Pontevedreses nos campos nazis

Xosé Álvarez

“¿Sabemos como recordar as vítimas, a súa soidade, a súa impotencia? deixáronos sen deixar rastro, e nós somos ese rastro. Contamos estas historias porque sabemos que non escoitar nin desexar saber, leva á indiferenza, e a indiferenza nunca é unha resposta.”
Elie Wiesel

            Distancia, esquecemento, posiblemente sexan estas as palabras que mellor definen a nosa relación co sucedido nos campos de exterminio creados polos nazis. Distancia no espazo e no tempo e esquecemento nas publicacións e no ensino. Pero estariamos errados se contemplásemos o que alí aconteceu como algo situado exclusivamente nun tempo e nun espazo: os anos corenta e a Alemaña do III Reich. Mauthausen chámase na actualidade Guantánamo ou chamouse o “gulag” siberiano, os campos de “acollida” franceses son os campos de refuxiados da Europa central ou meridional, a eliminación con gases son os bombardeos con armas químicas no Kurdistán, en Siria, ou as utilizadas contra os rifeños nos anos vinte do século pasado. O esquecemento comeza a desaparecer nos últimos anos a raíz das investigacións nos arquivos do holocausto e cando a mirada do movemento memorialístico puxo o foco na nosa relación co xenocidio.

Así comprendemos que estes feitos están moi cerca de nós: o que nos parecía propio dunha época determinada non é máis que unha etapa da maldade na historia da humanidade.

Aos que investigamos a represión sempre nos preguntan como persoas cultas, selectas, médicos que deberían ter como misión salvar vidas, poden actuar como uns xenocidas; na propia pregunta está implícita a consideración de que as persoas que non puideron acceder á “cultura” son, ou deberían ser, moralmente inferiores e sería máis natural que fosen violentas ou criminais: calquera  descoñecedor da música clásica ou quen nunca lera poesía tería menos freos para matar ou torturar. Pero a cultura ou a sensibilidade polas artes non é un antídoto contra a maldade, a cultura non nos fai mellores: un pode ser cantante da coral polifónica ou un etnógrafo apaixonado, pode ser unha muller refinada e prototipo da modernidade pontevedresa, e actuar como un asasino ou unha delatora tras o golpe de estado de xullo do 36. Os compoñentes das SS seguramente eran cariñosos cos seus fillos, emocionábanse coa música de Wagner e, ao día seguinte, ordenaban mortes na cámara de gas e encirraban os cans para que despezaran os prisioneiros.

            Antes e agora, o mecanismo que facilita estes crimes é a despersonalización das vítimas, convertelas en cousas, en números (como facían nos campos cos prisioneiros, reducidos a un número no uniforme ou tatuado na pel, que tiñan que gritar en alemán cando pasaban lista); tamén hoxe se despersonaliza o adversario, o estranxeiro, o inmigrante, o diferente; por iso é tan importante poñerlle cara e biografía ás vítimas para lembrarnos que son persoas, que detrás de cada unha hai unha historia de vida como a de calquera de nós.

Os pontevedreses que aparecen como prisioneiros nos campos nazis foron capturados en Francia. Alí chegaron de variados modos: os que sorprendeu o golpe na zona republicana, os fuxidos por barco dende Galicia, os desertores do exército franquista cara á zona leal,os que se uniron á guerrilla e pasaron clandestinamente a fronteira…Cando chegan a Francia son internados en campos de selección e, logo, en campos de internamento en difíciles condicións.

            A situación dos refuxiados no sur de Francia era moi complexa: o goberno francés e gran parte da poboación mirábaos como revolucionarios (sobre todo a anarquistas e comunistas) que podían derrubar o réxime en colaboración co partido comunista francés, xa que todos tiñan cantidades importantes de armamento e unha probada experiencia militar; estes sectores axitaron tamén o fantasma da ocupación de postos de traballo en época de crise. Certo é que contaron coa solidariedade da esquerda e a axuda de organizacións cristiás como os cuáqueros. Tiveron que soportar tamén a actuación de forzas represoras como a Gestapo (logo da invasión alemá) e dos servizos de espionaxe e a policía política españois que, xa no 1938, asinan un acordo de colaboración entre a Gestapo e o SIPM (Servicio de Información y Policía Militar). A policía e os servizos de información españois estaban moi activos en Francia onde tiveron a colaboración  da propia policía francesa baixo gobernos colaboracionistas.         

            Entre as distintas opcións que se lles presentaban estaba o alistamento na Lexión Estranxeira francesa ou no exército, regresar a España ou marchar ao exilio americano.

            Unha alternativa, que se converterá en obrigatoria a partir de setembro de 1939, para os estranxeiros de idades entre 20 e 48 anos, son as CTE (Compañías de Traballadores Estranxeiros) na práctica totalidade españois e que eran unidades militarizadas que desempeñaban tarefas de fortificación e outras obras de carácter defensivo, así como labores agrícolas ou industriais. Nestas unidades chegou a haber uns 60.000 españois.

            Tras a invasión alemá de Francia, moitos dos exiliados combateron na Resistencia integrados no exército da Francia Libre do xeneral De Gaulle ou, en maior número, no XIV corpo de guerrilleiros españois, brazo armado da UNE (Unión Nacional Española) de obediencia comunista (creado no 42). Actúan tamén contra o réxime franquista mediante numerosas incursións a través dos Pirineos como a do val de Arán no 1944. Mal vistos por Inglaterra, esquecidos pola Unión Soviética de Stalin tras o pacto asinado con Hitler, con desavinzas entre os partidos republicanos  e as purgas internas dentro do PCE, a situación destes combatentes non foi fácil.

            Ao ser capturados eran internados nos  campos de prisioneiros alemáns: os Stalag destinados a acoller prisioneiros de guerra, nestes campos cumpríanse as normas da convención de Xenebra e podían manter correspondencia e recibir paquetes. Dependían do exército e nomeábanse cun número romano, que indicaba a rexión militar e unha letra que correspondía ao número de campo. Por exemplo: Stalag VIII-C correspondía á rexión militar oitava e era o terceiro campo (a letra C  é a terceira do alfabeto).

            Distintos eran os campos de concentración, que tiñan unha tipoloxía moi diversa. Dependían das SS. Aparte de Mauthausen, outros campos onde estiveron españois e españolas foron Dachau e Buchenwald (1.100 e morren sobre 500), Ravensbrück, de mulleres (de 170 morren 14), ademais os de Bergen Belsen, Auschwitz, Flossenbürg, Neuengamme, etc.

            Os distintivos dos internados eran a estrela de David ou o triángulo amarelo para os xudeus, e un triángulo invertido de cor verde para os delincuentes, vermello para os políticos, rosa para os homosexuais, negro para xitanos, lila ou morado para as testemuñas de Xehová e obxectores e azul para os apátridas. Todos cunha letra segundo o país. Os españois eran considerados apátridas polo que se sinalaban cun triángulo azul coa letra S (Spanier).

            Aparte da función de eliminación social ou física de desafectos ao réxime ou de grupos étnicos considerados inferiores como xudeus ou xitanos, os campos tiveron unha función económica: achegar traballo forzado en substitución dos alemáns incorporados ao exército e facilitar a produción das grandes industrias, que foran doantes e apoio do partido nazi. Son industrias como o consorcio químico IG Farben (Bayer, Basf e Hoechst),  a industria pesada dos Krupp e Siemens, a aeronáutica Messersmith e automobilísticas como BMW, Volkswagen, entre outras.

O que estes grandes grupos empresariais sigan no poder económico mundial pode explicar tamén o que non se faga moito fincapé na súa colaboración entusiasta co III Reich e se presenten os campos só como lugares de xenocidio antixudeu.

            Os pontevedreses estiveron internados, na práctica totalidade, no campo de Mauthausen e o seu subcampo de Gusen. Estaba situado en Austria e tiña a categoría máis dura, a tres, para prisioneiros que dificilmente se poderían rehabilitar “inimigos políticos incorrixibles do Reich”. Abarcaba máis de cincuenta subcampos. Estaba organizado en Kommandos, grupos de traballo con capataces (Kapos ou cabos de vara) que eran, maioritariamente, delincuentes comúns alemáns e austríacos.  O núcleo dos traballos estaba nas canteiras de pedra, con xornadas de doce horas e unha alimentación moi pobre: patacas con nabos e cenorias todos os días, sopa augada e pola noite un cacho de pan con margarina ou algo de salchichón.

Aparte da morte por enfermidades e extenuación, tamén se levaron a cabo asasinatos por malos tratos, fusilamentos, aforcamento, torturas e experimentos médicos, inxección de gasolina no corazón, gaseamento, etc. Os métodos de exterminio consistían en celas de castigo sen comida nin bebida, flaxelación, traballos forzados nas canteiras, duchas xeadas (baños da morte).

            No encontro entre o ministro franquista Serrano Suñer e Hitler en setembro de 1940 acórdase endurecer as medidas contra os españois internados nos Stalag e outros lugares e depórtanse sistematicamente a Mauthausen e as mulleres a Ravensbrück. A actuación cos españois nos campos foi, por parte alemá e de acordo co goberno de Franco, a continuación das prácticas de eliminación de disidentes levadas a cabo en España e a consideración de apátridas está en coherencia co acostumado de presentar como antinacionais, antipatriotas ou non españois aos republicanos. Hai disparidade nas fontes sobre o número de presos e mortes, serían 7.532 en Mauthausen dos que 5.266 pasaron a Gusen onde foron asasinados 3.959 e en Mauthausen asasinaron a 857. Os galegos que faleceron foron 106. Famosa pola dureza foi a escaleira da morte con 188 chanzos que tiñan que subir cargados con bloques de pedra. Mauthausen foi liberado o 5 de maio de 1945.

            O subcampo de Gusen estaba situado a 5 km, xunto a tres canteiras e unha fábrica de ladrillos, era moito peor que Mauthausen, cunha esperanza de vida para os internados inferior a seis meses. Era un campo de exterminio polo traballo e cando xa non eran capaces de traballar asasinábanos con gas, fusilados ou somerxidos en auga xeada, entre outros métodos. En Gusen os kapos eran católicos polacos que trataban moi mal aos españois aos que consideraban comunistas anticatólicos. Os peores lugares de Gusen eran a canteira de Kastenhofen e a construción dun enorme burato para montar un muíño de triturar pedra. Numerosas epidemias: tifos, sarna, piollos…

Os españois en Mauthausen montaron unha sinxela organización de resistencia e apoio mutuo organizada polos comunistas.

            Logo do estudo da documentación de arquivos alemáns e franceses, sabemos da existencia nos campos dos seguintes prisioneiros relacionados co concello de Pontevedra: Macario Cortegoso Rodríguez, Manuel Pérez Taboada e o almeriense casado en Campañó Ramón García Martínez que lograron sobrevivir; entre os falecidos atopamos a Antonio Gómez Torres (Gusen, 17 de febreiro de 1945), Manuel Coto Martínez (2 de xuño de 1943 tamén en Gusen), Claudio Tizón Vázquez (Mauthausen o 2 de febreiro de 1942), Isolino Torres (Buchenwald, 26 de febreiro 1945) e Urbano Sanmartín Abilleira, (Gusen o 24 de novembro de 1941.

            Para unha maior información sobre os pontevedreses internados pódese consultar: https://anosdomedo.blogspot.com/2018/11/de-mourente-gusen-urbano-sanmartin.html

https://anosdomedo.blogspot.com/2019/10/isolino-torres-outro-pontevedres-nos.html

https://www.dogrisaovioleta.gal/publicacion/folletos-e-libros/

 Nota: A documentación reproducida procede dos arquivos da ITS. Bad Arolsen. 

Xosé Álvarez Castro

Xosé Álvarez Castro

Profesor

Xosé Álvarez Castro, mestre, profesor de historia (xubilado) .Licenciado en Xeografía e Historia. 

Máster en Educación Ambiental. Fundación Universidad-Empresa. UNED. 

VI premio Galiza Mártir da Fundación Alexandre Bóveda á recuperación da memoria histórica en 2011. 

Publicacións. 

Pontevedra nos anos do medo. Golpe militar e represión (1936-1939). Vigo: Edicións Xerais, 2013. 

Mourente nos anos do medo. Sociedade, golpe militar e represión. Pontevedra: CMVMC de Mourente, 2016. 

-Libros e publicacións de autoría colectiva: 

Os nomes do terror. Galiza 1936: os verdugos que nunca existiron. Santiago de Compostela: Sermos Galiza, 2017. 

Rebeldía galega contra a inxustiza. De Nós. Monografías. Santiago de Compostela: 

Sermos Galiza, 2018. 

Memoria e sentimento. Vol. 1, 2, 3, 4 e 5. Tui: Levada Libre, 2014-2018. 

El terror fascista en Galicia. Memòria antifranquista del Baix Llobregat. Nº 13. Ediciò extraordinària. Barcelona, 2013.

 Mantén na rede dende o ano 2008 o blogue Pontevedra nos anos do medo (http://anosdomedo.blogspot.com) dedicado á difusión da historia da represión na comarca pontevedresa. 

-Artigos en revistas como Revista Galega de Educación, Cuadernos de Pedagogía, Cedofeita, entre outras. Colabora en Nós Diario. 

Memoria do pasado masónico pontevedrés

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥