I

Así como o animal máis grande nace dunha minúscula célula, o xigantesco Partido Comunista Chinés xurdiu hai cen anos nunha reunión de trece delegados, tan fecunda como a dos trece que, segundo conta o evanxeo, foron chamados a outra fundación transcendental.

Tamén naceu hai cen anos o Partido Comunista de España; e outros moitos, á calor da Revolución de Outubro. Celebran agora o seu centenario, aínda que ningún desde a posición dominante do PCCh. A historia da China moderna é inseparable da deste partido.

A primeira interrogante que se plantexa, cuxa resposta esixe unha análise coidadosa máis ca unha resposta rápida, sería: Tería sido posible que este enorme e complexo país sobrevivise a conflitos de clase, loitas internas e tensións centrífugas sen a organización do Estado arredor dun grande partido único de corte socialista? Estamos seguros de que o pluripartidismo liberal é “o menos malo dos sistemas políticos”, como dixo Wiston Churchill?

China 1

Lembremos o caso de Xugoslavia: eran seis repúblicas, con cinco nacionalidades, catro idiomas, tres relixións e dous alfabetos; todo iso vertebrábao un único Partido Comunista. Cando este se debilitou, o país esmoreceu. E outro tanto ocorreu coa desmembrada Unión Soviética.

China tamén sufriu e sofre a presión do modelo occidental de desenvolvemento, e a súa estrutura, polo de agora, resistiu os embates, aínda deixando no camiño algúns logros sociais que poden minala. Ninguén pode estar seguro do incerto porvir. A dúbida que xorde é: Imporase o Capital ao Estado, como en Occidente, ou poderá o Partido estar por riba da súa cega presión?

II

Os revolucionarios de Outubro tiveran a esperanza de estender a revolución dos obreiros aos países industrializados, e o soño fracasou. Décadas despois, os chineses trataron sen éxito de estender aos países colonizados a súa de campesiños. A experiencia de ambos fracasos produciu efectos nas traxectorias dos partidos comunistas, non só nestes países, senón no resto do mundo. Trotskistas e estalinistas, “revisionistas” (prorrusos) e “marsistaleninistas” (prochineses), foron o resultado dos ensaios errados de revolución mundial. Novos intentos non cesaron, poucos con relativo éxito.

O esgotamento do modelo produtivo de desenvolvemento era público e notorio para quen quixera velo desde a publicación do informe ao club de Roma. Pero unha cousa é saber e outra cambiar o rumbo. A carreira co capitalismo continuou e acabou coa derrota da Unión Soviética, que a diferenza dos países capitalista carecía de ricas colonias para seguir explotándoas.

Se na URSS a consecuencia foi unha volta ao capitalismo de corte occidental (e a súa propia disgregación), o PPCh resistiu o embate, adiantándose aos feitos mediante un profundo cambio de estratexia, pero mantendo o control do país. Tras a desorganización causada pola Revolución Cultural, en 1978 China cambiou a vía igualitaria pola de desenvolvemento, con resultados espectaculares pola banda da economía, erradicando a miseria que ata entón sufría o país.

A prosperidade, non obstante, non atinxe a todos por igual, e a desigualdade cébase nos inmigrantes que acoden ás cidades e sofren discriminacións, porque quen sae da pobreza non sempre é quen de “ollar para abaixo”, empeñado en facelo “para arriba”.

O éxito desta política expansiva non está asegurado, tendo en conta as nubes de tormaneta que ameazan o planeta, pero debemos considerar que, por unha banda, a carreira desenvolvista non pode deterse de golpe sen provocar graves conflitos. Occidente non o vai facer, porque o capitalismo é unha maquinaria cega que controla os estados. China é o único grande país no que o capitalismo parece ser (aínda) un “paxaro engaiolado”. O paxaro (forzas do merado) ten certa liberdade para voar, pero non pode saír da gaiola (planificación central).

As democracias occidentais dificilmente poden planificar o futuro ao longo prazo, sometidas aos vaivéns da alternancia dos grandes partidos e ás presións do capital, que foxe ao seu control por fronteiras permeables. No seu lugar, China pode facelo en condicións moito mellores. Quen poderá realizar con maior eficacia a necesaria transición ecolóxica, un partido que aspira a ser un “intelectual colectivo”, ou un mecanismo cego que pretendidamente se “autorregula”? Ou non será tan cego, e os seus algoritmos especulativos obedecerán as instrucións dese selecto club de tolos financeiros, adoradores do lucro incesante?

III

Para o ideario liberal hexemónico en Occidente, a democracia pluripartidista é a única posible. Un concepto abstracto e direccional de “liberdade”, que a efectos prácticos non existe para moitos, considera crucial elixir, cada catro ou cinco anos, o rumbo dos países entre candidatos previamente elixidos por partidos dominantes, moitas veces oligárquicos. A disparidade de crierios e intereses frustran calquera planificación ao longo prazo, que se volta quimérica. Como sinala Rafael Poch de Feliu: 

Occidente leva varias décadas contemplando o vigoroso ascenso de China, pero ten dificultades para explicalo e diagnosticalo. Por exemplo, ante a pregunta cal é a diferencia fundamental entre o sistema chinés e os sistemas occidentais?, a ortodoxia liberal occidental adoita respostar falando de “ditadura”, “dereitos humanos” e “democracia”. A verdadeira diferencia é a superior capacidade de goberno. A política demográfica como exemplo.

En todas partes os gobernos gobernan máis ou menos, no senso de que frecuentemente é a inercia, a corrente das cousas e a forza das circunstancias a que os goberna a eles. En China, por suposto, tamén. Pero menos. Porque o sistema político ten as rendas da gobernanza mellor suxeitas. O poder político controla os nomeamentos dos principais banqueiros do país e os multimillonarios están sometidos sexa cal sexa a súa fortuna. O país está plenamente inserido na globalización, pero a propiedade estranxeira dos principais bancos comerciais ten un tope establecido, pese as décadas de presións occidentais para que se liberalice todo o sector.

Aquí son os banqueiros, e con eles o casino, os que gobernan aos políticos, por dicilo dunha maneira esquemática, mentres que na tradición chinesa mandan os políticos.

O sistema político chinés é unha mestura flexible de meritocracia (no cume), democracia (na base) e experimentación entre ambos extremos, aproveitando a súa capacidade para limitar os ensaios políticos e económicos a un sector, cidade ou rexión, ensaiando as innovacións sociais, políticas ou económicas, para avaliar despois meticulosamente os resultados antes de xeralizalos.

Préstase especial atención ás sondaxes de opinión sobre as políticas (e os políticos). En función delas aplícanse correccións. Ademais, os dirixentes están acostumados a admitir e corrixir erros, exercicio autocrítico pouco frecuente entre nós.

Nada disto asegura o futuro, porque os problemas mundiais o son para toda a humanidade. China afronta varios nos planos social, económico e político. As migracións interiores, o paso de ser país exportador a satisfacer o mercado interno e a convivencia entre distintas etnias son algúns. Agora medra a preocupación por temas ecolóxicos: a contaminación, o cambio climático e a transición enerxética (e a escaseza crecente de materiais e fontes de enerxía non renovables).

China 3

O maior problema plantéxao a confrontación cos Estados Unidos, que seguen empeñados en manter unha hexemonía mundial que decae pouco a pouco e ven en China un inimigo ao que combater por todos os medios, sen excluir o militar. Pero ao meu modo de ver, hai unha cuestión máis difícil de manexar, e plantéxase na mente das persoas.

Mentres a prioridade é a loita pola igualdade, a cohesión social é sentida pola maioría como unha necesidade, e a solidariedade é considerada un valor de primeira orde. Cando pasa a primeiro plano o desenvolvemento, e moitas veces é inevitable, para fomentar a produtividade elíxese a vía da emulación económica. Entón, para moitos, o prestixio social e a carreira pola riqueza sustitúen aqueles valores.

Aconteceu en Cuba, cando no “periodo especial” apareceu o dobre mercado e a dupla moeda. O cebo dunha prosperidade persoal e a liberdade para enriquecerse creou un caldo de cultivo para o descontento. É difícil nesta circunstancia que os “triunfadores” e os aspirantes a selo se conformen coas ataduras que suxeitan ao capital. A ideoloxía burguesa pode gañar a partida, se non é quen de explicar moi ben que o medre ilimitado é imposible.

Isto ocorre tamén, e a moita maior escala, na China actual. Sentirse superior é facil se consegues o ascenso social, e tamén sentirse inferior se fracasas no intento. É doado que a solidariedade sexa un valor á baixa.

Chino rico e poderoso” é o nome dun bazar da miña vila.

Juanjosé Guirado

Juanjosé Guirado

Arquitecto

Juan José Guirado Fernández, sevillano de nacemento (Écija 1946) e pontevedrés de adopción, tras rematar os seus estudos de arquitectura desenvolveu a maior parte do seu traballo como arquitecto en Pontevedra, traballo que, por circunstancias da vida, foi abandonando para dedicarse ao ensino, comezando por unha substitución no IES Concepción Arenal de Ferrol e aprobando posteriormente as oposicións a profesor de debuxo, profesión que exerceu en Pontevedra durante sete anos, seis deles no IES Valle Inclán.
Despois de rematar a súa tese doutoral, acabou na Escola de Enxeñería Industrial de Vigo, no Departamento de Deseño, no que traballou ata a súa xubilación hai agora sete anos. Ao longo dese tempo participou en diversos congresos e cursos dentro e fóra de España e realizou estudos sobre xeografía, historia, antropoloxía, filoloxía e literatura.
Desde hai dez anos escribe puntualmente no seu blog esencial o menos sobre estas e outras materias. Ademais da súa tese é autor de tres libros sobre xeometría e deseño.

Versos de acero

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥