Fronte ao continuo e alarmante retroceso no uso da lingua nacional de Galiza, desde hai ben tempo véñense sucedendo tépedas iniciativas normalizadoras por parte de distintas administracións, así como algunhas de maior calado por parte de entidades explicitamente implicadas na cuestión como a Mesa pola Normalización Lingüística, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, asociacións de xuristas, ensinantes…

A día de hoxe topámonos tamén con interesantes campañas lanzadas desde o mundo da empresa, como as emprendidas pola cadea de supermercados Gadis (especialmente con motivo do Día das Letras Galegas, Nadal…), ou co emprego do galego na rotulación e a aposta polo noso cinema e moitos dos nosos produtos por parte de compañías como Eroski e outras empresas do sector… Tamén habería que ter en conta o labor levado a cabo por algunhas marcas do sector lácteo (Larsa, Feiraco, Deleite…) e vitivinícola (Martín Codax, Terras Gauda, Cabo do Mundo, Guímaro…) e en xeral, dunha parte considerable da industria alimentaria galega, que etiqueta e difunde os seus produtos na nosa lingua.

Con todo, neste país fica como materia pendente o debido recoñecemento á industria da automoción, que de modo altruísta, mesmo en momentos de forte represión para a nosa lingua, se implicou no eficiente labor de cultivo e promoción das letras galegas, e empregaron o idioma de Rosalía na escolla das súas marcas e modelos, impulsando así a extensión e o prestixio social do idioma propio de Galiza. Deste xeito, desmontando prexuízos, apostaron e apostan pola potencialidade das letras galegas para impulsar a difusión e a promoción social da nosa lingua así como a súa proxección exterior. E todo isto sen agardar subvencións ou prebendas de ningunha caste, sen agardar sequera ningún tipo de recoñecemento explícito ao seu labor comprometido a prol da lingua do noso país. E todo isto con consciencia do valor engadido do idioma, que proporciona a un tempo diferenciación e proximidade, e de que o seu uso vai ligado necesariamente á garantía de calidade dos produtos.

Neste senso temos que mencionar unha firma de automóbiles dunha evidente galeguidade, cun apelativo tan noso como é Barreiros, que alude ao apelido do seu fundador, o noso conterráneo Eduardo Barreiros. Mais este non é un caso isolado, pois tamén contamos cunha casa automobilística de enorme prestixio que decidiu, xa hai ben anos, designar a súa compañía cun nome galego, para así expresar o seu carácter robusto e fiábel. Estamos a falar da marca sueca Volvo. Decisión que contou con polémica dada a actitude litixiosa amosada polos membros de Galicia Bilingüe, que esixían “un nombre más actual, más abierto y cosmopolita, como podría ser ‘Vuelvo’”. En calquera caso o que pretendía a marca era rachar con fatigosos estigmas como o de que “un automobilista galego nunha estrada non se sabe se marcha ou se volve”.

Outras moitas marcas do sector non quixeron quedar atrás na loita galeguizadora e bautizaron algúns dos seus modelos con nomes galegos, cunha proxección non sempre exenta de controversias como no caso do Hyundai Kona, cunha clara alusión xenital que non deixou indiferente a ninguén no noso país, e que mesmo escandalizou ao resto da lusofonía, polo que se decidiu que este modelo fose bautizado en Portugal como Kauai. Circunstancia pola que os nosos veciños lusos non puideron gozar de campañas tan excitantes como a de “¡Disfruta con tu kona!” ou a de “¿Y tú qué kona quieres?” tan soadas en España.

A española Seat é propietaria da furgoneta denominada Seat Terra, inscrita en correcto galego, cun rumbo inicial  acertado que tristemente mudou e foi causa da polémica xurdida co seu posterior modelo, Seat Arosa. Polémica da que non saíu moi airosa a empresa a pesar de insistir en que a palabra da que proviña era “areosa”, e por tanto, segundo os directivos da empresa, “una forma totalmente correcta en gallego”.

Co mítico Renault 19 Chamade, a marca francesa decidiuse polo uso dun imperativo verbal galego que foi anos despois imitado por unha recoñecidísima marca de vehículos todo terreo, nacendo deste xeito o Jeep Renegade, cun certo carácter rebelde e sedicioso.

Non menos importante para o noso idioma foi a escolla galegófila por parte de Volkswagen que acuñou modelos como o Volkswagen Vento, que viña sendo o tres volumes do Golf, e tamén o Volkswagen Polo, que por motivos evidentes os portugueses designaron como Volkswagen Frango.

Nesta mesma liña teriamos que encadrar vehículos tan acreditados como o Lamborghini Marzal, o moi robusto Lancia Phedra, o Nissan Pao, o Nissan Terra, o Hyundai Terracan…, sen esquecer autos tan míticos como foron o Dodge Serra, o Kia Besta, o Ford Tempo…, e moitísimos máis modelos que son unha auténtica garantía de perpetuación para o noso idioma. Entre eles non poderiamos deixar de mencionar ao que foi o auténtico rei dos deportivos de alta gama, o auto co que todos soñamos algunha vez, O Ferrari Testarrosa.

Inocentada
Marcos Seixo Pastor

Marcos Seixo Pastor

Profesor de Galego

Chámome Marcos Seixo. Aínda que a miña chegada ao mundo tivo lugar en 1959 na rúa de San Marcos en Lugo, na casa da miña avoa, fun concibido e criado en Navia de Suarna, onde pasei unha feliz infancia e a onde regreso cando menos dúas ou tres veces ao ano. Por mor da profesión do meu pai, estivemos vivindo en distintos concellos. Asentámonos finalmente en Cuntis (Pontevedra), onde vivo a día de hoxe na aldea de Castrolandín.

Fixen estudos de Filoloxía en Compostela e os últimos 16 anos fun profesor do IES Valle Inclán de Pontevedra, até a miña “xubilación forzosa por incapacidade” no ano 2016. Neste instituto coñecín aos compañeiros do grupo de teatro Argallada, algúns deles impulsores do blog devellabella, no que ando a colaborar con algún traballo.

A miña vida na actualidade segue a ser bastante activa, pois podo dedicar o tempo ás miñas moitas afeccións, entre elas escribir. Alén diso tamén son afeccionado á música tradicional, ás motos, sobre todo ás clásicas, a coidar as viñas, e tamén a nadar, podendo ser, no río de Navia

Blog

Ao pé do alambique. A caña e os licores

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥