Advertencia: este traballo é un popurrí de anotacións –con algunhas correccións- de diferentes artigos meus publicados en diversas épocas.

 A Lanzada

Sentado aquí, na Lanzada, en soidade, furgo no pensamento como o berbequí na madeira, sabedor de que as reflexións son materia sutil, partículas corpusculares destinadas a esvaecerse na atmósfera das que, no futuro, ninguén terá noticia.

O país, o persoal, está deprimido, inquedo, desconcertado. Resoa por todos os recunchos, acompañada pola banda sonora de Apocalipsis Now, a verba maldita: crise [do ano 2011]. Este país, afectado dun incurable trastorno bipolar, que entoa unhas veces o Réquiem de Mozart e outras o Aserejé, cultiva con fruición o vitivismo. Ultimamente temos fixación cos políticos. Denantes acontecíanos o mesmo cos curas. Andabamos tras deles para reverencialos ou correlos co caxato segundo o aconsellase o parte metereolóxico. Todo é consecuencia dunha inveterada e pueril actitude devocional diante do poder.

As citas electorais son obxecto de culto, convertidas en encontros co destino. Vivimos acirrados polos políticos e os comunicadores en permanente campaña, obsesionados. O deseño político é totalmente curtopracista. Ninguén planifica ou proxecta nada a medio ou longo prazo. O mañá é un interrogante. Consecuencia: proliferan coma os cogumelos os clubes dos poetas mortos e os filósofos de corredoira.

Machadiano convencido –Machado non está de moda, din que é antigo- e voluntarioso alumno da Escola Popular de Sabedoría de Juan de Mairena, releo de cando en vez a súa prosa na procura de fixa-lo compás sinalando o norte, para atopa-lo camiño entre as brétemas. É Machado un antigo? Vexamos:

A proposta da caixa tonta: todos e todas, os membros e as membras, populares e famosos e famosas (coa escusa da igualdade asasinamos a linguaxe):

“Huid de los escenarios, púlpitos, plataformas y pedestales. Nunca perdáis contacto con el suelo: porque sólo así tendréis una idea aproximada de vuestra estatura”.

Os cambios que se precisan non os van facer eles –os políticos- motu proprio-. Só terán lugar cando a sociedade civil –e civilizadamente- os demande con enerxía:

“¡Revolución desde arriba! Como si dijéramos –comentaba Mairena- renovación del árbol pola copa. Pero el árbol –añadía- se renueva por todas partes, y, muy especialmente, por las raíces. Revolución desde abajo, me suena mejor”.

Mala educación:

“En España no se dialoga porque nadie pregunta, como no sea para responderse a sí mismo. Todos queremos estar de vuelta, sin haber ido a ninguna parte. Somos esencialmente paletos”.

Machado

A igualación por abaixo, o modelo escola-ludoteca:

Todo é xogar cando, transcorridos uns anos, fóra nos espera a selva. O educando que a unha idade razonable non estea persuadido de que o estudo é unha actividade meritoria, valiosa, e por momentos, sacrificada, terá dificultades para acadar unha educación verdadeiramente superior:

“Porque no pienso yo que la cultura, y mucho menos la sabiduría, haya de ser necesariamente alegre y cosa de juego. Es muy posible que los niños, en quienes el juego parece ser la actividad más espontánea, no aprendan nada jugando; ni siquiera a jugar”.

Moitos non estarán de acordo. Pero engada o intelixente lector os matices precisos.

Visións, ocorrencias e outras caralladas:

Sobre os teóricos que suben ao Sinaí, falan con Deus e paren unha reforma educativa sen ter impartido unha clase nin visitado ningunha aula:

“Un pedagogo hubo; se llamaba Herodes”.

Síntoo polos pedagogos, pero Machado foi profesor e sabía do que falaba.

Igualitarismo, a teima dalgúns progres:

O igualitarismo per se máis ca unha tontería é unha solemne estupidez. Afortunadamente non todos somos iguais. Humanismo e fraternidade son as verbas axeitadas:

“Nosotros no pretenderíamos nunca educar a las masas. A las masas que las parta un rayo. Nos dirigimos al hombre [e actualizando a frase, tamén á muller], que és o único que nos interesa”.

Decididamente, don Antonio –a diferenza dos optimistas antropolóxicos- era un antigo.

CUESTIÓNS VARIAS

Humildade:

A nena María Isabel cantou e pregoou por toda Pel de Touro aquilo de antes muerta que sencilla, mensaxe errada porque o correcto é facer gala de sinxeleza e naturalidade ata o pasamento. Celso Emilio Ferreiro alertounos do perigo dos finchados (“non falo pra os soberbios / non falo para os ruís e poderosos…”), máis que nada porque a estulticia é contaxiosa.

Desconfiade dos poli-técnicos, dos que van sobrados, porque hai imposibles metafísicos: non se pode mexar e bate-las palmas, oír misa e repenica-las campás e, como moi sabiamente fai notar o meu amigo, o xenial Francisco Rozados (Rochi)  por boca de don Astencio de Taboadelo, “Deus lle dera ó home un cerebro e un carallo, e tan só suficiente sangue para que funcionase un de cada vez”. Este aviso para navegantes vén no seu libro O bestiario máxico do abade Eliseo e outras narracións insólitas, premio Ánxel Fole, absolutamente recomendable.

Para brindar fel ou ambrosía, amargura ou dozura? Ambrosía, para que nos sintamos deuses por un día e, sen medo, afrontemos o porvir:

                                   “Es bello porque nosotros lo bebemos

                                    en estos temblorosos vasos de nuestro ser

                                     que nos nieguen el goce para que lo gocemos

                                    Bebamos.

                                   Nunca dejemos de beber”.

                                   (Pablo Neruda, Crepusculario).

De cando en vez este país produce fatiga. Recomendación para superala: relacionarse con espíritos libres, boas lecturas, fina ironía e unha conversa agradable cunha copa de viño na man.

 (Para o meu amigo o brillante arquitecto, Mauro Lomba, polos bos momentos vividos no Espazo Nemonon).

Buenaventura Aparicio Casado

Buenaventura Aparicio Casado

Doutor en Historia

Buenaventura Aparicio Casado é mestre e doutor en Historia. A súa tese doutoral El folklore en los yacimientos arqueológicos de Galicia acadou a máxima calificación de Apto Cum Laude por unanimidade.

Foi profesor titor nas facultades de Xeografía e Historia e de Ciencias Políticas e Socioloxía da UNED en Pontevedra, e profesor no IES “Chan do Monte”, de Mogor (Marín) ata a súa xubilación. Foi presidente do Grupo de Arqueoloxía “Alfredo García Alén”. Fundou e coordinou o Grupo de Investigación Arqueolóxica e Etnográfica “A Laxe da Irena” en Ponte Caldelas.

Impartiu máis dun cento de conferencias e é autor de 147 publicacións, entre elas 15 libros. Especialista en Arte Rupestre e en Antropoloxía, participou nas investigacións da Lanzada (2010) e do xacemento da Pedra do Cervo (2012). Colabora en programas de radio e en reportaxes da TVG.

Escritor de contos e ensaios, como investigador o seu interese se centra na mitoloxía popular e na etnoarqueoloxía dos gravados rupestres galegos.

Celtas ao revés

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥