PONTEVEDRA: RUEIRO RE(de)TALLADO
4. LUÍS AMADO CARBALLO
A placa do número 1 da rúa Cobián Roffignac, recórdanos que alí vivíu o poeta Luís Amado Carballo.
Nace en Pontevedra o 2 de maio de 1901, fillo de Luís Amado de la Riega e de Consuelo Carballo Pesqueira. Cursou estudos primarios no Colexio Balmes, que estaba na actual praza de Méndez Núñez, e de bacharelato no Instituto de Pontevedra. Aos 17 anos comeza estudos universitarios de Filosofía e letras na Universidade de Santiago, e no seguinte curso trasládase a Madrid, onde entra en contacto co mundo bohemio e literario. Nese mesmo ano, 1919, comeza a publicar varios relatos, algún soneto e diversos poemas, en xornais e revistas.


Regresa a Pontevedra e continúa a publicar, neste caso en A Nosa Terra, contos como “Supersticeón”, adicado a Castelao, ou “O culto da vaca astral en Galicia”.
En 1922 funda, xunto con Xoán Vidal Martínez e Modesto Bará Álvarez, a revista Alborada, da que se publicaron catro números, nos que Amado Carballo colabora con distintos relatos e un libro de poemas, Proel.
En 1923 publica, na revista Lar, a novela curta “Os probes de Deus”, con deseño da portada de Camilo Díaz Baliño.
En 1924 colabora como redactor, con artigos xornalísticos sobre a realidade de Galicia e de España.
En 1925 enferma de tuberculose, e na súa convalecencia, que transcorre entre Soutelo de Montes e Mourente, escribe os poemas que compediarán o seu libro O Galo, publicado, a título póstumo, en 1928. Previamente, en 1927, publica Proel, con poemas escritos en anos anteriores, na revista Alborada.
Falece en Pontevedra aos 27 anos, o 3 de setembro de 1927, con 26 anos.
A súa pegada no mundo literario galego é destacada, caracterizándose, xunto con Manuel Antonio no entronque da poesía galega daquel tempo coas vangardas literarias. A Real Academia Galega dedicou a conmemoración das Letras Galegas no ano 1982 a súa traxectoria e obra. Recordámolo cunha pequena mostra, nun poema seu recollido no libro Proel.

Amado Carballo
Sol-por
Acorado e roibo
durmíase o día
coa testa deitada
no colo da ría.
As campás beatas
no ceo bulían
rezando rosarios
á Virxen María.
Bogando nas nubens
cara o ceo ían
envoltas nos ouros
do sol que morría.
Polo mar, as velas
eran folerpiñas,
que da lúa aberta
nas ágoas caíran.
Da beira do río
chegaban cantigas
choutando nas leiras
molladas de risas.
Preto do hourizonte
estrelas obrizas
frotaban os ollos
tirando a preguiza.
E bicando os lonxes
as foulas ispidas
ó alén nevaban
de limpas surrisas.
Un outo aturuxo
voando fuxía.
E os bosques lonxanos
noite revertían.
A información para elaborar esta pequena reseña é emprestada da Real Academia Galega, de artigos de prensa e do “Inventario histórico da capital da provincia. Monumentos e placas conmemorativas”, de Juan Santos Cao, Revista de Novos Investigadores nº 3.

Peque González Novoa
Profesora
Son Peque González Nóvoa. Nacín en Pontevedra hai 63 anos, nunha familia das de aquela, “numerosa”. Estudiei Psicoloxía en Santiago e dediquei toda a miña vida laboral á docencia, no ensino público; nos primeiros anos como mestra de infantil e posteriormente como orientadora, ata que hai dous anos decidín pasar a esta etapa chamada xubilación.
No meu percorrido de vida acostumo a definirme como muller, mestra, nai e avoa, sen orde prevalente, por que considero que son os elementos que conforman quen son.
Achégome a este grupo de xente que tivo a boa idea de poñer en marcha este proxecto “De vella a bella” coa intención de aprender e poder aportar un micrograo de area. Neste contexto no que vivimos, e nesta situación de pandemia, creo que todo o que implique a activación das persoas, sexa cal sexa a súa idade, é positivo.
máis artigos
Actividades culturais do 10 ao 16 de febreiro 2025 por Ana Santos
by Ana | Febreiro 9, 2025 | Actividades | 0 Comments
Actividades do 3 ao 9 de Febreiro 2025 por Ana Santos
by Ana | Febreiro 2, 2025 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 27 de xaneiro ao 2 de febreiro
by Ana | Xaneiro 26, 2025 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 20 ao 26 de Xaneiro por Ana Santos
by Ana | Xaneiro 19, 2025 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 13 ao 19 de xaneiro 2025 por Ana Santos
by Ana | Xaneiro 12, 2025 | Actividades | 0 Comments
Xota de Presqueiras-Forcarei por Pilar Braga Crespo
by Colaborador | Febreiro 9, 2025 | Música | 0 Comments
Ana Carretón Guada por Ana Santos Solla
by Ana | Febreiro 2, 2025 | Historias de vida | 0 Comments
Muiñeira de Imende (Noicela, Carballo) por Pilar Braga Crespo
by Colaborador | Decembro 15, 2024 | Música | 0 Comments
José María Fernández Vázquez por Ana Santos
by Ana | Decembro 1, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Servizo de mesa en tempos de guerra por Isidro Cortizo del Río
by Isidro | Febreiro 9, 2025 | Artísticas | 0 Comments
Chucho das Rabadeiras por Manolo Gulías Márquez
by Colaborador | Febreiro 2, 2025 | Literarias | 0 Comments
Sempre en Galiza de Castelao…. por Pilar Freitas Juvino
by Pilar Freitas | Xaneiro 26, 2025 | Etnografía | 0 Comments