TICS, que gañamos, que perdemos. O importante é o bambeo
Nieves Fernández BarrioOs carteiros agora só traen cartas de publicidade, dos bancos, notificacións oficiais…; agora xa ninguén espera unha carta de amizade, de invitación para compartir unhas vacacións, para informarnos de que o noso fillo ou filla vainos converter en avós… Agora todo iso faise por teléfono, a través das redes sociais.
É posible que o noso fillo estea en Australia e coñecer á súa parella a través dunha vídeo chamada, darlle as indicacións precisas e acompañalo no proceso de facer ¨esa¨ tortilla que tanto lle gusta e cuxa receita aínda non ten perfeccionada. É unha grande vantaxe do uso do teléfono móbil e as redes sociais, como o foi durante a pandemia o poder ver aos nosos seres queridos a pesar do confinamento.
O problema xorde cando o uso racional deixa de selo e o teléfono non só non axuda a comunicarnos senón que nos dificulta, ás veces mesmo nos impide, ver ao que temos en fronte, ao que temos á beira.
Recentemente nun curso de formación que recibín, no cal a media de idade estaría ao redor dos 50 anos, sorprendeume que algúns compañeiros, mentres a profesora estaba a explicar un tema importante, estaban a utilizar o teléfono e en varias ocasións respondendo ao mesmo dentro da propia aula. O que me reafirma en que o uso inadecuado das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) non só é representativo dos adolescentes.
Se nos paramos na área de servizo dunha autoestrada e nos fixamos nos coches que están estacionados, podemos observar como é obvio que van nenos pequenos na parte traseira pola existencia de elevadores, e porque hai un número importante de coches nos que hai un ou dous dispositivos para que os nenos vaian vendo películas. Está claro que isto nos evita o malestar e o cansazo, por repetitiva, da pregunta: canto falta?. Pero poderiamos probar a xogar con eles ao “vexo, vexo”, “o ladrón de vogais”, “o xogo do si e non”… ou “palabras encadeadas” nas súas múltiples variacións: pola última palabra, a última silaba, só con nomes de cidades, de países, de animais… e decatarnos do moito que saben e tamén do que lles podemos ensinar dunha forma lúdica e pracenteira.
É frecuente ver a un grupo de adolescentes que están nunha roda e todos interaccionando, non entre eles senón con terceiros, a través do teléfono móbil e á vez en moitos casos compartindo entre os presentes, tamén a través do teléfono, o que esoutras persoas están a dicirlles.
Se observamos este gráfico podemos ver como o uso da internet non é exclusivo dos adolescentes, pero se non lemos toda a información do estudo podemos ficar cunha idea equivocada. Cando o INE fai referencia a ¨maneira frecuente¨ cada un pode pensar o primeiro que se lle vén á cabeza: todos os días, catro horas ao día, dúas horas…, cando en realidade fai referencia a unha vez por semana no últimos tres meses. É necesario ter toda a información, só os titulares pódennos dar unha información ao sesgo, e tamén é moi importante saber quen fai unha publicación e comparar os datos con outros estudos similares.
Non só, non sempre os mozos lideran o uso inadecuado das Tecnoloxías de Información e Comunicación.
Fonte: Enquisa sobre equipamento e uso de Tecnoloxías da información e Comunicación nos fogares. INE
Se navegamos na internet podémonos atopar, en relación ao uso das redes sociais para comunicarnos ou informarnos, cun intervalo que pode ir das dúas horas diarias a outras publicacións que indican que case 43 millóns de españois son usuarios da internet e empregan unha media diaria de 6 horas e 11 minutos navegando pola web. Loxicamente este dato non fai referencia só aos mozos. Ademais, case o 94% accede á Rede a través dun dispositivo móbil.
Estes datos forman parte dunha realidade da que dunha ou outra forma case todos formamos parte, pero o que realmente eu pretendía é que nos paremos a pensar, novos e non tan novos: somos quen de prescindir do teléfono durante unhas horas, e deixalo na casa?, de falar cos nosos amigos persoalmente e non falar con eles maioritariamente por redes sociais?, de comer cos nosos pais/parella/fillos sen ningún teléfono encima da mesa?, como felicitamos aos nosos amigos polos seus aniversarios: por WhatsApp/Facebook/Twitter, ou chamámolos e quedamos con eles?, podemos apagar o teléfono móbil de noite?. ?
Ir pola rúa observando o que hai ao noso arredor pódenos axudar a gozar da nosa contorna, a relaxarnos: as tendas de froita teñen un colorido precioso, os escaparates de embutidos non só nos poden aledar a vista, tamén é moi probable que nos fagan salivar pensando no seu agradable sabor; pararnos coa xente que coñecemos ou gozar simplemente dun paseo con nós mesmos é algo que podemos perder se imos interaccionando co teléfono móbil.
A dixitalización chegou, consolidouse e cambiou a nosa forma de relacionarnos, en moitas ocasións de forma moi positiva. Deixando á marxe o tempo que obrigatoriamente temos que estar conectados por temas laborais o certo é que a través dun smartphone, dunha tablet, dun computador, ou de calquera outro dispositivo cada vez pasamos máis tempo conectados: ás redes sociais, comprando en liña, lendo a prensa ou libros que nos descargamos, comprando entradas para o cinema, teatro festivais… e pensar que podemos perder o teléfono xéranos certa ansiedade por todo o que contén no seu “disco duro”: os nosos contactos, xestións realizadas e pendentes, documentación, fotos, citas importantes… Podemos formularnos se hai algo que poidamos cambiar.
A comunicación é un proceso mediante o cal transmitimos información aos nosos interlocutores. É o intercambio de información mediante a fala, a escrita ou outros sinais como o braille. A comunicación permítenos transmitir as nosas opinións, desexos, sentimentos…, e unha parte moi importante da nosa comunicación é a comunicación non verbal: o ton de voz, os acenos, a expresión da nosa cara, a inclinación do corpo, o contacto físico… é algo que perdemos se non nos vemos, se non estamos uns á beira dos outros se só nos comunicamos a través dos medios dixitais. Non nos esquezamos de quedar, de falar persoalmente, sobre todo, coa xente que queremos.
A dixitalización nos fogares é responsabilidade dos pais, son eles os que inician aos seus fillos no mundo dixital. A idade na que un menor ten acceso ao seu primeiro teléfono é moi dispar e temos que ser conscientes de que xeralmente antes de que un menor teña un teléfono propio é moi probable que leve algúns anos accedendo ás redes sociais a través do teléfono, da Tablet ou do computador dos seus proxenitores.
Desde hai uns anos , tamén en Galicia, os colexios puxeron en marcha o plan de dixitalización no ámbito educativo, e este feito leva implícito a cesión dunha Tablet aos nenos para seguir certas materias e facer os deberes no seu domicilio. Cambiáronse os libros por unha ferramenta dixital; e tamén desde o ámbito educativo asúmese esa responsabilidade de información, formación e control deste novo xeito de acceder á educación formal tanto para os nenos como para os pais; algo imprescindible para o bo uso desta ferramenta.
En idades temperás onde a curiosidade e a falta de criterio case van unidas é moi importante sentar os cimentos dun uso responsable deste medio e somos os adultos os que temos que facilitar ese proceso.
Os mozos, que xa levan anos usando as Tecnoloxías da Información e a Comunicación, defendendo o seu uso por todas as vantaxes que lles ven, empezan a ser máis críticos co uso destas ferramentas, recoñecen un uso excesivo da internet, en moitos casos un alto grao de dependencia e unha importante interferencia no tempo dedicado aos estudos, ao lecer e mesmo ao tempo dedicado a durmir. Unha crítica construtiva desde o uso xeneralizado, expondo unha “fotografía” máis crítica do que pensan sobre o tema que estamos a tratar. Existe esa crítica construtiva por parte dos adultos-maiores ou cometemos algún erro respecto diso?, dedicarlle algún tempo a pensalo, falalo coas persoas da nosa contorna pode resultar interesante.
Non podemos pecharnos a un avance tan importante; entre “o carteiro” e “a vídeo chamada” pasaron moitos anos e todos temos claro o que gañamos. Temos que aprender, e temos que ensinar, a relacionarnos dunha forma sa e sostible cuns recursos que sen dúbida nos facilitan a vida cotiá. Buscar o equilibrio permitiranos informarnos, formarnos e comunicarnos dunha forma máis eficaz e tamén máis eficiente, sen deixar polo camiño a outra parte boa das relacións persoais: falar persoalmente, vernos sen pantallas polo medio, tocarnos, abrazarnos…
Nieves Fernández Barrio
Psicóloga clínica
Nieves Fernández naceu en Oviedo no ano 1957, vive en Galiza dende o ano 1964, primeiro en Ourense e dende o ano 1990 na provincia de Pontevedra.
Empezou Psicoloxia en Ourense rematando a sua formación na Universidade Central de Barcelona Magister en Drogodependencias, curso de postgrado organizado por el Departamento de Psicología Clínica e Psicobiología e o Departamento de Psiquiatría, Radiología e Medicina Física e Saúde Pública da Universidade de Santiago de Compostela.
Traballou durante 43 anos no ámbito sanitario, en Ourense, Barcelona e finalmente na provincia de Pontevedra, en Vilagarcia e nó Grove onde rematou a sua etapa laboral xubilándose anticipadamente no ano 2020, en pleno apoxeo da pandemia da COVID-19.
máis artigos
♥♥♥ síguenos ♥♥♥