Coñecín a Rosabel en Anceu no ano 2020. Estiven 15 días no coliving aprendendo e ordenando as ideas do que foi a creación do noso blog devellabella. Era unha muller disposta a todo, sempre cun sorriso na cara, facía as tarefas tanto da casa como da horta, tomeille moito cariño porque facía parte da familia que alí tiñamos. Hoxe, tres anos despois e recén estreados os 60, sentamos a falar da súa vida no salón de Arroelo.
Rosa Ysabel Piñeiro Boullosa, (o y grego foi cousa do notario brasileiro que a inscribiu) naceu en Anceu, Pontecaldelas, o 4 de maio de 1963. Filla de Ramiro e de Celina, oriúndos ambos de Anceu, que se coñeceron porque Celina foi criada da madriña de Ramiro, que quedara orfo aos 9 anos. Namoraron e casaron.
O pai marchou para o Brasil, a Salvador de Bahía, a traballar e deixou a súa nai co pequeno Ramiro. En Brasil montou unha panadaría. Voltou cando seu irmán tiña 8 anos. Volveu marchar e naceu ela. A súa vida na aldea era tranquila. Ía á escola de oínte porque non tiña idade para ir cos maiores que empezaban a escola aos 7 anos. Axudaba á sua nai na horta, na cociña e cos animais.
Rosabel de nena
A familia
Rosabel
Co seus irmán Ramiro e súa nai
Cando cumpriu 6 anos marcharon todos para Brasil e por fin coñeceu a seu pai. Foi un grande impacto porque cando o viu subir as escaleiras do barco e agarrala do brazo ela non sabía por qué o facía nin quen era aquel home. Pasárono mal os dous.
En Brasil empezou nunha escola de monxas privada. Xa sabía escribir pero non sabía ler e non entendía moi ben nin a entendían a ela a pesar de falar galego polo que estaba castigada con frecuencia. Lembra a calor que ía e cando a castigaban deitábase nunha mesa de mármore para estar máis fresquiña. O uniforme era unha saia gris e unha camisa branca. Nese colexio estivo un ano e fixo alí a comuñón, de monxa, claro.
Día da comuñón de Rosabel
Rosabel no colexio 1970
Ademais do seu irmán Ramiro, seu pai tivo outra filla, Dolores, cando aínda non estaba casado, pero que non sabía dela. Dolores vive en Mallorca e agora Lévanse moi ben.
Ao cumprir os 7 anos pasou á escola do goberno, Leopoldo dos Reis. Alí fixo amigos que aínda conserva como Katia, Cristina, Gilson, Jane… Nesa escola estivo ata os 10 anos. Despois faría a secundaria e a Formación Profesional en Laboratorio Clínico, o que sempre quixo facer.
Traballou un ano nun laboratorio do exército facendo análises, o primeiro día un coronel díxolle “Non te poñas nerviosa, aí tes 20 camas para que entrenes”.
“Non te poñas nerviosa, aí tes 20 camas para que entrenes”.
Tiña uns pais moi permisivos, que non facían diferenzas entre seu irmán e ela. Saía coas amigas e non tiña que pedir permiso para as actividades que quería facer.
Cando tiña 18 anos veu coa súa nai a Anceu. Pasaran 13 anos desde a súa marcha. Viuno todo moi bonito e adaptouse perfectamente. Todo era novidade e gustáballe o que atopaba. Cando ían segar ela levaba a merenda, ía coas primas levar a vaca ao boi. Integrouse rapidamente na vida da aldea que a facía feliz. Pasaron aquí un ano completo e en setembro, para a festa, recibiron por sorpresa a visita do pai e a do seu irmán que xa vivía independente en México. Marcharon en decembro e foron á voda de seu irmán Ramiro a México onde coincidiu con Ángel, un amigo de seu irmán que xogaba ao futbol con el e que lle facía as beiras. Era un galego de Avión que tiña unha moblaría. un mes tamén casaron e quedaron a vivir en Ciudad Nezahualcóyotl. Logo irían a Tlaxcala e México DF. Estivo 17 anos vivindo en México.
Rosabel e a súa nai
Tivo dous fillos, Camilo que naceu no ano 1984 e Angel en 1990. Os seu pai foi visitala dúas veces e a nai catro. Cando o seu pai se xubilou con 60 anos estivo 6 meses con ela en México antes de vir definitivamente a España. En México había moita inseguridade e cando viñeron a España o seu fillo que tiña 16 anos non estaba acostumado a saír só da casa. Dividían a vida entre Anceu e Avión para que os avós puideran estar cos netos.
Os pais establecéronse na aldea e eles volveron a cidade de México. O matrimonio non ía ben e ela quería vir e coidar dos pais que xa se facían maiores. Volveron a España e deulle outra oportunidade á súa vida, pero non puido ser e con 43 anos decidiu separarse. Empezou de cero, sacou o carnet de conducir e púxose a traballar no concello coas persoas maiores. O médico de cabeceira de Ponte Caldelas ofreceulle coidar do seu tío e pouco a pouco tivo máis traballos. En Pontevedra tamén coidou a persoas maiores. Gustáballe moito o seu traballo.
Rosabel cos seus fillos
Mentres os fillos estudaban e estaban na casa nunca se preocupou en saír a divertirse pero cando se independizaron decidiu que xa era hora de coñecer a unha boa persoa. Díxolle aos fillos: “Eu quero coñecer a alguén, aviso, igual teño que bicar moitos sapos”
Cada seis meses tiña que ir á Coruña a compulsar unha fe de vida para a pensión da súa nai e alí coñeceu a Pedro, que traballaba na administración da policía.
Un día estaba cunha amiga ollando as fotos dos homes que había nunha rede social e viu a Pedro. Pediulle á amiga que lle abrira un perfil e decidiu escribirlle. Empezaron a falar a través da rede. El era viúvo de Cartaxena pero o trasladan á Coruña. Un día Pedro chamouna e preguntoulle se quería tomar un vermú porque estaba na aldea. Empezaron a saír hai xa 9 anos. Cando levaban ano e medio de relación e Pedro xa se ía xubilar, propúxolle vivir xuntos en Anceu.
Rosa e Pedro
Emociónase ao falar do pai. Tiña medo a morrer. Coñeceu a Pedro e ao día seguinte morreu. A morte deulle tranquilidade. A nai ainda viviu uns anos máis. Era unha muller moi práctica e xa tiña arranxada a roupa que quería levar cando morrese.
Estando con Pedro aínda traballou un pouco na xeriátrico Soremay. Despois preferiu coidar a nai e estar na casa.
Ten dous netos de 7 anos. Láiase de que como vivían en Poio perdeu un pouco a súa infancia e ela deixou de traballar en Pontevedra. Tamén ten unha neta, Nayara, de 19 anos.
A chegada de Agustín para mercar o restaurante de Anceu foi todo unha novidade. O seu fillo foi o encargado de ensinarlle a casa e a finca porque á dona, alemá, déralle un ictus. Agustin sempre ía á súa casa preguntarlle cousas e ela dáballe ovos e mel. Aínda que tiña outras opcións de compra noutro lado, esa familiaridade e o sitio convenceron ao enxeñeiro informático a mercar unha casa na aldea de Anceu e fundar un coliving e a súa propia casa.
Os seus netos
Empezou traballando un pouco de todo con horario flexible. Despois chegaría África, a parella de Agustin. Organizaron as quendas e tivo máis responsabilidade. Grazas a ese tándem o coliving funciona de marabilla e agora ten varias persoas a seu cargo, un para mantemento, outra para cociña, etc. O seu horario é de 7:30 a 12:30. O traballo axudouna a pasar o dó da morte da nai.
Rosabel é feliz na casa. Gústalle ler e a última novela que leu foi Todo esto te daré de Dolores Redondo. O seu soño non é nada máis que ver os fillos estar ben, mellor do que están.
Non lle ten medo a nada. Een decembro do 2022 foi a Estambul 4 días para facer un implante capilar. A morte da súa nai e o hipertiroidismo que padece déronlle moita ansiedade e afectoulle a autoestima. A súa irmá xa o fixera o ano anterior xunto con 4 persoas máis e quedara fantástica. Aínda que na súa estadía en Estambul a trataron moi ben, na rúa sentíase rara, con medo. Non é un pais que lle dera seguridade.
Ao integrarse á vida do coliving tivo a oportunidade de viaxar a Francia, á rexión de Normandía, a coñecer outro coliving. Agora xa non hai quen a pare e está a espera do próximo reto.
Viaxou cunhas primas pola costa azul, Antibes, Mónaco… Tamén por Portugal que lle gusta moito. Este ano ten programada unha viaxe a Brasil con Pedro en decembro durante un mes. En Matogrosso quedarán na casa dun primo e en Bahía van de hotel para non molestar aos parentes.
O que máis lle gusta do coliving de Ancu é facer que a xente que alí chega se sinta como na casa. Son unha familia e comparten moitas horas. O que vén unha vez sempre repite. Quere recalcar o papel fundamental que fai África como xestora. Ela ten visión de negocio á vez que se implica nos proxectos de decoración. É xunto con Agustín a peza clave da comunidade.
Con Sé na súa viaxe a Francia
A súa casa é o seu refuxio. No cuarto da nai ten o seu despacho que é o seu santuario. Non sabe ver a televisión e non ter nada nas mans. A idade está na cabeza. Non hai trabas para nada e está disposta a coñecer culturas diferentes, por iso lle gusta tanto falar cos colivers que chegan a Anceu e mesturarse entre eles para seguir aprendendo.
Rematamos a charla coa sensación de que aínda quedan cousas por falar. Vémonos nuns días nun encontro de arte como transformación social. O caso é seguir aprendendo.
Gravación e edición de Iván Sánchez Santos
Ana Santos Solla
Profesora de E.F.
Son Ana Santos, nacín en Pontevedra no ano 1960, a miña infancia estivo moi ligada a Santa María de Xeve, a terra da miña nai, son a terceira de 8 irmáns, a maior das mozas, a máis vella como me dicían de pequena. Sempre me gustou o deporte e estudei INEF en Madrid, estiven 34 anos no IES Valle Inclán impartindo Educación Física alí foi onde coñecín ao resto dos meus compañeiros que agora me acompañan neste proxecto. Decidín xubilarme para dar un novo rumbo á miña vida e levar a cabo este tipo de iniciativas como @devellabella ue pretende que o envellecemento activo convértase en embelecemento persoal e poder achegar a miña experiencia nesta etapa da vida.
Nós os maiores aínda temos moita guerra que dar, espero que este blogue motívevos a querer colaborar connosco.
máis artigos
Actividades culturais do 9 ao 15 de setembro 2024 por Ana Santos
by Ana | Setembro 8, 2024 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 27 de maio ao 2 de Xuño por Ana Santos
by Ana | Maio 26, 2024 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 20 ao 26 de Maio 2024 por Ana Santos
by Ana | Maio 19, 2024 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 13 ao 19 de Maio 2024 por Ana Santos
by Ana | Maio 12, 2024 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 6 ao 12 de Maio 2024 por Ana Santos
by Ana | Maio 5, 2024 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 29 de abril ao 5 de maio por Ana Santos
by Ana | Abril 28, 2024 | Actividades | 0 Comments
Anxo da Ferreira por Ana Santos Solla
by Ana | Xuño 23, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Marigel Pérez García por Ana Santos Solla
by Ana | Maio 5, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Víctor Pedreira Crespo por Ana Santos Solla
by Ana | Abril 14, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Carmen Fernández Conde por Ana Santos
by Ana | Marzo 10, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Fidelina Gómez Rancaño por Ana Santos
by Ana | Febreiro 11, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Fita a Galana por Ana Santos Solla #devellabella#
by Ana | Xaneiro 14, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
La soledad de los días por Isabel García Uría
by Colaborador | Xuño 23, 2024 | Literarias | 0 Comments
Xan Pirolán por Manolo Gulias Márquez
by Colaborador | Xuño 23, 2024 | Bienestar, Literarias | 0 Comments
Existencia efímera por Jose Solla Casqueiro
by Colaborador | Xuño 16, 2024 | Fotográficas | 0 Comments