por Isidro Cortizo
Unha rúa nun porto lonxano do norte. As tabernas están acuguladas de mariñeiros e botan polas súas portas o bafo quente dos borrachos. Xentes de todas as castes do mundo, cantigas a gorxa rachada, música de pianolas chocas, moito fedor a sebo…
…Un mariñeiro que fala francés tropeza cun mariñeiro que fala inglés. Os dous fanse promesas de gran amistade, cada un no seu falar. E sen entenderse camiñan xuntos, collidos do brazo, servíndose mutuamente de puntales.
…O mariñeiro que fala francés e mais o mariñeiro que fala inglés entran nunha taberna servida por un home gordo. Queren perder o sentido xuntos para seren máis amigos. ¡Quen sabe se despois de ben borrachos poderán entenderse!
…E cando o mariñeiro que fala inglés xa non rexe co seu corpo, comenza a cantar:
Lanchiña que vas en vela,
levas panos e refaixos
para a miña Manoela.
…O mariñeiro que fala francés arregala os ollos, abrázase ao compañeiro, e comenza tamén a cantar:
Lanchiña que vas en vela,
levas panos e refaixos
para a miña Manoela.
…i¡A-iu-jú-jú!! Os dous mariñeiros eran galegos.
…O taberneiro, gordo coma un flamengo de caste, veu saír aos dous mariñeiros da taberna e pola súa faciana vermella escorregaron as bágoas. E dispois dixo para si nun laído saudoso:
¡Lanchiña que vas en vela!
…Tamén o taberneiro era galego.

Isidro Cortizo del Río
Profesor de Debuxo
Son Isidro, nacín en Bueu hai 60 anos, licencieime na facultade de Belas Artes San Carlos en Valencia, traballei no IES Valle Inclán impartindo clase de debuxo técnico e colaborando co grupo de teatro Argallada facendo os decorados.
Este ano xubileime e dedícome a facer as cousas que máis me gustan, como viaxar, cociñar e xogar ao xadrez.
máis artigos
♥♥♥ síguenos ♥♥♥