Xeve en 1751

Xan M. Pérez Nartallo

Pode parecer case absurdo que alguén “perda” o seu tempo en coñecer como era a vida dos nosos antepasados a mediados do século XVIII. O coñecemento que adquirín na procura de documentación de usos e costumes inmemoriais en Xeve, e que infelizmente remataron nos últimos tempos, é o que motiva este relato.

Galicia non é un país que teña cariño pola memoria (aínda que algúns grupos de persoas tentan recuperar/conservar tradicións) porque os costumes mudaron e imos cara a unha perda de valores tradicionais. Somos un país eminentemente rural, e sufro moito ao ver como tratamos (mal) os nosos campos, montes, aldeas…

Digo que na procura de documentos sobre espazos públicos din co Catastro do Marqués da Ensenada. Zenón de Somodevilla y Bengoechea foi un rioxano que viviu no século XVIII, ministro con tres reis, Felipe V, Fernando VI e Carlos III (todos eles Borbóns). Lugartenente xeral do Almirantazgo, Toisón de Ouro, Orde de Malta…, I Marqués de la Ensenada. Para os achegados, Ensenada a secas. Entre os seus méritos está levar a cabo a Prisión General de Gitanos que aprobada polo rei Fernando VI tiña por obxectivo deter a todos os xitanos, separar os homes e as mulleres para conseguir a extinción da raza. Cousas de gobernar un imperio!

Aquí interésanos por ser ministro de facenda en 1751.

Si, esta é unha historia de cartos, de impostos e… non, ao final veremos por que non.

O caso é que as contas do erario do rei non daban (isto si que nos sona), e como sempre hai ideas, no departamento correspondente propúxose facer unha reforma impositiva que consistía en crear a Única Contribución. Para tal medida facíase preciso coñecer claramente a riqueza dos reinos (Castela e o resto). E para saber de tal tema fíxose unha macroenquisa, aínda que en realidade se trataba de pescudar nos petos dos súbditos (pois aínda non eran cidadáns) as posibilidades de achegar á facenda do reino para os numerosos gastos que un imperio europeo tiña naquela altura (aínda había colonias, mais o que aportaban con toda seguridade non era suficiente, isto tamén nos sona).

Cárcere

Cárcere de Xeve 1751

A Sementeira

Sementeira no Pazo de Gondar 1751

O coñecido como Catastro de Ensenada consistía en que persoas enviadas por mandato da coroa percorrerían o país enteiro, parroquia por parroquia, couto xurisdicional por couto xurisdicional e concello por concello, facendo 40 preguntas a unha comisión de cada lugar para coñecer o número de habitantes, familias, ocupacións e oficios, rendas anuais que lles reportaban, etc.

A comisión correspondente deu en caer en Xeve (Jebe para a comisión) o 3 de decembro de 1751. Hoxe temos á nosa disposición os folios do libro manuscritos polo escribán (outras veces scribano) de número y consejo, Juan de Fontanes, que daquela era un dos curas da parroquia de Santo André de Xeve (até 1755 no se dividiu coa creación da de Santa María). Digo un dos curas porque tamén neses tempos era habitual que nunha parroquia estivesen varios sacerdotes.

Este home letrado fai un relato bastante parco, debido seguramente a que usaba unha pluma de orixe animal cuxa punta tiña que mollar reiteradamente na tinta para poder escribir, e facíao en tempo real e segundo lle ían ditando. Asemade, por como redacta, trátase dun galego que usa acotío a nosa lingua pero escribe en castelán, as construcións son galegas e cando non sabe a palabra castelá… pois velaí vai a galega. A súa escritura por momentos é inintelixíbel, e só co paso das páxinas váiselle collendo o aquel para entender o escrito.

É así un interrogatorio (libro de interrogatorio) no que os paisanos deben facer “Respuestas Generales”, 40 preguntas sobre o nome do lugar, número de casas, relación de profesións e oficios nos que se detalla persoalmente o de cadaquén e, o principal, a renda anual que conseguen polo seu traballo.

Todo iso dá unha visión de como era a vida en Xeve hai 271 anos. Podemos tirar conclusións, algunhas moi sorprendentes.

A maioría dos apelidos e nomes dos habitantes das terras de Xeve naquela época son os mesmos de hoxe. O nivel medio de vida era moi baixo, practicamente limitábanse a subsistir facendo varios traballos, tanto homes como mulleres (estas levando tamén a casa). A casa… quen a tiña.

Existía unha certa organización e axuda social entre veciños/as. Tiñan cousas en común (do común as chamaban) como os pastos e montes onde pacen os animais (hoxe terreos das comunidades de montes), o cárcere público e a casa terrea onde fan audiencia (xustiza señorial). Había “pobres de solemnidad”, que vivían do que lles daban veciños e veciñas.

Escudo do Concello

Escudo dos tres pinos no Concello de Xeve

Tratábase do “Coto y Feligresía de Jebe”, cun Señor que aínda ausente (moraba en Betanzos) cobraba anualmente de cada veciño un real de vellón e de cada muller viúva dezasete maravedís “sin excepción de persona alguna”, os pobres e milicianos non pagaban polo que concluímos que estes non eran persoas. Tamén cobraba por cada “cabeza” de gando, “vacuno o mularreal y medio de vellón, e só oito maravedís por “obejuno, cabruno o cerdoso”. E nomeaba xuíz trienal, escribán de número, xuíz (mordomo) pedáneo e dous procuradores xerais, cargos do couto e freguesía.

Nos límites con outras parroquias falan dun “marco o mojón antiguo nombrado da estada…”, pedra que aínda está hoxe no mesmo lugar. Polo descrito debe ter máis de 300 anos.

O que producen nestas terras é millo serondo e millo miúdo ou panizo, “habichuelas”, liño, trigo e centeo, e quéixanse de que pola frialdade (humidade) destas terras non conseguen boas colleitas.

De árbores teñen pereiras, maceiras, cereixeiras, guindos, figueiras, viña, laranxeiras, limoeiros, nogueiras e castiñeiros, tirándolle pouca importancia á produción alegando que están “plantados en los salidos de las casas de algunos vecinos”, cousa que fan en todas as respostas pois sabían que era para pagar impostos.

A medida que utilizaban era o ferrado de centeo.

Nas hortas tiñan verzas, cebolas e cabazas, que usan para o seu sustento, e que en ocasións pola escaseza se ven obrigados a compralas na vila de Pontevedra.

Nos soutos teñen carballos, castiñeiros e piñeiros que están en terreos comúns, polo que entendo que a súa corta tiña que estar limitada pola comunidade.

Ademais pagaban “el diezmo” polos cultivos e crías de gando (agás do porco) que percibía o Rector da parroquia (15.000 reales), esta cantidade foi unha das razóns aludidas polo arcebispado para dividir a parroquia. O décimo producido en Gatomorto  recibíao o Arcebispo de Santiago (240 reais), e habíao tamén para o Covento de Santa Clara por parte de Maúnzo e parte dos Fontáns (100 reais).

Había parcería pecuaria, o Señor ou eclesiástico (este era un dos ingresos de todos eses sacerdotes) compraba un animal, cedíao en parcería a un labrego e repartían as crías, ou o obtido por elas. O animal máis valorado era a parella de bois.

Antes, como agora, tamén pedían rebaixa de impostos:  “esperan su alivio de la real clemencia de Su Majestad que Dios guarde, por medio del establecimiento de la Única Contribución, y que con ella cesen este y otros tributos gravosos”.

Hai tabernas, algunhas rexentadas por mulleres, nas que se vende o viño producido polos propios taberneiros/as.

Unha barca propiedade dun pontevedrés presta o servizo para cruzar a Mourente, e achegarse ás aceas nas beiras do Lérez. Custo da viaxe, 4 maravedís.

maravedíes

Maravedís

O día 20 de cada mes hai unha feira de gando vacún no lugar de Salgueiriños á que lle quitan importancia por non ter moito comercio, non sabemos se de certo ou para evitar a imposición.

A continuación presentan unha relación feita nos días anteriores sobre os “empleos” que hai no Couto. E comezan por referir os numerosos muíños e un batán, sinal da elevada consideración que tiñan para eles estas construcións, e como a fariña aló obtida era transportada en “pollinos e mulos”, tamén a importancia destes animais que só se dedicaban a este traballo e eran propiedade dos muiñeiros e as súas familias. A produción debía ser moi grande pois a maioría, despois da dedicada ao sustento familiar, era levada e vendida en Pontevedra. O número de muíños, incluídos os abandonados, aceas e os que só se poden usar cando o caudal do Lérez o permite achégase aos 70.

 E a relación de profesións e oficios comeza así: 1 xuíz, 1 escribán, 1 ministro ordinario, 1 alcalde de cárcere, 1 mordomo pedáneo, 1 sangrador e barbeiro (quen imaxina o que pasaba polas mans deste home), 157 labregos (incluídos ausentes e 1 manco!) e 8 xornaleiros.

Mención á parte temos que ter coa cantería, profesión por excelencia en Xeve xa naquela altura. Había 15 mestres de cantería, 287 oficiais e 32 aprendices. Todos eles tiñan outra profesión como labregos normalmente, polo que xa existía o pluriemprego. Cobraba cada canteiro por xornada de traballo: os mestres 4 reais de vellón secos e 3 dándolles de comer, os oficiais 3 e 2, e os aprendices 2 e 1.

Había 12 carpinteiros, aínda que un “impedido” (?), 16 xastres, 12 zapateiros (2 ausentes, un deles sen coñecer o seu paradeiro), 1 gaiteiro (que tamén era zapateiro), 2 cesteiros, 95 muiñeiros e muiñeiras.

     En todas as profesións e oficios, cando é muller na maioría dos casos dise que é viúva, semella que é como un título habilitante para ter un oficio e poder achegar ingresos á familia.

Tamén unha tratante en touciño, que o vendía na praza de Pontevedra xunto á fariña dos seus muíños. 3 curtidores, 4 tecedores e 13 tecedoras, 36 costureiras (unha impedida), 13 palilleiras, 10 cardadoras, 1 sancristán de 27 reais/ano por tocar as campás, 1 conqueiro, 1 mestre, 16 pobres de solemnidade que viven da esmola e dun din que é “fatuo” (que actúa ou fala amosando de xeito ridículo unha actitude de superioridade, ás veces infundada, ou facendo ostentación dunha situación de privilexio ou da obtención dalgunha vantaxe), 7 milicianos (estes e os anteriores eran os que non pagaban ao Señor, polo que non eran persoas?), 1 cereiro, 3 taberneiras, 1 sisero (prestamista?, di que vendía o viño ás tabernas), 1 estanqueiro e 1 estanqueira do tabaco, 7 pombais e unha pesqueira de uso exclusivo do Señor.

Só boto a faltar as patacas, e é que en 1751 non se plantaban, nin se comían, patacas en Xeve, seguramente porque había certa idea de que non se debían comer raíces (agás cando non tiñas outra cousa para comer, claro). En todo caso o seu cultivo en Galicia non se xeneralizou até finais do século, e parece que leva con nós toda a vida!

Só teño que dicir neste final por que non era unha cuestión de cartos. Como acontece en innumerábeis ocasións no imperio este inmensa obra ficou sen uso porque como recordarán ía destinada para a implantación en todos os reinos de “Su Majestad que Dios guarde” da Única Contribución, cousa que nunca ocorreu. Serviu para outros fins, entre eles este pequeno relato.

 Xan M. Pérez Nartallo

 

Xan M. Pérez Nartallo

Xan M. Pérez Nartallo

Abogado

Nacín en Vilagarcía o 12 de novembro do 1960, onde vivín, e Compostela, Padrón, Pontevedra. Teño vínculos familiares e afectivos con Canabal (Sober), Vilamelle (Pantón) en terras de Lemos, as cidades de A Coruña e Vigo, o porto de Marín, a illa da Graciosa nos Açores e Salvador de Bahia; polo que debo ser un atlante (Estatua con figura de home que se usa como columna e sostén sobre a cabeza ou os ombreiros a parte baixa dunha cornixa ou outro elemento do edificio ou Home de forza descomunal). Aceptarei, por descarte, a primeira definición.

Son licenciado en dereito pola UNED e Master en Administración Local pola USC, e só sei que non sei nada, cousa que infelizmente comprobo todos os días. Como administrativista tamén dou fe da diarrea lexislativa desta póla xurista, palabra que está moi preto da palabra xurro.

A paciencia é unha virtude, podédela practicar comigo.

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥