São Miguel: cinco días entre néboa, auga e luz
Ana Santos SollaFai cousa dun mes decidimos preparar unha viaxe ás Azores. Eu xa coñecía São Miguel, pero apetecíanos volver e engadir Terceira. O que ía ser unha viaxe de dous acabou converténdose nunha viaxe de catro, desas que xa nacen cun aquel de aventura compartida.
Buscamos os voos máis axeitados para febreiro e finalmente decidimos saír do 8 ao 17 con SATA, desde Oporto. O plan quedaba así: de Oporto a São Miguel do 8 ao 13, de São Miguel a Terceira do 13 ao 17, e regreso o día 17. En total, os tres voos saíron por 170,22 euros por persoa.
A saída era ás 12:40, con chegada a Ponta Delgada ás 14:10.
Saímos de Pontevedra ás 9:15 da mañá. Ao chegar ao aeroporto deixamos o coche no parking Prime Park (70 euros por 10 días). Xa na terminal avisáronnos de que podiamos facturar gratuitamente: nos billetes indicaba que só se podía levar unha mochila ou maleta de 8 kg, pero en realidade permitían ambas cousas sen pesar. Nós, por prudencia, cumprimos estritamente e levabamos só a maleta de 8 kg e unha mochila pequena.
O voo foi tranquilo, envolto nun ceo moi nubrado que, por sorte, non chegou a romper en chuvia. Chegamos puntuais, recollemos as maletas e fomos directamente buscar o coche que tiñamos reservado.
Era un Renault Clio da compañía Enterprise: cinco días con seguro a todo risco por 156,22 euros. Co coche xa en marcha, puxemos rumbo ao noso aloxamento, a apenas doce minutos do aeroporto: a Herdade do Ananás. Cinco noites con almorzo e parking por 400 euros a parella. Un lugar especial, case máxico, situado no medio dunha plantación de piñas, onde o aire parece ter outro ritmo.
Deixamos as maletas e saímos cara á capital. En dez minutos estabamos en Ponta Delgada, paseando polo centro e recoñecendo vellos cafés da miña viaxe de 2015, agora transformados en locais de moda.
Un deles, o Louvre Michaelense, antiga tenda de sombreiros e despois cafetería, é hoxe restaurante e coctelería. Mantén as vellas vidreiras e escaparates no interior, cun ambiente que lembra unha tenda de antigüidades. O servizo é coidado e todos os produtos levan o selo “made in Azores”. Entre as súas tentacións destaca o “Segredo”, un pastel de chocolate que podería ser a Mona Lisa deste pequeno Louvre atlántico. Reservamos para cear cedo.

Ana Santos Solla
Profesora de Educación Física
Son Ana Santos, nacín en Pontevedra no ano 1960, a miña infancia estivo moi ligada a Santa María de Xeve, a terra da miña nai, son a terceira de 8 irmáns, a maior das mozas, a máis vella como me dicían de pequena. Sempre me gustou o deporte e estudei INEF en Madrid, estiven 34 anos no IES Valle Inclán impartindo Educación Física alí foi onde coñecín ao resto dos meus compañeiros que agora me acompañan neste proxecto. Decidín xubilarme para dar un novo rumbo á miña vida e levar a cabo este tipo de iniciativas como @devellabella ue pretende que o envellecemento activo convértase en embelecemento persoal e poder achegar a miña experiencia nesta etapa da vida.
Nós os maiores aínda temos moita guerra que dar, espero que este blogue motívevos a querer colaborar connosco.
máis artigos
♥♥♥ síguenos ♥♥♥