O pasado verán, na primeira quincena do mes de xullo para fuxir da masificación que se produce nas montañas en xeral e nos Pirineos en particular durante o núcleo do verán, un grupo de montañeiros “senior”, xubilados na súa maioría, emprendemos unha viaxe habitual para nós xa que a vimos repetindo dende hai anos. Algúns membros do grupo levan de feito máis de 15 anos asistindo a esta cita anual coa montaña e outros levamos menos, pero iso si, podo asegurar unha cousa, os que probamos unha vez, ficamos enganchados para sempre.
Cada ano que pasa cargamos cun ano máis ás nosas costas co que iso significa nas calidades físicas pero seguimos e seguiremos aínda moito tempo desfrutando da montaña. O montañismo é visto polos non iniciados como unha actividade que implica un grande esforzo físico e que supón un certo perigo, unha ameaza para a nosa saúde e mesmo para a nosa vida; unha idea reforzada pola chegada ocasional de noticias de accidentes e lesións. Nada máis lonxe da realidade; efectivamente a montaña esixe esforzo pero debemos adaptalo ás nosas condicións e dosificar a nosa enerxía con intelixencia, e a idade axúdanos a realizar este recoñecemento e distribución das nosas posibilidades, aquí temos vantaxe sobre os máis mozos; os maiores, á hora de realizar un esforzo prolongado temos máis competencias para administrar o noso combustible biolóxico e mental. O risco, na montaña como na vida cotiá, elíxeo cada un. Na nosa vida eliximos acercarnos ou non a certos riscos, como conducindo, ou a certos hábitos perigosos, os tóxicos por exemplo, que sabemos que poden reducir a nosa esperanza de vida; e na montaña tamén, nós mantémonos sempre do lado da prudencia, virtude que levamos practicando anos, e do sentido común, que nos afastan de perigos e malas experiencias. A prudencia e o sentido común vannos permitir administrar a nosa actividade montañeira dentro dun nivel de risco practicamente igual ao que nos afecta durante a nosa vida cotiá no entorno habitual.
Ben, pero haberá quen se faga unha pregunta, que necesidade teño eu de saír da calor e a comodidade do meu fogar de ir suar e pasar frío e sufrir costa arriba nesas montañas? Que me proporciona a min ese esforzo estéril? Para min, os beneficios da actividade montañeira, físicos e psicolóxicos, son grandes e evidentes.
Hai libros sobre o tema pero só quero falar dalgunhas das cousas que facemos e ocorren na montaña e que resultan moi beneficiosas e pracenteiras, non para todos claro. En primeiro lugar penso que é moi beneficioso o cambio de escenario, de pronto vémonos rodeados de paisaxes grandiosas, onde os ceos contrastan coas cimas rochosas e estas cos bosques de abetos, máis abaixo cos de faias e buxos, cos lagos glaciares, cos neveiros que lembran as neves do inverno, cos infinitos ríos e regatos, todo un espectáculo reconfortante e saudábel, que nos anima a respirar fondo e a inspirar os nosos pensamentos nesa beleza.

A planificación das rutas, o estudo da cartografía, a fixación de obxectivos, algúns dos cales parecen case imposibles ao principio, a convivencia en camaradería cos nosos compañeiros e compañeiras de viaxe, estimúlannos e permítennos desfrutar dese pracer da planificación minuciosa dos nosos obxectivos inmediatos.
E, por suposto, as ascensións, todo un exercicio físico de longa duración, de perseverancia, de esforzo medido, físico e mental, para acadar a cima, ou non, se a prudencia o desaconsella. Gozamos de paisaxes que nos transmiten unha sensación de total plenitude, saboreamos o aire fresco e limpo da montaña, os aromas da exuberante flora alpina; sentindo a satisfacción de conseguir o que parece difícil ou mesmo imposible. Logo vén o regreso, tamén duro pero menos, e ao final toda unha morea de sentimentos e vivencias, toda unha experiencia sensorial e convivencial asegúrovolo, a satisfacción é plena.

A nosa viaxe deste ano discorreu entre o 1 e o 12 de xullo, os nosos obxectivos centrábanse na zona de Panticosa, no Pirineo oscense; os plans consistían en combinar xornadas de actividade máis relaxada con un par de ascensións máis duras unha vez que a aclimatación fora boa. Alugamos unha vivenda para as 8 persoas que nos desprazamos; organizamos a intendencia sobre a marcha, o noso intendente planificou as primeiras comidas e pasamos por un supermercado polo camiño, tras todo un día de coche entre Pontevedra e Escarilla (unha pequena vila entre Panticosa e Formigal) estabamos na nosa residencia pirenaica reunidos entorno a sinxelos pero estupendos manxares.
Pero o que importa é a montaña, para o día seguinte da chegada, o primeiro de actividade, tras recoñecer que a maioría carecíamos da máis elemental preparación física, decidimos facer unha ruta de iniciación “tendidiña” de sendeirismo. Partimos do paso fronteirizo do Portalet co obxectivo de acadar a cima do Pene Blanc, xa en Francia. Un paseo espectacular co Pic de du Midi d’Oseaux por un lado e o Anayet polo outro. Case 9 quilómetros de percorrido cun desnivel de 728 m e coa cota máxima de 2361 m. Unha xornada suave pero intensa pola nosa falla de forma física e que resolvemos sen problemas desfrutando de vistas marabillosas de vales e cimas míticas a ambos lados da fronteira que percorremos durante unha parte da traxectoria.
Ao día seguinte unha excursión moi interesante deica o arco de Piedrafita, unha formación xeolóxica de grandes dimensións despois dun fermoso paseo no que bordeamos o ibón do mesmo nome.
E así van pasando os días, combinando paseos con ascensións un pouco máis duras, talvez dentro destas as que supuxeron un maior esforzo foron a do Anayet de 2545m e o vértice do Anayet , a do Balaitús, de 3145 e a do Tebarray de 2961.
Gozamos tamén da rica e variada vexetación pirenaica que se escala en altitude, comezando polos bosques de faias, buxos, abeleiras e acivros para ir pasando aos bosques máis alpinos de abetos e aos prados, ata chegar a pequenas manchas de plantas adaptadas á altitude. Aínda que estamos xa no mes de xullo, nos Pirineos aínda florece a primavera e son abundantes os perfumados rododendros de montaña en flor, as xencianas e as orquídeas e moitas outras especies propias destas destes paisaxes alpinas alpinos.

Ao final volvemos cun feixe de experiencias, algunhas de esforzo físico, que pero moitas de contacto coa natureza e coas paisaxes de montaña, e por suposto as gastronómicas, que tamén é importante gozar desfrutar da gastronomía local.
Regresamos coma sempre pensando xa na próxima oportunidade de volver desfrutar da montaña.

Benito Andrade González
Profesor de Bioloxía
Son Benito Andrade, nacín en Salcedo, moi cerca de Pontevedra, no 59.
Cando terminei o bacharelato tiña decidido estudar Filoloxía Hispánica pero no último momento matriculeime en Bioloxía, coa ilusión de poder estudar o medio mariño.
Pero non, non era ese o meu camiño, acabei dando clases de Bioloxía en varios centros de Galicia, o último o IES Valle Inclán de Pontevedra.
Pero non perdín de vista o mar, como afección, como desfrute e como compromiso, na Asociación Pola Defensa da Ría, defendendo dentro das miñas posibilidades a saúde dos ecosistemas da Ría de Pontevedra.
Tamén quixen acercarme aos mares do pasado, estudando uns bichiños ben fermosos dos mares do Xurásico de bacía portuguesa desta época, anos recollendo e estudando braquiópodos mesozoicos fixeron que lles teña un grande cariño a estes amiguiños de pedra, unha compañía que quero seguir buscando.
O tempo é unha fera destrutiva que pasa case sempre moi rápido, pasan os meses, os cursos, os anos e chegou o momento de deixar de traballar no instituto.
Somos maiores dende logo pero agora libres para poder dedicarnos ás cousas que consideramos importantes, como este blogue de maiores e para maiores feito entre amigos xubiletas.
máis artigos
Actividades do 20 ao 26 de marzo 2023 por Ana
by Ana | Marzo 19, 2023 | Actividades | 0 Comments
Actividades do 20 ao 26 de Febreiro 2023
by Ana | Febreiro 19, 2023 | Actividades | 0 Comments
Actividades do 13 ao 19 de febreiro 2023
by Ana | Febreiro 12, 2023 | Actividades | 0 Comments
Rafael Sánchez-Agustino “Fis” por Ana Santos
by Ana | Marzo 10, 2023 | Historias de vida | 0 Comments
Juan Romero Ogando por Ana Santos
by Ana | Febreiro 12, 2023 | Historias de vida | 0 Comments
Marina de Sáa González por Ana Santos Solla
by Ana | Decembro 18, 2022 | Historias de vida | 0 Comments
Luis Otero Echart por Ana Santos
by Ana | Decembro 4, 2022 | Historias de vida | 0 Comments
Mª del Carmen Fernández Iglesias por Ana Santos
by Ana | Novembro 13, 2022 | Historias de vida | 0 Comments
Rafael Loureiro Álvarez-Builla por Ana Santos
by Ana | Outubro 30, 2022 | Historias de vida | 0 Comments
Raíña dos mares por Charo Valcárcel Mato
by Charo | Marzo 12, 2023 | Literarias | 0 Comments