Cada certo tempo os medios de comunicación informan acerca da extinción ou desaparición de especies animais e vexetais. Recentemente (4/10/2024), o xornal El País fíxose eco dun artigo publicado na revista Science que titula: “A actividade humana levou á extinción 600 especies de aves”, e no antetítulo aclara que un novo estudo vén de valorar que nos vindeiros 200 anos poderían desaparecer outras 1.300 especies máis por causas antropoxénicas. En 2020, un estudo de Worlds Plants and Fungi determinou que máis do 39% das plantas do mundo se encontraban en perigo de extinción e, no último, realizado en 2023, aumenta esta cifra ata o 45%.

Mais non só se extinguen a flora e a fauna do noso planeta, as linguas morren desde o comezo dos tempos e cada vez dunha forma máis acelerada. As linguas, utilizando expresións propias da bioloxía, nacen, evolucionan, reprodúcense, e moitas delas morren. Incluso algunha chegou a ser “resucitada”, como é o caso da lingua hebrea que, despois de non ser falada durante 2.000 anos, conseguiu recuperarse e hoxe é falada por máis de 15 millóns de persoas. Nos últimos 500 anos, nomeadamente como consecuencia dos procesos de colonización e posteriormente da globalización, acentuouse esta extinción masiva. Así, podemos citar o caso do Brasil, país no cal a comezos do século XVI se falaban 1.175 linguas e hoxe restan menos de 200; ou o exemplo de Europa e Asia Menor, onde desapareceron polo menos 75 linguas das que se ten constancia.

Son dúas as principais vías da morte de linguas: as catástrofes naturais coma terremotos, maremotos, andazos, fame, seca … Estes factores afectan normalmente a poboacións máis reducidas e illadas e os procesos adoitan ser rápidos. Porén, os procesos de asimilación e substitución son máis lentos e, na maioría dos casos, inexorables; como exemplo desta modalidade de extinción acaería citarmos o caso da lingua galega, que está nun proceso de substitución secular e, de non se poñeren os remedios axeitados, vai camiño de converterse nunha lingua testemuñal, nun resto arqueolóxico ou, no mellor dos casos, nunha lingua ritual coma o latín na Igrexa. Véxase o último informe do IGE que acaba de ser publicado estes días sobre a situación da lingua galega e no que se reflicte que, por primeira vez, os falantes de castelán superan os falantes da lingua propia de Galiza, a lingua de seu.

Descoñécese o número de linguas que chegaron a existir e tampouco dispoñemos do número exacto das que se falan hoxe en día. As cifran varían desde as 6.000 ata máis de 7.000. O atlas lingüístico Ethnologue achega a cifra de 7.164, das cales 3.074 estarían en perigo de desaparecer nos próximos anos. O feito de moitas destas linguas estaren sen estudar dificulta a súa catalogación como linguas propiamente ditas, ou simplemente coma variantes xeográficas, é dicir, dialectos.

Ecoloxia das linguas

Desde o século XVII moitas linguas teñen documentado quen foi o seu último falante, o día exacto e incluso ás veces a hora da súa morte. Un exemplo clásico e profusamente citado é a lingua dálmata, lingua romance que se falaba na Costa Dálmata, actual Croacia.
O seu derradeiro falante, Tuone Udaina, finou o 10 de xuño de 1898 aproximadamente ás 6:30.

A variedade e diversidade de linguas é unha característica intrínseca ao ser humano, o homo sapiens sapiens. Forma parte indisociable do seu hábitat. As diferentes maneiras de falarmos, de expresármonos, xeradas nos distintos ecosistemas do planeta colonizado por unha especie animal, aparentemente insignificante, pero dotada dun cerebro privilexiado capaz de adaptarse a todas as contornas e crear culturas propias, permitiron a súa supervivencia e a súa reprodución ata os 8.200 millóns de seres na actualidade. A pluralidade de linguas é unha creación exclusivamente humana que nos enriquece, non unha maldición bíblica (Torre de Babel) que hai que erradicar.

O estado natural do homo loquens, o home que fala, é a convivencia co multilingüismo, entendido como as linguas que se falan nun territorio determinado, e o pluriligüismo, o número de linguas que fala unha persoa ou un grupo humano. Os datos son elocuentes. A ONU recoñece actualmente 195 Estados. De facermos unha simple división entre o número de linguas e o de Estados, resulta unha media de 36 linguas por cada un deles. O monolingüismo, en consecuencia, é a excepción e os datos existentes arestora confirman que máis do 50% da humanidade fala máis dunha lingua.

Como xa dixemos máis arriba, as linguas son un piar fundamental do medio, do oikos (casa, fogar, lugar no que vivimos), un alicerce sobre o que se constrúe unha maneira de vivir, de relacionarnos, de pensar, de sentir, de ser; en definitiva, unha cultura no sentido máis laxo do termo. Non é ata 1971 que E. Haugen acuña a expresión “ecoloxía das linguas”, e que define como o estudo das relacións entre unha lingua e o seu medio, é dicir, nun principio as linguas entre elas mesmas, logo, entre as linguas e a sociedade. Os argumentos que avogan pola diversidade biolóxica, pois a evolución depende dela, tamén se poden aplicar á linguaxe. O concepto de ecosistema baséase na percepción de que todos os seres vivos existen a través dunha rede de interrelacións, e nunha concepción holística, os campos biolóxico e cultural son interdependentes.

Se a diversidade é un requisito para o éxito da aventura humana, a preservación da diversidade lingüística é esencial, pois a lingua “xace no corazón do que significa ser humano” (D. Crystal, 2000). Ao reducirmos a diversidade lingüística reducimos o noso potencial adaptativo, xa que diminúen as fontes de coñecemento das que bebemos e nos nutrimos. Afirma L.J. Calvet (1999) que a lingua é unha práctica social no contexto da vida social, unha práctica entre outras inseparable do seu medio. Biodiversidade e linguodiversidade están entrelazadas, intimamente imbricadas e non podemos xebrar unha da outra.

As linguas, alén de seren medios de comunicación, son repositorios do coñecemento humano. Se perdemos unha parte este quedará decimado. A linguaxe é a base dunha cultura e de todas as actividades culturais. Como escribiu Castelao: “Unha lingua non é unha obra de arte, é fonte inesgotable de obras de arte”.
As linguas son, asemade, un importantísimo factor identitario que permite a unha comunidade recoñecerse a si mesma e diferenciarse das demais. Sermos “nós” e non “eles”. “Unha lingua é un emblema dos seus falantes” (Dixon, 1997). É o “pedigree das nacións” (J. Boswell,1785). É a memoria dun país, dun territorio. Unha reserva na que podemos gardar a nosa historia, o noso modo de vida, as nosas tradicións… Nela está todo o que fomos e o que somos. Vexamos algún exemplo: o galego rexistra máis de dous millóns de topónimos, un terzo de toda a toponimia do Estado español. Que nos está a indicar esta exuberante riqueza toponímica? O dicionario da RAG recolle 24 sinónimos da palabra orballo. Que podemos inferir desta profusión de termos?

Será a finais dos anos oitenta do século pasado cando se comece a profundar na visión ecolóxica dos fenómenos biolóxicos e medio ambientais, e o concepto “sostibilidade ou “desenvolvemento sostible” alcanzará unha gran repercusión mundial a partir dos anos noventa. Considerando que a lingua é un elemento estrutural do hábitat no que se creou, a linguodiversidade será un ben supremo a preservar. Unha perspectiva ecolóxica e igualitaria da diversidade de linguas debería acabar coas ideoloxías imperialistas e dominadoras, poñer remate á xerarquización valorativa que implica que unhas linguas son superiores e outras inferiores, que unhas son útiles e outras inútiles …, e recoñecer a dignidade de todos os grupos humanos que as falan. A diversidade é un valor a protexer, non só como curiosidade antropolóxica ou coma peza de museo, senón como unha creación xenuinamente humana posuidora dun inconmensurable valor intrínseco.

Moitos sociolingüistas propoñen unha fórmula política favorecedora desta ideoloxía de conservación: o principio de subsidiariedade lingüística, isto é, que todas as funcións que poida levar a cabo unha lingua local non debe realizalas unha lingua máis global. Este principio non impediría o coñecemento doutras linguas, todo o contrario, favorecería que estas desempeñasen as funcións de comunicación fóra do ámbito local, ben sexa estatal ou supranacional. De aplicarmos este principio ao caso da lingua galega, esta debería desempeñar todas as funcións posibles no territorio do grupo humano que a creou, Galiza; logo aprenderíase o castelán como lingua de Estado, lingua internacional de preto de 500 millóns de falantes e oficial en 21 países coa denominación de español; e xa coma lingua franca internacional imprescindible na actualidade, o inglés. Este plurilingüismo converteríanos nuns privilexiados ao integrármonos no ámbito da lusofonía e na amplísima comunidade de hispanofalantes (en total 765 millóns), e as funcións que estas linguas non puidesen desempeñar serían realizadas pola lingua internacional e global por excelencia, principalmente desde mediados do século XX, o inglés.

En conclusión, A. Bastardas (2017) considera que a empresa de salvagardar a diversidade lingüística terá éxito se combatemos as causas da extinción lingüística, e non só administramos coidados paliativos. Non se trata de subvencionar as linguas, como defenden as posicións máis conservadoras, senón de buscar e conseguir unha distribución adecuada das súas funcións, como sosteñen as posturas máis progresistas e igualitarias, defensoras dunha ética de conservación lingüística.

Pilar Freitas Juvino

Pilar Freitas Juvino

Profesora de Galego

Son Pilar Freitas Juvino e nacín en Campo Lameiro en 1960. Os estudos primarios realiceinos na escola pública desta vila e aos 11 anos marchei interna a un colexio de Tui. Alí estudei o bacharelato no instituto San Paio ata o ingreso na USC onde me licenciei en Filoloxía Románica. Rematada a carreira, estiven durante o curso 1982-83 como auxiliar de conversa de español na cidade de Bayonne, en Francia.

De volta a Galiza, comecei a dar clases como profesora de Lingua e Literatura Galega en diferentes institutos ata recalar no ano 1986 no IES Valle Inclán. Alí permanecín durante todo o resto da miña carreira profesional.

En 2006 doutoreime en Filoloxía Galega cunha tese sobre a represión lingüística en Galiza durante o século XX, tese que máis tarde publicou a editorial Xerais baixo o mesmo título.

Desde o ano 2012 ata 2022 fíxenme cargo da dirección do centro, cargo ao que tiven que renunciar por motivos de saúde.

Considero que esta nova etapa que estou a afrontar debe ser unha etapa arrequecedora, activa e frutífera; por iso a posibilidade que colaborar neste blog ou bitácora e achegar un miúdo gran de area sobre un dos temas que máis me interesan, como é a situación da lingua galega no seu contexto histórico e social, supón para min unha gran motivación e representa unha oportunidade de dar a coñecer a nosa realidade lingüística, tanto pasada como actual.

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥