Conversa entre PTVs

Salomé Álvarez Blanco, nada en Pontevedra o 29 de outubro de 1947, reivindica para ela e para todas as que estamos orgullosas da cidade na que nacemos e escollemos vivir, a etiqueta PTV, de Pontevedra de Toda a Vida, rexeitando o carácter pexorativo que se lle adxudica.

E que Salomé é unha muller que podemos cualificar de meliorativa. De ascendencia pontevedresa por parte de pai, do cerne da cidade, da Moureira, e por liña materna, de Bora, naceu e criouse na rúa Real, na emblemática fonte dos Tornos. Estudou o bacharelato no Instituto de Pontevedra, cursou a carreira de Filoloxía Románica na Universidade de Santiago, e a súa vida profesional como profesora de Lingua española, transcorreu sempre en Pontevedra, maioritariamente no IES A Xunqueira, ata a súa xubilación.

Foi concelleira en Pontevedra polo BNG durante 10 anos, 8 deles na oposición e 2 no equipo de goberno, e deputada no Parlamento de Galicia durante dúas lexislaturas, ocupando a vicepresidencia segunda na VI lexislatura galega.

Salomé

Podemos dicir que toda a túa vida está dedicada a docencia. Porque escolles esta profesión?

Nun principio pensei en facer Dereito, pero tamén me gustaba a literatura e a historia, e non sabería moi ben que me levou a escoller Filoloxía, que te levaba directamente á educación. E así, comecei a traballar no que antes era a Escola de Mestría, cando xa tiña fillos.

 Algún profesor ou profesora que recordes especialmente da túa etapa de estudante?

Daquela había no Instituto profesores moi emblemáticos, como o señor Noya, que era unha persoa marabillosa ou don Mariano, don Augusto (todos eran don), ou Carmiña Bugallo. E tiven moi bos profesores de Matemáticas.

Empezaches a traballar de moi nova e tamén tiveches os fillos moi nova. Cando casaches entón?

Moi nova, con 23 anos, e os fillos tívenos todos seguidos, o primeiro aos dous anos de comezar a traballar. Catro fillos en catro anos. Daquela era distinto de agora.

 E logo, deixas o mundo da educación e entras de cheo na política. Como foi esa decisión?

Entrei na política un pouco por casualidade. Estaba de directora no Instituto e un compañeiro meu que era do BNG ofreceume ir na lista das municipais, cousa que eu en principio rexeitei, e acabei aceptando ir nun posto baixo. Fun de número 4 convencida de que non ía saír, xa que daquela o BNG so tiña a un, a Miguel Anxo, e mira ti, acabei de concelleira, entramos catro. E é como un círculo, líaste e acabei máis metida.

Porque uns anos despois dás o salto ao Parlamento de Galicia.

Eu tampouco quería ir, porque non me vía. A política é complicada, tes que ter unha forma de ser particular para aguantar moitas cousas. E ademais, opino que a política ten que ser transitoria, non a política como tal, que é para toda a vida, pero si a política  de cargos institucionais, que deberían ter un tempo limitado para non asentarte na rutina e acomodarte. Pero ao final convencéronme, ía tamén de número 4, e no ano 1997 entrei no Parlamento, e continuei na seguinte lexislatura,  cando xa levabamos dous anos no goberno municipal. No Concello de Pontevedra fun responsable da Concellaría da muller e de educación. Pero ao entrar a formar parte da mesa do Parlamento, no ano 2001, renunciei ao Concello porque non podía atendelo todo.

Levando a Concellaría da muller, definiríaste como feminista? Como ves o movemento feminista?

Eu nunca me definín como feminista, nunca estiven nas loitas feministas daquela época. Teño moitas amigas que estiveron desde os inicios, e mentiría se dixera agora que eu tamén estiven e quixera adxudicarme un papel que nunca exercín. É un labor que me parece fundamental, os problemas das mulleres seguen existindo, creo que avanzamos moito pero non o suficiente, incluso parece que estamos indo un pouco para atrás. Si que foi un tema que sempre me preocupou. Cando collemos o goberno do concello, unha das cousas que fixemos foi crear a concellaría da muller, que xa existía na maioría das cidades galegas; en Vigo estaba Ana Gandón e en Santiago, Encarna Otero, coas que contactei e quedei abraiada cos orzamentos que tiñan. Aquí non había dotación orzamentaria, conseguín facelo e creamos o CIM, o Centro de Información á Muller, o Consello da muller, e todo iso tivo continuidade coas concelleiras que viñeron despois. Foi unha época moi importante, porque empezaron a poñerse piares que antes non había. E sempre lle estarei agradecida ao persoal técnico do concello que me axudou enormemente, tanto os de educación como as da concellaría de igualdade, que non había nada. Estou orgullosa e contenta do que fixemos, visitei todos os colexios e aprendín e asombreime de todo o que se facía, sobre todo nos colexios de primaria, que traballaban moito e moi ben, pero que nunca divulgaron todo o traballo que se fai neles. Cando marchei, xuntáronse todos os directores dos colexios, de todas as cores políticas, e fixéronme un agasallo. Púidose facer máis, pero traballei moi a gusto.

Salomé 2
Salomé 2

Que persoa ou persoas sinalarías, do teu paso por esa vida política da que fuches parte tan activa, que consideres que foi máis relevante ou te marcou máis?

Hai unha personalidade que a min me parece que foi dos políticos máis importantes e mellores que houbo no país, que foi Xosé Manuel Beiras. A súa personalidade é irrepetible. E tamén hai outra persoa que me gustaba moito como era, Alfredo Suárez Canal. Creo que na política o máis importante é ser boa persoa, podes ser moi traballador, pero se non es boa persoa, a min non me vale.

 Dúas maneiras diferentes de facer política, no plano de país e no plano municipal. Con cal quedarías?

Coa local, sen dúbida. Pero a miña experiencia a nivel galego tamén é boa. Estou contenta de ter sido deputada, da época que vivín; creo que foi moi boa época, tanto para min coma para a política. Había outro clima, outras formas, que fixeron que eu estivera a gusto. Pero ao final xa estaba un pouco cansa, necesitaba desconectar, e deixeino e volvín á docencia.

 Custouche a volta a docencia? Aínda que levaras tempo na profesión, o certo é que é un cambio de escenario.

A verdade que non me custou nada, porque é algo que sempre me gustou,  e no instituto había bo ambiente. Recicleime antes de reincorporarme, cheguei alí e parecía que non pasara o tempo, que estivera o día anterior. Tamén creo que agora cambiou moito o ensino. A relación que tiñamos entre os compañeiros era moi boa, o centro era como a túa segunda casa; pasabamos horas charlando despois das clases, chegabamos antes á sala de profesores para conversar. Eu creo que o feito de meter os ordenadores na sala de profesores cambiou a dinámica, porque todo o mundo chegaba ao ordenador a facer as cousas, e perdeuse a relación, ese ambiente máis social. É certo que cambiaron máis cousas, como na sociedade.

E como articulabas a conciliación, o coidado dos fillos, co traballo? O feito de ter familia na cidade seguro que tamén te axudou.

A verdade é que leveino bastante ben, porque os rapaces estaban no colexio do lado, e eu procuraba compaxinar os meus horarios de clase cos seus horarios. E miña nai tamén me axudou moito, a pesares de traballar fora da casa. Meus pais tiñan unha tinturería, pero meu pai morreu moi novo, e miña nai tivo que traballar moito, pero aínda así, axudoume.

Salomé 1

E nesta cidade, da que te sentes e es parte, como ves os cambios que se produciron nos últimos anos?

A min sempre me gustou a cidade, non só o bonita que é, a ubicación, o entorno, o clima, todo me gusta de Pontevedra. E nos últimos anos converteuse nunha cidade máis acolledora e ben coidada.

 Agora que formas parte deste grupo que conformamos as persoas xubiladas, botas algo en falta do que ocupou a túa traxectoria profesional, do ensino ou da política?

A verdade é que non, estou moi tranquila, teño o que poderíamos dicir unha xubilación vaga. Non teño ganas nin de facer inglés, nin nada diso. O único que fago de xeito sistemático é aquagym, que me encanta, pero nada máis. Teño un terreo pero traballo pouco nel. O que me gusta é charlar coas amigas, teño varios grupos, que vou alternando, e leo, paseo e vexo televisión. E alégrome moito de non estar nestes momentos nin no ensino nin na política. Todo cambiou moito, e neste último ano de pandemia, no ensino debeu ser un horror, polos medos e o estrés, iso sen contar co exceso de burocratización no que se converteu nos últimos tempos. E na política tampouco me apetece nada, prefiro vela desde fóra. Procuro pasar un pouco do ruído, os medios de comunicación dan medo e cústame comprender a sociedade, preocúpame.

En devellabella andamos a darlle voltas ás propostas que se fan desde o concello ou outras administracións para o tempo de lecer que temos as persoas xubiladas, aínda que a túa sexa unha xubilación máis vaga, coma dis, botas en falta algunha iniciativa?

É certo que teño amigas que comentan que en Pontevedra non hai propostas de actividades, como hai en Poio, e si que creo que hai demanda de actividades para xente xubilada, demanda que non está cuberta.

 Ocupas entón o tempo de xeito máis acaído. Por exemplo coa lectura. Que estás lendo ou que che gustou dos últimos libros que tiveches entre mans?

Non penses que leo tanto, aínda que me gusta moito, pero é que non me dá tempo a nada.  Leo mesturado, pero ultimamente  gustoume e paréceme interesante, “A viaxe xeométrica de Domingo Fontán” de Alberto Fortes sobre o poliédrico que era este personaxe, do que descoñecemos moitas das súas facetas, todas interesantísimas. E “As mulleres da casa da Bouça”, de Adela Figueroa, unha novela sobre a represión sobre as mulleres. Tamén me gustou moito “El infinito en un junco” de Isabel Vallejo, que é a historia dos libros partindo da biblioteca de Alejandría.

Nesta época que estamos a vivir, tan impensable hai nada, cunha pandemia só vislumbrada desde a ciencia ficción, como viviches o confinamento, e que pensas do que nos agarda?

O feito de vivir nunha casa con terreo, permitiunos pasar o confinamento dun xeito bastante bo, en comparación coas circunstancias que rodearon a moita xente. Non podiamos vir a Pontevedra, pero non o botei en falta, vivimos ben. Non observamos como nas cidades esa sensación de época postnuclear; é certo que outras xeracións viviron épocas terribles, como os nosos pais, pero isto foi un golpe moi importante que aínda estamos a pagar. A xente anda con medo, non quere relacionarse, hai un cambio importante nas relacións, porque foi algo impensable, medio mundo sen poder saír da casa, é como de ciencia ficción. E ese pensamento que se transmitía de que iamos saír mellor, foi mentira, saímos peor, menos solidarios, máis individualistas, afectounos para mal. A sociedade quedou moi tocada, e individualmente, quen máis e quen menos, tamén.

 Despois desta reflexión, como ves o futuro?

A pesares de todo, non son moi pesimista. Vexo un futuro incerto, en ocasións negro, as veces gris, pero incerto, que se vai a haber un apagón, se non vai a haber subministros…parece que estás volvendo 50 anos atrás. Non sei se é algo orquestrado coa finalidade de sementar o caos, e na política tampouco encontro grandes políticos que teñan peso e a mirada posta a longo prazo, todo é o curtopracismo, o mañá, e non se fai nada para pasado mañá. Sería necesaria xente que primara o acordo sobre o futuro por encima de todo.

 Algún soño que teñas pendente, algo que quixeras facer de nova e tes aí latente sen cumprir?

Teríame gustado ser pianista, pero son un desastre para a música, desde nova encantábame ver a xente tocando o piano, pero sempre souben que é iso, só un soño.

Moitas grazas Salomé, polos teus outros soños, os que te levaron á docencia e á política, para facer das futuras xeracións e do país un mundo mellor.

Peque González Novoa

Peque González Novoa

Profesora

Son Peque González Nóvoa. Nacín en Pontevedra hai 63 anos, nunha familia das de aquela, “numerosa”. Estudiei Psicoloxía en Santiago e dediquei toda a miña vida laboral á docencia, no ensino público; nos primeiros anos como mestra de infantil e posteriormente como orientadora, ata que hai dous anos decidín pasar a esta etapa chamada xubilación. 

No meu percorrido de vida acostumo a definirme como muller, mestra, nai e avoa, sen orde prevalente, por que considero que son os elementos que conforman quen son.

Achégome a este grupo de xente que tivo a boa idea de poñer en marcha este proxecto “De vella a bella” coa intención de aprender e poder aportar un micrograo de area. Neste contexto no que vivimos, e nesta situación de pandemia, creo que todo o que implique a activación das persoas, sexa cal sexa a súa idade, é positivo. 

Encarna Otero

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥