PRIMEIROS PASOS CARA Á NORMATIVIZACIÓN E ESTANDARIZACIÓN DA LINGUA GALEGA NO SÉCULO XIX (II): OS DICIONARIOS

En 1863 sae do prelo o Diccionario gallego-castellano elaborado polo presbítero e bibliotecario da Universidade Literaria de Santiago D. Francisco Javier Rodríguez, xa finado nesta data. O editor é D. Antonio de la Iglesia y González, director de La Galicia. Revista Universal de este Reino (1861-1865), publicación na que sae á luz a obra. Esta comeza cun “Prólogo” da autoría do editor no que xustifica a necesidade deste dicionario. Apela a Frei Martín Sarmiento que, un século antes, se sorprendía de que se lles ensine aos nenos latín sen botar man do idioma do país cando este está máis próximo á lingua do Lacio que o castelán. Mais para usar o galego como lingua vehicular primeiro hai que estudalo.

Observa Antonio de la Iglesia que se está a xeneralizar o ensino primario e o castelán está a penetrar nas escolas rurais, lugares onde antes era descoñecido. Os libros están redactados en castelán e as explicacións fanse nesta lingua, tanto polos mestres naturais coma polos de fóra. Consecuentemente, o rendemento académico que se pode extraer duns mestres que non lles ensinan aos alumnos as correspondencias do castelán que falan eles, ou que len nas aulas, e a linguaxe que os rapaces falan case en exclusiva fóra coa súa familia e cos seus veciños, é moi escaso. O estudo do galego como base doutras aprendizaxes é “una necesidad pública de la más grave transcendencia”.

Dicionario Francisco Javier

A Igrexa é outro eido necesitado da aprendizaxe do galego. Cada vez máis xente vén a Galiza a desempeñar funcións relixiosas. Un párroco sen coñecementos da lingua que falan os seus fregueses atoparase con moitas dificultades para desenvolver as súas funcións, nomeadamente coma confesor. O dominio da lingua que se fala na maior parte de Galiza facilitará o cumprimento das súas funcións.
Na administración civil tamén cómpre o coñecemento da lingua dos administrados, pois as relacións non só son por escrito desde unha oficina da capital, senón que en moitas ocasións as persoas teñen de ir presencialmente a falar cos funcionarios e non dominan máis que a súa fala, e esta é o galego. Ás veces as comisións han de desprazarse fóra da capital de provincia, partido ou municipio e non sempre se dispón de intérpretes que poden non ser convenientes.

Tocante ao ministerio xudicial, é preciso o dominio do idioma galego. O xuíz, ao escoitar a declaración do “paisano”, debe comprender o sentido e a recta significación, e o emprego dun intérprete pode non ser eficiente.
Non quere ser prolixo e por iso non “descende” a encomiar o seu estudo a agricultores, comerciantes, industriais …, malia ser útil en todos os actos da vida, sobre todo cando se está ensanchando a esfera das relacións coa chegada do vapor e da electricidade, que tenden a reunir nun só punto e momento o tempo e o espazo. Tamén é mester o dominio da lingua de Afonso X e Macías para intelectuais e ilustrados como: poetas, arqueólogos, novelistas, historiadores … se algunha vez se ocupan das cousas de Galiza, dos seus costumes, das cántigas, tradicións …, servíndose dos arquivos para facer avanzar a literatura galega en particular ou a de España en xeral.

Era intención do autor, xa falecido, completar o dicionario cun cadro comparativo entre voces galegas, castelás, asturianas, catalás, portuguesas, francesas e italianas e o latín, para ver cal destes dialectos se parecía máis á lingua nai. Tamén quería engadir un índice para que calquera puidese buscar a súa definición no artigo correspondente. Desexaba anexar anacos dos mellores textos en galego e unha peza políglota. Alén diso, tiña in mente redactar unha gramática do “galiciano idioma”. Mais os seus obxectivos víronse fanados pola morte prematura. Dá as grazas a D. Pedro Quiroga e D. Braulio Martínez, fideicomisarios do defunto, pois grazas ao seu patriotismo, esta obra saíu á luz.

Verbo do dicionario, o autor quería dar a cada voz a súa definición en castelán, procurar a comparación con outros dialectos, comentar a súa etimoloxía e todo tipo de información. Procurou un estilo sinxelo, claro, conciso, fuxindo do estilo pomposo e elevado, e de voces exóticas e de novo cuño que deshonran a quen as usa. Desafortunadamente, só unha parte do proxecto se logrou.
Malia o infortunio da obra sen rematar, esta vai ser un alicerce sobre o que se edificarán futuros estudos. Debemos imitar a eruditos de épocas anteriores coma Sarmiento, Sobreira ou Cornide e servírmonos dos seus estudos “para aventajar cada día un paso más, con la gloriosa ó satisfactoria carrera de la ilustración de nuestro entendimiento, con lo cual también depositaremos nuestra ofrenda en el altar de la civilización de España y del mundo”.

Antes de comezar propiamente o dicionario, o autor, Francisco Javier Rodríguez, achéganos a “Introducción”. Infórmanos que no verán de 1850 tivo noticias dun manuscrito do Padre Sarmiento no que recomendaba a elaboración dun dicionario de voces galegas e para cuxo obxecto compuxera el mesmo “mil doscientas coplas en lengua del país”. O sabio benedictino quería probar a estraños e patricios que son moi inxustos desprezándoa uns e esquecéndoa outros por ser unha lingua de nobre berce, pola súa antigüidade, por ser compendiosa, doce e expresiva e “porque el que no sepa su vulgar lenguage (sic) nativo, sabrá una lengua muerta, la lengua de los libros, pero no sabrá el lenguage vivo en toda su extensión”.

Destaca que Sarmiento, sendo un sabio, interesábase por cousas que a maioría consideraba triviais. E así, animado polo seu exemplo, dedicouse a recompilar voces vulgares. Pensou que sería unha obra de poucos días, mais coa lectura dalgunhas obras e folletos, coa observación e as conversas, as voces foron aumentando. Algunhas fóronlle proporcionadas polos seus amigos, outras sacounas de coplas; en total recompilou máis de 4.300 voces sen saír de Santiago. De poder ter saído da cidade, as voces aumentarían considerablemente.
Amosa a súa satisfacción por ser o primeiro en dar a coñecer en Galiza unha obra destas características, e aclara que só recolle os vocábulos puramente galegos e non os coincidentes co castelán.

En 1876 sae do prelo en Barcelona o Diccionario Gallego¹ de D. Juan Cuveiro Piñol. Na súa portada anúnciase coma o máis completo de todo o publicado até o momento, con voces antigas que figuraban en códices, escrituras e documentos e a súa pronuncia. O dicionario vai dirixido á Escola Diplomática, anticuarios, xuíces, avogados, escribáns, párrocos e outras persoas a quen sexa indispensable o seu frecuente uso.

Dicionario Juan Cuveiro

Comeza a obra cun texto titulado “A nuestros paisanos”. Expón o autor que percorreu todo o territorio galego, agás algunhas poucas localidades, e observou moita diversidade de formas. É imposible recompilalo todo. Pon algún exemplo, como a palabra reloucar, que segundo di en Pontevedra significa “achegarse” e en parte da provincia “desgustarse”. Observa diferenzas na pronuncia; por exemplo entre o z e o s e viceversa. Estase a referir ao que hoxe coñecemos como seseo. E diferenzas entre g suave e g forte, é dicir, o que chamamos gheada. Segundo el, non hai máis regra có oído e a cada momento “nuestros rústicos paisanos” inventan palabras e frases moi expresivas. No norte teñen predilección polas vogais máis abertas e polo n e no sur polas vogais máis pechadas e substitúen o s polo c e o z. Estas diferenzas non son criticables, máis ben útiles, pois contribúen ao aumento da riqueza e da variedade da linguaxe, como demostrou Saco y Arce coa súa Gramática. Porén, lamenta a anarquía nos escritos, nomeadamente na ortografía de b/v e j/x e viceversa.

Para el, a linguaxe máis pura consérvase nas aldeas e vilas máis montañosas con pouco contacto coas cidades. Nas vilas e aldeas da costa é onde máis se escoita a “geada” e a substitución do z polo s (seseo), e o cambio nos nomes e obxectos. Mais isto só acontece entre“individuos de la ínfima escala, como por ejemplo pescadores, verduleras, palanquines, etc”. Pregúntase se isto será consecuencia do desleixo con que se trata a estas clases, sen que ninguén se moleste en corrixilos. Exprésao así:
Lo cierto es que ni aun los más rústicos patanes de las aldeas más remotas, se expresan en tan incivil lenguaje, y sobre esto debieran fijar su atención las autoridades locales, pues creemos que la instrucción primaria obligatoria sería bastante á corregir tales faltas, y conseguiría por de pronto desterrar esa especie de salvajismo que se nota en medio de la civilización y cultura de nuestras ciudades y pueblos de importancia, y borrar de la mente de los que nos tienen por los más atrasados, esa idea errónea en que están”.

A seguir, Cuveiro Piñol infórmanos do intenso traballo que levou a cabo. Leu prego a prego a moitos dos nosos paisanos que coñecen perfectamente o dialecto e non só se fiou das súas forzas. Malia todo, omitíronse algúns termos ou voces que logo se engadiron nun suplemento ao xa publicado. Aínda así, faltarán algúns, por iso ao final de cada letra deixa un espazo en branco para que cada cal vaia engadindo palabras que descubra ex novo ou lle veñan á memoria.
Finalmente, suxire que, tal como manifestaron algún amantes da nosa literatura patria, cada certo tempo se reúna un grupo de persoas das catro provincias ou incluso partidos xudiciais para que, provistos de datos, poidan elaborar un verdadeiro dicionario. Mais isto require moito esforzo e empeño e só podería levarse a cabo se a iniciativa partise das Deputacións provinciais. A continuación o autor dedica a obra ás excelentísimas Deputacións das catro provincias de Galicia “en muestra de consideración”.

O autor quere amosar a riqueza da linguaxe galega e as diferentes maneiras de expresar un concepto que nin sequera o castelán posúe. Para acadalo, engade algunha forma verbal conxugada e a conxugación verbal rematada en -OR² e os xerundios en -ONDO e -INDO. Estes exemplos sérvenlle para afirmar que o galego ten catro conxugacións (-ar, -er, -ir, -or) fronte ao castelán que ten tres; e catro desinencias de xerundio (-ando, -endo, -indo, -ondo) fronte a dúas do castelán; alén diso, algún verbo galego ten dous infinitivos: facer/far; dicir/dir. Recolle tamén termos en castelán de plantas e flores, nomeadamente aqueles que teñen utilidade, destacan pola fermosura ou teñen propiedades médicas. Andando o tempo descubrirase cal é o termo galego correspondente a moitas destas voces.
Remata cunha captatio benevolentiae, isto é, pedindo indulxencia ao lector, pois só pretende contribuír co seu pequeno “óbolo al mayor grado posible de civilización y cultura de tan bello é inolvidable país”. Finalmente, achega a bibliografía consultada para elaborar a súa obra e que vai desde Afonso X e as súas cantigas, pasando por Frei Martín Sarmiento e contemporáneos coma X. M. Pintos ou Rosalía de Castro.

En 1884 publícase en Santiago o Diccionario gallego-castellano de Marcial Valladares Núñez. No “Prólogo”, o autor informa que desde hai tempo vén constatando a necesidade dun dicionario; porén, moi pouco se ten feito ao respecto. Cita como antecedentes a Fco. Javier Rodríguez, a Rosalía e ao seu glosario de 208 voces anexado a Cantares gallegos. Cualifícaa coma “preciosa obrita” na que se observa “el corazón de una mujer toda amor hacia su país”. Tamén menciona o vocabulario que inclúe Francisco Mirás no seu Compendio de gramática gallega-castellana (1864) e que o conforman unhas 400 palabras.

Dicionario Marcial Valladares

Critica a Mirás porque no seu afán de reflectir a fala dos “rústicos labradores” patentiza a gheda na que incorren, efecto da ignorancia ou abandono; e isto desvirtúa o valor dalgunhas palabras. Para el, as geadas son un “defecto de la gente idiota; consistente en hacer fuerte la g suave, como en gaita, guerra, gozo. Similar defecto é pronunciar berse, senteo … en troques de berce, centeo. Estase a referir ao que se coñece coma seseo. Na súa opinión, en ningunha gramática deberían aparecer nin a gheada nin o seseo, pois isto réstalle lustre á obra.

Vénse ocupando desta tarefa desde 1850 e observa que a situación está a cambiar con novas e numerosas vías de comunicación, coa invención do ferrocarril e do telégrafo eléctrico, coa mobilidade material e intelectual. E estas circunstancias requiren un dicionario completo que sexa útil. Considera que tamaña empresa é imposible para unha soa persoa coma el e por iso solicita a axuda e colaboración das catro Deputacións. Deberían dar premios a un dicionario parcial e logo xuntar os catro e facer un xeral.
A nosa fala vén pasando de xeración en xeración de boca en boca sen mellora ningunha, nin para o dialecto que mamamos nin para a súa tradución ao castelán. Un bo dicionario galego-castelán non prexudicaría o idioma de Castela senón que faría aumentar a súa difusión aínda máis entre todas as clase sociais de Galiza:
…si cualquier patán del campo viese en un diccionario gallego, al lado de las voces, ó palabras de su dialecto, único que conoce y entiende, equivalencias castellanas que la gente instruida usa, procuraría naturalmente irse familiarizando con las segundas y olvidarse de las primeras; tanto que, corridos años, el habla gallega se habría perfeccionado mucho y más tarde desaparecería, acaso reemplazándola el castellano”

Pregunta Marcial Valladares se acaso non é unha vergonza que un territorio coma o galego careza dun xornal, dun calendario escrito no seu dialecto, véndose os labregos obrigados a mercar un lusitano pola semellanza entre as dúas falas. Lembra os cantares da súa infancia en galego e desexa a súa conservación igual que os refráns, e que recollidos nun libro instrutivo e popular cheguen ás mans dos labregos.
Refundiu na súa obra o traballo de autores anteriores: Rodríguez, Rosalía, Mirás. No caso do primeiro, omite os nomes de lugar por consideralos propios dun dicionario xeográfico. Inclúe, porén, voces castelás comúns entre os labradores e tamén palabras galegas que pasan por antigas en dicionarios castelás. Recompilou en total 9.300 vocábulos e achega exemplos propios, de contos populares e refráns e outros tirados de poesías escolleitas. Igual que Cuveiro Piñol considera o seu un modestísimo traballo.

Aclara que escribiu o anterior antes de coñecer a Gramática de Saco e Arce, varias das obras de Lamas Carvajal e o seu xornal O Tío Marcos da Portela, Aires da miña terra de Curros …, dando por rematado o modesto traballo o 30 de xuño de 1869, mais anos despois, en 1876, chegou ás súas mans o dicionario de Cuveiro Piñol do cal non tiña coñecemento. Despois de revisalo, desbotou voces inusitadas e copiou máis de 200 en uso. Ademais, sumou outras moitas que foi recollendo desde 1869 e 100 palabras espontaneamente facilitadas. En total, recompilou máis 10.700 vocábulos, 460 refráns, proverbios e dicires e fragmentos poéticos e 242 cantigas que patentizan “la suavidad, delicadeza y hermosura de nuestro dialecto, próximo acaso a desaparecer entre el humo de las locomotoras, ó ser lastimosamente adulterado, efecto de la emigración y otras circunstancias no aquí del caso”. Remata a obra un vocabulario científico que titula “Suplemento y adiciones” a imitación de Cuveiro Piñol que titula o anexo final “Suplemento”.

A modo de conclusión podemos salientar unha serie de características comúns aos tres dicionarios e outras que os distinguen. Os tres utilizan a lingua castelá como lingua vehicular. Ás entradas en galego correspóndenlles definicións e descricións en castelán. Os tres son bilingües malia o título da obra de Cuviero suxerir un dicionario exclusivamente en galego. A cronoloxía é moi importante; o dicionario de Rodríguez ten 132 páxinas e 4.300 vocábulos; o de Cuveiro consta de 338 páxinas e un “Suplemento” e é moito máis cumprido en canto ao número de vocábulos recollidos; o de Valladares está composto por 658 páxinas (incluído un Suplemento y adiciones) das cales 603 corresponden ao dicionario que recolle 10.700 voces.

Dicionario Francisco Javier
Dicionario Juan Cuveiro
Dicionario Marcial Valladares

Rodríguez recolleu fundamentalmente a fala de Santiago; porén, Cuveiro percorreu Galiza durante doce anos para completar o seu arduo traballo. Valladares vén traballando no dicionario desde hai varios anos, mais o trafego intensificouse desde 1869 e desde 1876, ano no que coñeceu a obra de Cuveiro. Os tres mencionan os traballos dos anteriores e utilízanos de esteo para avanzar na súa obra. Recoñecen a necesidade dun dicionario para facilitar a comunicación entre os galegos e galegas que falaban maioritariamente o idioma propio e descoñecían o castelán; para a xente galega da época a lingua de Castela era unha lingua estranxeira. Céntranse principalmente na Igrexa, a escola, a administración …, e nos funcionarios que tiñan que relacionarse coa xente do común galegofalante. Para Cuveiro, a diversidade de formas é un síntoma de riqueza do idioma, pero trazos dialectais coma a gheada e o seseo dificultan a comprensión e son totalmente rexeitables, pois outórganlle á fala unha pátina de “salvajismo”.

Obsérvase en Cuveiro e Valladares unha importante minusvaloración da lingua e da xente do país. Desprezan a fala dos que eles chaman “rústicos patanes”, e incluso o segundo parece degoirar a desaparición do galego en favor do castelán, idioma de “gente instruida” e, para acadalo, nada mellor e máis útil ca un dicionario. Está claro que os prexuízos seculares sobre a lingua que creou o pobo galego calaron a mentalidade destes pioneiros. Diríxense fundamentalmente á clase ilustrada, clase á que eles pertencían, arrombando a esmagadora maioría dos galegos. De todos os xeitos debemos de recoñecer a estes homes o ímprobo traballo realizado a prol da lingua, a cultura e o progreso de Galiza e, no fondo do seu corazón latexa un profundo amor pola lingua e a “patria” onde naceron. Os estándares de hoxe en día non son aplicables a obras realizadas hai máis de 150 anos e que serviron para abrir vieiros a novos estudos sobre o ben máis prezado do pobo galego: a súa lingua.

Para a elaboración deste traballo utilizamos a copia dixital depositada en Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.
http://biblioteca.galiciana.gal/gl/consulta/registro.do?control=BDG20080012670
http://biblioteca.galiciana.gal/gl/consulta/resultados_ocr.do?id=17106&tipoResultados=BIB&posicion=
1&forma=ficha
http://biblioteca.galiciana.gal/gl/consulta/registro.do?control=BDG20110012991

2 O título pode ser enganoso e facer crer que se trata dun dicionario monolingüe. En absoluto. A entrada está en galego pero a seguir achega a equivalencia e a descrición en castelán.

3 O autor refírese ao verbo pór e os seus derivados: indispor, dispor… A gramática galega admite tanto a forma pór con til diacrítico coma poñer; ambas as dúas derivan do PONERE latino. A primeira forma é a máis evolucionada respecto ao étimo, polo tanto é unha palabra patrimonial; e a segunda é unha forma semiculta, máis próxima ao latín.

Pilar Freitas Juvino

Pilar Freitas Juvino

Profesora de Galego

Son Pilar Freitas Juvino e nacín en Campo Lameiro en 1960. Os estudos primarios realiceinos na escola pública desta vila e aos 11 anos marchei interna a un colexio de Tui. Alí estudei o bacharelato no instituto San Paio ata o ingreso na USC onde me licenciei en Filoloxía Románica. Rematada a carreira, estiven durante o curso 1982-83 como auxiliar de conversa de español na cidade de Bayonne, en Francia.

De volta a Galiza, comecei a dar clases como profesora de Lingua e Literatura Galega en diferentes institutos ata recalar no ano 1986 no IES Valle Inclán. Alí permanecín durante todo o resto da miña carreira profesional.

En 2006 doutoreime en Filoloxía Galega cunha tese sobre a represión lingüística en Galiza durante o século XX, tese que máis tarde publicou a editorial Xerais baixo o mesmo título.

Desde o ano 2012 ata 2022 fíxenme cargo da dirección do centro, cargo ao que tiven que renunciar por motivos de saúde.

Considero que esta nova etapa que estou a afrontar debe ser unha etapa arrequecedora, activa e frutífera; por iso a posibilidade que colaborar neste blog ou bitácora e achegar un miúdo gran de area sobre un dos temas que máis me interesan, como é a situación da lingua galega no seu contexto histórico e social, supón para min unha gran motivación e representa unha oportunidade de dar a coñecer a nosa realidade lingüística, tanto pasada como actual.

Dereitos lingüisticos

A gaita Galega

Primeiros pasos cara á normativización e estandarización da Lingua Galega no século XIX (I): As Gramáticas

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥