Seleccionar página

Que pasa cos fondos Next Generation?

A pandemia provocada polo virus COVID19 non só deu lugar a serios problemas de saúde, tamén a unha grave crise económica consecuencia da diminución da actividade por causa dos necesarios illamentos e reducións de mobilidade. Para paliar estes danos económicos, dentro dos fondos comunitarios para os próximos anos inclúese un paquete de 750 millóns de euros destinados á recuperación económica tras a crise provocada pola COVID-19, son os fondos Next Generation EU. Destes fondos, España obterá 140.000 millóns dos que 72.000 serán entregados a fondo perdido, é dicir a través de subvencións e o resto en forma de créditos con baixo interese

Nun principio parece que este fabuloso colchón económico vai salvarnos da debacle económica permitindo incluso que saiamos reforzados da pandemia. Pero, sexamos prudentes, que pode ocorrer cando hai moito, moitísimo, diñeiro a punto de poñerse en circulación? Acho que é evidente, que aparecerá moita xente disposta a morder un anaco o máis grande posible deste pastel. 

Que hai que presentar un proxecto para poder optar a estes fondos?, pois preséntase. Do que estamos a falar e de elaborar proxectos que non teñen como obxectivo primeiro producir unha determinada manufactura, tecnoloxía ou enerxía, non, son proxectos que teñen o obxectivo fundamental e motivador de apañar cartos.

Pensaremos, que os apañen, e que lles senten ben, a min que me importa. Sempre hai “listos” que quedan co público e  á parte de quedar co que é de todos non fan dano a ninguén e algún beneficio achegarán, crearán algún posto de traballo e repartirán algo do que obteñan. Pero hai algo moi sospeitoso e é que todo se está a xestionar cun total escurantismo, sen participación da sociedade civil, os gobernos están a repartir os cartos sen que ninguén saiba como nin entre quen, e esta opacidade fai pensar que algo que se oculta é posiblemente porque ou ben o reparto é arbitrario, ou non está ben planificado, ou mesmo pode ser nalgunha medida prexudicial, ou un pouco de todo. A Xunta xa elaborou e segue a elaborar a lexislación necesaria para que as empresas poidan facerse cos fondos, dende a lei de “Depredación”ata a lei de simplificación administrativa pasando pola lei de recuperación de terreos agrícolas.

Hai algúns detalles do pouco coñecido que levan a pensar que non todo vai ser inocuo, tamén haberá e xa está a haber danos. Por exemplo, segundo o reparto que pensa facer Feijóo destes cartos, o 36% das iniciativas galegas, 126 proxectos en total, pertencen a unha área que denomina “da economía circular e a transición enerxética”.

Aquí entran algúns dos proxectos “macro” da Xunta e do Goberno como é a produción de hidróxeno “verde”, existindo cando menos dous proxectos a instalar nas Pontes de García Rodríguez, nun principio para paliar a perda de postos de traballo asociada ao peche da central térmica.

Dous proxectos, o da Xunta para os seus amigos predilectos do Grupo Tojeiro cun número de parques eólicos descoñecido e o do Goberno, de Endesa, que leva asociada á construción de 6 parques eólicos na zona o que require 738 millóns de euros de inversión. En definitiva, sen entrar a valorar a necesidade e oportunidade e a tecnoloxía de produción de hidróxeno, atopámonos con que un elevado número de aeroxeneradores (só Endesa vai producir 611MW) van afectar de forma dramática á paisaxe, á biodiversidade e aos recursos naturais do norte da provincia da Coruña.

Pero non son estes os únicos proxectos de produción de electricidade de orixe eólica, existen uns 60 proxectos novos en tramitación para acaparar fondos Next Generation, con novos aeroxeneradores de ata 200 metros de altura e que invadirán todo o territorio galego. Ocuparán montañas e serras, espazos e paisaxes protexidas legalmente, construiranse quilómetros e quilómetros de liñas de alta tensión para evacuar esta electricidade, convertendo Galicia nun territorio excedentario en produción eléctrica e mantendo un consumismo insostible con prezos da enerxía crecentes.

Outra idea emblemática de Feijóo é o proxecto da fábrica de téxtil, outro exemplo, que necesitará de grandes cantidades de celulosa, o que fará que nos nosos montes sigan a aumentar as superficies de plantación de eucalipto, das que xa hai entorno ás 600.000Has. coa proliferación dos lumes forestais e destrución de solos que acompaña a esta especie.

Outra das “cadeas de valor” é a da dixitalización que supón o 16% das iniciativas propostas pola Xunta. Contribuirá a dixitalización á produción sostible de bens naturais ou industriais? Dende logo os produtores de alimentos temen que o control dos datos polos grandes compradores forzarán a unha maior industrialización no terreo da agricultura e da gandería, por exemplo; un comprador dunha cadea de alimentación pode ter información precisa do estado da colleita dun produto e forzar a baixada dos prezos e isto é pouco compatible cun modelo que conserve solos fértiles e biodiversidade. En definitiva a dixitalización financiada con fondos Next Generation vai reforzar aínda máis o dominio das grandes corporacións sobre o noso sistema alimentario.

Benito Andrade González

Benito Andrade González

Profesor de Bioloxía

Son Benito Andrade, nacín en Salcedo, moi cerca de Pontevedra, no 59.

Cando terminei o bacharelato tiña decidido estudar Filoloxía Hispánica pero no último momento matriculeime en Bioloxía, coa ilusión de poder estudar o medio mariño.

Pero non, non era ese o meu camiño, acabei dando clases de Bioloxía en varios centros de Galicia, o último o IES Valle Inclán de Pontevedra.

Pero non perdín de vista o mar, como afección, como desfrute e como compromiso, na Asociación Pola Defensa da Ría, defendendo dentro das miñas posibilidades a saúde dos ecosistemas da Ría de Pontevedra.

Tamén quixen acercarme aos mares do pasado, estudando uns bichiños ben fermosos dos mares do Xurásico de bacía portuguesa desta época, anos recollendo e estudando braquiópodos mesozoicos fixeron que lles teña un grande cariño a estes amiguiños de pedra, unha compañía que quero seguir buscando.

O tempo é unha fera destrutiva que pasa case sempre moi rápido, pasan os meses, os cursos, os anos e chegou o momento de deixar de traballar no instituto.

Somos maiores dende logo pero agora libres para poder dedicarnos ás cousas que consideramos importantes, como este blogue de maiores e para maiores feito entre amigos xubiletas.

máis artigos

Actividades do 14 ao 20 de xuño 2021

Do 7 ao 13 de Xuño

Actividades do 31 de maio ao 6 de xuño

Do 24 ao 30 de Maio 2021

Do 17 ao 23 de maio 2021

Do 10 ao 16 de maio 2021

♥♥♥ síguenos ♥♥♥

Español