The last day

Xosé Manuel Gulías Márquez

PRIMEIRO CONTO

     DÍA DE SAN URBANO, SIMEÓN, VIRXINIA E AMBROSIO

SÁBADO

THE LAST DAY

Aínda que lle poida parecer mentira a quen isto lea, estou afectado, enfadado seriamente pola fatídica crise que atraveso ós noventa anos.

Xa pasei como puiden pola crise dos corenta, pero isto que agora me sucede é algo distinto, sinto no corpo que é moi diferente, non ten relación coa outra difícil situación que vivín momentáneamente na miña mocidade.

Na crise dos corenta pensei profundamente, non sei se con moita ou con pouca cabeza, en separarme de Asunción, a miña esposa dende facía dezanove anos, deixándoa cos dous rapaces, Ana María e o pequeno Roberto, que tiñan daquela dezaoito e catorce anos respectivamente. Casarámonos sendo bastante novos.

Estaba decepcionado, desencantado, frustrado.

Un día, cando estaba esperando a Asunción na estación do tren de Pontevedra, que viña de ver á nosa filla que daquela estudaba en Santiago de Compostela o primeiro curso de medicina e estaba nunha residencia na rúa do Villar, escoitáralle a unha muller, que estaba tomando un café na cafetería da estación, dicirlle ó seu can: estate quieto neno que mamá está tomando un café con leite.

Aquilo rompeume completamente os esquemas… creo que alí perdín a miña confianza na natureza cabal e responsable da humanidade.

Pero alguna potente luz se iluminou repentinamente dentro da cachola, que me fixo reflexionar en tempo.

É bo antes de acometer algunha acción pensalo un par de veces ou algo máis se fose necesario.

Simple precaución…

É unha barbaridade a maneira na que o resolvín, pero aquel escintileo luminoso no interior da miña confundida cabeza fixo que o meu maxín comparara a Asunción con marcas dos coches que percorrían os diferentes países do mundo.

Xa sei que foi unha tolería.

Vendo as calidades que adornaban á miña Asunción, sobre todo o motor e a súa carrocería, compareina daquela co Lamborghini e co Ferrari.

Visto o visto ¿onde ía atopar algo mellor? Así que levo sesenta e oito anos casado coa mesma muller.

Certo é que na actualidade necesita algún pequeno retoque no motor, para iso métese na perruquería un par de veces á semana, tamén vai a miúdo á consulta da fisioterapeuta que está preto da nosa casa para que a musculatura non se lle atrofie. Incluso trata con mimo os rodamentos. Por veces, un par delas ó ano, vai ó podólogo a sacar un talo que se lle forma no dedo maimiño do pé esquerdo.

Se agora, entrada en anos, a comparara coa marca dun automóbil, cousa que nin se me ocorre, podería ser un Mercedes.

Non sei porque se me vai a cabeza a escribir isto, porque realmente a miña crise actual non ten nada que ver con Asunción. Non ten que ver con nada do que relatei anteriormente.

É debida á política internacional que vexo con meridiana claridade que se encamiña de mal a peor.

A idade non perdoa, creo que estou divagando sen centrarme no que quero verdadeiramente dicirlle ós lectores desta humilde crónica.

Miro pola fiestra do comedor, xa debía estar na cama, mentres estou escribindo esta epístola. Co ceo despexado vexo que a lúa está en cuarto crecente, ten a barriga ó poñente.

Pero isto tampouco ben ó caso.

Isto foi o que creo máis ben que soñei, ¿ou sería verdade?

A cuestión é que os espíritos deses tres animaliños de dúas patas, dos que a continuación comentarei, están botando unha partida ó mus na illa Diómedes Menor, habitada tan só polos inuits, para dilucidar quen se queda co continente africano, quen con Australia.

O demais xa o teñen repartido.

A pesar de que non chegaron a utilizar pequenas bombas atómicas como a de Hiroshima, que era de quince kilotóns, a devastación causando grandes estragos en edificios, bosques, ou poboacións que fixeron nos diversos países, tardará en repoñerse.

Mellor non contar os miles de mortes instantáneas ocorridas, as feridas por queimaduras, nin a contaminación dos terreos.

Foi unha desfeita. 

Todos contra todos.

Cada un xoga pola súa conta.

Rematado o xogo (grande, chica, pares, xogo), anotan individualmente os puntos. Ó chegar a corenta puntos, o primeiro en facelo ganará a partida.

Neste xogo a estratexia e mesmo o farol, son tan importantes como as cartas que se poidan levar na man.

No cuarto da especie de pendello no que están, só se atopan os espíritos de tres homes. Teñen unha mesa, tres cadeiras, a baralla española de Heraclio Fournier de corenta cartas para xogar, e enriba dun tallo unha botella de whisky irlandés The Emerald Isle con tres fermosos vasos.

A idea de traer a botella de Whisky para celebrar o final da partida, co consentimento dos espíritos dos outros dous xogadores, foi unha orixinalidade do presidente chamado Warren. Xa que a invitación para xogar parteu de el e a partida vaise celebrar nun lugar do seu país, os outros dous concedéronlle ese capricho.

Cando lles comentou que era un néctar con aroma de moito corpo, un sabor espléndido con unha sensación cálida, non demasiado afumado pero si lixeiro como a seda, rico e suave, non o dubidaron. O arma danzas de Warren soubo vender moi ben o produto.

Pero a historia comezou antes.

Fai dous meses e nove días o espírito do presidente Vladimir ordenou bombardear o Palacio Borbón en París, situado no sétimo distrito, na beira esquerda do río Sena, cando estaban reunidos os membros elexidos da Asemblea Nacional morrendo tódolos parlamentarios que alí se atopaban.

No mesmo día, con pouca diferencia horaria, na cidade de Berlín, foi bombardeado o Bundestag, órgano federal que xunto ó Consello Federal, exerce o poder lexislativo da República Federal de Alemania.

Un terceiro bombardeo por sorpresa, efectuado na cidade de Londres, levou por diante o Palacio de Westminster e o número 10 de Downing Street, residencia oficial do primeiro ministro do Reino Unido. Seica ese día estaba acatarrado, e o primeiro ministro non podía quedar atrás.

O último bombardeo, non fixo falta que logo houbera máis mortos, foi no parlamento europeo que ten a súa sede en Bélxica, na cidade de Bruselas.

Os deputados europeos estaban arreglando as súas diferencias coma dende que se fixo a unión: uns que si, outros que non, outros pode ser, algúns ó mellor, varios seguramente, e tres ou catro quen sabe…

Os parlamentos de case tódalas nacións europeas, e de moitos outros países do mundo, estaban reunidos nun mesmo día prácticamente á mesma hora para dilucidar a estratexia a seguir e as medidas a tomar para a defensa dos seus respectivos países ante o aumento da agresividade e a ameaza nuclear que representaban os discursos dos presidentes da Federación de Rusia, Estados Unidos de Norte América e da República Popular China.

Despois dos bombardeos a estes lugares emblemáticos da vella Europa, tódolos países europeos se rendiron ante o espírito do gran Vladimir, campión da guerra nunha Europa en permanente conflicto.

Os mandatarios das restantes nacións europeas, non bombardeadas: os Países Baixos, Polonia, España, Suecia, Rumanía, Italia, Portugal, Grecia… visto o visto axeonlláronse diante do espírito do señor Vladimir.

Escribirían a partir daquela o que el ditara.

baralla española

       Baralla española

No continente americano ocorreu algo similar.

No mesmo día que en Europa acontecían eses bombardeos o espírito do presidente Warren ordenou arrasar a sede principal do goberno federal mexicano que se atopa no Palacio Nacional, ubicado na Praza da Constitución, comunmente chamado o Zócalo.

Mentres isto ocurría no Distrito Federal mexicano, en Bos Aires, capital de Arxentina, todo o barrio de Montserrat, onde está situada a Casa Rosada, sede do Goberno Nacional, tras un forte bombardeo desaparecía do mapa.

En Brasil fixo que se esfumara nun instante o Palacio do Planalto, sede do gobernó federal, ubicado na Praza dos Tres Poderes en Brasilia, e por se as moscas, tamén se bombardeou o Palacio da Alvorada, residencia oficial de presidente do país, situado nas aforas da mesma cidade brasileña á beira do lago Paranoá.

Non fixo falta máis nada, en poucas horas o presiente Warren declarábase rei do mambo, presidente único de tódolos países americanos incluída Groenlandia

Como sucedera en Europa, no continente americano os que tiñan o mando de países como: Perú, Canadá, Venezuela, Colombia, Paraguai… fixéronlle a venia ó todopoderoso espírito de mister Warren para que tomara posesión dos seus países.

Ó parecer a este conquistador de nacións tanto lle gustaba o whisky de boa calidade como tamén lle gustaba o petróleo.

O terceiro en liza, terceiro xogador do campionato de mus, foi o espírito do presidente  Li Yuanhong.

Este home ordenou facer desaparecer en Nueva Delhi, na India, o parlamento, tamén chamado o Sansad, correspondente ó corpo supremo lexislativo da India.

Ó mesmo tempo era bombardeado no Xapón o edificio da Dieta, onde residen as dúas cámaras que gobernan a nación, situado en Tokio, o mesmo que o palacio imperial onde residía o emperador do país.

Os órganos gobernantes de países coma Corea do Norte, Corea do Sur, Irán ou os Emiratos Árabes Unidos sufriron a mesma sorte.

Indonesia, Israel, Jordania, Afganistán… nin o pensaron. A rendición foi incondicional.

Mentres xogan a partida de mus non se oe o ruído dunha mosca. Só se escoitan as palabras ditas con suma moderación polos espíritos de Vladimir, Warren ou Li Yuanhong cando cren pertinente falar.

Nun principio a partida de naipes ía moi equilibrada, pero o resume foi que no resultado final triunfaron Vladimir, que elexíu quedarse cos países do continente africano, mentres que Li Yuanhong tívose que conformar con Oceanía e a súa contorna, que entraba no lote.

Ó remate os tres mandararios, en sinal de conformidade, danse a man.

Resignado polo resultado, Warren colle a botella do whisky irlandés The Emerald Isle, pon un elegante vaso doble de cristal Kagami  diante de cada un e, con gran pericia, serve un bo chorro do dorado líquido en cada vaso.

Brindan entre os tres polo reparto do mundo coñecido.

Warren ten que conformarse co continente americano.

Póndose de pé, os espíritos dos tres homes levantan os vasos chocando as copas nun xesto que simboliza a unión e o desexo de prosperidade.

Warren, dende un principio promotor da cerimonia, bebe de primeiro, seguido ó momento por Vladimir e Li Yuanhong e pronuncia as palabras que cre máis convenientes ou máis apropiadas para o momento: “the last dey”.

Os outros dous xogadores entenden que é o último día no que eles se reparten o goberno das nacións do mundo.

Ós vintedous segundos do conmemorativo brinde tanto o espírito de Vladimir coma o de Li Yuanhong caen redondos. Prácticamente morreron no instante de inxerir o gran whisky irlandés.

Warren é en solitario o dono do mundo.

Ganara quen ganara a partida de mus, o presidente Warren tiña prepada a botella de whisky envelenada, de tal maneira que sabía perfectamente que non só conseguiría o continente africano e Oceanía, senón que coa mesma acción herdaría Europa e mais Asia.

El, con anterioridade á partida, tomara o antídodo, nitrito de amilo, necesario para contrarrestar o cianuro de sodio que contiña a botella do preciado néctar, que en contacto co ácido clorhídrico do zume gástrico transfórmase en ácido cianhídrico, o veleno mais rápido e letal, pois coa mínima cantidade é suficiente para matar a unha persoa en trinta segundos. Iso si, ten un aroma moi semellante ó das améndoas.

Lóxicamente este escrito remateino dende que o plenipotenciario espírito do presidente Warrem se proclamou rei do mundo.

Coordinadas tódalas cadeas de televisión, en todo o planeta puidemos contemplar a incrible cerimonia na que se anunciaba e coroaba ó que fora presidente Warren coma rei do mundo.

Unha cerimonia solemne, simbólica, na que foi investido formalmente como monarca de todo o planeta terra, e na que quedou establecido, entre outras normas, unha liña sucesoria descendente na súa familia.

Para brindar polo futuro, despois dun discurso que durou preto de catro horas, tomou un grolo de auga dun vaso que lle acercou a súa filla predilecta, unha rapaza duns vinte anos, a súa filla máis vella, moi bonita, cos ollos azuis e pelo amarelo.

-Grazas filla –dixo levando o vaso á boca metendo o primeiro e último grolo.

-The last day papá –contestoulle a Elizabeth.

Con noventa anos ó lombo ¿soñeino ou foi realidade?

Vén a neta aí, vaime dicir que me meta na cama que xa son horas.

Manolo Gulias Márquez

Manolo Gulias Márquez

Docente

Xosé Manuel Gulías Márquez naceu en Pontevedra en 1952, pero foi bautizado en Forcarei de onde eran seus pais. En 1983 aprobou as oposicións por ciencias logo fixo a especialidade de galego e daba as clases nesa lingua. O seu último destino levouno ao instituto onde estudou, é dicir ao Valle Inclán, non podía estar máis feliz xa que despois de case 20 anos non tivo que volver coller o coche. Neste instituto estivo 18 anos ata que con 65 xubilouse, porque xa tiña o tempo de servizo e xa tocaba. Colabora con nós relatando as súas viaxes.

Historia de vida

O carballo do Pelete

O pozo do Pego

O meniño co rabo no cu

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥