As redes sociais e as aplicacións de citas teñen cambiado algúns patróns de conduta nas relacións facendo que a comunicación entre as persoas non sexa sempre a máis saudable. Actualmente é frecuente que se poñan en práctica condutas e actitudes de manipulación emocional que rematan ferindo a algunha das persoas involucradas. Estas condutas veñen aparelladas a unha serie de termos en inglés que para moita xente son indescifrables e úsanse en aplicacións como Tinder, Grinder, Happn, Bumble,…

E por que en inglés? Tal como pasa noutros ámbitos (ciencias, marketing…) soa máis profesional, permite que quen o sofre tome certa distancia e pretende resultar menos humillante. O sufixo -ing dálle máis empaque e economiza linguaxe.

Posto que as relacións tóxicas de parella son cada vez máis frecuentes, non está de máis saber o que significan estas palabras. Isto non quere dicir que estes comportamentos non fosen utilizados no pasado con outros nomes (ían a por tabaco e non volvían).

Definimos as relacións tóxicas como aquelas nas que unha das partes ou as dúas, vense afectadas pola conduta e/ou actitudes do outro. Isto quere dicir que unha persoa que mantén unha relación tóxica non ten por que reproducila na seguinte. Noutras palabras, non é tanto que sexa tóxica a persoa como a relación só que, na maioría dos casos, costa moito identificar tanto o rol adoptado na dinámica como o escenario total.

Nas relacións ten que haber independencia, madurez e respecto. Se un da parella idealiza o outro desenfoca a realidade e sitúase en segundo plano. Ou peor, pásase a vida desculpando a súa actitude. Se sempre ten un mal día, está ocupado/a ou inventando novas e incribles escusas para non quedar contigo ou manter unha “situación”, o máis probable é que non lle gustas tanto.

Polo tanto, non está de máis coñecer o significado dos termos que aluden aos comportamentos tóxicos máis frecuentes. Buscando, buscando, atopamos máis de dúas ducias de termos, pero imos deixalo nunhas dez. As mentes curiosas poden buscar moitas máis, mergullando na prensa, revistas, libros ou nos mares “ignotos” de internet. Vexamos logo:

1. Ghosting: É a bomba de fume das relacións. Dáse cando alguén fai a pantasma e desaparece. Pero desaparece de verdade. Non contesta as mensaxes, non da sinais de vida… Ao principio pódese pensar que está no hospital, ou lle roubaron o móbil, incluso empezas a montar películas dignas de Sylvester Stalone na túa mente para non aceptar que simplemente, está pasando de ti. (do inglés ghost=pantasma).

2. Gaslighting: É a nosa táctica “chunga” favorita. Máis ben o noso nome favorito de táctica “chunga”. Ven da película ‘Gaslight’ (=’Luz de gas’); hai dúas versións, pero a nosa preferida é ‘Luz que agoniza’, de 1944, dirixida por George Cukor, na que Charles Boyer faille crer a Ingrid Bergman que está tola para poder manipulala mellor. Facer luz de gas é exactamente iso, desacreditar os sentimentos e as opinións da túa parella ou da persoa a que estás vendo, xa sexa porque non os entendes ou porque cres que podes sacar algún beneficio emocional diso. Non sexas un ‘Boyer.’

3. Breadcrumbing: Metaforicamente significa lanzar migallas de pan. Chamamos breadcrumbing á acción de deixar migalliñas de pan en forma de ilusións. É dicir, é esa persoa que en realidade non quere nada contigo, pero encárgase de manterte con interese porque lle encanta que lle fagan caso, sentir que a desexan… Pode que tiverades unha cita e desaparecera, e que máis tarde volvera a aparecer para deixarte claro que aínda non está con ninguén. Case é mellor o ghosting: sacas o morto de enriba e podes seguir coa túa vida.

4. Negging: É unha táctica das máis rastreiras, e iso que as anteriores (e as que van despois) non quedan atrás. Negging é una contracción de negative complimenting, un comentario negativo camuflado de piropo cuxa finalidade é minar a autoestima da outra persoa, para que crea que é unha afortunada por ter unha cita con semellante capullo. Un exemplo: “E que xa estou cansado das guapas”. Quere dicir que non cumples os canons habituais (nin sequera o seu), pero que lle interesas e que está facéndoche un favor por coñecerte.

5. Benching: É a técnica de desestabilización emocional máis antiga da historia. Benching procede de bench, “banquiño”, e seguro que con este apunte xa sabes a que nos referimos. Sucede cando ese mozo ou esa moza que che gusta te ten no banquiño para cando os demais intereses románticos lle fallen, porque non es a súa primeira opción, claramente. Encárgase de manterte alerta xa sexa con citas, conversacións de WhatsApp ou como se lle ocorra nese momento. Tamén está a versión sexual: non quere comprometerse contigo, pero chámate cando volve de festa para que lle abras a porta.

6.Cushioning: Ven do termo cushion, “coxín”, e podemos traducilo como “amortecemento”, máis ca unha táctica para ligar é unha especie de infidelidade, pois sucede estando xa nunha relación. É o caso desa persoa que empeza a ligar con outras, a acumular números de teléfono e ocultarlle amizades á súa parella, porque non se atreve a cortar con ela. Así, ademais, terá un colchón para cando suceda. Unha derivación é o que coñecemos como facer o Tarzán, que vai de liana en liana: no deixar a unha persoa coa que estás saíndo ata que tes outra para recibirte cos brazos abertos.

7. Birdboxing: É a palabra moderna para describir esa relación á que te entregas ignorando os defectos da outra persoa ou os teus propios instintos. O seu nome ven da película A ciegas (en inglés Bird Box) de Sandra Bullock e correspóndese co refrán: non hai peor cego que o que non quere ver.

8. Catch and Release: Podemos definilo como usar e tirar. É unha técnica que fala dos nosos medos, dos nosos complexos, da nosa necesidade de atención… Ocorre cando tes unha cita con alguén que che gusta moito e, de socate, cando ves que á outra persoa tamén lle gustas, perdes o interese e acabas cortando o contacto. Por que? Dúas teorías. A primeira é que nos acovardamos e recuamos. A segunda, que queremos a aprobación de alguén que nos atrae pero con quen non temos conexión.

9. Haunting: Á caza. Xa temos falado do ghosting, do breadcrumbing, o haunting é algo semellante. Pero moito máis ridículo. É o que fai esa persoa que xa desapareceu da túa vida despois dunha breve relación (que non lle interesou moito manter, por certo) e reaparece de xeito sibilino para chamar a túa atención. Pero ti xa o sabes. Segundo os que entenden disto, esa reaparición manifestase en forma de likes de Instagram ou en calquera outra rede social. Quere que saibas que está aí, á espreita, a espera de que ti tampouco teñas nada mellor que facer que facerlle casiño.

10. Tuning: Poderamos dicir que hai un pouco de tuning en todos os “palabros” anteriores. Refírese basicamente, ao covarde amoroso, esa persoa que ten medo dos seus sentimentos, de comprometerse emocionalmente, e aproveita calquera escudo para protexerse, xa sexa deixándote colgado/a despois de ter tido varias citas ou mostrándose cada vez máis frío nas conversas que mantedes por WhatsApp. O certo é que todos o fixemos algunha vez. ¿Que debemos facer nestes casos? O mellor é ser sinceros. Pasar de ghosting, catch and release y derivados.

Ata aquí as dez condutas tóxicas (“palabros”) que nos pareceron máis habituais nas relacións actuais. Apuntamos algunhas máis para quen queira curiosear: the lemming, instagrandstanding, banksying, cookie-jarring, orbiting, pocketing, submarining, zombing, deflexing, curving, breezing, bombing, catfishing, kittenfishing, netflix and chill, love bombing,…

relacións

Que facer cando un foi vítima destes comportamentos

Cando sucede un destes comportamentos afecta á autoestima e aos niveis de confianza cos demais, podendo aparecer fases de dó ou sentimentos depresivos. Para evitar estas condutas habería que traballar a responsabilidade afectiva, especialmente nos tempos actuais nos que todo vai moi rápido. Algunhas recomendacións poderían ser:

1. Crear vínculos sans: Pasar tempo coas amizades que apoien, practicar actividade física, durmir ben, coidar a alimentación, reducir estrés…

2. Desfrutar: actividades entretidas, ioga, pasatempos…

3. Resiliencia e coidado persoal: O ioga e o exercicio son reguladores do sistema nervioso e antidepresivos naturais, integrarse en comunidades de intereses, practicar algún tipo de arte…

4. Terapia da culpa, a vergoña ou o rexeitamento: Unha persoa obxecto dunha destas condutas seguramente sentirá arrepentimento e vergoña. Despois de todo arriscouse sentimentalmente e saíulle “o tiro pola culata”. Isto pode ter un impacto importante. Se fose preciso pódese traballar cun profesional. E recordar que estas condutas teñen que ver cunha dificultade na persoa que as leva a cabo, e non cun problema de quen as sofre.

Xosé Antonio Pérez Graña

Xosé Antonio Pérez Graña

Profesor de inglés

Naceronme en Cotobade no 1952. Estudei Maxisterio (por inglés) e Psicoloxia. Traballei durante 37 anos no ensino, rematando a miña vida laboral no IES Valle Inclán, onde formei parte do grupo de teatro Argallada. Encargueime tamén da revista anual do Instituto. Nesta nova etapa, adicareime a recompilar artigos e actividades da nosa Web para facer unha revista-resume cada mes.

Publicacións

Guerra e verdade

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥