Acabo de rematar a lectura desta novela engaiolante e máxica, mais tamén crítica e valente que pon o punto de mira en problemas que xa hoxe nos están afectando, denunciándoos abertamente  ao introducilos como pezas cruciais na historia.

Pero para falar máis polo miúdo deste libro quixera destacar  o tratamento de varios elementos narrativos:

En primeiro lugar quizais o TEMPO.  Efectivamente reparamos deseguida en que o xogo temporal é fundamental no discurso narrativo, mais non é unha carga pesada que o lector deba superar para a comprensión dos feitos. A novela comeza in extrema res, algo do que nos decatamos ben avanzada a lectura, case ao final; tamén da frecuente ida e vida do pasado da protagonista e doutros personaxes, que nolos van dando a coñecer e van tecendo a narración. 

En canto á ambientación temporal a historia transcorre  varias décadas despois da pandemia mundial, nun mundo afectado polo cambio climático, a escaseza de recursos naturais, a caída da poboación, etc., o que leva as autoridades a executar o que chaman a racionalización de recursos públicos que obriga a trasladarse a vivir ás grandes cidades atlánticas, xa que as aldeas de montaña e as pequenas vilas deixan de ter servizos de primeira necesidade, pechándose paridoiros, escolas, farmacias, etc. (isto resúltanos bastante familiar xa) e creando, para xustificar a súa imaxe de protectores do medio, lugares de vestixio e lugares gaia.  

Sibila

Precisamente o ESPAZO é outro elemento clave. Os principais acontecementos transcorren nunha illa que é realmente un espazo-personaxe de grande importancia, da que non se di o nome, pero que se describe con precisión, presentándoa como unha das Illas Atlánticas situada ao norte, nunha das rías (tampocuco se di cal, a verdade é que esta información non é necesaria) e que vén sendo un deses lugares gaia, que non son outra cousa que lugares de acceso restrinxido nos que só se permite que vivan uns poucos habitantes nados alí e todos de idade superior aos setenta anos. Ese é o lugar no que naceu Sibila e varias xeracións de mulleres da súa familia e é o lugar ao que vai regresar, de incógnito e agochada das autoridades, para levar a cabo unha misión que só descubrimos ao final da novela.

Neste espazo imos coñecendo un a un os seus escasos habitantes, personaxes que van entrando en nós, como entran as continuas treboadas que visitan a illa e que crean un ambiente entre máxico e irreal. Personaxes como Fina, Amalia, Eleuterio, Melgacho… e, como non, a Rubia –alcume da avoa de Sibila que acaba herdando ela.

Desde logo, de entre todos os PERSONAXES, destaca a protagonista, Sibila, unha científica de prestixio que tras unha vida de éxitos profesionais descobre que precisa ser nai.  A procura dese soño convertido en obsesión e a súa relación coa illa e a súa xente é clave na historia. Porén o nome chama a atención, por que Sibila? Non semella algo fortuíto, elixido ao chou, non é un nome común.  Sabemos que Sibila era unha profetisa na mitoloxía grega e romana capaz de coñecer o futuro e ademais que vivía en grutas ou preto de correntes de auga. Mais a propia autora contou na presentación do libro en Pontevedra que o nome elixiuno pola entomóloga Maria Sibylla Merian, pola relación que o pai do noso personaxe ten con ese mundo. Aínda así para os lectores que non pensaran neste dato e si no mitolóxico non é difícil  establecer esa relación xa que a nosa Sibila ten igualmente moito que ver co futuro e co líquido elemento, non só pola illa en si, tamén pola presenza nela dunha fonte que é esencial, a de Setestrelo, cuxa auga  vai buscar para darlla á nai moribunda e que ao final da novela volve cobrar protagonismo…, pero para  saber cal  haberá que lela. Vale a pena.

Así pois novela moi recomendable que, malia as dificultades que atravesa a protagonista e o mundo bastante inxusto e desalentador que describe, agasállanos cun final que nos deixa aínda un fío de esperanza, un chisco de fe na humanidade.

E iso é de agradecer.

 

                                                                                                                                             Charo Valcárcel

 

P.S. En breve publicaremos unha entrevista coa autora, que completará esta información.

Charo Valcárcel Mato

Charo Valcárcel Mato

Profesora de Galego

Nacín nunha pequena freguesía da Estrada (Sta. Cristina de Vinseiro) hai 60 anos, pero xa levo trinta e cinco vivindo en Pontevedra, case tantos como os que traballei no IES Valle Inclán (trinta e dous), toda unha vida…

Estudei Filoloxía Hispánica, aínda que me presentei e aprobei as oposicións para profesora de Lingua galega e sempre exercín como tal, do cal me sinto e sentirei sempre moi orgullosa.

Formamos parte dun grupo de teatro de profesores (en activo e xubilados) que naceu no 2005 no seo do Valle Inclán, Argallada, e que está esperando tempos mellores para retomar a súa actividade.

Agardo que as miñas contribucións no blog devellabella sexan merecedoras do voso beneplácito ou, polo menos, non do voso desgusto.

O paraíso dos inocentes

máis artigos

Contacto

Ana Santos & De Vella a Bella

Hablemos ♥♥♥
No dudes en ponerte en contacto con nosotros, enviándonos un mensaje mediante el formulario siguiente.

Ana Santos & De Vella a Bella

♥♥♥ síguenos ♥♥♥