xaneiro por Ana Santos
by Ana | Xaneiro 11, 2026 | Actividades | 0 Comments
Ai que la ví bailar por Pilar Braga Crespo
by Colaborador | Febreiro 8, 2026 | Música | 0 Comments
Valse de Moscoso por Pilar Braga Crespo
by Colaborador | Xaneiro 18, 2026 | Música | 0 Comments
Lola Fontán Fernández-a Xenxa- por Ana Santos
by Ana | Decembro 16, 2025 | Historias de vida | 0 Comments
O Vira Vira por Pilar Braga Crespo
by Colaborador | Decembro 14, 2025 | Música | 0 Comments
Rosiña, Rosa, por Pilar Braga Crespo
by Colaborador | Novembro 16, 2025 | Música | 0 Comments
Muiñeira de Vilaredo por Pilar Braga Crespo
by Colaborador | Outubro 5, 2025 | Música | 0 Comments
Era Abril e chovía por Ramón Caride
by Colaborador | Febreiro 15, 2026 | Literarias | 0 Comments
O meniño co rabo no cu por José Manuel Gulías Márquez
by Colaborador | Febreiro 8, 2026 | Literarias | 0 Comments
Farolillos de cores por José Madrigal Mota
by Colaborador | Febreiro 8, 2026 | Fotográficas | 0 Comments
Orixe e antigüidade do idioma Galego por Pilar Freitas
by Pilar Freitas | Febreiro 1, 2026 | Etnografía | 0 Comments