Xoán Bernárdez Vilar naceu o 5 de abril de 1936 nunha casa a poucos metros da Igrexa Vella de Marín. Os seus pais eran os dous mestres de escola. El na de Santa María do Campo e ela no lugar de Pardavila, pertencente á parroquia de Marín de Arriba. Viviron en Pardavila ata xaneiro de 1943, data na que conseguiron as escolas da parroquia de Dornelas, no Concello de Mos, moi ben comunicado con Vigo grazas ao Tranvía do Porriño, tamén coñecido coma das Leiteiras. El asistiu ás dúas escolas.

En 1946 inaugurouse en Vigo o Instituto Santa Irene, no que ingresou. Cóntanos que era un lugar perfectamente organizado con excelente profesorado e, curiosamente, bastantes alumnos extranxeiros; deportes, xuntanzas, bibliotecas para ler, separacións de sexos, e tranvías para se transportar ata as Travesas. Ocasionalmente tamén excursións, e sesións de cine.

Dinos que as súas materias preferidas  foron, dende o principio, Xeografía e Historia –actualmente doutorado en Historia-, así coma Latín e Francés.

Cando lle preguntamos se houbo algún profesor en particular que lle influíse respóndenos que houbo varios dos que garda unha gran lembranza, pero que a maioría os axudaban moito, que en xeral actuaban como compañeiros naquel privilexiado lugar no que tiñan que facer sete cursos, ademais.

Cando superou o Exame de Estado en xuño de 1953, seguindo a tradición comezou a facer Maxisterio, por libre, na Escola Normal de Pontevedra. Pero, ao mesmo tempo, nunha das moitas academias que entón había en Vigo, buscou outras saídas: mecanografía, taquigrafía,  contabilidade, etc. Así mesmo preparou varias oposicións, obtendo o aprobado na convocada pola “Caja de Ahorros y Monte de Piedad Municipal de Vigo”, anos máis tarde chamada “Caixa Nova”. Así, en xaneiro de 1957, comezou a traballar nunha pequena sucursal que a entidade tiña na vila de Pontecaldelas, a 45 quilómetros de Vigo. Recoñece que o lugar era sorprendentemente acolledor.

Co Profesor Ricardo Carballo Calero, visitando a Real Fábrica de Sargadelos, en Cervo.

1938: Cos meus pais, en Pontevedra, aos 23 meses

Equipo de Hockey Sobre Herba da Caixa de Aforros de Vigo. O segundo da esquerda, agachado, é o seu fundador Bernárdez.  Durante  máis de vinte anos este sería o máis afortunado conxunto de Galicia, chegando mesmo a participar en dous torneos europeos.

Cóntanos que alí ocorreríalle algo de bastante interese xa que o  7 de xaneiro de 1958 chegou ás súas mans un libro -sempre fora un incansable lector- titulado Tartessos, da autoría do alemán Adolf Schulten, (1870-1960),  arqueólogo, historiador, filólogo, e profesor en Gotinga e Erlanguen. Este descubrimento vaino conducir por outros camiños xa que dende aquel día non fixo outra cousa que axenciarse coas obras dese autor, ademais de dedicar festivos e vacacións a asistir a convencións, visitar  escavacións e museos…, practicamente ata a actualidade. Sendo este episodio/libro, o disparador da súa principal investigación durante anos, que o levou a doutorarse en Historia co Extraordinario Mundo da Ora Marítima, onde Bernárdez documenta o achado do primeiro texto de Galicia.

1960: no Campamento de  Reclutas da “Academia General Militar de Zaragoza”, non lonxe do Río Gállego.

Dinos tamén que permaneceu en Pontecaldedas tan só dous anos e que despois pasou á Casa Central e outros destinos, entre eles os de percorrer varias ducias de sucursais substituíndo os compañeiros que estaban de vacacións; sen abandonar, iso si, os estudos de Maxisterio, a lectura e outras pequenas actividades.

Preguntámoslle así mesmo pola súa estadía no exército para cumprir o daquela obrigatorio servizo militar e dinos que foi arredor de 1959 cando foi destinado  á Academia General Militar de Zaragoza, unha cidade da que se aseguraba que tiña acuartelados arredor de 30.000 soldados e que por un breve período de tempo foi condiscípulo de Juan Carlos de Borbón,  por aquel entón aínda príncipe.

“Por un breve período fun condiscípulo da súa Alteza Juan Carlos de Borbón, naquela altura, nada máis que Príncipe”

Xoán Bernárdez Vilar

Continuando co decorrer da súa vida sabemos que casou con María del Carmen á que coñecera debido a unha fractura pola que tivo que ser atendido sendo ela a súa enfermeira. Casaron en 1969 vendo a chegada do home á lúa na súa viaxe de noivos.

Explícanos que se xubilou pouco antes de cumprir os 64 anos debido á complicación que representou a fusión das Caixas de Aforro galegas a causa do número excesivo de empregados que se advertiu que sobraban.  Pero iso permitiulle, ao inaugurarse a Universidade de Vigo por aquel entón, levar  adiante o seu soño dourado de rematar a carreira de Xeografía e Historia, o que fixo entre 1990 e 1995  e ademais completala co doutoramento. Precisamente na presentación do mesmo no ano 2011 tivo o pracer de contar coa presenza da súa filla Sabela como xornalista e presentadora.

 Dinos que o tempo libre éncheo especialmente coa lectura, mais tamén con cine, cultura e viaxes.

1989: Templo rupestre de Ramsés II, (1314-1237 a. c.), en Abú Simbel, prácticamente na fronteira entre Exipto e  Sudán. A foto é lixeiramdente posterior  á elevación de 64 metros coa que, de xekito admirable, se evitou o asolagamento da construcción baixo as augas do Nilo.

Visita ao Cromlech de Stonehenge, construído arredor dos anos 3100 a 2000 a. C. no sur de Inglaterra, se ben que a lenda considera que fora trasportado,  dende Irlanda, polo mago Merlín.

1987: No Lago Tiberíades, en Israel. A foto está tomada dende o teórico nivel do mar, segundo indica o príncipal letreiro, en francés e inglés.

Pero non podemos pechar a súa historia de vida sen facer referencia ao seu labor como escritor, historiador e ensaísta. Xoán Bernárdez conta con máis de 30 obras publicadas. Ademais de ser tradutor de galego, castelán, portugués, italiano, francés, inglés e latín.

Da súa obra narrativa destacamos as seguintes novelas históricas:

  Un home de Vilameán, anatomía da revolución irmandiña, 1976 (premiado polo Padroado da Cultura Galega de Montevideo)

 Homo sapiens, 1984 Accésit do Premio Modesto R. Figueiredo

 No ano do cometa, Premio Xerais en 1986.

 Xeruxalén, Xerusalén,1992. Que acaba de ser reeditado coa versión do autor.

 Big Bang,1996 , Premio Concello de Vilalba

 A saga da illa sen noite,  1999. Premio Concello de Vilalba e candidata a converterse en película.

 No eido da investigación,   publicou a tese de licenciatura:

 Antes da invención de América,as descubertas precolombinas do século XV,2001

 A tese de doutoramento:

 O Extraordinario Mundo da Ora Marítima, 2013

 E outras obras ensaísticas como:

  A xeografía do mito de Tristán e Iseu , 2000

O comezo da nosa Idade media. A Gallaecia que se emancipou de Roma, 2003

 O Rei Artur: mito e realidade, 2005

etc. 

Publicou artigos en múltiples revistas, tales como algúns dos publicados na revista Agália:

 Pesquisas nas origens do mito de Tristám e Iseu (1986)

 Egipto, a viagem perdida de Egéria (1990)

 O descobridor que chegou do frío. A viagem de Cristóvao Colombo a Thule, (1990)

 A expediçom luso-dinamarquesa ao noroeste atlántico: alcançárom América os Portugueses antes do que Colom? (1997)

 Tamén e autor dunha peza teatral:  O valedor do reino, publicado no 2002 en edición dixital (recibindo o Premio de teatro da Universidade de Vigo)

 Participou asemade en obras colectivas como:

  Estudos dedicados a Ricardo Carvalho Calero(2000)

 Ou:

Dicionario Enciclopedia do Pensamento Galego, 2008, Xerais (obra para o Consello da Cultura Galega).

 Foi asesor histórico en series de televisión (p.ex. Terras de Merlín da TVG)

A súa traxectoria foi honrada co Premio Galicia de Investigación

E dende 2003 é Académico Correspondente da Real Academia Galega.

                            José Cerdeira e Charo Valcárcel

1985: No túmulo de New Grange, -en Gaélico “Bru na Boinne”-,  Irlanda, a primeira gran obra megalítica construída por seres humanos arredor do 3300 a. C., segundo datacións de radio carbono.

1992:  De aventura polas montañas e os glaciares de Islandia.

1994: En Atenas; detrás a súa fascinante Acrópolis.

1990-1995:   Coa  Primeira Promoción de Licenciados en Xeografía e Historia da Universidade de Vigo.

1995: Na Illa  Spitzbergen, ao norte de Noruega, próxima ao Polo Norte.

1997: Na “Disney de Paris”, tentando arrincar  a Espada que o Rei Artur, cando tiña 15 anos, xa conseguira tirar.  

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥