Coñecín a Xulio no Culturgal do 2021, presentounos  Xulio Couxil, colaborador en Radio Cornellá do programa Sempre en Galicia, coñecín así unha emisora que falaba en galego en Barcelona e puña voz aos emigrantes galegos en Cataluña.

A historia de vida de hoxe é a de Xulio Simón Rúa

Xulio Simón Rúa naceu en 1956 nunha casa a carón da chamada Porta Falsa da muralla de Lugo. O seu avó paterno, Sergio, tiña alí unha taberna. No teito había uns ganchos onde colgaban os xamóns pero tamén cando alguén perdía tres partidas seguidas ao tute facían un boneco de papel e colgaban o do perdedor.  O seu avó levaba moi mal perder. Lembra con agarimo as historias arredor desa taberna que lle contaba e que logo apareceron publicadas no libro “Contos populares da provincia de Lugo”  do Colexio de Fingoi, onde traballaban daquela Carballo Calero e Bernardino Graña

xulio e a nai
Xulio coa súa nai

É fillo de Xulio Simón Casal e Dolores Rúa Rodríguez, ambos os dous mestres, ela dunha aldea de nome Rioxoán, situada entre o nacemento do Eo e o do Miño, no concello de Pol en Lugo e o pai de Vilamartín de Valdeorras. Ao quedaren as terras anegadas por un encoro,  a familia de seu pai viuse obrigada a emigrar a Lugo. Alí, na Escola de Maxisterio seu pai coñeceu a Dolores.

É o fillo maior de catro irmáns, dous varóns e dúas mulleres. Aínda que naceu en Lugo, criouse en Rioxoán, onde seus pais eran os mestres e vivían na casa dos avós maternos.

na praia
Na praia no colo de seu pai 1957
os 4 irmáns
Quico, Sela, Dolores e Xulio na praia
pais de Xulio
Voda dos pais

Lembra agora as verbas do seu profesor en Barcelona, Basilio Losada “ Que pobre é o home que non ten unha aldea na súa memoria”. El, grazas a tela na súa memoria, pode lembrarse dos carballos, freixos, castiñeiros…, hoxe substituídos por un inmenso eucaliptal.

Foi á escola dos seus pais cando estaban separadas as nenas dos nenos, pero eles acordaron dividir os cursos en función das idades, os pequenos para a nai e os grandes para o pai,  sen importar o sexo. Alí estivo ata os 9 anos.

Ao ir facer o ingreso ao Instituto de Lugo advertiulle seu pai: “Se che toca un profesor que se chama Alonso Montero podes falarlle en galego”, iso fíxolle pensar, que pasa con esta lingua que non pode falarse con calquera e quen é ese profesor co que si se pode falar?

Xulio e o autobus
Bus de liña, excursión da escola do pai
Xulio aldea
Escola de Rioxoan Xulio diante ano 1962

Empezou o bacharelato no instituto da cidade e quedaba na casa dos tíos ata que suprimiron a escola de Rioxoán e os pais foron para Lugo. Nalgunha ocasión deulle clase Alonso Montero de lingua e literatura e de vez en cando explicáballe cousas en galego. Dende 1962 Alonso xa era militante do PCE, sendo represaliado en varias ocasións.

Condicionado polo sitio e pola profesión dos pais decidiu facer Maxisterio, foi o primeiro curso en que a ensinanza foi mixta, menos en Educación Física. Decantouse pola especialidade de Ciencias Sociais. Cando estaba no último ano de carreira presentouse voluntario para facer a mili e así poder escoller destino. Fixo o campamento en Parga, Lugo e a mili na Coruña, onde o deixaban ir durmir á casa dos avós paternos. Estivo no cuartel de Intendencia preto da Torre de Hércules. Como non tiña destino, pasaba moitas horas acompañando aos da banda de música.

na mili 1976
Xulio en Lugo facendo a mili 1976

Dábanlle permiso para ir aos exames en Lugo e así rematou a carreira. Como tiña compañeiros que atoparan traballo de mestres en Barcelona, marchou para alí e tamén conseguiu traballo nunha escola pública, tendo que facer uns exames en catalán. Pasou por varios destinos vivindo preto de Cornellá, onde se constituíu a Asociación Rosalía de Castro. Alí cada ano convócase un certame de poesía co que colabora e tamén cun programa de radio na emisora municipal Radio Cornellá,  todos os sábados de 18 a 20 horas.

O seu primeiro destino foi nunha aldea, Casserres, na comarca do Berguedà, estaba na montaña e  corría o ano 1981 co golpe militar de Tejero. Daba clase a 4º de primaria, as fins de semana marchaba a Barcelona a casa duns amigos. Unha compañeira mestra regaloulle un seiscentos.

Casa de Corvite de Rioxoán
Casa de “Corvite” de Rioxoán
escola de rioxoan coa nai
Excursión coa escola de Rioxoan coa súa nai
con Avelino Pousa
 Xulio con Avelino Pousa Antelo.1962

Marchou despois a Sabadell ao colexio Joan Maragall, un barrio moi conflitivo e con moita emigración. Nestes momentos xa vivía en Cornellá con dous compañeiros de León. Daba cursos máis altos 7º e 8º de EXB; tamén alí estivo 1 ano. Obrigado a concursar todos os anos, o seguinte destino foi Sant Boi de Llobregat no colexio “Ciutat Cooperativa” que estaba pegado ao Psiquiátrico; era fácil ver aos internos en pixama andar polas rúas, tiñan un réxime moi laso.  Ás veces ía cos alumnos ao teatro e a facer algunhas actividades a ese centro.

Nesa escola estaban 4 mestres de Lugo e alí pasou tres ou catro anos ata que aprobou as oposicións.  O seu destino definitivo foi Viladecáns onde estivo dous anos.

Estando neste destino soubo que había na Universidade Central de Barcelona un Departamento de Galaico Portugués que dirixía o profesor Basilio Losada e matriculouse en Filoloxía. Convalidáronlle dous anos e entrou xa en terceiro. Tamén fixo a especialidade de Educación física en Barcelona.

Seguía colaborando con radio Cornellá todos os sábados.

Xulio en Barcelona
coche de xulio

Nesa época empezouse a correr a voz de que ía ser difícil cambiar de comunidade e pediu a zona do Salnés para volver a Galicia. Déronlle Dena e quedou moi feliz pensando na praia e o bo tempo… ata que chegou o inverno…, cando puido pediu unha licenza de estudos para marchar a París durante un ano, alí estivo no “Colexio España” no Boulevard Jourdan. O Colexio de España en París, fundado en abril de 1935, é unha institución dependente da Secretaría xeral de Universidades do Ministerio de Universidades de España. A súa función é difundir a ciencia, a arte e a cultura española e fomentar os intercambios internacionais.

Volveu antes de rematar o ano por que a súa nai enfermou, tivo que presentar un traballo da súa estadía e volveu ao colexio de Dena.

Esta non foi a súa primeira incursión en París, lembra que con 21 anos fora nun Ford Fiesta cun amigo e levaban anotado un teléfono dun coñecido; cando chamaban saltaba o contestador e unha voz dicíalles algo que non entendían, durmiron no coche varios días comendo o xamón que levaban ata que un día coñeceron un portugués que lles dixo que a mensaxe que oian no teléfono era que mudara o número e dábanlle o novo. Por fin conseguiron ir á casa do coñecido da familia.

Aquí sábese ben o pouco que vale un home” deixou escrito Novoneyra.

Xulio Simón Rúa

Cos compañeiros de Dena fixo algunhas viaxes, tamén coa sua muller a Goa, Costa Rica, Uganda, California…

Coñeceu a súa muller, Atala, en Lugo,  ela traballaba en FP, trasladouse a Cambados e xa comezaron a vida xuntos. Teñen unha filla, Sabela, de 25 anos que é logopeda en Marín.

Atala
Atala en Oporto
Xulio e Sabela
Sabela Simón coa cadela Meiga
Xulio e a sua filla
 Xulio coa súa filla Sabela

En Dena deu clase de Educación física ata a súa xubilación no ano 2017. Xubilouse porque tiña moitas cousas que quería facer.

Con amigos percorreu media Europa en bicicleta: cada ano, durante 15 días elixían un país e facían sobre 1000 km; voaban ata o país e logo facían de 90 a 100 km diarios.  Así percorreu Irlanda, Eslovenia, Austria, Holanda, Dinamarca, Escocia, o Camiño Francés desde a fronteira gala…. Escribiu un libro“Os mosteiros de Galicia en bicicleta de montaña”  con Carlos Dopazo, editado por Xerais no ano 1998

Xulio Simón
Xulio en Austria
mosteiros de Galiza
Equipo da Xulipedia en Ponte da Lima 2022
Equipo da Xulipedia en Ponte da Lima 2022 .Francisco Becerra, Luis Losada e Javier Prado, abaixo Tono Barros, Xulio e Laura Goldar

A Xulipedia, pensa que debeu nacer cando colaboraba en Radio Cornellá e procuraba relacionar feitos da literatura galega coa portuguesa e a catalá. Era unha cousa sinxela que pouco a pouco foi medrando. As fontes eran os libros xa que internet non existía.

É un anuario cultural que comeza en 1851 cando naceu Curros Enriquez e remata en 2004 cando morre Manuel María e Luisa Villalta.

No ano 2007 ofrécella aos xornais e asociacións e non lle fixeron moito caso así que parou e limitouse a completala.

Gústalle ler pero agora sobre todo lectura epistolar e cousas relacionadas coa Xulipedia, unha wiki á que lle dedicou infinidade de horas; nestes momentos está a ler a correspondencia de Castelao.

Gústalle a cetrería, ten unha aguia de Harris de 6 anos, unha das rapaces mais intelixentes, ten un sitio para gardala pero case sempre a deixa solta e volve pola noite para comer na casa. Chámase Merlín.

Toca un pouco a guitarra e vai desde hai uns meses á asociación a Pedreira a cantos de taberna.

Xulio e Merlín
Con Merlín a súa aguia de harris

Dúas das súas películas preferidas son Blade runner e Cowboy de medianoite. Non ten redes sociais nin tempo para elas, tampouco interese.

Ten unha horta ecolóxica e autosuficiente e vive nun sitio privilexiado vendo a ría en toda a súa extensión, en Combarro, moi pretiño de Pontevedra; unha vila que a pesar do turismo conserva a esencia de vila mariñeira, coa súa arquitectura do pan (hórreos), do mar (peiraos, ramplas) e a relixiosa (cruceiros, igrexas). Non é difícil velo tomando unha caña no Tinta Negra. Un dos seus lugares preferidos é a montaña do Courel. “Aquí sábese ben o pouco que vale un home” deixou escrito Novoneyra.

Xulio e Alonso Montero
Xulio con Alonso Montero
Neira Vilas
Xulio con Neira Vilas e Sabela

O seu desexo é que a súa obra sexa recoñecida, que se difunda e sexa de utilidade. Pero non é de soños importantes;  como escribiu Rosalía “Tembra cando no mundo sintas unha dicha imensa: val máis que a túa vida corra cal corre a iauga serena”.

Xulio é un home moi ocupado, como algúns dos que xa nos xubilamos, ten citas importantes ás que acudir, un horto que regar e moitos libros que ler e sobre todo moitas ganas de que a xulipedia sexa unha ferramenta de consulta útil para moita xente.

Xulio Simón
Ana Santos Solla

Ana Santos Solla

Profesora de E.F.

Son Ana Santos, nacín en Pontevedra no ano 1960, a miña infancia estivo moi ligada a Santa María de Xeve, a terra da miña nai, son a terceira de 8 irmáns, a maior das mozas, a máis vella como me dicían de pequena. Sempre me gustou o deporte e estudei INEF en Madrid, estiven 34 anos no IES Valle Inclán impartindo Educación Física alí foi onde coñecín ao resto dos meus compañeiros que agora me acompañan neste proxecto. Decidín xubilarme para dar un novo rumbo á miña vida e levar a cabo este tipo de iniciativas como @devellabella ue pretende que o envellecemento activo convértase en embelecemento persoal e poder achegar a miña experiencia nesta etapa da vida.

Nós os maiores aínda temos moita guerra que dar, espero que este blogue motívevos a querer colaborar connosco.

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥