Raúl naceu en Mourente en 1949. Era o maior de catro irmáns e estudou no colexio público da Seca con Don José ata os oito anos. Despois, na academia Canducha, actualmente a casa das Campás, ata os dez que fixo o ingreso. Preparouno un veciño mestre, Benito Ventín, que tiña escola en Estacas (A Lama). Entrou no Instituto de Pontevedra, hoxe Valle Inclán pero daquela o único. Os rapaces estaban na planta baixa e entraban pola porta principal e as rapazas estudaban arriba e entraban polas Palmeiras. Cursou dous anos por oficial e outros dous por libre. Preparábase na Academia Jovellanos, na praza da Pedreira, onde chegaría a ser profesor.

Da súa estadía no instituto lembra que aos profesores había que tratalos de vostede co “don” diante do nome ou o “señor” co apelido. O director era Filgueira que ademais era alcalde e director do museo. Adoitaba facerlle as gardas o señor Noia, xefe de estudos e represaliado polo réxime porque Filgueira non sempre podía impartir clase. Tamén tivo como profesores a Ramón Peña, García Alén, Mariano González, García Limeses, José González, Arzúa…

O seu plan de estudos de 1950 permitiulle acceder ao título de bacharelato elemental mediante unha reválida e despois ingresar mediante un exame na escola de Maxisterio que daquela estaba no edificio onde hoxe está a EPA. Foi alumno de Vidal Portela que era o seu titor de prácticas de ensino e de José Búa, profesor desas prácticas. Tamén recibiu ensinanzas de Isabel Martín, José Araújo, Asunción Catón, José Regueira e moitos outros.

Na mili aconselláronlle que non dixera que era mestre para que non o desprazaran

Raíl Gómez Farto

Ao acabar maxisterio no ano 1968, foi traballar na empresa de construción do seu pai, Raúl Gómez Vilariño, e ao mesmo tempo daba clases de lingua española na academia Jovellanos onde por tres horas á semana cobraba 150 pesetas ao mes.

Coñeceu a Loli Villaverde nas festas de Marcón e casaron o 6 de decembro de 1970. Só un mes máis tarde chamárono para facer a mili, primeiro en Figueirido e despois, pola súa condición de mestre, foi desprazado a Ferrol onde estivo dous meses máis para regresar definitivamente a Figueirido para cumprir os derradeiros nove meses na centraliña telefónica.

Ao se licenciar continuou traballando na empresa do seu pai ata o ano 1975. Tiña 36 anos e decidiu preparar as oposicións a mestre. Traballou como interino primeiro en Vegadeo e despois en Castropol, no occidente de Asturias.

Desa época lembra que había moito movemento de mestres da zona costeira. Empezou integración escolar e atención individualizada. Fixo moitos cursos e en 1988 aprobou ás oposicións na especialidade de pedagoxía terapéutica. Obtivo o primeiro destino no colexio de Santa Lucía de Moraña e despois en Tremoedo en San Bartolomé de Vilanova de Arousa. En ambos destinos estivo un ano ata que conseguiu a praza definitiva en Mosteiro-Meis onde estivo desde 1990 ao 2002. Alí foi profesor, xefe de estudos e director.

En 1991 naceu o seu cuarto fillo con vinte anos de diferenza co primeiro, que nacera en 1971.

No 2002 trasladouse ao IES Luís Seoane de Monteporreiro onde permaneceu ata xubilarse en 2018. Estivo liberado por actividades sindicais entre o 2002 e o 2015. Durante 25 anos formou parte do Consello Escolar de Galicia onde representou ao profesorado no pleno e na permanente. Cesou en febreiro de 2020. Pertenceu ao Consello Galego da Formación Profesional e ao Consello Social do CIFP Carlos Oroza. Posúe o diploma de directivo da Xunta de Galicia e foi secretario xeral da FETE-UXT de Galicia. É presidente do MRP Escola Viva.

Dos mozos de hoxe pensa que teñen máis medios e que están máis preparados. Antes había un réxime máis autoritario.

Gústalle a novela histórica e as películas de cine clásico como Ben-Hur. O seu pasatempo é a horta onde pasa case todas as tardes.

Gosta de camiñar. A xubilación aportoulle calidade de vida e segue enteirado da profesión desde a grada.

Gústalle viaxar. Lembra unha viaxe a Ámsterdam pasando por Berlín para chegar a Varsovia e visitar ao seu fillo e familia. Co Imserso viaxou a Tenerife.

Unha viaxe soñada sería a América, sobre todo a do sur: Brasil e Arxentina.

Un café para estar, o Carabela, onde nos atopamos agora.

Un restaurante: o mellor é o Román. Tamén as Cinco Portas… Antes do confinamento facía rutas gastronómicas cos amigos; a Arbo, a comer a lamprea, e percorreu as festas gastronómicas, a do Albariño, O Pelete, a do marisco do Grove, etc.

Ao alcalde pediríalle que potenciara os xogos para maiores, como a petanca e que lles dese máis visibilidade. Bota en falta actividades deportivas e semipasivas e un local público para reunirse.

Saímos do Carabela paseando tranquilamente. Moitas grazas, Raúl, polo teu positivismo, por seguir implicado en asuntos sociais relacionados co ensino. Teño moito que aprender.

Ana Santos Solla

Ana Santos Solla

Profesora de E.F.

Son Ana Santos, nacín en Pontevedra no ano 1960, a miña infancia estivo moi ligada a Santa María de Xeve, a terra da miña nai, son a terceira de 8 irmáns, a maior das mozas, a máis vella como me dicían de pequena. Sempre me gustou o deporte e estudei INEF en Madrid, estiven 34 anos no IES Valle Inclán impartindo Educación Física alí foi onde coñecín ao resto dos meus compañeiros que agora me acompañan neste proxecto. Decidín xubilarme para dar un novo rumbo á miña vida e levar a cabo este tipo de iniciativas como @devellabella ue pretende que o envellecemento activo convértase en embelecemento persoal e poder achegar a miña experiencia nesta etapa da vida.

Nós os maiores aínda temos moita guerra que dar, espero que este blogue motívevos a querer colaborar connosco.

Mercedes Villarino

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥