por Charo Valcárcel
RAÍÑA DOS MARES
Nos meus xogos de nomes
meniña
cando aínda voabas nos brazos
e entre risos
abrazos
e bailes
cabalgabas nas pernas corceis
eras rula
eras fada
princesa…
tantos nomes nados do feitizo
da nena que abrollou dos soños
Mais por riba de todos
raíña
sempre fuches raíña dos mares
a raíña dos saltos da corda
do reflexo do sol sobre a xerfa
das ondas salvaxes
das lenes
da area mudada en outeiros
cubrindo os teus pés
dos pequenos tesouros ocultos
agochados no medio das rochas
onde aínda estrelas durmidas
agardan as mans dunha nena
que as faga acordar
e aínda nas ás que as transportan
a memoria dos días gardados
vas voando con ela
raíña
mais non tiras o pano de man
que a canción infantil anunciaba
ti sorrís
e preguntas
e xogas
e acariñas estrelas de mar.
Charo Valcárcel Mato
Profesora de Galego
Eu son Charo Valcárcel. Nacín nunha pequena freguesía da Estrada (Sta. Cristina de Vinseiro) hai 60 anos, pero xa levo trinta e cinco vivindo en Pontevedra, case tantos como os que traballei no IES Valle Inclán (trinta e dous), toda unha vida…
Estudei Filoloxía Hispánica, aínda que me presentei e aprobei as oposicións para profesora de Lingua galega e sempre exercín como tal, do cal me sinto e sentirei sempre moi orgullosa.
No Valle Inclán coñecín a Ana, Manuel, Isidro, Benito e Sara que, considero, máis que compañeiros, amigos, bos amigos. Xuntos compartimos moitas experiencias.
Agora esta na que nos implicou Ana que, polo menos para min, é un salvavidas, un incentivo que chega para encher o oco que deixa o ensino nas nosas vidas.
Pero tamén formamos parte dun grupo de teatro de profesores (en activo e xubilados) que naceu no 2005 no seo do Valle Inclán, Argallada, e que está esperando tempos mellores para retomar a súa actividade.
Agardo que as miñas contribucións no blog devellabella sexan merecedoras do voso beneplácito ou, polo menos, non do voso desgusto.
máis artigos
♥♥♥ síguenos ♥♥♥