Redes Resistentes

Mª Xesús López Escudeiro

Corrixir as eivas do relato historico é unha obriga, recuperar o protagonismo da metade da poboación é unha cuestión de xustiza, incorporar as achegas das mulleres á configuración actual da Moureira é unha necesidade.

Máis unha vez, as mulleres vencelladas aos labores do mar pasan desapercibidas, a pesares de seren maioría en sectores como o marisqueo ou a conserva, invisibilidade contra á que aínda seguen a loitar na actualidade. Un esquecemento histórico, que vén dos primeiros testemuños históricos sobre os comezos da cidade, marítima por excelencia.

Probablemente o barrio da Moureira foi máis antigo que a vila de Pontevedra, onde máis tarde se instalaron as repoboacións da Idade Media, nun espazo separado. Con seguranza o pobo mariñeiro xa estaba antes asentado á beira da costa, mais desde mediados da primavera até  metade do outono partían cara ao interior, fuxindo dos ataques dos musulmáns. As mulleres coidaban das familias e participaban nos traballos do campo, xogando un papel moi activo na comunidade.

Barrio da Moureira

En decembro de 1169 Fernando II concede a Pontevedra o Foro, que senta as bases da fundación da nosa vila. No documento consta que actúa conxuntamente coa súa muller, Dona Urraca, todo un símbolo da relevancia política da raíña consorte.

Fronte á configuración do centro, A Moureira de extramuros presentou desde o inicio unha configuración específica de pobo mariñeiro; nas vivendas, nas lonxas , nos alfolís, nos peiraos traballaban as mulleres na descarga, na limpeza do peixe,  transformaban as magas e as cabezas en aceite, parte da sardiña salgábase ou afumábase, técnicas que non mudaron ate a chegada dos  cataláns no XVIII.

Toda unha serie de esquecementos que continuaron ao longo dos séculos, dende a fundación do Gremio dos mareantes, arredor de 1420 , durante a época de esplendor. Na vila  de Galicia con maior poboación, a finais do XVI, no porto daquela máis importante da fachada atlántica, nunca se recoñeceu a importancia do labor feminino como forza de traballo. O motor principal da riqueza da cidade era o sector pesqueiro, un sector integrado polos mariñeiros que saían pescar mais tamén pola man de obra feminina que se ocupaba das redes, da carga e descarga da mercancía e da transformación e venda do peixe. Malia todo, na maioría dos casos, as normas das confrarías de mareantes  non permitían a súa presenza.

Coas achegas dos mareantes maioritariamente construíuse a igrexa de Santa Maria -unha das xoias monumentais da vila- contribución recoñecida en todas as investigacións, que infravaloran a forza produtora e imprescindíbel da man de obra feminina.

Lañando sardiñas

Lañando sardinas

Cando chegaban os barcos e atracaban nos peiraos entre as Corbaceiras e a Ponte do Burgo, elas facían a descarga  da mercancía, cargando co peixe , coas cestas na cabeza ían vendelo ao mercado ou ben traballaban na súa transformación e na preparación para a súa conservación. No proceso da salgadura do peixe, as mans femininas elaboraban a salmoira, verba que está na orixe do nome do barrio , A Moureira. No rueiro da vila está a pegada de múltiples actividades realizadas polas mulleres, praza da Verdura, praza da Leña, praza do Pan, cativa homenaxe ao seu labor, recoñecido de xeito anónimo.

Loitadoras, aquelas mulleres do barrio da Moureira,  o  día 13 de marzo de 1847 non dubidaron en participar na revolta contra a fame, para impedir o embarque dos cereais  tan necesarios para a súa alimentación. Protesta duramente reprimida polas autoridades. Mulleres bravas , as regateiras do peixe que , en xullo de 1892, xunto coas leiteiras ,participaron no chamado “motín da ponte do Burgo”, en protesta polo aumento do arbitrio sobre a venda do peixe e pola implantación dun novo imposto á venda do  leite.

Na actualidade, moitas das  veciñas, herdeiras de todas elas, participan activamente nas actividades da Asociación de veciños de San Roque e nas xuntanzas sempre agroman as lembranzas dun pasado, que segue vivo nas súas mentes. Nacidas entre a terceira e a cuarta década do século XX, Ramona Domínguez Fariña, Dolores Fontán Fernández, Josefa Barcia Garcia , Carmela Fariña e María Celia Abal Adoal, nunha tarde de verán pintan  un cadro deste  recuncho de Pontevedra coas súas verbas, verdadeiro testemuño da historia local.

 Unha historia de loita, de superación, de xenerosidade e de exempro para homes e mulleres de todas as xeracións.

De nenas ían ás escolas, que había na zona, a escola da Sra Lola, a  Chinchorra. Ramona ía á de Pepita, nunha adega, abeirada ao río do Peilán, tamén á escola de Pila, de Margarita. Con 13 anos ían á de Dona Gumersinda, na rúa Alfonso XIII. Josefa  aprendeu a ler soa, ás agochadas do pai que prohibía a lectura ás cinco crianzas da casa, ela fínxía  sursir ás noitiñas  nun dos poucos fogares da zona onde abondaban os libros, por mor do amor pola lectura do pai , despois foi á de Adrio e de Margarita. Co pizarrín e a pizarra debaixo do brazo, saían da casa todas as mañás. Xuntas cantaron as táboas de aritmética.

Na Aneja, no 1º curso dáballes Finucha, en 2º Margarita Otero, en 3º Trinidad Labaca, en 4º María Gil , en 5º Dona María Len e en 6º Teresa Recuna. Dona Gumersinda impartía aulas na Praza do Leite, na Calle Real. Na Casa das Campás, as irmás Méndez, Isolina , Mercedes e Canducha, esta última casada co médico Tino Poza. Máis nova, Celia foi ao Froebel, á Escuela de Orientación Marítima, onde ían as crianzas dos mariñeiros, 6 aulas de nenos e 2 de nenas, con entradas diferentes. De acordo coas normas da época, os currículos tamén eran diferentes, as nenas cosíamos, rezábamos e pouco máis. Xorden axiña sentimentos de admiración e agradecemento a  unhas mulleres ás que moito lle deben, con elas aprenderon o abecedario, os números, as primeiras leccións de xeografía…e con Dona Gumersinda a aprendizaxe completábase co bordado, os palillos e a mecanografía. Gardan con agarimo na memoria todos os nomes das mestras, que as levan a uns momentos entrañábeis, cheos de tenrura, de xogos e de aprendizaxe, mais tamén de nostalxia, por non poder  nalgúns casos continuar unha arelada formación académica. A semana que pasaban na Lama, coas colonias, representaban unha aventura para as nenas que nunca saíran da casa. Nunha terra de lobos cantaban baixiño para espantar o medo polas noites, seguindo as indicacións de don Joaquín o mestre que as acompañaba xunto coa muller, tamén ensinante, dona Sara.

Lembran en Montero Ríos a Escuela Normal, no edificio que pasou a ser a Delegación de Educación e actualmente forma parte dos servizos da Deputación. Mais estas mozas non chegaron a cursar estudos despois da escola, e ás veces nin siquera estes remataban, desde pequenas traballaban en todo o que xurdía, tanto nos labores domésticos axudando na casa como no traballo do peixe, limpando, vendendo… Aos 13 anos Ramona deixou a escola para poñerse a traballar.

Enfermidades como a meninxite cebábanse na poboación, Josefa e Ramona non escaparon, continuamente había que ir buscar auga á fonte para baixarlles a temperatura, as dores de cabeza eran tan intensas que Josefa batía con ela contra a parede  ,deixádea, anda tola , está enferma, berraba a nai aos irmáns, que ficaban abraiados. Ramona tivo que aprender de novo a andar.

Eran tempos de pobreza, as chinches invadían os leitos, había que espilir a la dos colchóns e remexer os de follato. Tempos de penurias, escollían as partes máis baixas do río para lavar os panos da menstruación, así ninguén miraba baixar as augas de cor roxa. Convivían todas estas realidades coa riqueza da casa dos leóns da Dórica, a casa de Dona Charo, da familia Fonseca, propietaria da fábrica de madeiras.

Lavandeiras no Gafos

Lavandeiras no Gafos ao fondo o edificio da Normal

lavandeiras no Gafos

Río Gafos 1900 Zagala

Entre outros xogos, o peletre, o lipe, e a corda , puñan unha nota de ledicia  na praza situada onde está actualmente a estatua da Muller do emigrante, na zona da actual Casa Digna. Sentábanse a xogar, diante da casa da Sra Pepa, que lles botaba auga para espantalas, trouxera as pedras de Marcón e alí ninguén se podía poñer, non fóra ser que llas gastasen…. A chegada dos títeres coa súa cabra era todo un acontecemento, a troupe -formada pola pequena Pinqui, a nai, e o pai, o señor Miguel – alborotaba o barrio coas actuacións, ás que acudían con gran ledicia a xente maior e as crianzas, até que un día levaron preso ao home, por motivos políticos. Considerado como algo irreverente e marxinal, este tipo de actuacións non gozaba da estima do poder. Co tempo deixaron de actuar no barrio e as nenas acudían co banco á representación na Pedreira. As cancións picantes de Fredi e María Eugenia  completaban a oferta de lecer nas tardes de verán.

Nunha casiña vella en ruínas, na parte de atrás de onde se atopa actualmente o comercio de electrodomésticos Eduardo , os nenos poñían velas e a escuridade do interior atraía ás máis ousadas que sucumbían á tentación de descubrir se os pantasmas imaxinarios eran unha realidade; na procura do misterio que as agardaba, entraban tremando e saían ás carreiras. Historias cheas de fantasía, que axudaban a evadirse do presente. Con picardía sinalan que o lugar tamén serviu de acubillo aos primeiros contactos amorosos dalgunhas parellas, que buscaban na escuridade un espazo de intimidade .

Entre os peiraos de Teseláns, Vilas , Ogando, Forniños, no lavadeiro do Peilán e sobre as lousas espalladas ás beiras do río Gafos, ao son dos xogos atrapaban anacos de conversas que non entendían e que despertaban aínda máis o seu interese cando oían “Hai roupa tendida” , sinal que para a rapazada rodeada de sabas ao clareo, carecía de sentido. O mesmo sucedía cando unha cantiga algo subida de tono chegaba aos oídos infantís. Os sons das voces femininas espallábanse entre os tendais da roupa e os segredos corrían axiña nas súas bocas. Cos xionllos destrozados e coas mans nas augas frías do regato, as nais daban conta da actualidade, tecendo redes de amizade e de sororidade. Logo percorrían as rúas da vila, cargadas de roupa limpa coas tinas na cabeza. Traballos duros que lle pasaban factura ao longo dos anos.

Xuntas iniciaron a aprendizaxe da vida, xuntas viviron os primeiros namoros e os desconcertos e as inquedanzas ante as mudanzas  no corpo. As festas alegraban os días grises, a primavera festexábase cos Maios, coa cruz paseaban pola Ferraría, cantando:

   Santa Cruz do maio

Vídenos buscar,

Que estamos perdidos

No medio do mar,

na procura dalgunha moeda, que lles permitía comprar alguna larpeirada, coa ladaíña de Señor, non nos dá unha perriña…

Cantigas do maio, de carácter satírico e reivindicativo; tardaron moito en entregar as casas dos mariñeiros ,  Celia e o grupo cantaban:

As casas dos mariñeiros

aínda están sen entregar,

é para o ano que vén,

élles cousa de olvidar,

e os pobres mariñeiros

que están vivindo a montóns

téñenlle o ollo botado

ás que van facer no Dorrón

Nas calurosas tardes de verán atravesaban o río na barca do Sr. Pla e na praia da Puntada refrescaban os seus corpos , entre xogos e carreiras agardaban a hora da volta.

Os domingos as nenas de extramuros ían mirar as señoritas do centro no paseo, na rúa da Oliva ou na Alameda e tirábanlles os peghadizos, que quedaban pegados na roupa e no pelo. Con moita pillería axexaban os arrumacos das parellas nos salóns de baile, no Méndez Núñez, no Urquín, ou no Coliseo. Fronte ás do centro, a sensación da pertenza a outra comunidade era un reforzo identitario, que as enchía de orgullo.

As visitas das compañías teatrais eran todo un evento,  Amparo Rivelles, Rafael Durán, Carlos Larrañaga, etc formaban parte das compañías; as zarzuelas na Praza de touros e no Teatro Principal completaban a oferta de lecer, xunto coa carteleira dos cines Victoria, Malvar, o  Cine de los Exploradores… Pola tarde, ao saír da escola na Praza do Pan, Lola ía coa avoa ao cine, dábanlle os cartos ao acomodador e ían a general. Non tiñan butaca de seu como a Amparo e a rapaza subía ás alancadas as escaleiras para coller un bo sitio, na escuridade da sala  entraban nun mundo máxico que as trasladaba a lugares fantásticos. De mozas, desde a rúa,  pola gran cristaleira do Urquín seguían engaioladas as actuacións de Machín.

Orquesta Poceiro

Orquesta Poceiro anos 50 (Pintos)

O pai de Carmela, cando deixou de ir ao mar, traballou como acomodador primeiro no Urquín e despois do seu peche, no Victoria.

Partillaron tempos e espazos, os recunchos do  barrio e as casas que sempre abertas mantiñan acesa a familiaridade e acollían  os sons riseiros dos xogos infantís e xuvenís.

 Durante a semana, cando non había escola, acompañaban ás nais a vender os lotes de  peixe. Co réxime de Franco, chegou o fielato, o pago dos impostos afogaba os petos. Os arbitrios da Ponte da Barca, da estrada de Marin e na de Vigo controlaban a entrada de mercancía na vila. Aprenderon a relear, coñeceron a picaresca das leiteiras que escondían os ovos no leite, para non declaralos e mesmo as nenas participaban moitas veces na aventura de colar o peixe no interior do mercado, sen pagar os impostos. “Pódeme levar por favor este peixe para adentro?” solicitaba Ramona á entrada da praza; burlar a vixilancia, representaba uns aforros moi estimados na precaria economía doméstica.

De mozas deixaban a escola e incorporábanse como traballadoras ao mundo do mar, Josefa  desde os 12 anos traballou coa nai nas redes e andou ao camarón. A morte do pai deixou a nai con cinco crianzas ás que sacar adiante.

O vallo e o trasmallo foron sustituidos no século XV polo cerco e o xeito, mudaron as técnicas de pesca, mais elas seguiron,  as que descargaban os produtos que chegaban nos galeóns, as atadeiras das redes, as encascadoras, as salgadoiras , as escochadoras, as regateiras, as vendedoras… todas as que realizaban labores nunca recoñecidos.

Despois dos meses de faena , comezada en setembro e rematada antes do Nadal, coa chegada dos barcos do cerco mudaba a paisaxe. O Campo das Rodas, o Campo da rúa da Fonte ou o de Mollabao aparecían estrados das redes que,  logo reparaban as redeiras ou atadeiras, nas prazas ou  no peirao, sempre que as condicións climatolóxicas o permitiran ou se non nos baixos das casas. Victoria Ramirez Núñez, a Maraghota, adicábase á reparación e ao mantenimento. Procedían asemade ao encascado, sumerxíanas nunha solución de taninos, preparada con codia de piñeiro esmagado e alquitrán.

Hai dous anos foise Mansita, a filla de Juan o Redondo. Con quince anos, Amancia Beloso Ogando colleu a pá e traballou cincuenta anos na descarga do sal para os almacéns de Carrascal. Cos muñicos na cabeza pasaba o día entre o peirao e os almacéns, cargando e descargando o sal, elemento indispensábel para a conservación do peixe. Muller afouta, repartía o carbón polas casas, ás primeiras horas da mañá saía  canda as outras mozas voltaban dos bailes, na época das festas, para ela non había descanso, traballou toda a vida mais nunca se privou dunha boa alimentación, na súa mesa sempre había bos manxares; xa de maior, moi coqueta non deixou nunca de visitar a perruquería todas as semanas.

Nos diferentes alfolíns pasaron a vida moitas mulleres do barrio, a cambio duns salarios exiguos , nunhas condicións moi precarias e sempre dirixidas por traballadores masculinos. A presenza feminina era unha constante na descarga dos diferentes productos que chegaban aos peiraos, para as fábricas da zona.

Josefa axudou á nai a lañar e a salar o peixe , preparaban a salmoira con auga e sal, facían arenques e poñíanos a secar durante 3 días, o xurel en cestas e a sardiña en pedra. Medrou axudando á nai na venda do peixe, moi cedo saían comprar a mercadoría en Marín primeiro e logo en Vigo, cargadas co peixe na cabeza volvían para vendelo no mercado. Co tempo herdou o posto da nai, onde seguiu durante anos até que o deixou para traballar nun supermercado.

Na época do marisqueo pasaban horas metidas no mar, a venda dos berberechos, ameixas ou navallas  ou o seu consumo representaba un alivio nos gastos familiares. Fronte á taberna Rache, participaban na poxa polos lotes de persebes, nécoras e bois , que traían nos barcos os vecinos de Ons.

Cargadas coa mercadoría , percorrían as rúas da vila e os camiños da contorna, Herminia Múñiz Beloso, Nucha, da familia das Boronas vendía a mercancía nas feiras de Cuspedriños e de Campo Lameiro. Nas épocas dos temporais as vendas reducíanse ao peixe salgado, que previamente se preparaba nos baixos das casas.

A fábrica de conservas “Uzal” e as fábricas de gaseosas representaron tamén unha ocasión para a incorporación ao mercado laboral asalariado.

O avó tiña barcos , a nai, as tías e as irmás maiores traballaron no peixe, Carmela medrou no Campo da Torre  ao carón delas, mais nunca traballou no peixe, aprendeu a bordar e logo traballou na tenda de fotografía de Chao. Josefa tamén coseu durante un tempo. Celia aos trece anos aprendeu a coser e despois traballou para fóra .

Ante os seus ollos desfilaba a vida cotiá,  chea de anécdotas non exentas das normais liortas veciñais, nas que máis dunha vez tiveron que tomar partido. Na praza do Campo, a discusión pola desaparición dun polo enfrontou a Maruja la de Satán coa Ranga, o vecindario tomou parte no asunto e Josefa tivo que intervir defendendo á súa avoa, partidaria de Maruja. Por mor desta intervención, anos despois seguía a recibir insultos pola rúa. Os espazos públicos -lavadeiros, rúas e prazas- eran espazos de sororidade, onde as mulleres partillaban aventuras e desventuras .

Nas súas gorxas agóchanse realidades   anacos de vida  , narracións  de tempos pasados. Cos ouvidos atentos escoitaban a historia da mociña, veciña do Campo do Boi, que emigrara coa familia a Barcelona. Con catorce anos , por mor das Festas da Peregrina, en agosto de 1934, voltou á súa vila Pilar Bértola, Premio de Honor da Casa de Galicia de Barcelona, vestida de galega recitou nun programa de radio e no Teatro Principal diferentes poemas da literatura galega con gran éxito. A morte temperá sesgou a vida dunha gran promesa artística, no mes seguinte. Anos máis tarde, a nena rapsoda recibiu unha homenaxe promovida pola Casa de Galicia en Barcelona, na que participou tamén o concello de Pontevedra. A xente da Moureira e toda a cidade asistiron a este acto emotivo, cheo de recoñecemento.

Souberon de amores prohibidos, velas acesas agardando detrás das fiestras o calor de relacións agochadas. Con inocencia  intentaban comprender as verbas veladas que falaban de esguello da  contorna da Igrexa de Santa María , das rúas da Fonte da Moureira,  de  Xan Guillermo, e do Ouro, onde exerceron o seu traballo mulleres , que vendían o seu corpo cálido como único medio de subsistencia. Reflexo dunha sociedade hipócrita, que pechaba os ollos ante o desamparo das mozas, diferentes locais acollían esta actividade; nas súas mentes aínda fican algún dos nomes de historias prohibidas,  Pilarín, La Mimitos, María Risco A Pitisa, ou La Marañona, eran  personaxes que formaban parte dos faladoiros nas tabernas ,nos cafés da época, nos barcos e nos peiraos.

Infancia e mocidade marcadas pola represión da guerra e da posguerra, un mundo de medo gravado a lume no interior destas nenas que se movían nun entorno maioritariamente republicano, en verbas dun pescador de Pontedeume, na beiramar galega reinaba a República. Despois do alzamento militar de 1936 , viviron o terror que deixou nelas unha forte pegada ,máis unha vez son elas as dobremente represaliadas, pola ideoloxía e por non responder ao modelo feminino imposto polo franquismo.

Con once anos, colleron unha noite a Vicente, o irmán de Lola, na casa da avoa e en calzoncillos levárono ao Campo á casa da nai, na procura dos Torreros. A bisavoa tíñaos agochados nun chamizo, entre os aparellos da pesca, mais lograron fuxir a nado para casa duns amigos en Poio, Dona Carme e Don Ramón, o Paxaro. Prenderon a Modesto, Pepe salvouse escondido na casa do can, que non ouveou porque o coñecía. Iso todo o contaban na miña casa, comenta Lola, abraiada aínda agora por semellante comportamento cun cativo de once anos.

Por ser de esquerdas,  mataron a Ramiro, o da ghoveleta, administrador no hospital e dono dunha imprenta . Tivera cinco fillos coa primeira muller, a Sra Jesusa, o pai era o Carambola, con Lola, a segunda tivo tres. La Ranga era comunista, a Solita, a filla, puxéronlle UHP na fronte, collérona por ser de esquerdas. Eran de Monteporreiro, estivo empregada na Telefónica e vivía no Campo da Torre.

O pai, o tío, os primos e primas de Ramona sufriron todo tipo de persecucións. A familia Fariña Torres foi unha das máis perseguidas en todo o barrio. Desaparicións, rexistros contínuos nos domicilios marcaban o reloxo das familias e a vida da xente miúda, que xogando ao escondite atopaba algún familiar agochado, do que non se podía dar conta. Aprenderon moi cedo o valor do silencio ,  ante a vixilancia abafante ,os xogos  na rúa abrían unha fenda na tristura imperante.

Señora, coñece usted Antón Louro?Como lle chaman ao seu home?Como é que non o lembra? Interrogaban os falanxistas e os cívicos á nai de Ramona, mentres o pai e o tío fuxían na barca remando cara a Bueu.

Familias destrozadas pola traxedia, A Xenxa está secando o xurel e aquí está o fillo morto .Unha prima mira a noticia no xornal e avisa á nai de Lola, así coñeceron na casa a noticia da morte de Modesto, o  fillo que estaba na Marina en Cartagena. Nunca comprenderon na familia  a causa do accidente do submarino e sempre a vencellaron con asuntos da guerra.

A sororidade veciñal afortalábase coa camaradería política, nais e fillas partillaban ideas e respostaban unidas fronte á sinrazón da crueldade e da persecución. Xuntas enchían os baleiros que o terror causaba nas súas vidas e tecían redes de solidariedade.

Os nomes dos torturadores e cómplices fican nas súas mentes, gravadas para sempre polo horror e a dor. O cura de Lérez, don Leandro, o médico Lis, veciño na rúa Nova de Abaixo, o de Vázquez forman parte desa listaxe aciaga.

A tristura e a carraxe abonda nos comentarios que suliñan a incomprensión ante a dureza da persecución da xente por mor dunha ideoloxía, Polas ideas non se mata a ninguén. Represión atroz nunha zona onde, insisten varias , non houbo guerra.

 Nas postais da lembranza, aparecen figuras senlleiras da contorna e Dolores comenta a presenza de Benito Soto na árbore xenealóxica da familia, a súa bisavoa era sobriña do pirata.

No faladoiro sobre o seu pasado e nas conversas cotiáns xorden os alcumes, unha parte do legado que, depositarias de xeracións pasadas, seguen a empregar. Sinais identitarios de moitas familias da zona, permanecen vivos nas súas voces. Labores, oficios, particularidades reféxanse nos nomes , testemuños dun mundo no que imperaba a familiaridade . No caso de Ramona abondan, a Torreira, a nai era Olivia Fariña Torres, ou a Valenciana polo seu avó, o pai era o Pirillón, comenta con ollos pícaros que era moi pillo. Dolores Fontán, Xenxa, como denominaban á nai.

Josefa Barcia García, a Tortiña , porque a nai tiña unha mancha nun ollo, Bujía, xa que a nai era sobriña de Teresa Bujía e Patricia , polo pai, tiña moitos libros, gustáballe moito ler, “pareces un patricio” dicíanlle. Polas súas habilidades xogando ás bolas, un dos irmáns de Josefa era o traghabolas, gañaba sempre , “ti parece que traghas as bolas”, comentaban os pequenos.

Carmela La Pilota,ou La Chichirica, o avó paterno era Miguel o Chico, o pai comía pouco , moi miudiño de pequeño e puxéronlle o Chichirico.

Dolores Fontán, Fideo- debido á súa delgadez- tivo un bisavó paterno o Xoqueiro e ao seu pai chamábanlle Julilla porque ao quedar orfo se criara cuns tíos que levaban ese nome.

Victoria, A MaraghotaJosefa Chaparena, Carmen A pata , Elvira Guiance, Sirina, Rosa e Lola, as Pandaretas, Sra Pilar, Sirina, Sinsita, a Lavia, a Saltona, a Pucha, La Choriza, La Combarresa…, forman parte dese tesouro que fica vivo nos seus beizos.

Ramona, Dolores, Josefa e Carmela

Ramona Domínguez, Dolores Fontán, Josefa Barcia e Carmela Fariña.

Nos tempos difíciles, a emigración era unha saída, en todas as familias houbo quen foi probar sorte alén dos mares e tiraba pola xente moza, deixando as familias estragadas polo mundo. Tampouco elas libraron da emigración. Unha tía levou a Lola, irmá de Josefa ,  para Bos Aires, o irmán estivo en Brasil. Aos 32 anos Ramona marchou para Alemaña, logo tocoulle a vez a Inglaterra, en Manchester e despois Londres, onde traballou nun hospital. Pasou alá catro anos moi contenta coa nova vida mais  ante a chamada da nai regresou coa promesa de voltar para que lle conservaran a praza. Ficou coa súa xente e púxose a vender.

 Velaí esta pequeña homenaxe a todas elas , as mulleres dun barrio que non figuran en ningures.  Xan Guillerme, Domingo de Andrade, etc forman parte dun rueiro masculinizado, que iñora a metade da poboación. Se detrás de cada placa hai un anaco de vida, unha pequena historia que conforma a historia do barrio e da vila, é de xustiza recoñecer a pegada das  mulleres e empregar os seus nomes no rueiro, como recoñecemento público. Cómpre instalar na memoria colectiva unha narrativa diferente, centrada no colectivo feminino, ocultado baixo a brétema do esquecemento. Cómpre abrir os ollos para descubrir o que permanece agochado e escoitar as verbas femininas que nos falan da outra historia, da historia tecida polas mulleres.

Mª Xesús López Escudeiro

Mª Xesús López Escudeiro

Profesora de francés xubilada

Licenciada en Filoloxía Francesa na cidade de  Compostela, a cidade onde naceu.

Profesora de Francés en diferentes institutos, xubilouse no IES Xunqueira I, de Pontevedra.

Exerceu como Concelleira polo BNG, en Pontevedra e como Delegada de Cultura, Patrimonio e Deportes no goberno bipartito da Xunta de Galiza.

Dirixiu o programa “Vivas e Visibles” do Concello de Sarria (Lugo) e coorganizou a exposición “Esquecidas”, en 2018.

Na actualidade participa no programa do Concello de Pontevedra “Memoria das Mulleres”, dentro do que coorganizou a exposición en 2015 “Do gris ao violeta”.

Forma parte do Movemento Galego pola Recuperación da Memoria Histórica.

O  centro das súas inquedanzas xira arredor do tema das mulleres e da recuperación pola memoria histórica.

Historia de vida

Pequenas figuras, grandes feitos

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥