O Pindo, levanta os seus 627 metros de altura a beira do mar de Carnota. A subida é doada e a paisaxe diferente a calquera outra ruta de montaña, cun aquel de maxia e natureza que nos fai repetir ano tras ano, nas mesmas datas, ao inicio de setembro, o reencontro co “monte”, como alí o chaman. Escollemos a ruta máis directa, ben sinalizada, que comeza na aldea de Pindo; iniciamos nunha corredoira ascendente que nos mete de cheo nas caprichosas formas das pedras que configuran este monte granítico, inspirador de numerosas lendas e historias.

Neste primeiro tramo, camiñamos baixo a sombra dos piñeiros que rebrotan despois do incendio devastador do 2013, ata chegar ao cruce co camiño que ven desde Caldebarcos, e “Onde se adora”.


A partir de aquí, a sombra practicamente desaparece, porque a vexetación que nos acompaña é maioritariamente o carballo anano (quercus lusitanica), endémico no Pindo, uces e toxos, salpicados de flores do chamado falso azafrán (crocus nudiflorus), que iluminan o camiño.



Facemos unha primeira parada para contemplar o mar, con Fisterra ao fondo, e poñer nome ás enormes pedras que temos diante: asentos, guerreiros, nais, ratos….
Continuamos a subida, por un camiño estreito, con rochas e ben definido, ata chegar a un fantástico miradoiro natural sobre a Praia de Carnota, a máis longa de Galicia. A Boca do río, a marisma que se crea na desembocadura do río Vadebois na propia praia, convida ao baño que nos agarda ao baixar.



Pouco máis adiante, no Chan de Lourenzo, atopamos o gardián do monte, o Guerreiro, inmensa figura granítica emblemática na mitoloxía da zona. Preto do Guerreiro adivíñase algunha construción abandonada.
A partir de aquí, o mar mais presente é o da ría de Corcubión, e a praia de Caneliñas, que acolle os restos da última baleeira galega.


O camiño encárase un pouco ata chegar a unha zona máis cha, que enlaza coa subida desde o Fieiro. Só queda o último tramo ata chegar á Moa, que nos agarda, coma sempre con vento e unhas vistas únicas desta marabillosa costa, desde Fisterra ata Corrubedo. As enormes lousas de pedra que compoñen a Moa están furadas polas chamadas marmitas de xigante ou pilancones, cavidades erosivas con moitos millóns de anos de antigüidade. A historia contémplanos, e nós a ela, demorándonos na paisaxe antes de iniciar o descenso




Peque González Novoa
Profesora
Son Peque González Nóvoa. Nacín en Pontevedra hai 63 anos, nunha familia das de aquela, “numerosa”. Estudiei Psicoloxía en Santiago e dediquei toda a miña vida laboral á docencia, no ensino público; nos primeiros anos como mestra de infantil e posteriormente como orientadora, ata que hai dous anos decidín pasar a esta etapa chamada xubilación.
No meu percorrido de vida acostumo a definirme como muller, mestra, nai e avoa, sen orde prevalente, por que considero que son os elementos que conforman quen son.
Achégome a este grupo de xente que tivo a boa idea de poñer en marcha este proxecto “De vella a bella” coa intención de aprender e poder aportar un micrograo de area. Neste contexto no que vivimos, e nesta situación de pandemia, creo que todo o que implique a activación das persoas, sexa cal sexa a súa idade, é positivo.
máis artigos
Actividades do 29 de maio ao 4 de xuño 2023
by Ana | Maio 28, 2023 | Actividades | 0 Comments
Actividades do 22 ao 28 de Maio 2023 por Ana
by Ana | Maio 21, 2023 | Actividades | 0 Comments
Actividades do 15 ao 21 de Maio 2023 por Ana
by Ana | Maio 14, 2023 | Actividades | 0 Comments
Juan Mejuto Pérez por Ana Santos Solla
by Ana | Abril 30, 2023 | Historias de vida | 0 Comments
Nieves Fernández Barrio por Ana Santos Solla
by Ana | Abril 16, 2023 | Historias de vida | 0 Comments
Non bebemos, emborrachámonos, non cantamos, berramos por Pascasio Radberto
by Colaborador | Marzo 26, 2023 | Música | 0 Comments
Rafael Sánchez-Agustino “Fis” por Ana Santos
by Ana | Marzo 10, 2023 | Historias de vida | 0 Comments
Variacións Pérsicas (serie II): IIb. Sempre pasa por Ramón Caride
by Colaborador | Maio 28, 2023 | Literarias | 0 Comments
Horarios del mundo y España por Jesús Gayoso
by Colaborador | Maio 28, 2023 | Articulos | 0 Comments
Academia de pintura Tía Xuana por Ghislaine
by Ghislaine | Maio 28, 2023 | Artísticas | 0 Comments
Viaxe por España, 2ª parte por Manolo Gulias
by Colaborador | Maio 28, 2023 | Escapadas | 0 Comments