A Xaime coñecino no Culturgal do ano 2018, no stand do Ateneo, vaia por diante que para min o Ateneo era unha organización de xente maior que organizaban charlas de vez en cando, ben lonxe da realidade porque cando coñecín o traballo que fan por Pontevedra e o dinamismo cultural que teñen quedei abraiada.

Coincidimos en presentacións de libros e actos culturais diversos en Pontevedra.

Xaime

Xaime Domínguez Toxo naceu en Santiago de Compostela, é dicir, a súa nai foi parir alí porque nacera na capital galega, pero eles eran de Bueu como tamén o era seu pai, José Ramón Domínguez Sobral, máis coñecido como Pin Cabanillas, emparentado cos Cabanillas de Cambados pola bisavoa Ramona Cabanillas, curmá de Ramón Cabanillas. Naqueles tempos había pataches (barcos de finais do XIX) que facían a travesía Bueu-Cambados.

Xaime pequeno
Xaime e seus irmas
pai Xaime
rayas

O pai de Xaime fixo o bacharelato en Pontevedra e estudou Ciencias Químicas en Santiago. A súa era unha familia burguesa de comerciantes, o seu avó era industrial, tiña terras, coches de cabalos, recorda que cando alguén falaba mal dicíanlle aquilo de “falas coma un cocheiro”.

Xaime e seu pai
Xaime neno
Xaime co irmán

En Santiago coñece a Carmiña Tojo Tie, filla de comerciantes de maletas e bolso. Nos ambientes de festa santiagueses, el era abandeirado da tuna, moi guapo e deportista, chegara a ser campión de España de relevos 4×100.

Viaxar foi “Outra maneira de vivir”.

Xaime Domínguez Toxo

Cando acaba a carreira casan e veñen vivir a Bueu, seu pai regálalle a casa de Pescadoira. Monta unha fábrica de fariña de peixe na ría de Aldán (Rio de Esteiro) e teñen 5 fillos, tres mulleres e dous home, Xaime fai o número catro.

As primeiras letras apréndeas na escola de Bueu e e ensínalle a ler e escribir dona Maruja que aínda vive. Unha escola que era mixta onde as clases eran impartidas por mestras, logo foi á escola da Capela Vella preparándose para o ingreso, xa os profesores eran todo homes, D.Manuel, D. Jacobo, D. José, D. Celestino.

Hermanos Xaime
familia
xogando a pelota

Examínase, por libre, de ingreso en Pontevedra, e fai o Bacharelato, interno no colexio dos Paules en Marín, as fins de semana vai para á casa, agás cando queda castigado que non o deixan ir, o réxime do colexio era dunha rixidez disciplinaria atroz, os castigos físicos estaban á orde do día. As súas materias preferidas eran a xeografía, filosofía, historia e literatura.

Fai COU no IES de Rodeira en Cangas, que era a vila que tiñan de referencia, máis aínda que Pontevedra. O instituto de Rodeira foi un revulsivo, tiña moi bo profesorado, xente como Carlos Casares, Paco Rodríguez, Camilo Gonsar impartían aula alí. Había moita efervescencia política e cultural de índole nacionalista, editaban unha revista que saía cando podía. Xaime  pertence ao equipo de elaboración e comeza a escribir. Faise politicamente nacionalista en Cangas.

Xaime na igresa dos santos reis
pandilla Xaime

Sen aclararse marcha a Santiago, a facer Dereito. Fai primeiro e muda de carreira matriculándose en Filosofía e Ciencias da Educación en Fonseca. É unha época dura contra a ditadura, ano 1974, milita en ERGA (Estudantes Revolucionarios Galegos), que era unha asociación de esquerdas nacionalistas totalmente clandestina. Súa nai queixábase de que lle saíra un fillo comunista, porque a súa familia era moi conservadora.

O equipo de profesores da facultade eran moi progresistas, había un gran balbordo político moi identificado coa esquerda, partidos clandestinos moi reivindicativos, a maioría eran xente nova coa praza provisional e academicamente moi competentes. Xente que deixou unha lembranza que pervive no tempo, e que xogaron un papel fundamental na formación intelectual e humana de Xaime como Herminio Barreiro, do que tanto apredemos, Esperanza Guisán e Guillermo Domínguez

Ramiro e Xaime
Xaime

Xaime participaba moito da vida da facultade, tanto a nivel político como cultural, foi nese sentido moi universitario, as reclamacións pola amnistia, o ensino democrático en galego e a legalización dos partidos políticos forman parte das reivindicacións para acabar dunha vez por todas coa ditadura.

Tiñan asociacións culturais como O Galo e o Eixo e organizaban multitude de actos de tipo cultural  que estaban maioritariamente prohibidas e baixo o control policial.

Mentres estivo en Compostela poucos eran os días que ía á casa, nin sequera nas vacacións que se dedicaban a viaxar. Viaxar foi “Outra maneira de vivir”.

Viviu na rúa da Calderería durante un tempo e compartiu piso co seu irmán Ramón, estudante de medicina, e Antón Sobral que estaba estudando Matemáticas.

Librou da mili por unha lesión nun ollo cando era rapaz, foi declarado inútil total.

socio dunha revista
expulsion

A súa primeira incursión europea foi en abril do 74, foron a Porto e Lisboa a vivir en directo a Revolución dos Cravos, para a súa xeración importantísima. Foron en tren desde Santiago, recorrían a pensións baratas e facían amigos para ficar nas súas casas.

A raíz da morte do ditador prodúcese unha crise nos partidos da esquerda e a política pasa de ser a máxima preocupación a converterse en algo secundario. Chega a época do Desencanto, empezan a viaxar a Marrocos, van en coche ata Andalucía logo o ferry  e cruzan a Ceuta, culturalmente chámalle moito a atención, as viaxes duraban o que duraban os cartos. Marrocos pasa a ser un destino inevitable. Chauen, Fez, Marraquech… e, máis ao sur, o deserto.

Para obter os cartos dedicábase a traballar nas bateas, ía ao mar, descargaba marisco etc…

Cando remata a carreira vai vivir a Londres, traballando nun restaurante de fregapratos, despois de 6 meses volve a Galicia coa intención de preparar as oposicións, pero regresa a Londres para instalarse definitivamente. Iso era a intención, ao cabo de catro meses deciden marchar a India por tempo indeterminado. Entre os preparativos, volve a España e xa queda aquí porque sae unha praza, de pedagogo, para dirixir a residencia da ONCE en Pontevedra, preséntase coa intención de marchar a India se suspende , pero aproba e empeza a traballar e vivir en Pontevedra no ano 1983 sendo director e xestionando unha residencia de máis de 100 nenos e moita responsabilidade, cambiou por completo a súa vida.

reunion ERGA
Xaime e a diversidade

A partir de aquí dedícase exclusivamente ao seu traballo, xestionando equipos educativos e formativos, é un traballo moi humano. Case todos os rapaces estaban internos e el era a figura paternal.

Incorpórase á vida de Pontevedra. El viña de Londres e Pontevedra era unha cidade sen vida cultural, caótica no tráfico, moi conservadora, con poucos atractivos, absolutamente gris, son os anos da movida pero non en Pontevedra. Mais atopa xente nova con ganas de facer outras cousas.

Hai moita vida nocturna as fins de semana nos pubs e discotecas. Cun grupo de profesores de Santiago que traballaban en Pontevedra deciden revitalizar algunhas estruturas culturais xa decaídas , empeza no Ateneo de Pontevedra cuxo presidente era Juan Vidal Fraga e comezan a programar actos, desa época aínda quedan media ducia de persoas activas: Carmen Duran, Antón Louro, Marisa Paredes, Carlota Román, Antón Sobral… Camiñan en paralelo co cambio político municipal que coincide coa chegada da universidade á cidade e unha nova efervescencia cultural. O cambio urbano é tan espectacular que agora Pontevedra vive unha época dourada coa recuperación da zona monumental, a peonalización. a chegada das facultades, a recuperación dos espazos verdes e a forza que adquire a cultura como sinal de identidade.

Xaime en Bueu
Xaime no Ateneo
Xaime ateneo

Cando xa se establece en Pontevedra coñece a María, nos ambientes de amizade, coa que casa e ten dous fillos, Xacobo e Marco. Foi pai case con 40 anos. A relación cos seus fillos é moito máis fácil que a que tivo co seu pai nos anos de estudante, cando os vínculos eran máis ríxidos e tradicionais.

Empezou a escribir en Santiago, primeiro poesía co seu amigo Ramiro Fonte e logo relato curto e crónica persoal, o que escribe déixao para que o lean pero non edita. Cando chega a Pontevedra e vendo a falta de contos infantís, en braille, comeza a escribir sendo unha das etapas máis satisfactorias da súa formación como escritor, que aínda continúa.

Na súa etapa como ensinante colabora na edición de dúas revistas: “El joven Topo”, con anexos en braille en castelán e Badaladas, en galego. Ao mesmo tempo escribe artigos na revista Os Galos que revitaliza a cultura mariñeira de Bueu.

Mouro e o rostro da memoria
Caderno de mar
Caderno 2
Xaime e Antón
Xaime e Antón

Segue escribindo relatos e recibe premios en certames literarios, tamén edita en libros colectivos. O seu primeiro libro foi un relato longo “Mouro é o rostro da memoria” no 2001 nunha colección que mantiña o Ateneo de Pontevedra, a partir de aí edita con Xerais, Laiovento, Ancoradouro e a Deputación de Pontevedra. No 2016 edita Protexer o invisible, un feixe de relatos que apareceran publicados na Voz de Galicia na sección Contos de Verán. Tamén empeza a editar poesía con Antón Sobral nos Cadernos de mar que eran viaxes polas costas portuguesas, o primeiro foi Pontevedra-Lisboa en coche sen perder de vista a liña da costa, chamouse “Caderno de bitácora dun mariñeiro sentimental”no 2004, unha viaxe que durou 10 días e foi publicado por Ancoradouro, o segundo Lisboa-Cabo San Vicente chamouse “Caderno de mar 1” autoeditado e o terceiro  a viaxe de Pontevedra-Bilbao chamouse “Caderno de mar 2” 2014  editado pola Deputación de Pontevedra, son poesías e acuarelas.

Búscame

polos territorios

perdidos dos mapas.

palabras que no ven o mar
a casa sen nós
Protexer o invisible

A escrita é un traballo moi duro, fai falla tenacidade, hai que dedicarlle moitas horas, e é unha experiencia da soidade, require pasar moito tempo só, Xaime intenta ser constante, metódico, disciplinado e lento, recoñece que corrixe moitísimo. Para escribir fai falta ler, ter unha bagaxe lectora e compaxinar ambas cousas é necesario e imprescindible, e ten que elexir un libro opta por “Relatos” de Jose Luis Borges e “Danubio” de Claudio Magris.

Non ve programas de televisión pero si cine nela, lembra El último tango en Paris de Marlon Brandon como a súa película de culto como tamén foi Apocalypse Now

Falamos do Ateneo, do que é presidente, para el supón inmiscirsena cultura da cidade e ser partícipe dela, non concibe a existencia sen cultura, o Ateneo está moi vinculado a unha xeración da democracia, e terá futuro cando haxa recambio xeracional e se incorpore xente nova.

Non é moito de redes sociais pero participa indirectamente a través do Ateneo.

Seguimos falando de viaxes, da que máis lle marcou que foi unha que empezou en Pontevedra cun amigo e un Renault 5, saíron rumbo a Venecia de alí a Dubrovnik logo Atenas, Lesbos, Cos, Turquía e cando chegaron a fronteira de Siria decidiron que xa era hora de voltar, era o ano 1986. A viaxe que lle falta é ir á India, ten unha espiniña cravada dos seus anos en Londres cando marcharon os seus amigos e el quedou.

Sobre os seus soños el vese vivindo nun sitio pequeno rodeado de natureza, algún sitio na montaña, lonxe de todo, preto de nada.

Xaime, María e a súa nai

Grazas Xaime por contarnos uns anacos da túa vida, dos soños por cumprir, do traballo, da cultura que nos enriquece, das viaxes pasadas  e as que están por vir e por eses artigos tan persoais que tan xenerosamente compartes con nós.

Ana Santos Solla

Ana Santos Solla

Profesora de E.F.

Son Ana Santos, nacín en Pontevedra no ano 1960, a miña infancia estivo moi ligada a Santa María de Xeve, a terra da miña nai, son a terceira de 8 irmáns, a maior das mozas, a máis vella como me dicían de pequena. Sempre me gustou o deporte e estudei INEF en Madrid, estiven 34 anos no IES Valle Inclán impartindo Educación Física alí foi onde coñecín ao resto dos meus compañeiros que agora me acompañan neste proxecto. Decidín xubilarme para dar un novo rumbo á miña vida e levar a cabo este tipo de iniciativas como @devellabella que pretende que o envellecemento activo convértase en embelecemento persoal e poder achegar a miña experiencia nesta etapa da vida.

Nós os maiores debemos continuar aportando, compartindo TODO aquelo que reflexionando SUME a unha vida máis digna e un mundo mellor, espero que este blogue motívevos a querer colaborar connosco.

Juana Bernabéu

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥