A LA MEMÓRIA DEL MEU PARE, AMB QUI VAIG ESTIMAR GALICIA Esta é a dedicatoria coa que introduce Josep Maria Llompart de la Peña (Palma de Mallorca 1925- 1993) o seu libro Quinze poetes gallecs, publicado no 1976 na editorial Moll, en Palma de Mallorca; vintedous anos despois de que Tomás Garcés fixera a tradución e publicara Deu poemes gallecs.
O “Govern Balear” vén de declarar o 2025 como o ano de Josep María Llompart, que entre 1983 y 1987 foi presidente da Associació d’Escriptors en Llengua Catalana e recibiu no 1982 o Premi d’Honor de les Lletres Catalanes e o Premio Creu de Sant Jordi, por consideralo referente cívico do movemento de normalización do catalán, e recoñecer a su aportación ao enriquecemento da cultura catalana.
Nos anos corenta comezou a súa actividade como escritor e durante as décadas de 1970 e 1980, iniciou a súa etapa como tradutor. No 1964 publica La literatura moderna a les Balears, primeiro manual da literatura contemporánea nas Illes. Autor dunha ampla obra, voume referir só a aquela que ten algo que ver coas letras galegas: Durante os anos setenta comeza unha etapa de traducións relacionadas con Galicia:
– No 1976 ve a luz o volume Quinze poetes gallecs, ao que seguirán
– Poesia galaico-portuguesa. Barcelona: Edicions 62, 1984.
– Poesia gallega, portuguesa i brasilera moderna. Barcelona: Edicions 62, 1988.
– Poemes de Luis Pimentel i Celso Emilio Ferreiro. Palma: Institut d’Estudis Baleàrics i Universitat de les Illes Balears, 1992.
– Totes les aus del món. Versions de poesia galaicoportuguesa. Palma: Consell de Malloca, 2012.
– No libro Memòries i confessions d’un adolescent de casa bona (1974) narra episodios da infancia e algunhas anécdotas familiares e inclúe seis poemas que teñen que ver con Galicia. No 1990 participa en Lisboa no I Encontro Luso-Catalão de Poetas.
En Quinze poetes gallecs, antoloxía de poesía galega vertida ao catalán por Josep M. Llompart, inclúense autores de diversas épocas, dende o cancioneiro medieval ata Méndez Ferrín pasando por Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Manuel Antonio, Noriega Varela, Luís Pimentel, Amado Carballo e os que eran contemporáneos del, Celso Emilio Ferreiro e Manuel María Dende 1956 ata o 1961 Josep Maria Llompart traballa con Camilo José Cela na revista Papeles de Son Armadans, feito que lle permitirá entrar en contacto con outras culturas, entre elas a galega pois alí colaboraban tamén Celso Emilio Ferreiro e Aquilino Iglesia Alvariño, que farán gran amizade con Carles Riba.
A poesía de Llompart foi vertida ao galego no 2001 para a editorial Espiral Maior por Xavier R. Baixeras: Antoloxía poética de Josep Maria Llompart.
Poeta, editor, crítico literario, tradutor, intelectual e activista cultural, foi tamén un gran prologuista, coincidindo en moitas destas facetas co autor do limiar deste libro, Basilio Losada (1930- 2022),” Premio Nacional de Traducción” e gran divulgador da literatura portuguesa e brasileira e tamén da literatura galega e catalá. Quizais a Basilio lle faltou ser poeta; nalgunha ocasión afirmou que lle gustaría selo e daría dez anos de vida por facer seis grandes poemas.
No limiar escribe o profesor Losada “Josep María Llompart enceta unha laboura que dende Galicia ha ter correspondencia en beneficio de todos. Soño eu cunha escolma amplia e complida de lírica catalá ao galego, cun contacto constante, cun coñecemento recíproco de duas literaturas que móvense entre tollementos comús, con aspiraciós e perspectivas semellantes. Llompart comenzóu do mellor xeito, cunhas versiós espléndidas, exemplares, nas que pouco ou nada se perde do feitío e do engado orixinal”.
A ROSALÍA
Del mar per la vora
la veia passar:
al front una estrella,
al llavi un cantar
La veia tan sola
per la nit sens fi,
que fins vaig resar per aquella mesquina,
jo, que no tinc qui mai resi per mi!
La musa del poble,
que jo viu passar,
dels llops furiosos
menjada finà…
D’ella són els ossos
que anau a enterrar.
Ai d’aquells que porten al front una estrella!
Ai d’aquells que porten al llavi un cantar!
MANUEL CURROS ENRÍQUEZ (1851-1908). Tradución de JOSEP MARIA LLOMPART (1925 – 1993).

Xulio Simón Rúa
Profesor de E.Física
Xulio naceu en Lugo en 1956
Foi profesor de Educacion física e a súa interese pola historia levoulle a crear a Xulipedia, explica como comezou todo “O que ían ser uns breves apuntamentos para o meu uso persoal (estudei Filoloxía Románica en Barcelona) pouco a pouco foron ampliándose coma unha especie de base de datos cronolóxicos das literaturas románicas peninsulares e tamén da literatura universal, incluíndo no referente a Galicia a “Gran Enciclopedia Galega”, “A Nosa Terra”, “Grial”, “Nós”, “O Tío Marcos”, “A Monteira”, “Os Dicionarios de Autores e de Publicacións Periódicas de Galaxia”, o “Diccionario de Escritores en Lingua Galega” de Fernández del Riego, a prensa galega en Cuba, “Céltiga” e “Lar”…
máis artigos
♥♥♥ síguenos ♥♥♥