Viaxe a Mallorca 1ª parte
Manolo Gulías MárquezO día vintesete de febreiro comezamos a nosa segunda viaxe coa organización nacional do imserso. Sempre pedimos viaxes ás illas e esta vez tocounos a viaxe de dez días a Mallorca, aínda que na realidade son oito se descontamos o día da ida e o da volta. Arrastrando un par de maletas “trolley”, das que permiten levar na cabina do avión, fomos para a estación de autobuses de Pontevedra. O noso transporte colleríanos alí ás seis e cuarto da tarde e así foi, non se retrasou, pois viña dende Vigo.
Despois de tomar lista unha empregada da organización da viaxe, emprendemos camiño pola autoestrada para chegar ó aeroporto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela ás oito menos cuarto da tarde. O avión da compañía Enter Air sairía para o aeroporto de Son Sant Joan de Palma de Mallorca ás nove e cuarto.
O voo foi sen problema ningún e aterramos no aeroporto de Palma a iso das once da noite. Era a segunda vez que pisabamos a illa.
Alí colleunos de novo un autocar que, depois de facer varias paradas en diferentes hoteis, en algo máis de tres cuartos de hora nos levou ó hotel Samos, coa categoría de catro estrelas, na avenida Solivera nº 12 da cidade de Magalluf.
Esperábanos o reparto dos cuartos por parte de dous empregados que estaban na recepción do hotel, unha cea fría e a cama. O primeiro día da viaxe, dada a hora de saída, xa sabíamos que sería así.
A pesar de que hai moitas queixas polos hoteis nas viaxes organizadas de turismo social, nós tivemos sorte, na anterior viaxe a Tenerife o hotel estaba tan ben coma este.
Co nome que ten, Samos, xa se supuña que non podía estar mal e así era, a situación inmellorable, a alcoba ampla, moi xeitosa, con balcón cara a entrada do hotel e daba á rúa.
A organización nas distintas dependencias e a atención por parte do persoal tamén foi sempre exquisita.
O día vinteoito pola mañá, último do mes de febreiro, levantámonos para almorzar e logo para asistir á reunión que tiñan previsto facer os empregados da empresa de turismo social. Nela íamos ver as excursións que nos ofertaba a organización por se nos queriamos apuntar.
Pincha no PDF da dereita para ler a viaxe completa

Manolo Gulias Márquez
Docente
Xosé Manuel Gulías Márquez naceu en Pontevedra en 1952, pero foi bautizado en Forcarei de onde eran seus pais. En 1983 aprobou as oposicións por ciencias logo fixo a especialidade de galego e daba as clases nesa lingua. O seu último destino levouno ao instituto onde estudou, é dicir ao Valle Inclán, non podía estar máis feliz xa que despois de case 20 anos non tivo que volver coller o coche. Neste instituto estivo 18 anos ata que con 65 xubilouse, porque xa tiña o tempo de servizo e xa tocaba. Colabora con nós relatando as súas viaxes e os seus relatos.
máis artigos
♥♥♥ síguenos ♥♥♥