VIXENCIA E ACTUALIDADE DA OBRA ROSALIANA

“A gaita gallega”: o drama da emigración

En 1863 publícase en Vigo Cantares gallegos de Rosalía de Castro, obra que se ha converter en baliza histórica ao marcar o inicio do que se coñece como Rexurdimento galego. O libro comeza cunha dedicatoria a Fernán Caballero “por ser mujer” e “por haberse apartado algún tanto, en las cortas páginas que se ocupó de Galicia, de las vulgares preocupaciones con que se pretende manchar a mi país”, asinada en Santiago o 17 de maio. Esta data servirá de referencia cen anos despois para instituír o Día das Letras Galegas. Consta de trinta e seis poemas e un “Prólogo” no que a autora expón que vai atopar o lector ou lectora neste libro auroral: glosas de cantigas populares nas que vai abordar todo aquilo relativo ás clases populares e aos seus problemas: a pobreza, a emigración, a inxustiza social, o abandono do Estado. En fin, todo aquilo que a conmove e lle provoca tristeza e desconsolo.

No primeiro poema pídenlle a unha meniña¹ cantar a Galicia en galego a cambio de comida e roupa e ela comprométese a facelo. No derradeiro, intervén a rapaza para pedir desculpas pola falta de graza que, no entanto, intenta suplir cun profundo e inmenso amor á patria; e mentres canta e parece leda “por dentro un chora”. O poemario posúe unha estrutura circular. O primeiro texto funciona coma unha introdución e o último como un epílogo.
Non é a nosa intención analizar e profundar na obra en xeral, só nos referiremos ao poema número vinte e sete titulado: “A gaita gallega”, coa anotación: “Resposta ao eminente D. Ventura Ruíz de Aguilera”. Rosalía agradece ao poeta e narrador salmantino, que tres anos antes publicara o poema “La Gaita gallega”, dedicado “A mi querido amigo, D. Manuel Murguía”, o terse acordado de Galiza “¡ti entre tantos!”, exclama. Ruíz de Aguilera, remata as cinco estrofas das que consta o poema cos seguintes versos referidos ao son da gaita galega: “no acierto a deciros / si canta ó si llora”. En cada estrofa contrapón o positivo de Galiza: a beleza, a riqueza dos seus cen portos e tamén a feracidade da terra, aínda que moi inxustamente repartida; e o negativo: o abandono, a prostración, a miseria, a emigración e o desprezo e a mofa que sofren acotío os galegos: ¡Tendrás sed…! Hiel y vinagre / te darán con mano pródiga, / y con corona de espinas, / cetro de caña por mofa;”.

O poema de Rosalía consta igualmente de cinco estrofas e ao final de cada unha afirma: “Eu podo decirche: / non canta, que chora”. A autora, que viviu e vive de primeira man a realidade galega, asevera que o son da gaita, símbolo da colectividade e transmisora dos seus sentimentos, é un son de tristura, angustia, desamparo e sufrimento. Galiza é unha virxe mártir “cos pes cravados de espiñas, /cas mans cubertas de rosas”, e aínda que a gaita toque unha alborada de gloria e bailen nas eiras as turbas loucas, eses sons provócanlle un sentimento de profunda aflición. As bágoas afloran e acórana. Deus foi xeneroso con Galiza dotándoa dunha extraordinaria beleza: “brancas auroras”, “campos froridos”, “verdes pinos”, froliñas cheirosas”… Porén, tamén se ven “pasar macilentas sombras, / grilos de ferro arrastrando / antre sorrisas de mofa,”. Fronte á exuberancia e á beleza: fame, escravitude, desprezo e burla.

Os cen² portos de Galiza prodúcenlle temor ao evocaren a lacra da emigración. Os galegos embarcan en naves soberbias “rumbo da América infanda /que a morte con pan lles dona, / desnudos pedindo en vano / á patria misericordia”. Este é o tema nuclear do poema. Os galegos vense obrigados a emigrar para evitar morreren de fame e o Estado español ten a súa terra abandonada, renegando deste marabilloso recuncho peninsular. Galiza e os seus fillos e fillas están sós, sen ninguén que lles bote unha man para erguérense e axudárenlles a camiñar; e suplican unha axuda: “tendida na verde alfombra / ó mar esperanza pides / de Dios a esperanza imploras”, que non lles é concedida; por iso Rosalía decepcionada e anoxada escribe con desespero: “Probe Galicia, non debes / chamarte nunca española, / que España de ti se olvida / cando eres, ¡ai!, tan hermosa”.

O home e o neno

Fotografía de Manuel Ferrol 1957

España non se comporta coma unha nai, rexeita os seus fillos e renega deles, e estes non teñen máis remedio que emigrar sen o agarimo e a atención que se agarda de quen che deu a vida: “Galicia ti non tes patria, / ti vives no mundo soia, / e a prole fecunda túa / se espalla en errantes hordas”. Malia Ruíz de Aguilera invocar a esperanza nun futuro afagador, Rosalía amósase escéptica porque, de chegar algún día a redención da súa terra, quizais sexa demasiado tarde e “quisáis, cansada e sedenta, / quisáis que de angustias morra”. Galiza está exhausta e camiño do sacrificio coma unha mártir á que, en vez socorrer, atormentan e humillan aínda máis. Tanto o autor salmantino coma Rosalía utilizan a simboloxía cristiá para exemplificar a dramática situación que está a vivir a terra galega. O primeiro escribe: “¡Tendrás sed…! Hiel y vinagre / te darán con mano pródiga, / y, con corona de espinas, cetro de caña por mofa.”; Rosalía refírese a Galiza en dúas estrofas, na primeira e na quinta, como “Virgen-mártir”.

Hai quen quere ver neste poema rosaliano o primeiro xermolo do nacionalismo galego, mais nós entendemos que a intención non é tanto un protoseparatismo senón un berro de auxilio e unha queixa estremecedora ante a miseria, a fame e a inxustiza social que estaba a padecer, e cuxo corolario era a emigración masiva dos mozos galegos, neste caso a América.
Mais, realmente a situación que vivía Galiza e a maioría dos galegos e galegas nesta época era tan terriblemente precaria como no la describe Rosalía ou está esaxerando? De nos focalizar nos anos cincuenta e sesenta do século XIX, podemos afirmar que o que ela refire corresponde á realidade cotiá da súa terra.
Galiza seguía sendo unha comunidade maioritariamente rural, cunha economía baseada case por completo na agricultura de subsistencia con cultivos de millo, pataca, centeo e trigo. Predominaba o minifundismo que dificultaba a modernización e xeraba escasos ingresos. A industria era moi limitada: pequenos talleres artesanais e algunhas como a salgazón de pescado (un oasis dentro do deserto), téxtiles domésticos e ferrerías tradicionais. Mentres en Europa occidental este foi o século da industrialización, aquí foi o contrario. Incluso Sargadelos, primeiro industria siderúrxica e logo reconvertida en fábrica de louza, acabou pechando en 1875.

As leis de desamortización de Mendizábal (1836) para expropiaren e venderen as terras e bens da Igrexa e a de Madoz (1955), máis ampla, pois afectaba aos bens dos concellos e do Estado, tampouco favoreceron os campesiños, xa que as terras foron adquiridas polos burgueses urbanos e grandes propietarios, e moitos campesiños incluso perderon dereitos de uso de montes comunais empeorando as súas condicións de vida. En consecuencia, a poboación rural galega vivía en situación de pobreza crónica, as taxas de analfabetismo eran elevadísimas e, para sobreviviren, dependían dos foros que se perpetuaron e seguiron rexendo as relacións de propiedade da terra, e das rendas agrarias herdadas do Antigo Réxime.
O abandono secular de Galiza por parte do Estado era escandaloso debido á falta de poder político real e o caciquismo perverso atenazaba a sociedade galega. O ferrocarril, símbolo decimonónico do progreso, non chegou a Galiza ata 1873 cando se inaugurou o tramo de 41 quilómetros entre Santiago e Vilagarcía. E ata 1885 non quedou unida ao resto de España pola liña norte. A situación era un círculo vicioso, pois a falta de pasaxeiros e a escaseza de mercadorías desalentaban a súa construción, pero a súa falta bloqueaba a exportación de produtos galegos, principalmente de gando, a Madrid e a Cataluña.

Outra característica da Galiza desta época foi o aumento da poboación, aínda que nunha porcentaxe inferior ao resto de España. A mediados de século chegou a tres millóns de habitantes, cifra non alcanzada hoxe, o que provocou unha forte crise no modelo de subsistencia. Alén diso, os campesiños pagaban cada vez máis impostos e o Estado, fortemente centralizado, reclamaba os mozos galegos para as quintas e as levas.
No período central de século, entre 1833 e 1873, houbo catro epidemias de cólera e en 1853 produciuse a “gran fame” como consecuencia de acontecementos meteorolóxicos adversos, grandes chuvias, que carrexaron malas colleitas, e de pestes que afectaron a cultivos como a vide e a pataca. A xente morría literalmente de fame. Non obstante, a situación dos galegos e galegas non foi tan dramática coma a vivida en Irlanda, onde a crise da pataca, convertida case en monocultivo, expulsou do país a unha gran parte da poboación.

Perante estas circunstancias tan dramáticas, a única válvula de escape que lles quedaba aos pobres galegos era a emigración, fenómeno que, por outra parte, afectaba a toda Europa -54 millóns de europeos viaxaron a ultramar entre 1851 e 1950. A emigración masiva intensificouse a partir da década de 1860 aínda que entre 1853 e 1863 xa comezaran os fluxos migratorios a países como Cuba, a Arxentina e o Brasil³ -estes países absorberán o 90% dos emigrantes galegos da época. Alén do éxodo masivo a América, os galegos tamén se trasladaban, nunha migración estacional, a Castela, Andalucía, ou incluso, dunha forma máis permanente, a Portugal. En Lisboa, xa no século XVIII, chegou a haber 80.000 galegos; de feito, moitos deles participaron na reconstrución da cidade despois do terremoto de 1755. Tocante á emigración temporal á sega de Castela, non é casualidade que o poema número vinte e tres se titule “Castellana de Castilla” e o inmediatamente anterior ao que estamos a comentar, “Castellanos de Castilla”. Rosalía clamaba pedindo xustiza ante o maltrato e o desprezo que lles inflixían aos traballadores estacionais. Ela sentía o sufrimento desta xente coma propio e non podía deixar de erguer a voz na súa defensa.

Non podemos abranguer neste breve traballo todo o relativo á emigración a América, por iso só nos centraremos na que se trasladou a Cuba, dado que se ten constancia dalgún episodio terrible que seguramente influíu profundamente no ánimo de Rosalía e na súa visión esgazadora tocante a ela; lembremos o primeiro poema “Pra a Habana”, da parte quinta do libro Follas Novas titulada: “As viudas dos vivos e as viudas dos mortos”. Queda clara a súa visión negativa sobre o impacto que a emigración, sobre todo de homes novos, tiña na vida de toda a sociedade galega, nomeadamente na das mulleres que quedaban soas, moitas veces abandonadas á fronte da casa, do coidado e educación dos fillos e fillas, dos maiores e de todas as angueiras precisas para sobreviviren.

Co xa se dixo, a emigración era altamente masculina, de carácter popular e de baixa cualificación laboral. En gran parte serviu para suplir a falta de man de obra autóctona e a supresión da escravitude de persoas negras en dúas das tres rexións americanas mencionadas: nordeste do Brasil e Cuba 4. Segundo Ramón Villares 5, era unha emigración “andoriña” de carácter estacional e a súa orixe concentrábase nalgunhas bisbarras do norte e centro de Galiza. Esta emigración cesou de maneira abrupta nos anos trinta. A illa antillana apenas tiña un millón de habitantes en 1817 e acadou os dous millóns ao pouco de conseguir a independencia e recibir grandes continxentes de poboación foránea: africanos de raza negra e españois de raza branca. Especializouse na plantación de azucre ata converterse no primeiro produtor mundial. Os enxeños azucreiros necesitaban moita man de obra e importábana masivamente de África; entre 1891 e 1870, 780.000 escravos ingresaron en Cuba, cifra enorme se a comparamos co resto de escravos importados en toda Hispanoamérica. A poboación de cor chegou a supor o 40% de toda a poboación. Na illa antillana dominaba unha economía escravista dedicada ao monocultivo de cana de azucre.

Despois da abolición da escravitude negra, unha masiva emigración branca procedente de distintos lugares de España: canarios, cataláns, cántabros, asturianos e galegos, chega a Cuba para ocuparen o nicho deixado polos escravos de cor despois de varias revoltas. Non só se necesitaba unha inxente man de obra senón que cumpría balancear o “ennegrecemento” da poboación. España fomentou esta diáspora multitudinaria achegando poboación branca á illa a través de empresas de colonización, unha colonización organizada e destinada a lograr os dous grandes obxectivos da administración española: colonizar o territorio e branquexar a poboación. Para evidenciar a importancia que o Goberno español lle outorgaba a esta illa, sinalaremos que a primeira liña de ferrocarril establecida na España de Isabel II foi en Cuba: a estendida entre A Habana e Güines en 1837, exactamente once anos anterior á primeira da península. Durante a segunda metade do século a emigración foi en aumento. Entre 1899 e 1960 arribaron a Cuba 380. 000 emigrantes desde portos galegos. Cando no ano 2007 se aprobou a Lei de Memoria Histórica, 140.00 fillos ou netos de residentes españois, acolléronse a ela.

recollendo piñas

Esclavos galegos no s.XIX en Cuba el progreso

esclavos cortadores de leña de azucar en cuba

Esclavos cortadores de leña de azucar en cuba. Xenelogia.org

Os emigrantes galegos que chegaron a Cuba, ademais de traballar en enxeños produtores de azucre, desempeñaron diversos traballos. Os homes empregábanse en negocios familiares e pequenos comercios. A maioría das “bodeguitas” ou almacéns de hostalería eran propiedade de galegos; tamén destacaron en actividades coma tendas de confección, xoiaría e tinturería. Sendo a emigración maioritariamente masculina, as mulleres que se aventuraron dedicábanse principalmente ao servizo doméstico: criadas e cociñeiras. Á veces Cuba tamén actuou de plataforma para dar o salto a México ou Estados Unidos. Un cuarto dos traballadores na construción da Canle de Panamá eran de orixe galega, ben recrutados directamente en Galiza, ben en Cuba.

Mais volvendo ao poema de Rosalía e considerando as datas nas que os escribiu, hai algún acontecemento controvertido relacionado coa emigración que probablemente afectou dunha maneira moi intensa a súa sensibilidade e produciu nela ese rexeitamento e esa visión tan negativa dunha lacra que decimaba a poboación galega. A imaxe que chegaba a Galiza dos emigrados a Cuba era moitas veces desfigurada e falsa, ben por interese económico, pois ese transvase de xente era un negocio para as navieiras, os prestamistas, os bancos e, en definitiva, para o Estado, porque recibía divisas, diñeiro que, tamén hai que dicilo, contribuíu á modernización da agricultura e apoiou iniciativas industriais, culturais e, nomeadamente, promoveu a construción de escolas, coñecidas como “escuelas dos americanos”; ben porque os propios emigrados querían transmitir unha imaxe idílica e moitas veces falsa da súa situación, detrás da cal se ocultaba o infortunio e o fracaso.6

Sóubese dalgún barco que transportou emigrantes galegos a África occidental cando eles crían que se dirixían a Cuba. O mellor documentado é un que chegou á Guinea española Fernando Poo, hoxe chamada Bioko. Facíanlles promesas cunhas condicións de traballo moi boas, pero a realidade era ben diferente: tiñan que traballar en condicións de semiescravitude. Malia ser un termo controvertido, algúns historiadores falan de “trata encuberta de brancos”7.

Un médico novo preguntou detalles da historia. “Sería moi longa de contar. Voltar non voltou ninguén, e, en lugar de levalos a Cuba, o barco saíu de Baiona (xa procuraron o sitio adecuado) e tomou o derroteiro de África. Quizais a traballar como escravos nas minas de non sei que. Unha compañía na que había capitais ingleses, de Liverpool, o pobo enriquecido coa trata, xente portuguesa e reis negros. Ningún voltou. Os de aquí cobraron por cada home máis que por dúas xugadas das boas. Unha venda de escravos8

O episodio máis terrible relacionado coa emigración a Cuba tivo lugar no ano 1854. Como xa dixemos, Galiza estaba vivindo unha penuria económica e a xente morría literalmente de fame. Non tiña que levar á boca e a única escapatoria da inanición era procurar unha vida mellor fóra. Neste contexto, empresarios cobizosos e sen escrúpulos dedicáronse a captar mozos galegos “libremente contratados” coa promesa de os levaren ao paraíso terreal. Un destes empresarios aproveitados e sen escrúpulos foi Urbano Feijoo de Sotomayor, un galego residente en Cuba que creou a Campañía Patriótica-Mercantil para importar galegos á illa. Prometíanlles contratos de cinco anos en moi boas condicións: viaxe de ida e volta pagada, aclimatación, alimentos, vestiario, asistencia médica, salario mínimo e descanso regulado. A realidade que atoparon estas vítimas enganadas foi moi diferente e as condicións de traballo eran case de semiescravitude9. Os datos son esclarecedores, en agosto chegaran case 1800 galegos -entre marzo e agosto houbo oito viaxes de Galiza a Cuba- e en decembro xa morreran 50010. Esta situación, relatada por moitos emigrantes en cartas enviadas ás súas familias para pediren axuda, provocou un importante debate social. Na lexislatura das Cortes de 1854-1856 creouse unha comisión parlamentaria para investigar o sucedido. No arquivo do Congreso dos Deputados consérvase o expediente completo.11

A emigración continuou. Os tres anos da guerra da independencia atrasaron un pouco a chegada , pero logo tomouse con maior intensidade. En 1901 construíuse Triscornia12, un campo ou estación de control e retención preto da Habana a imitación da Ellis Island (1892) de Nova York. Moitos dos emigrantes que chegaban alí e non tiñan xa traballo apalabrado ou non o conseguían eran devoltos a España. Entresacamos algún fragmento moi elocuente de Estebo (páx. 147)

Era un terreo grande, todo cerrado con aramios de picos.
Eu non digo que ben porque alí non se gañaba nada, senón que se gastaba aínda, ademais, como non se tiña a certeza de cando se iba salir, nin para onde nin para que cras te traballo…
Tódolos días pola mañáns e algún tamén polas tarde, viñan capataces e axentes a buscar homes para traballar. Levaban a cincuenta e máis. Cando chegaban ás oficinas salía un empregado a avisar a grandes berros. Pero non facía falla. Xa se poñían tódolos emigrantes ben á man para colle-lo mellor sitio, a fin que os viran. O malo era que o axente non se agarraba ós primeiros que vía. Escolmaba os que tiñan máis corpo e parecían máis fortes. Eles pedían todos a unha.
-Léveme a min! ¡Léveme a min!

“Hai 150 anos aos galegos tratáronos como aos que hoxe chegan en patera”, afirmou X. M. Núñez Seixas nun conferencia sobre emigración13.
Porén, non todos os emigrados fracasaron. Alén da desventura de moitos que atoparon sufrimento, humillación e incluso a morte en Cuba, algúns outros fixeron fortuna. O vínculo coa terra na que naceran permaneceu e a actividade asociativa dos galegos na illa foi moi intensa. Salientaremos coma fitos importantes a fundación da Beneficiencia de los Naturales de Galicia en 1871 e do Centro Gallego en 1879.
Malia saírmonos do marco temporal que fixamos, en Cuba acontecen dous feitos de suma transcendencia para a identidade e dignidade do noso país: a fixación do himno e da bandeira, principais símbolos de Galiza. O poema de Pondal titulado “Os pinos”, musicado por Pascual Veiga, deuse a coñecer nun certame literario na Coruña en 1890, pero a súa estrea no Centro Gallego de La Habana en 1907 acelerou a súa difusión. A bandeira fora xa deseñada por Murguía en 1887 e a petición de Curros Enríquez e Fontenla Leal adquire a súa fixación definitiva en 1906. O Centro Gallego oficialízaa en 1908 para presidir os seus actos e a difusión corre paralela á do himno. E non deixaremos de mencionar a creación da Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia en 1905 por iniciativa de Curros e do tipógrafo Fontenla Leal. Finalmente, a Real Academia Galega constituíuse na Coruña en 1906 e durante os dezasete primeiros anos foi presidida por Manuel Murguía. O apoio económico da emigración a esta institución permaneceu ata a crise dos anos vinte.

Asemade, Rosalía tamén se queixa amargamente do trato denigrante e vexatorio que reciben os galegos na emigración, fóra da súa terra: “mais, ¡ai!, como tamén vexo / pasar macilentas sombras, / grilos de ferro arrastrando /antre sorrisas de mofa”. E referíndose ao Estado español: “Cal si na infamia naceras, / torpe, de ti se avergonza, / e a nai que un fillo despresa / nai sin corazón se noma”. Non imos estendernos aquí sobre o maltrato recibido secularmente polo noso pobo e que, tristemente, aínda ás veces aflora arestora. Só citaremos algunhas frases ou textos de egrexios literatos casteláns para se referiren aos galegos e ás galegas e á propia Galiza de xeito despectivo e pexorativo:14
Bartolomé de Villalba (Século XVI): “Gente pobre, grosera, poco caritativa”, “viles camas, peores casas; gente celosa”.
Francisco de Zúñiga (século XVI): “Los gallegos son los más de ellos de la generación del ladrón”.
Amaro Rodríguez (século XVII): Reino infeliz, desventurado / de España muladar”.
Gonzalo de Correas (século XVII): “Antes puto que gallego”.
Mariano José de Larra (século XIX): “El gallego es un animal muy parecido al hombre, inventado para alivio del asno”.

Grandes poetas coma Quevedo e Góngora contribuíron ao menosprezo e degradación de todo o relativo a Galiza. O primeiro afirmaba sobre Galiza: “En España es tenida en desprecio por ruda, pobre, bárbara y remota, poco favorecida de Naturaleza, fea, con montes y áspera”. O segundo escribía: “¡Oh, montañas de Galicia / Cuya, por decir verdad, / Hermosura es suciedad, / Cuya maleza es malicia”.
Os homes non foron os únicos que sufriron estas aldraxes. O retrato deforme e hipersexualizado das mulleres galegas tamén se mantivo no tempo. Así, un personaxe de Tirso de Molina di que é “moito pedir” encontrar unha galega que sexa virxe; e Lope de Vega escribe: “Ay, gallega, rolliza como un nabo, / Entre puerca y mujer, que baja al río…”. E o salmantino Diego de Torres Villarroel publicaba en 1737 a súa burlesca Peregrinación al glorioso Apóstol Santiago de Galicia, onde denigraba a muller galega a través do clixé castelán: “Una rolliza gallega / por tetas dos calabazas, / una cuba por barriga, / y por embés dos tinajas”.

Descritos baixo un físico brutal e grotesco, os galegos do imaxinario español seguiron a espertar desprezo e noxo na sociedade do século XIX ao consideralos pouco máis que animais de carga.15 Mariano José de Larra (século XIX): “El gallego es un animal muy parecido al hombre, inventado para alivio el asno”.
Malia non ser tan acentuada coma noutros países, a mofa dos galegos tamén aparecía nos sainetes cómicos cubanos, nos cales os personaxes centrais eran o negro e o galego. Esta imaxe denigrante que se proxectaba desde o teatro folclórico deu orixe a varias protestas na prensa cubana e algunhas algaradas nas rúas.

Estes estereotipos negativos calaron profundamente na sociedade española e na galega, ao xeraren entre os propios naturais da terra un autoodio moi fondo e, por conseguinte, moi difícil de erradicar. Rosalía era consciente deste desprezo. Ela mesma o sufrira por ser filla “ilexítima”, por ser muller e por ousar escribir na lingua da xente do común, dos aldeáns e dos desfavorecidos. Por iso ergue a súa voz a través da poesía para defender un pobo esquecido, humillado e ofendido. O sufrimento e a dor dos galegos é a súa propia dor, e o amor a Galiza e aos seus conterráneos impregna a súa obra escrita nunha lingua de seu que eles mesmos crearon.

A modo de reflexión final, non podemos senón manifestar que o ser humano é o único ser vivo capaz de colonizar todo o planeta Terra. Non o conseguiu por ser o máis forte, o máis veloz, ou por ter os sentidos máis agudizados, conseguiuno pola súa intelixencia e, sobre todo, pola colaboración cos seus conxéneres. E tivo éxito. Hoxe poboamos este planeta azul, pois o 71% da superficie está cuberta de auga, máis de 8.000 millóns de persoas. Malia todo, somos insignificantes na inmensidade do espazo onde a Vía Láctea, galaxia á que pertencemos e que está conformada por centos de miles de millóns de estrelas, é á súa vez unha das centos de miles de millóns ou incluso billóns de galaxias. O homo sapiens foi capaz de sobrevivir nas condicións máis adversas, acadou grandes logros, foi capaz das máis grandes fazañas, pero no seu interior tamén aniñou unha gran soberbia: “somos os reis da creación”, e un gran egoísmo que o fai sospeitar e rexeitar o diferente, o que vén de fóra, o que ten unha cor de pel ou unha lingua distinta -bárbaros chamábanlles os romanos; e por iso nos dedicamos afanosamente a marcar fronteiras –as cicatrices da historia, dirían algúns- e a erguer muros e valados.

Os movementos migratorios non son algo recente ou ex novo. Os humanos desprazámonos desde sempre polo planeta un busca de alimento e máis adiante, a raíz da invención da agricultura no neolítico, pola terra. As guerras e as fames son as grandes pancas migratorias, pois un non abandona a terra, a familia e corta as súas raíces por capricho. Na orixe de todo está a supervivencia.
Corren tempos escuros para todos os máis desfavorecidos e necesitados. Agardemos que o pasado e a historia nos axuden a reflexionar e comprender que a diversidade é riqueza e que ningún de nós naceu con dereito exclusivo e excluínte dun retrinco de terra deste planeta, o noso único e común fogar.

¹ Trasunto da propia Rosalía.
² Galiza ten 128 portos.
³ Para coñecer máis en profundidade a emigración galega a este país recoméndase a lectura do libro A república dos soños, de Nélida Piñón (2005). Vigo, editorial Galaxia.
4 A escravitude aboliuse en Cuba por decreto real o sete de outubro de 1886. Xa se prohibira a trata de escravos negros por presión británica en 1845; malia todo, continuou de forma ilegal ata 1867.
5 Villares, Ramón (2019): Galicia. Una nación entre dos mundos. Barcelona: Pasado &presente.

6 Recomendamos ler o libro Estebo, de Xosé Lesta Meis (1926). Seguimos a edición de Edicións Xerais, Vigo (1981). O autor narra a viaxe migratoria do protagonista a Cuba baixo o feitizo da imaxe idealizada da emigración propagada interesadamente, e o fracaso que comezou a xestarse xa na propia travesía de doce días en terceira clase.

7 Murado, Miguel A. (2008): Otra idea de Galicia. Barcelona, Debate.
8 Ramón Otero Pedrayo refírese a este episodio na súa novela Os camiños da vida (1928). Nós seguimos a edición de Galaxia, Vigo (1990), pp. 196-201.
9 As condicións nas que vivían eran infrahumanas; incluso lles chegaban a pagar con fichas que, por outra parte, non tiñan valor legal fóra das enxeños. Isto obrigábaos a canxealas só na “Tienda de raya”, propiedade do dono do enxeño. Os abusos eran cotiáns e o traballador enredábase nunha débeda perpetua que lle impedía traballar e aforrar para regresar á casa. As xornadas de traballo podían superar as 12 horas e a fame, a desnutrición e a calor extrema minaba a súa sáúde conducíndoo a miúdo á morte. Esta emigracón branca era un recurso rexeitable cunha valía inferior á dos negros africanos.
O pagamento con fichas pódese ver en filmes como:
La última cena (1976. Película cubana dirixida por Tomás Gutiérrez Alea.
Django desencadeado (2012), de Quentin Tarantino.
Doce anos de escravitude (2013), de Steve MacQueen.
10 A odisea desta viaxe relátaa Bibiana Candia no seu libro Azucre (2025). Pontevedra, ed. Kalandraka.
11 Véxase: https://www.congreso.es/es/cem/vidparl1854

https://www.elprogreso.es/articulo/lugo/historias-de-lugo/201806121430361317667.ht
https://www.elconfidencial.com/cultura/2022-07-24/bibiana-candia-azucre-gallegos-esclavos-cuba_3464073/
12 Este lugar descríbeo moi ben o protagonista do libro xa mencionado máis arriba: Estebo.
13 https://www.lavozdegalicia.es/amp/noticia/pontevedra/2000/11/21/os-galegos-trataronnos-igual-agora-os-das-pateras-dice-xose-nunez-seixas/0003_298725.htm?utm_campaign=amp

14 Véxase o capítulo “De la gallegofobia a la gallegofilia” da obra de Miguel Anxo Murado mencionada máis arriba.
https://gl.wikipedia.org/wiki/Galegofobia

15 Peres Vigo, A. (2024): Galaicofobia. Vigo, editorial Galaxia

Enlace aos poemas

Pilar Freitas Juvino

Pilar Freitas Juvino

Profesora de Galego

Son Pilar Freitas Juvino e nacín en Campo Lameiro en 1960. Os estudos primarios realiceinos na escola pública desta vila e aos 11 anos marchei interna a un colexio de Tui. Alí estudei o bacharelato no instituto San Paio ata o ingreso na USC onde me licenciei en Filoloxía Románica. Rematada a carreira, estiven durante o curso 1982-83 como auxiliar de conversa de español na cidade de Bayonne, en Francia.

De volta a Galiza, comecei a dar clases como profesora de Lingua e Literatura Galega en diferentes institutos ata recalar no ano 1986 no IES Valle Inclán. Alí permanecín durante todo o resto da miña carreira profesional.

En 2006 doutoreime en Filoloxía Galega cunha tese sobre a represión lingüística en Galiza durante o século XX, tese que máis tarde publicou a editorial Xerais baixo o mesmo título.

Desde o ano 2012 ata 2022 fíxenme cargo da dirección do centro, cargo ao que tiven que renunciar por motivos de saúde.

Considero que esta nova etapa que estou a afrontar debe ser unha etapa arrequecedora, activa e frutífera; por iso a posibilidade que colaborar neste blog ou bitácora e achegar un miúdo gran de area sobre un dos temas que máis me interesan, como é a situación da lingua galega no seu contexto histórico e social, supón para min unha gran motivación e representa unha oportunidade de dar a coñecer a nosa realidade lingüística, tanto pasada como actual.

Dereitos lingüisticos

A gaita Galega

Primeiros pasos cara á normativización e estandarización da Lingua Galega no século XIX (I): As Gramáticas

Orixe e antigüidade do idioma Galego

 

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥