por Charo Valcárcel Mato
Vou contarvos un conto triste
A pouco de casar, dona Micaela comenzou a facer camisiñas; mais a súa ilusión abateuse de súpeto e con bágoas nos ollos meteu nun frasco de augardente o froito merado dos seus amores.
Doña Micaela escribeu nun papeliño: “Adolfo, 12 de maio de 1887”. Pegou o papeliño no frasco e, dispois de bicalo tristemente, gardouno no armario das sabáns de liño.
Non vos riades, porque o conto é triste.
Aínda non decorreran catro meses e dona Micaela comenzou a traballar novamente nas camisiñas. A boa fidalga regalábase cavilando no herdeiro que xa estaba en camiño do mundo, e por segunda vez doña Micaela ollou murchas as súas ilusións de nai, e con fonda tristura meteu en augardente o novo froito dos seus amores.
Doña Micaela escribeu: “Rosa, 7 de xaneiro de 1888”.
Pegou o papeliño no frasco e moi amargurada gardouno no armario das sabáns de liño.
Non vos riades, porque o conto é triste.
A probe señora chorou tres veces máis e meteu en outros tantos frascos de augardente un “Pedro”, un “Ramón” e unha “Alicia”.
Non vos riades.
A boa fidalga decatouse de que non aloumiñaría endexamais un fillo verdadeiro e cos seus grandes azos maternais adicou a vida enteira ó coidado garimoso dos frascos de augardente. ¡Triste vida!
Non; non vos riades, porque o caso é triste.
Cando unha fanada ilusión cumplía anos doña Micaela remudáballe o augardente. Tódolos días bicaba os frascos e arrombaba os laciños de seda que cinguían as vincas dos frascos de “Rosa” e de “Alicia”.
A boa fidalga chegou a vella e tiña criadas de tanto ben que andaban coas chaves dos armarios e gobernaban a casa.
Un día chegou diante de doña Micaela unha das criadas. Viña tan cortada que non podía falar; mais a probe muller tirou consigo no chan e pouco a pouco foi confesando antre saloucos:
— ¡Perdón, miña ama! ¡Ai, qué desgracia, señora! O señorito “Adolfo” caeume das mans e rompeuse.
E no intre doña Micaela esmoreceuse para sempre.

Charo Valcárcel Mato
Profesora de Filoloxía Galega
Eu son Charo Valcárcel. Nacín nunha pequena freguesía da Estrada (Sta. Cristina de Vinseiro) hai 60 anos, pero xa levo trinta e cinco vivindo en Pontevedra, case tantos como os que traballei no IES Valle Inclán (trinta e dous), toda unha vida…
Estudei Filoloxía Hispánica, aínda que me presentei e aprobei as oposicións para profesora de Lingua galega e sempre exercín como tal, do cal me sinto e sentirei sempre moi orgullosa.
No Valle Inclán coñecín a Ana, Manuel, Isidro, Benito e Sara que, considero, máis que compañeiros, amigos, bos amigos. Xuntos compartimos moitas experiencias.
Agora esta na que nos implicou Ana que, polo menos para min, é un salvavidas, un incentivo que chega para encher o oco que deixa o ensino nas nosas vidas.
Pero tamén formamos parte dun grupo de teatro de profesores (en activo e xubilados) que naceu no 2005 no seo do Valle Inclán, Argallada, e que está esperando tempos mellores para retomar a súa actividade.
Agardo que as miñas contribucións no blog devellabella sexan merecedoras do voso beneplácito ou, polo menos, non do voso desgusto.
Amigo meu
máis artigos
♥♥♥ síguenos ♥♥♥