Nicer Clutosi, ) Cariaca, principis Albionum,
annorum LXXV, hic situs est.
Nicer, fillo de Clutoso, do Castro Cariaca,
príncipe dos Albións, de 75 anos, xace aquí.
(Inscrición atopada ás beiras do río Eo).

Resultaría moi pouco satisfactorio que un feito como o do que nos imos ocupar, acaecido no ano 1933, no que un veciño da parroquia de Piantón, cuxo nome ficou lamentablemente esquecido, descubrise no lugar de A Corredoira, -tamén denominado La Pereira-, no Concello de Vegadeo, á beira do río Eo, hoxe no Principado de Asturias, atopase a inscrición latina que encabeza este comentario. E dicimos pouco satisfactorio, porque estamos convencidos de que ninguén aceptaría que un descubrimento coma este non se recoñecera como merece.
Vaiamos, non obstante, por partes. En primeiro lugar, indiquemos que o achado ao que nos referimos consiste nunha lápida de 117 centímetros de longo, por 32 de ancho, na actualidade propiedade do Museo Arqueológico de Asturias, en Oviedo, sobre a que os expertos que a estudaron, ademais de decatarse de que o material co que fora elaborada non era lousa, coma inicialmente se pensara, senón cuarcita, datárono no século I d. C.
Unha data importante, porque, á marxe do que supón que tal lousa sexa apenas posterior no tempo ao intre no que a Galaecia e a Asturia foran ocupadas polas lexións de Roma, pouco despois do achado, concretamente no ano 1942, o historiador, arqueólogo e indagador, Antonio García y Bellido, (1903-1972), entre outras investigacións por el realizadas, preocupouse de analizar a inscrición, e publicara despois unha reprodución manuscrita da mesma, que xa naquel mesmo intre conseguiu un enorme recoñecemento.
A transcendencia desta lápida non era para menos. Tratábase, nada menos, do único testemuño relacionado coa existencia dese Nicer, fillo de Clutoso, Príncipe, –ou “principal”-, dos Albións, enterrado aos setenta e cinco anos de idade onda o río Eo, actualmente a extrema de Galicia e Asturias. Así mesmo, e para confirmar a importancia histórica do feito, informámosvos de que, arredor do ano 75 d. C., ou sexa, nunha data próxima á do falecemento dese fillo de Clutuoso, Plinio o “Vello”, (c. 20 a. C. – 79 d. C.), compilador e investigador romano, ademais de procurator na Provincia Hispania Citerior, sobre o que se conservan datos que permiten saber que tamén desempeñou un cargo na Asturia e na Gallaecia, con residencia na cidade de Astúrica Augusta, hoxe Astorga, recolleu na súa famosa “Historia Natural”, Libro IV, 111) , o tamén importante dato de que, no Conventus Lucensis, que naquel tempo chegaba ata o río Navia, límite entón entre ambos territorios, e a uns 25 quilómetros ao leste do Eo, existía un populus denominado dos Albións. Lembremos, así mesmo, que no Eo, precisamente, foi onde apareceu a lauda sepulcral mencionada.
Para completar a reconstrución prosopográfica do feito, o que nos permitiría coñecer canto acerca dese misterioso Nicer nos gustaría, indicamos tamén que, uns cen anos máis tarde, o destacado xeógrafo, astrónomo e matemático alexandrino, Claudio Ptolomeo, ( c. 100 – c. 170), recolleu máis informes a cerca de tales Albións, situados nas proximidades do que el, na súa ”Geographia”, Libro II. 5, denomina Navialavionis, por interpolación das denominacións: Navia e Albións, (Gran Enciclopedia Gallega, Tomo 1, pax. 207, Gijón, 1974), ou ben Nabialvion, (Historia de Asturias, Tomo 1, pax. 157, Gijón, 1978), que os investigadores interpretan coma Navia dos Albións.
En canto á división xurídica do Conventus Lucensis, que, como adiantamos, chegaba polo leste ao río Navia, xa así denominado naquel tempo, sábese que acadaba, polo oeste, o océano Atlántico, mentres que, polo sur, alcanzaba as actuais canles da Ría de Vigo e dos ríos Verdugo, Miño e Sil.
É importante que advirtamos que, dende hai máis de dous mil anos, moitos investigadores sostiveron que os Albións mencionados na Lápida enriba indicada, non eran outros que os habitantes da illa de Britania, -o actual Reino Unido-, baseándose na opinión de autores de tanta reputación coma Plinio o “Vello” e Ptolomeo, que aseguraron que tal territorio se chamara antes Albión, polo que resultaban facilmente extrapolables á “Illa dos Albións”.
Como remate expliquemos que arredor do ano 400, o procónsul romano, Rufio Festo Avieno, utilizando antigos textos dos séculos VI a IV a. C., maioritariamente gregos, ademais dun almirante cartaxinés, reconstruíu as costas de Europa, -“Ora Maritima”, en latín-, que, malia terse perdido en parte, permite coñecer aquela remota xeografía, que abrangue dende o mar Cantábrico ata antiga cidade de Pirene, próxima a Perpiñan, recollendo ao mesmo tempo as distancias exactas entre os accidentes que describe. O autenticamente importante é que, de acordo con elas, semella bastante difícil que os Albións, dos que nos falaron tanto Plinio o “Vello” coma Claudio Ptolomeo, sexan distintos aos da Lápida da Corredoira.
Xoán Bernárdez Vilar, Vigo, 7 de febreiro de 2021

Xoán Bernárdez Vilar
Historiador
NOTA BIOGRÁFICA DE XOÁN BERNÁRDEZ VILAR
Doutor en Xeografía, Arte e Historia pola Universidade de Vigo e desde o 2003 membro correspondente de Real Academia Galega.
Conta cunha importante obra ensaística (libros e artigos en revistas) froito da súa condición de historiador entre a que destacamos algúns títulos como:
Galicia no século VI antes de Cristo. Estudo Histórico-Xeográfico da Ora Maritima de Rufo Festo Avieno.
Xeografía do mito de Tristán e Iseu.
A etapa portuguesa de Colón e a súa viaxe Ultra Tile.
O comezo da nosa Idade Media. A Gallaecia que se emancipou de Roma.
O rei Artur: Mito e realidade.
Ademais dedicouse tamén á narrativa acadando varios premios, coma o Xerais no ano 86 por No ano do cometa, unha das súas obras máis coñecidas, aínda que xa no 76 fora premiado polo Padroado da Cultura Galega de Montevideo por Un home de Vilameán: anatomía da revolución Irmandiña, tamén recibiu o Premio Concello de Vilalba no 93 e no 99 por: Big-Bang e A saga da illa sen noite respectivamente e a Homo sapiens concedéuselle un accésit no Modesto R. Figueiredo no 83.
Ten tamén unha obra teatral O valedor do reino (Premio de teatro da Universidade de Vigo no 2002) e así mesmo foi premiado polo seu labor como tradutor de obras latinas ao galego.
máis artigos
Actividades do 25 de setembro ao 1 de outubro 2023
by Ana | Setembro 23, 2023 | Actividades | 0 Comments
Actividades do 18 ao 24 de setembro 2023
by Ana | Setembro 17, 2023 | Actividades | 0 Comments
Actividades do 11 ao 17 de setembro 2023
by Ana | Setembro 10, 2023 | Actividades | 0 Comments
Actividades do 4 ao 10 de setembro 2023 #devellabella#
by Ana | Setembro 2, 2023 | Actividades | 0 Comments
Revista do mes de Xuño 2023 por José A. Pérez Graña
by Xose Antonio Pérez Graña | Xullo 13, 2023 | Actividades | 0 Comments
Revista do mes de maio 2023 por José A. Pérez
by Xose Antonio Pérez Graña | Xuño 4, 2023 | Actividades | 0 Comments
Xulio Simón Rúa por Ana Santos Solla -devellabella-
by Ana | Setembro 17, 2023 | Historias de vida | 0 Comments
Guillermo Campos Piñón por Ana Santos -devellabella-
by Ana | Xuño 29, 2023 | Historias de vida | 1 Comment
Marisol Mato Taboada por Ana Santos
by Ana | Xuño 11, 2023 | Historias de vida | 0 Comments
Juan Mejuto Pérez por Ana Santos Solla
by Ana | Abril 30, 2023 | Historias de vida | 0 Comments
Nieves Fernández Barrio por Ana Santos Solla
by Ana | Abril 16, 2023 | Historias de vida | 0 Comments
Intolerancia por Jesús Gayoso Álvarez
by Colaborador | Setembro 24, 2023 | Articulos | 0 Comments
Ateneo de Pontevedra por Xaime Toxo
by Colaborador | Setembro 17, 2023 | Literarias | 0 Comments
Xulio Simón Rúa por Ana Santos Solla -devellabella-
by Ana | Setembro 17, 2023 | Historias de vida | 0 Comments
A educación por Jose María Solla Casqueiro
by Colaborador | Setembro 16, 2023 | Fotográficas | 0 Comments
Trackbacks/Pingbacks