por Manuel Lastra

Se eu fose autor escribiría unha peza en dous lances. A obriña duraría dez minutos nada máis.

LANCE PRIMEIRO

Érguese o pano e aparece unha corte aldeá. Enriba do estrume hai unha vaca morta. Ao redor da vaca hai unha vella velliña, unha muller avellentada, unha moza garrida, dúas rapaciñas bonitas, un vello petrucio e tres nenos loiros. Todos choran a fío e enxoitan os ollos coas mans. Todos fan o pranto e din cousas tristes que fan rir, ditos paifocos de xentes labregas, angurentas e cobizosas, que pensan que a morte dunha vaca é unha gran desgraza. O pranto debe ter unha graza choqueira, para que estoupen de risa os do patio de butacas.
E cando se farten de rir os señoritos baixará o pano.

LANCE SEGUNDO

Érguese o pano e aparece un estrado elegante, adobiado con moito señorío. Enriba dunha mesa de pés ferrados de bronce, hai unha bandexa de prata, enriba da bandexa hai unha almofada de damasco, enriba da almofada hai unha cadeliña morta. A cadela morta semellará unha folerpa de neve. Ao seu redor chora unha fidalgona e dúas rapaciñas novas. Todas elas fan o pranto e enxoitan as bágoas con paniños de encaixe. Todas van dicindo, unha a unha, as mesmas parvadas que dixeron os labregos diante da vaca morta, ditos tristes que fan rir, porque a morte dunha cadela non é para tanto.
E cando a xente do galiñeiro se farte de rir a cachón, baixará o pano moi a modiño.

Manuel Lastra Galiano

Manuel Lastra Galiano

Profesor de Filoloxía Galega

Son Manuel Lastra Galiano. Nacín hai case sesenta e un anos en Salcedo, ao lado de Pontevedra.

Sempre me gustou a literatura polo que decidín estudar Filoloxía e facerme profesor. O curso pasado puxen fin á miña etapa de docente despois de exercer durante trinta e sete anos, trinta deles no IES Valle Inclán desta cidade.

Penso que a xubilación non debe implicar o cese da vida activa. Ao contrario, agora podo dedicarme á realización de moitas actividades lúdicas e culturais que tiña aprazadas pola falta de tempo.

A publicación deste blog responde a esta ansia de manterme activo. Xunto cos meus compañeiros, espero que as propostas que vos fagamos sexan do voso agrado.

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥