Víctor Pedreira Crespo naceu na Coruña, en 1950, na rúa do Orzán. Seus pais vivían na Pobra do Caramiñal (onde seu pai fora destinado como Xefe de la Axencia do Instituto Nacional de Previsión) pero súa nai preferiu ir a dar a luz a capital, onde vivían súa nai e súas irmás.
O seu nome, Víctor Domingo Jesús, débello ao seu pai Víctor, a seus avós Domingo e a seu padriño Jesús. Tres meses antes nacera o seu primo (fillo do seu padriño Jesús) e puxéronlle de nome Jesús Domingo Víctor; Jesús polo seu pai, Domingo polo seu avó materno e Víctor polo seu padriño (o pai de Víctor).
Seus pais, Víctor e Rosa, coñecéronse un domingo de verán na praia de Santa Cristina na Coruña. Ela era moi guapa e coqueta, ambos tiñan 17 anos e fixéronse noivos. Pouco despois, seu pai, que pertencía á “quinta do biberón”, foi mobilizado a Madrid, con destino ás oficinas do Cuartel Xeral do Exército, poucos meses antes de terminar a Guerra Civil. Despois dun noivado largo e interrompido por as estancias forzadas do noivo en Madrid, casaron na primavera do 44.
No ano 45 naceu o seu irmán maior Miguel, logo viría el, 5 anos despois, e ano e medio mais tarde o pequeno José Luis.
Víctor e Rosa de noivos en 1943
O seu pai Víctor Pedreira foi fillo tardío de Ascensión Reimúndez, que casou en segundas nupcias con Domingo Pedreira. Do seu primeiro matrimonio con Sebastián Sigüenza, de Viveiro, encadernador, tivo catro fillos: Julio, Jesús, Pascual y Teresa. Julio, con 13 anos emigrou a Cuba logo Arxentina e Uruguai, donde en 1928 publicou “Cantigas e verbas ao ar” con prólogo de Juana de Ibarbourou. En 1932 volveu a Galicia para casar e instálase en Vigo onde morre en 1965, foi cónsul honorario de Uruguai e membro da RAG dende 1956. Jesús, tamén emigrado a Cuba e logo a Nova York. Pascual, que chamaba a seu irmán Julio “o académico”, era bohemio e admirador de Baudelaire (“o divino”, chamáballe), instalouse tamén en Vigo e Víctor recorda que lle fixo ler “ As flores do mal” aos 14 anos. A única filla do matrimonio foi Teresa, que traballou de cigarreira na Fábrica de Tabacos de A Coruña.
Domingo Pedreira xa viñera da emigración en Nova York onde traballara en hostaleira. Cos cartos que trouxo montou na Coruña un pequeno negocio de restauración. Casou con Ascensión en 1915 cando tiña 28 anos e Ascensión 39. En 1920, aos 44 anos tivo a Víctor Pedreira Reimúndez e un par de anos antes tiveran xa a María.
A súa nai, Rosa Crespo Parga, naceu tamén en 1920. Era filla de Engracia Parga Prego, da Coruña, do barrio de S. Pedro de Visma e de Domingo Crespo, maquinista naval que morreu o 23 de febreiro de 1928 no naufraxio do vapor Marcial cando regresaban de pescar en Finisterre e, debido a densa néboa, encallou nos baixos de S. Pedro, chegando xa a cidade. Tiña 36 anos e deixou a Engracia viúva aos 31 anos con 3 fillas, xa que a primeira filla, Nieves, morrera cedo de tosferina.
1942 Rosa, Engracia, Josefina e Miluca
Engracia e as súas fillas, Josefina, Rosa e Miluca pasaron moitas dificultades. Ca morte do seu home perdeu todo e quedou sen medio de vida. Empezou a traballar de costureira e pronto tamén as súas fillas; de bordadora Josefina, nunha papelería Rosa e Miluca nunha libraría.
Ata aquí un breve apuntamento da súa historia familiar.
1952 Víctor e Rosa con Víctor sentado, Jose Luis no colo da nai e Miguel
Boda familiar coa avoa paterna 1944
Víctor non foi a escola ata os 4 anos, cando os seus pais trasladáronse a vivir a Coruña. Fixo párvulos na cidade vella, e aos 7 anos trasladáronse a vivir a outra parte da cidade, en Santa Margarita, e foi a un colexio laico privado do que non ten moi bo recordo polo sistema educativo que era moi autoritario e exercían a violencia física. Lembra unha vez que a súa nai fora falar cos profesores por un castigo físico que recibira por falar en clase e logo lle dicían diante dos seus compañeiros: “Como a Pedreira non se lle pode tocar deixámolo sen recreo unha semana” .
“Como a Pedreira non se lle pode tocar deixámolo sen recreo unha semana”
Con 14 anos ingresou no instituto masculino para facer o bacharelato superior. De alí garda dos bos recordos, a profesora de literatura que influíu un pouco nos seus gustos, faláballe dos poetas lakistas (Wordsworth e Coleridge), precursores do romanticismo británico e que tanto influíron en Byron e Shelley, e o profesor de filosofía, que era de León, e que lle recomendou ler a nova Revista de poesía “Claraboya”, a que conseguiu que seus pais lle pagasen a subscrición ata a súa desaparición.
Sabía que non era un home de ciencias, aínda que a súa única matricula de honra foi en matemáticas. Gustáballe o francés, que non o puido estudar, porque “o futuro era o inglés a lingua dos negocios”, dicía o seu pai.
Din que de pequeno quería ser cura, pero perdeu a fe aos 14 anos cando morreu o seu padriño e o cura bocexando, e desganado como un mal funcionario, equivocouse de nome do defunto. Dende entón se lle foron as ganas e díxolle a súa nai que, como lle gustaban as mozas, prefería curar os corpos e non as almas. E, conforme co relato familiar, esa foi a primeira vez que expresou certo desexo de facerse médico.
Víctor no ano 1955 colexio da franja
En consecuencia, fixo o bacharelato superior por ciencias, mais por designio paterno que por vocación, xa que el sempre tivo preferencia por as letras. En realidade, na súa casa consideraban que as letras eran más ben cosas de bohemios (como o tío Pascual) ou de señoritas.
Nos derradeiros anos de bacharelato con 16 anos sentíase a gusto con 4 compañeiros cos que compartía o gusto pola musica clásica a literatura e o teatro. A cultura veu da man dun grupo, militantes do partido comunista na clandestinidade que chegaban aos mozos a través da literatura: Lorca, Alberti, Neruda, Miguel Hernández… interesábase pola estética cun mensaxe subliminar político e impregnado de sensibilidade social. “Cristo foi o primeiro comunista da historia”, “botou a lategazos do templo ós mercadores e usureiros”. “É mais difícil que un rico entre no reino dos ceos que un camelo entre polo ollo dunha agulla”; “Cristo fíxose amigo dos pobres e dunha prostituta”. Eran estas frases que adoitaban a dicir.
Aos 17 anos matriculouse en medicina pensando xa na psiquiatría. Daquela interesáballe a poesía surrealista e xa lera “A interpretación dos soños” de Freud , e a súa “Psicopatoloxía da vida cotiá”, formas todas elas de expresarse o subconsciente.
Lembra o profesor Villamil de psicoloxía que se permitiu o luxo na súa despedida, en 1970, de dicir ós seus alumnos que non foran cómplices co réxime de Franco. O entusiasmo dun cirurxián novo, Joaquin Potel, que falaba con tal paixón que lle fixo mercar, por correo, un tratado de “Enfermidades de colon, recto e ano” en inglés, que nunca leu. Sánchez Salorio oftalmólogo, era alto, elegante e rubio e semellaba un Kennedy. Falaba con brillantez dicindo que a saúde e a enfermidade están marcados pola cultura. Lembra un caso dun paciente do rural cun tumor baso celular, de crecemento lento non metastático, na cara. Nunca lle dera importancia ata que lle afectou ao ollo e dicía que antes estaba en sequeiro, na meixela, e agora estaba en regadío, no ollo, que lle impedía ver. D. Ramón Domínguez, profesor de fisioloxía do que lle prendía o seu discurso, magnificamente estruturado e construído como un sólido edificio, cheo de sabedoría e de honestidade.
En maio do 68 houbo un movemento estudantil moi importante na Universidade de Santiago de Compostela, cunha participación significativa do partido comunista. Un dos principais líderes dese movemento foi Vicente Álvarez Areces, que moitos anos máis tarde chegaría a ser Presidente do Principado de Asturias co Partido Socialista. Aquí, como en París e en outros lugares de Europa, “os xóvenes combatíamos por un mundo mellor, máis libre, máis xusto e máis solidario. A utopía, no noso caso exigía, como paso previo, o fin da Ditadura”. De ese tempo recorda con emoción a “toma” da Facultade de Letras. Durante tres dias utilizouse a Facultade como eido cultural: fixéronse recitais de poesía, interpretáronse cancións “protesta” e celebráronse conferencias improvisadas impartidas por relevantes personalidades da cultura, críticas coa Ditadura. Durante eses tres días aquelo parecía un campus dunha universidade europea o californiana. Esa experiencia extraordinaria terminou co desaloxo pacífico por parte dos “grises”. Posteriormente, intentouse repetir a ocupación coa toma da Facultade de Medicina pero, neste caso, a cousa terminou pronto e mal, con un desaloxo de unha violencia particularmente brutal levada a cabo pola mesma Policía Armada.
Os anos de estudante en Compostela recórdaos como un tempo de descubrimento existencial. Experimentou a liberdade persoal, lonxe da tutela familiar, coñeceu a novos amigos (sobre todo do mundo das letras, o arte e a cultura) e, ademais, descubriu o amor. Coñeceu a sua muller, Mavi, en primeiro de carreira e fixéronse amigos. Ao comezar o terceiro curso xa eran noivos. Fixeron a carreira de seis anos en cinco; os tres primeiros anos os cursaron normalmente, curso por ano, e logo fixeron os outros tres cursos en dous anos. Casaron xusto ao terminar a carreira, en 1972.
1970 Víctor e Mavi na praia de Riazor
Fixo as Milicias a continuación. O primeiro ciclo en Figueirido, logo o 2º no verán do 73 en Carabanchel, na Escola de Sanidade Militar. Naquel verán, a súa muller e seu primeiro fillo, David (nado o 30 de decembro de 1972) vivían en A Coruña. Ela traballaba de Médico de Garda no Hospital Municipal Labaca, como becaria. E él pasaba os fins de semana na Coruña, coa súa familia, onde trasladábase desde Madrid en coche, con dous amigos coruñeses. O sábado, 13 de agosto de 1973, Víctor e seus amigos pensaron viaxar a Coruña en avión xa que non poideran saír do cuartel o venres (como era habitual) porque toda a Compañía fora arrestada por indisciplina. Pensaron, pois, en viaxar en avión o sábado para tratar de aproveitar mellor a fin de semana na Coruña. Sen embargo, o prezo do voo era excesivo para as súas economías e decidiron facer a viaxe en coche, como sempre. Ao chegar á altura de Astorga, hacia as 3 da tarde, nunha parada para tomar un bocadillo, viron na TV, horrorizados, que o avión de Aviaco que pensaran tomar aquel día estrelarase en Montrove, moi cerca do Aeroporto de Alvedro, falecendo todos os pasaxeiros e a tripulación. Naquel momento pensaron que a súa precariedade económica lles salvara a vida. Ao final deste segundo ciclo de Milicias, viviron na distancia, pero con angustia e dor, o Golpe de Estado de Pinochet, en Chile, o 11 de setembro dese ano 1973. O terceiro ciclo das Milicias, lo difirió ao verán de 1976. Se trataba das “prácticas”, xa como psiquiatra no Hospital Militar de Coruña. E outra desgracia tería lugar naqueles meses: o repentino e prematuro falecemento do seu sogro na A Coruña o 29 de xuño de 1976. Por todo elo, tampouco da Mili ten un bo recordo.
Pero imos volver un pouco atrás. Como se dixo, o primeiro ano de casados pasárono na Coruña xa que obtiveron ambos sendas prazas de Médicos Becarios no Hospital Municipal Labaca, de A Coruña. Alí practicaron unha medicina de Urxencias, tomando contacto coa Medicina Xeral, antes de facer a especialidade de Psiquiatría, que tanto dexesaban realizar.
Naquel tempo, a especialidade de psiquiatría facíase o nas Cátedras de Psiquiatría das Universidades o nos Hospitais Psiquiátricos das Deputacións Provinciais. Eles optaron pola segunda vía, menos académica pero máis cercana á asistencia. O hospitais psiquiátricos acreditados para formar aos futuros especialistas convocaban, a nivel nacional, as prazas vacantes. As primeiras prazas de Médicos Internos e Residentes (MIR) de Psiquiatría que se convocaron naquel ano, foron 2 no Hospital Psiquiátrico de Albacete
Presentáronse e conseguiron as dúas prazas. El incorporouse de inmediato, o día 5 de xaneiro de 1974 e ela tivo que esperar a dar a luz a seu segundo fillo, neste caso, filla. E é que Penélope naceu exactamente o dia 7 de xaneiro de 1974 en Albacete, sendo bautizada na Capela do Hospital Psiquiátrico.
Pouco despois, Mavi (que non gozou de permiso algún de maternidade) incorporouse ao traballo como MIR de primeiro ano. Do tempo que estiveron en Albacete, garda un excelente recordo. Ademais de nacer alí a súa filla, coñeceron a dous de seus mellores amigos: Agustín, psicólogo do Hospital e a súa muller Maruli, mestra vocacional.
1974. Víctor con David e Penélope no nacemento do río mundo en Albacete
E alí permaneceron 9 meses ata que en setembro dese mesmo ano convocáronse outras 2 prazas de MIR no Hospital Psiquiátrico de Conxo, en Santiago de Compostela, que de novo obtiveron. Víctor incorporouse inmediatamente pero Mavi de novo tivo que esperar a dar a luz a seu terceiro fillo, Víctor Benjamín, que nacería en A Coruña el 27 de novembro de ese año 1974. El 31 de decembro, ela incorporaríase para continuar a sua formación de psiquiatra, de novo sen haber podido gozar de baixa maternal.
A experiencia persoal e profesional en Conxo foi inesquecible e determinante para o futuro exercicio da súa profesión. O Hospital estaba en plena Reforma da asistencia. Tratábase de transformar un Manicomio tradicional nun auténtico Hospital psiquiátrico. Pasar de ser un lugar de marxinación e exclusión social, onde os enfermos eran recluídos e privados dos seus dereitos cidadáns, nun lugar de tratamento para a recuperación da súa saúde mental, nun contexto respectuoso cos seus dereitos. Alí traballaban excelentes psiquiatras que se formaron no estranxeiro: en Alemaña, no Reino Unido e o Xerente (Dr. Montoya) en USA. Algún destes magníficos profesionais militaba no Partido Comunista, na clandestinidade. Eran un exemplo de compromiso profesional e social. E así foi como tamén eles –que xa tiñan aos seus tres fillos- comezaron a militar no “Partido”, como xenericamente chamábase naqueles anos ao Partido Comunista, xa que na práctica era a organización política clandestina que combatía ao franquismo con maior eficacia. Eran tempos difíciles, escuros, de moito medo pero tamén de compromiso e determinación.
“Na primavera de 1975 tivo lugar en todo o país un acontecemento inédito, de extraordinaria importancia. Refírome á folga dos MIR que levou a cabo en toda España. A reclamación fundamental (aínda que non a única) era a reivindicación dun contrato laboral que substituíse á Bolsa que recibían ata entón. Curiosamente, os MIR de Psiquiatría -que non nos formabamos nos Hospitais da Seguridade Social (onde non existían servizos de psiquiatría), senón nos Hospitais Psiquiátricos das Deputacións- xa gozabamos dun contrato laboral (o que significaba cotizacións á Seguridade Social, dereito a baixas laborais e á percepción do paro) e, con todo, puxémonos en folga de solidariedade co resto dos MIR do país. En Conxo, ademais, solidarizáronse connosco algúns psiquiatras de persoal (os nosos xefes) e ata o Administrador do Centro. As consecuencias foron dramáticas: todos fomos despedidos xa que, naquel entón, non existía o dereito á folga. Despois de varios meses despedidos, a maior parte dos MIR conseguimos ser readmitidos ao gañar o preito nos Tribunais de Magistratura, debido a erros do procedemento seguido pola Empresa. Con todo, os psiquiatras de persoal non foron readmitidos e tiveron que buscar traballo noutros lugares. Algúns, como o Dr. José García ou o Dr. Francisco Torres, anos despois, instaurada xa a Democracia, ocuparon postos moi relevantes nos seus lugares de orixe: o primeiro foi nomeado Conselleiro de Saúde e, posteriormente, de Servizos Sociais no Pricipado de Asturias; o segundo, foi tamén unha peza crave na organización dos servizos de saúde mental en Andalucía e Catedrático na Universidade de Granada. Era xente excepcional, irrepetible, dun nivel profesional moi por encima do nivel medio do noso país e cun compromiso social inquebrantable, chegando a poñer en xogo a súa seguridade e o seu benestar persoal e familiar na defensa das súas ideas e dos seus valores. Eu estareilles profundamente agradecido mentres viva. E a miña muller, Mavi, tamén”. Terminado o período de formación, Víctor obtivo, en novembro de 1978, unha praza de Xefe de Sección en Conxo. Pouco despois, en 1979 sacaron 4 prazas de Psiquiatras na Deputación de Pontevedra e tamén as gañaron os dous. Ela foi destinada ao “Hospital Psiquiátrico Rebullón” de Vigo e el ao Hospital Provincial de Pontevedra para crear un servicio de Psiquiatría, inexistente ata entón. A familia decidiu vivir en Vigo tocándolle a el viaxar a diario a Pontevedra.
Empezou só, con un bolseiro de primeiro ano, un grupo de auxiliares de enfermeira (especialistas en psiquiatría), unha traballadora social (Paloma) e 12 camas nun semisoto, pequeno e escuro, para o ingreso dos pacientes máis graves. Non había nin psicólogos nin enfermeiras. En 1982 foi nomeado Xefe del Servizo de Psiquiatría do Hospital Provincial. O Servizo foi desenvolvéndose progresivamente ampliándose a plantilla e creándose, co tempo, unha nova Unidade de Hospitalización de 18 camas e un Hospital de Día.
No ano 1990 ofrecéronlle a dirección do Rebullón e alí estivo ata o ano 1994. Tratábase de adaptar un hospital, realmente moi dinámico e con elevada calidade asistencial e respecto aos dereitos dos pacientes, ás disposicións da Lei Xeral de Sanidade (de 1986) que contemplaba a creación de servizos asistenciais de carácter extrahospitalario integrados no Sistema Sanitario Xeral (no noso caso, o Sergas). Foi un traballo duro pero moi gratificante que contou, inicialmente, co apoio da Deputación. Creáronse 3 Centros de Saúde Mental na Comunidade, con equipos multiprofesionales ben dimensionados e foise desenvolvendo unha incipiente rede de pisos tutelados para pacientes menos graves.
Víctor e Mavi con Víctor, Penélope e David en 1992
Con todo, tivo que abandonar a dirección ao ser cesado por negarse a aceptar a creación dun estraño “Complexo Hospitalario Rebullón- Hospital Provincial” que esixía a Deputación para facilitar a transferencia ao Sergas pero que resultaba lesivo para os servizos de saúde mental.
En setembro de 1994 regresou á súa praza de Xefe do Servizo de Psiquiatría do Hospital Provincial. Posteriormente produciuse a transferencia do Hospital Provincial ao Sergas e creouse o Complexo Hospitalario de Pontevedra (que incluía o Hospital Provincial e o Hospital Montecelo) e foi nomeado Xefe do Servizo de Psiquiatría do Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP). Nese tempo, continuou desenvolvéndose a Rede Asistencial do Servizo, coa creación de varias Unidades de Saúde Mental Comunitarias e unha incipiente rede complementaria de recursos de rehabilitación extrahospitalaria (Centro Ocupacional e Pisos Tutelados para pacientes novos sen apoio familiar) que xestionaba xa a Asociación de Familiares e Amigos de Persoas con Enfermidade Mental “Alba”, creada en 1997 a iniciativa dun grupo de familiares –maioritariamente nais- de persoas enfermas lideradas por Dna. Carmen Martínez, co apoio entusiasta da Traballadora Social Paloma Rodríguez Español e do propio Víctor Pedreira. Hoxe esta excelente Rede está dirixida moi competentemente polo Psicólogo Clínico Roberto Cordovés. En agradecemento ao compromiso dos seus promotores, o Centro Ocupacional leva o nome de Paloma Rodríguez Español e Víctor foi nomeado Presidente de Honra da Asociación .
En 2005 o Partido Popular perdeu a maioría absoluta no Parlamento de Galicia. O socialista Emilio Pérez Touriño fué nomeado Presidente da Xunta de Galicia e creouse o Goberno Bipartito PSOE-BNG. Víctor foi nomeado Subdirector Xeral de Saúde Mental e Drogodependencias, cargo que ocupou durante todo o goberno progresista, ata 2009. Durante ese tempo, creouse unha única unidade administrativa para a xestión da atención á saúde mental e ás drogodependencias porque estas non son outra cousa que auténticos problemas de saúde mental. Tratábase, en última estancia, de integrar a atención ás drogodepencias na Rede do SERGAS, xa que non parecía lóxico que as drogodependencias continuasen sendo atendidas en centros dependentes de certos Concellos e de Ong, á marxe do SERGAS. Durante eses case 4 anos aprobouse o primeiro “Plan Integral de Saúde Mental de Galicia 2006-2011”. e desenvolvéronse os recursos correspondentes aos 3 primeiros anos. Tamén levou a cabo a integración funcional da Rede de Drogas no Sergas pero non deu tempo a levar a lograr a segunda fase, a integración administrativa, que, por certo, aínda está pendente de materializarse.
Nas Eleccións Autonómicas de 2009, o PP recuperou, pola mínima, a maioría absoluta e Núñez Feijóo foi nomeado Presidente da Xunta de Galicia. Produciuse, loxicamente, o cambio de Goberno e Víctor foi cesado en maio dese ano do seu cargo de Subdirector Xeral de Saúde Mental e Drogodependencias. Ata aí, todo normal. O que non foi normal é que, ademais de ser cesado do cargo que ocupaba na Xunta (de libre disposición) recibiu un segundo cesamento: o de Xefe de Servizo do Complexo Hospitalario de Pontevedra, cargo do que se atopaba en situación de “excedencia especial” para ocupar o cargo público no Goberno da Xunta. Naturalmente, tratábase dunha irregularidade e anunciou que emprendería accións legais contra ese cesamento, totalmente ilícito e inesperado.
Como consecuencia do anuncio de accións legais por parte de Víctor contra o seu cesamento devolvéuselle a Xefatura do Servizo pero, a pesar das promesas do Xerente, ao final resultou que o novo nomeamento era só en “comisión de servizo” (é dicir, “en funcións”) o que lle daba unha gran inestabilidade ao cargo do que podería ser cesado en calquera momento sen necesidade de que houbese razóns obxectivas para iso. Aínda así se lle mantivo “en funcións” ata que a praza de Xefe de Servizo foi convocada de novo e adxudicada, de forma fraudulenta a outro candidato que tiña menos experiencia clínica e un currículo abismalmente inferior. Iso ocorreu en outubro de 2012, data no que foi relevado da Xefatura, a través dun proceso selectivo infestado de irregularidades. Foi un auténtico escándalo con gran repercusión mediática.
A partir dese momento, Víctor recorreu o resultado #ante a xustiza e gañou o preito en 1ª Instancia, en sentenza ratificada en 2ª Instancia polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Ambas as sentenzas confirmaban que o proceso selectivo non se axustou a dereito e produciuse “desvío de poder” na adxudicación da praza e obrigábase ao Sergas para repetir a oposición cunha nova Comisión de Avaliación imparcial. A proba celebrouse en febreiro do 2019 pero o outro candidato, ao non contar cunha Comisión “amiga” como a anterior, non se presentou e a praza adxudicóuselle a Víctor en abril de 2019, pero con efectos retroactivos desde outubro de 2012. Todo este penoso proceso durou 7 longos anos.
“Foi unha vitoria moral. Eu xa estaba xubilado desde xaneiro de 2015 e non puiden reincorporarme, pero mereceu a pena unha loita tan longa e tan dura. Era unha cuestión de dignidade e de xustiza. Os que actuaron de forma ilícita foron sancionados ou reprobados. Os médicos que formaron parte da primeira Comisión de Avaliación foron, para a súa vergoña, reprobados pola Comisión Central de Deontología do Consello Xeral de Colexios Médicos de España e o equipo directivo do Complexo Hospitalario de Pontevedra foi finalmente relevado dos seus cargos. O candidato ao que se adxudicou inicialmente a praza foi cesado e pediu o traslado a Santiago. Ao final, por fin, fíxose xustiza”.
Sempre sentiu que a sua vida estivo marcada pola política, pero non quixo dedicarse profesionalmente a ela. Se sinte profundamente socialista porque cre que é a doutrina política que mellor conxuga dous valores, para el irrenunciables: a liberdade e a xustiza social. E gústalle lembrar as verbas de Willy Brant: “tanto mercado como sexa posible, tanto estado como sexa necesario”.
aDo que se sinte máis satisfeito é de transmitir os valores a súa familia. Considera que a familia é unha especie de cooperativa que se pon en funcionamento, como una piña, cando fai falta.
E nótaselle un lexítimo orgullo cando fala da súa esposa, dos seus fillos (incluíndo os “políticos”) e dos seus netos. Sempre respectou as decisións dos seus fillos e nunca pretendeu influírlles na elección dos seus estudos e profesións. De feito, ningún elixiu dedicarse á Psiquiatría (como os seus pais) nin a ningunha outra especialidade médica. Así, David, o maior, é Doutor en Xeoloxía e Profesor Titular no Departamento de Xeoloxía da Universidade de Oviedo; sente paixón pola montaña e é un excelente fotógrafo, sobre todo da natureza. Penélope é Licenciada en Filoloxía Hispánica e en Antropoloxía Social e Cultural; a súa paixón pola literatura levoulle a fundar, xunto a Moisés Barcia, “Rinoceronte Editora” e a dirixir “Edicións Barbantesa” e, oxalá, que nun futuro próximo a leve á terceira aventura editorial. Víctor Benjamín, o menor, é Licenciado en Xeoloxía pero nunca exerceu esa profesión xa que os seus anhelos e afeccións leváronlle ao mundo do teatro e do cinema onde, despois de ter algunhas experiencias interesantes como actor e, mesmo, como director, parece decantarse (polo menos neste momento) pola faceta de guionista, participando no guión de diversas series como “Vivir sen permiso”, “Entrevías”, “A cociñeira de Castamar”, “A caixa de area” e “A lei do mar”.
Goza da literatura, sente paixón pola música e auténtica veneración por Bach. Goza da comida, sobre todo cando a comparte coa súa familia e amigos. Gústalle viaxar e descubrir paisaxes, gastronomía e culturas diversas. Pero, sobre todo –para ben ou para mal- encántalle o debate apaixonado sobre todo aquilo que considera importante.
En relación ás súas viaxes destaca algúns que máis lle impactaron por uns ou outros motivos:
O que realizou coa súa esposa, Mavi, a Nicaragua no verán de 1986, onde pasaron un mes. Celebrábase o 7º Aniversario da Revolución Sandinista que acabou cunha das ditaduras máis crueis de hispanoamérica, a do ditador Anastasio Somoza. Lembra que no avión que lle levou a Nicaragua viaxaba o soado escritor Salman Rushdie que ía participar nun encontro de escritores que apoiaban ao novo goberno e que máis tarde sería condenado á morte polo fanatismo islámico como consecuencia da publicación da súa novela “Os versos satánicos”. Impresionoulle o país pola beleza da súa natureza exuberante e tamén pola esperanza, a ilusión e a solidariedade coa que o pobo se dispoñía a vivir unha situación nova que ofrecía educación, sanidade e servizos básicos para todos nun contexto de gran escaseza de bens de consumo. E o que non lle perdoa a un dos principais heroes daquel triunfo sobre a ditadura, Daniel Ortega, é a deriva totalitaria da súa evolución posterior, traizoando os principios de liberdade e xustiza que tiña no seu inicio o movemento sandinista.
Non ano 1980 fixo unha viaxe a Romanía viu unha realidade que non lle gustou nada. Era un pais escuro, triste, sen liberdade e había escaseza de todo. Aquela realidade do comunismo, marcoulle moito.
En 1996 estivo en Tunes. Pareceulle un pais alegre e amable. Parecía combinar ben a súa cultura tradicional cun aire occidental de tolerancia e ausencia de fanatismo. Impresionoulle a paisaxe das dunas do deserto e gozou do cheiro do jazmin e do sabor do che verde.
Víctor e Mavi con Angel e Estrella en Tunes en 1996
Outra viaxe do que garda un magnífico recordo é o que fixo con Mavi a Irlanda a finais do verán de 1993 para visitar ao seu fillo David que estaba cunha bolsa Erasmus na Universidade de Galway. Foi unha viaxe a Dublin seguido dun percorrido en coche pola costa occidental, en particular pola rexión de Connemara (co seu pintoresco porto de Clifden) no condado de Galway. Encantoulle a paisaxe e chamoulle a atención o carácter “mediterráneo” da xente, alegre, amante da música, o canto e a cervexa.
Outras dúas viaxes que lembra especialmente foron os que realizaron el e a súa esposa a Eslovaquia na primavera do 2000 e a Estrasburgo en xuño de 2003. En ambos os casos, tratábase de visitar á súa filla Penélope que obtivera unha praza do programa oficial de “Español para estranxeiros” en senllos Institutos de Kosice (Eslovaquia) e Estrasburgo (Francia). A viaxe a Eslovaquia foi máis longo e permitiulles coñecer un pouco o pais que facía poucos anos aínda que saíra da órbita soviética. Foi unha viaxe preciosa xa que a primavera, despois das rigorosas neves do inverno, estaba esplendorosa. Gustoulles moito a visita á capital, Bratislava, a Kosice (onde vivía Penélope, case na fronteira con Ucraína) e aos Montes Cárpatos. O segundo destas viaxes foi a Estrasburgo para recoller a Penélope ao terminar o curso. Non coñecían a cidade e gustoulles o ben consevada que estaba a parte antiga e toda a cidade tan coidada e tan enche de flores. Tiveron a oportunidade de coñecer persoalmente a Annie e a Roland, a parella de profesores franceses, compañeiros de Penélope no Instituto que, dalgunha maneira, a “prohijaron” durante as primeiras semanas da súa estancia en Estrasburgo. Unha parella estupenda coa que manteñen unha relación de amizade, pasando estancias os catro en Galicia, no sur de Francia (nunha casa que teñen preto dos Pireneos) ou viaxando xuntos por Italia.
Lembra tamén outras viaxes que lle gustaron especialmente como o que fixo hai 30 anos a Grecia con Mavi e un matrimonio de bos amigos e compañeiros de profesión, Estrella e Ángel, durante 15 días: Atenas, viaxe en coche polo Peloponeso e, por suposto, visita á Illa de Mykonos. Pero se tivese que elixir un país polo seu patrimonio histórico, a súa impresionante arquitectura e a súa diversidade cultural, ese é Italia, onde gústalle volver sempre para visitar de cada vez unha rexión diferente: Liguria, Véneto, Toscana, Costa Amalfitana, Umbría… E quedan tantas aínda. Nos últimos anos afán viaxar, el e a súa muller, cos seus amigos franceses, Annie e Roland. Son viaxes máis intensivas que extensivos para coñecer ben unha rexión concreta. En xuño de 2022, para celebrar os 50 anos de casados fixeron unha viaxe breve de 4 días a Florencia cos seus 3 fillos, en recordo doutro que tamén fixeron os 5 polo sur de Francia en 1997 para celebrar os 25 anos de casados.
Pero se hai un sitio onde Víctor se atope a gusto ese é Anceu. No ano 1988, eles vivían en Vigo pero buscaban una segunda vivenda en el campo para vacacions. Atoparon por casualidade unha casa para rehabilitar en Anceu. Tratase dunha casa de estilo indiano con elementos propios da arquitectura modernista. Alí gústalle recibir a visita dos seus amigos e pasar uns días xuntos. Unha das visitas máis desexadas e de cuxa estancia máis gozan Víctor e Mavi, é a de Juanjo Ordoñez e Carmen Queralt, que viven en Madrid. Carmen é ilustradora de literatura infantil (sobre todo) e Juanjo é Profesor de Literatura (xubilado). Alternan con eles as súas estancias en Anceu coas que pasan en Asturias, nunha casa que eles teñen na costa do occidente asturiano (Juanjo é asturiano de orixe).En ocasións gústalles facer xuntos algunha viaxe curta e intensa a algún lugar, de especial encanto, da España baleirada. Alí pasan temporadas en familia coa tranquilidade que dan os anos e a alegría dos seis netos. E alí, o 7 de maio de 2016 celebrouse a voda dos seus 3 fillos. Unha voda orixinal que recolleu a prensa local xa que os noivos contaban xa con varios anos de convivencia e, en total, con 6 fillos. A Voz de Galicia Faro de Vigo
Faro de vigo Voda 2016
Foto de Capotillo A Voz de Galicia
Dos premios e distincións que recibiu ao longo da súa vida, destaca 2: A Cruz Branca da Orde ao Mérito do Plan Nacional sobre Drogas, recibido de man do Ministro de Sanidade Bernat Soria o 30 de xaneiro de 2008 e o Premio Cidade de Pontevedra 2017, recibido de man do Alcalde de Pontevedra Miguel Lores o 20 de xaneiro de 2018.
2008 Cruz Blanca al mérito
2018 Premio Cidade de Pontevedra
Ten soños sen cumprir como dirixir unha orquestra de música clásica, di que é imposible porque di que ten “amusia motora” (é dicir, incapacidade para reproducir a música), escribir un relato de carácter experiencial (ese ten esperanza en facelo) e ir a Africa central coa súa muller xa que ela naceu en Guinea Ecuatorial.
E, como reflexión final, nos deixa a seguinte:
“A vida de cada persoa é, en boa medida, froito do azar pero tamén o é dalgunhas decisións que tomamos e das súas consecuencias. Debo agradecer ao azar a sorte de nacer nun país marabilloso, nun momento histórico apaixonante e no seo dunha boa familia. Dela, da miña familia, aprendín o valor do traballo, do esforzo persoal e do respecto aos demais; tamén o valor da calor, do afecto, do agarimo na familia. Tiven, tamén, a fortuna de atoparme no camiño con persoas excepcionais que espertaron en min o amor pola literatura, pola música (especialmente a clásica) e pola cultura, en xeral e que me ensinaron o valor do compromiso social. Pero, sobre todo, tiven o privilexio de coñecer a Mavi. Pola miña banda, tiven a intelixencia de aproveitar esas oportunidades que o azar me regalou e, en especial, tiven o acerto de unir, para sempre, a miña vida á de Mavi. E por iso síntome enormemente afortunado e feliz ata onde ao ser humano élle dado ser feliz”.
Familia Pedreira 2015
Despedímonos coa sensación de que quedan moitas cousas sen falar como seu amor pola música clásica. Vin en Víctor un home valente que non se deixou amedrentar polo sistema e loitou pola xustiza e benestar na sanidade pública e tamén por coherencia cos seu principios. Grazas Víctor pola túa predisposición sen tempo para facer esta historia de vida cargada de historias vividas.
Galería de fotos
Equipo do Rebullón no 1981. Víctor de verde con barba a dereita
1997 Corrubedo, Juanjo, Víctor e Carmen
1990 Congreso en Ourense con Antonio Rodríguez, foi Catedrático de Psiquiatría da Universidad de Santiago.
2002 en Cascais con Mavi no congreso internacional de saúde mental
1997 Anceu- 25 anos de casados
1993 con Jaime Milheiro (Presidente da Asociación portuguesa de saúde mental) en Soutomaior
2010 Víctor e Mavi en Rascafria con Agustín e Maluli
Ana Santos Solla
Profesora de E.F.
Son Ana Santos, nacín en Pontevedra no ano 1960, a miña infancia estivo moi ligada a Santa María de Xeve, a terra da miña nai, son a terceira de 8 irmáns, a maior das mozas, a máis vella como me dicían de pequena. Sempre me gustou o deporte e estudei INEF en Madrid, estiven 34 anos no IES Valle Inclán impartindo Educación Física alí foi onde coñecín ao resto dos meus compañeiros que agora me acompañan neste proxecto. Decidín xubilarme para dar un novo rumbo á miña vida e levar a cabo este tipo de iniciativas como @devellabella ue pretende que o envellecemento activo convértase en embelecemento persoal e poder achegar a miña experiencia nesta etapa da vida.
Nós os maiores aínda temos moita guerra que dar, espero que este blogue motívevos a querer colaborar connosco.
máis artigos
Actividades culturais do 9 ao 15 de setembro 2024 por Ana Santos
by Ana | Setembro 8, 2024 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 27 de maio ao 2 de Xuño por Ana Santos
by Ana | Maio 26, 2024 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 20 ao 26 de Maio 2024 por Ana Santos
by Ana | Maio 19, 2024 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 13 ao 19 de Maio 2024 por Ana Santos
by Ana | Maio 12, 2024 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 6 ao 12 de Maio 2024 por Ana Santos
by Ana | Maio 5, 2024 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 29 de abril ao 5 de maio por Ana Santos
by Ana | Abril 28, 2024 | Actividades | 0 Comments
Anxo da Ferreira por Ana Santos Solla
by Ana | Xuño 23, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Marigel Pérez García por Ana Santos Solla
by Ana | Maio 5, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Carmen Fernández Conde por Ana Santos
by Ana | Marzo 10, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Fidelina Gómez Rancaño por Ana Santos
by Ana | Febreiro 11, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Fita a Galana por Ana Santos Solla #devellabella#
by Ana | Xaneiro 14, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Coco Pimentel Piernas por Ana Santos Solla
by Ana | Decembro 17, 2023 | Historias de vida | 0 Comments
La soledad de los días por Isabel García Uría
by Colaborador | Xuño 23, 2024 | Literarias | 0 Comments
Xan Pirolán por Manolo Gulias Márquez
by Colaborador | Xuño 23, 2024 | Bienestar, Literarias | 0 Comments
Existencia efímera por Jose Solla Casqueiro
by Colaborador | Xuño 16, 2024 | Fotográficas | 0 Comments