Terceira

Ana Santos Solla

Se São Miguel foi unha illa que se nos foi revelando entre néboa, auga e luz, Terceira chegou como unha continuación natural, coma se a viaxe non cambiase de lugar, senón de ritmo.

Marchamos coa sensación de deixar algo aberto atrás, pero tamén coa certeza de que nas Azores nada remata de todo: as illas non se pechan, enlázanse. O voo curto, case suspendido sobre o Atlántico, foi apenas unha transición, un paso suave entre paisaxes que, sendo distintas, falan a mesma lingua.

Terceira recibiu-nos sen estridencias, cunha beleza máis humana, máis construída, onde as cores das casas e a vida das rúas dialogan cunha natureza que segue presente, pero menos abrupta. Aquí, o tempo pareceu desacelerar aínda máis, coma se a illa nos convidase non só a mirar, senón a quedar.

E nós, sen présa, aceptamos.

Saímos da illa de San Miguel coa sensación de pechar unha porta que aínda quedaba entreaberta. Devolvemos o coche en Enterprise —Guerin, ao fin e ao cabo, é da mesma familia— e deixámonos levar pola inercia das despedidas breves. O avión agardaba ás 13:00, deses pequenos, de hélices, onde o ceo parece máis próximo e o mar máis fondo. Trinta e sete pasaxeiros, un silencio case cómplice e, tras corenta minutos de travesía doce, como quen pasa unha páxina sen facer ruído, chegamos ao aeroporto de Aeroporto das Lajes, onde tamén pousan voos que veñen directos desde Oporto.

Esta vez o coche agardábanos con Hertz. Dous euros por un segundo condutor, catro días a todo risco, e un Opel Corsa disposto a acompañarnos polas estradas da illa. Pequenos detalles que, coma sempre, fan máis leve o camiño.

En apenas dezaoito minutos estabamos xa en Angra do Heroísmo, a capital, ese lugar onde o tempo parece ter decidido quedarse. Instalámonos no My Angra Charming Boutique Hostel, no corazón da cidade. Aparcamos case diante, sen présa, coma se a illa nos recibise con esa cortesía discreta que teñen os sitios que non precisan demostrarse. Catro noites, 285,60 euros, e un pequeno ritual doméstico: deixar as cousas, baixar á cociña, abrir unha cervexa da neveira —2 euros, anotación nun papel— e sentir que, por fin, xa estabamos alí.

No cuarto, como un aceno de benvida, agardaban uns Dona Amélia. De améndoa, suaves, perfectos para ese intre suspendido entre a chegada e o primeiro paseo. Sentáronnos de marabilla, coma todo o que chega no momento xusto.

Seguir lendo e descargar

piscinas de biscoitos
praia da vitoria
Angra
Ana Santos Solla

Ana Santos Solla

Profesora de Educación Física

Son Ana Santos, nacín en Pontevedra no ano 1960, a miña infancia estivo moi ligada a Santa María de Xeve, a terra da miña nai, son a terceira de 8 irmáns, a maior das mozas, a máis vella como me dicían de pequena. Sempre me gustou o deporte e estudei INEF en Madrid, estiven 34 anos no IES Valle Inclán impartindo Educación Física alí foi onde coñecín ao resto dos meus compañeiros que agora me acompañan neste proxecto. Decidín xubilarme para dar un novo rumbo á miña vida e levar a cabo este tipo de iniciativas como @devellabella ue pretende que o envellecemento activo convértase en embelecemento persoal e poder achegar a miña experiencia nesta etapa da vida.

Nós os maiores aínda temos moita guerra que dar, espero que este blogue motívevos a querer colaborar connosco.

Aix en Provence

Aquitania

Burdeos

Os Impérios de Terceira

Viaxe a San Miguel nas Azores

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥