Comprendeu que non podía moverse, tampouco podía falar. As forzas abandonárano e xa non lle quedaba esperanza. Era moi duro aceptalo, pero todo indicaba que ía morrer alí.
Porén, cando máis desanimado estaba, escoitou o ruído dun motor achegándose, logo xente falando moi preto. Non lograba entender con claridade o que dicían, aínda que semellaba que discutían sobre el, sobre o seu estado. Crerían que estaba morto? Sentiuse remendamente impotente, como demostrarlles que non? Tratou de mover un brazo, un dedo; era inútil, unicamente conseguiu pestanexar, fíxoo dúas veces, mais foi tan tenue o movemento dos seus ollos que apenas se puido percibir. Eles non o notaron e decepcionados baixaron a cabeza. Non había dúbida, estaba morto.
Esa semana non puideran rescatar ningún supervivente, só atoparan corpos sen vida, e para colmo sen xoias que puidesen vender no mercado negro. Maldiciron varias veces, outro día sen recompensa, sen nada que levar á casa para comer.
Demasiado duro, pequenos lagartos e ratas compoñían o seu único menú desde había meses.
Non podían máis, e se…?
Parecía novo, a carne aínda tenra, seguramente moito máis saborosa. Total, quen o ía reclamar?
El notou que o agarraban e que o deixaban caer no que debía de ser a parte de atrás dunha furgoneta. Menos mal, pensou, seguro que finalmente se decataran de que estaba vivo e estaban rescatándoo. Levaríano a algún hospital onde o axudarían a recuperarse.
O camiño era accidentado, o seu corpo cambaleaba dun lado a outro batendo con forza contra o chan frío e lixado da camioneta sen que puidese facer nada por evitalo, porque, malia o seu estado, sentía os golpes e doíanlle, aínda que non fose quen de queixarse.
Por fin o vehículo detívose. Era incapaz de mover o colo e non sabía onde estaban. Sería un hospital?
Comezou a impacientarse cando pasaba o tempo e ninguén viña buscalo. Talvez non atopasen ningunha padiola libre, coñecía a lamentable situación dos servizos médicos. Todo se convertera nun caos tras o ataque.
A onde fora aquela xente? O silencio era aterrador. Pensou se tería perdido tamén a capacidade de oír. Non podía falar, apenas podía ver, así que seguramente no curto traxecto no interior daquel vehículo fora perdendo un dos poucos sentidos que lle quedaba… ou xa os perdera todos?
-Non podemos ser tan escrupulosos, que queredes? Morrer coa fame?
-É un de nós!, un de nós!, non somos animais! -o vello apenas tiña azos para facerse oír.
-Avó, estás moi débil. Tes que comer. El xa o perdeu todo, só é un corpo que ninguén reclamará.
Si que podía oír! Podía escoitar a discusión que mantiña aquela xente cada vez máis preto de onde o deixaran. Un arreguizo percorreulle a espiña dorsal. Tiña que demostrarlles que estaba vivo! Tiña que facelo como fose! Intentou moverse de novo, pero foi inútil, o corpo non lle respondía. Os ollos!, debía mover os ollos, volver pestanexar, pestanexar todo o tempo ata que o viran, ata que reparasen nese movemento e se decatasen do seu erro. Pero eles estaban demasiado ocupados discutindo, convencendo os máis reticentes. Unha vida perdida que podía salvar outras.
Unha das crianzas achegouse á furgoneta. Era un neno triste, coa pel pegada aos ósos, o cabelo enguedellado, sucio. Mirouno. Os seus ollos curiosos craváronse nos do home que xa apenas podía pestanexar. Podía?
Un tempo atrás el tamén fora un neno, un neno feliz.
Que lonxe quedaban agora aqueles anos!
Esa imaxe foi a última que atravesou a súa lucidez antes de que unha néboa espesa o envolvese todo cando o retiraron da furgoneta.

Charo Valcárcel Mato
Profesora de lingua galega
Eu son Charo Valcárcel. Nacín nunha pequena freguesía da Estrada (Sta. Cristina de Vinseiro) hai 60 anos, pero xa levo trinta e cinco vivindo en Pontevedra, case tantos como os que traballei no IES Valle Inclán (trinta e dous), toda unha vida…
Estudei Filoloxía Hispánica, aínda que me presentei e aprobei as oposicións para profesora de Lingua galega e sempre exercín como tal, do cal me sinto e sentirei sempre moi orgullosa.
No Valle Inclán coñecín a Ana, Manuel, Isidro, Benito e Sara que, considero, máis que compañeiros, amigos, bos amigos. Xuntos compartimos moitas experiencias.
Agora esta na que nos implicou Ana que, polo menos para min, é un salvavidas, un incentivo que chega para encher o oco que deixa o ensino nas nosas vidas.
Pero tamén formamos parte dun grupo de teatro de profesores (en activo e xubilados) que naceu no 2005 no seo do Valle Inclán, Argallada, e que está esperando tempos mellores para retomar a súa actividade.
Agardo que as miñas contribucións no blog devellabella sexan merecedoras do voso beneplácito ou, polo menos, non do voso desgusto.
máis artigos
Actividades culturais do 2 ao 8 de Novembro por Ana Santos
by Ana | Novembro 1, 2026 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 26 ao 31 de Outubro 2026 en Pontevedra
by Ana | Outubro 25, 2026 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 19 ao 25 de outubro 2026 por Ana Santos
by Ana | Outubro 18, 2026 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 12 ao 18 de Outubro por Ana Santos
by Ana | Outubro 11, 2026 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 5 ao 11 de outubro por Ana Santos
by Ana | Outubro 4, 2026 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 28 de setembro ao 4 de outubro
by Ana | Setembro 27, 2026 | Actividades | 0 Comments
Nieves Loperena de Sáa por Ana Santos
by Ana | Novembro 1, 2026 | Historias de vida | 0 Comments
Olga Rodríguez Vázquez por Ana Santos Solla
by Ana | Outubro 18, 2026 | Historias de vida | 0 Comments
Pedro Ayuso Sierra por Ana Santos Solla
by Ana | Outubro 4, 2026 | Historias de vida | 0 Comments
Marisa Sánchez Martínez por Ana Santos Solla
by Ana | Setembro 20, 2026 | Historias de vida | 0 Comments
Rosa María López Lorenzo por Ana Santos
by Ana | Setembro 6, 2026 | Historias de vida | 0 Comments
Lola Fontán Fernández-a Xenxa- por Ana Santos
by Ana | Decembro 16, 2025 | Historias de vida | 0 Comments
Impresiones del Camino de Santiago por Luis P. Molano
by Colaborador | Novembro 1, 2026 | Articulos | 0 Comments
Nieves Loperena de Sáa por Ana Santos
by Ana | Novembro 1, 2026 | Historias de vida | 0 Comments
Octubre por Marina Filgueira García
by Colaborador | Outubro 25, 2026 | Literarias | 0 Comments