A Isabel coñecina no ximnasio, eu fun a súa monitora de aeróbic fai xa moitos anos. Agora coincidimos moitas veces en actos culturais sobre todo de poesía onde ela tan ben se manexa.
A historia de vida de hoxe é a de Isabel García Uría

Avoa materna de Isabel

Avó materno de Isabel

Avoa paterna de Isabel
Isabel naceu en Bilbao en 1951. Seus pais vivían en Santoña, mais á súa nai diagnosticáranlle parto de risco (perdera o seu primeiro fillo ao nacer) e decidiu dar a luz nunha clínica desta cidade vasca na que tiña familia. Alí pasou Isabel os tres primeiros meses de vida.
Seus pais tiñan orixes diferentes. A súa nai, Pilar Uría Fernández, naceu en Pinzales, perto de Gijón, o seu pai, Jenaro García Vay, en Valladolid. A parella coñecérase en Gijón onde Pilar tiña unha tenda de ultramarinos a medias cunha irmá. Jenaro pertencía á garda civil de mar e estaba destinado no Musel, porto da cidade. Era cliente da tenda e aos poucos fóronse namorando. O noivado durou sete anos porque non acababan de darlle permiso a Jenaro para casar debido a que na familia de Pilar houbera republicanos. Por fin, despois dos informes positivos por parte do párroco, puideron celebrar a voda en 1948. No ano seguinte tiveron o primeiro fillo que morreu ás poucas horas.

Isabel aos 6 meses en 1952.

Voda dos pais de Isabel, Pilar Uría e Jenaro García Vay

Pilar Uría Fernández
Cando Isabel tiña tres anos a familia foise a Luarca. A nena xa sabía ler, aprendera co seu pai quen tamén lle ensinaba a recitar poesías, de feito participou nun festival e saíu no xornal.
Cando chegou a etapa escolar, Isabel comezou na Graduada de Luarca pero asistiu só quince días porque caeu enferma de tosferina e a súa nai foi con ela e o seu irmán á casa da avoa en Pinzales para que curase co ar do campo. Seu pai desprazábase cada quince días para estar con elas.
Pasou o derradeiro trimestre do ano e a principios de 1958 marcharon a San Esteban de Pravia, debido a un novo destino de Jenaro. Como non encontraron vivenda ( daquela escaseaba) establecéronse nunha vila pesqueira situada en fronte e separada pola desembocadura do río Nalón, alí non había escola e Isabel e o seu irmán xogaban todo o día na rúa cos fillos dos mariñeiros.

Isabel no ano 1955

Ano 1958 co seu irmán

1ª comuñón Ano 1959

Isabel no ano 1960
Conta que foi unha das épocas máis felices. Jenaro era o seu mestre daqueles anos, ensinoulle matemáticas, lingua, xeografía, historia e ciencias naturais. Uns meses despois asistiu ás clases particulares que comezou a impartir unha muller na súa casa. Ía co seu irmán dúas horas tres veces á semana porque seu pai foi trasladado de novo a Barcelona onde estivo un ano. Pasados tres meses a súa nai foi reunirse con el e Isabel xunto co seu irmán quedaron en Pinzales, na casa da avoa materna. Alí integrouse na vida labrega, coidou as vacas, foi á sega co seu tío e encantáballe subir no carro cando estaba cargado de herba e tumbarse nela a percibir o aroma. Os pais deixaron a avoa encargada de vixiar para que fixeran un feixe de deberes que lles deixaran postos e que leran varios contos.
Cando regresaron de Barcelona despois duns meses, foron vivir a Marín por un tempo breve.
Outra vez os móbeis no camión e outro lugar. A Isabel encantábanlle os novos comezos en sitios descoñecidos onde imaxinaba que viviría aventuras como as das historias que lía.
Pasaron uns escasos catro meses e establecéronse en Vigo. A protagonista deste relato cumprira once anos e como tiña que facer o bacharelato, os seus pais matriculárona por libre no instituto Santa Irene para facer o ingreso. Aprobou e a partir de entón a súa vida sofre unha mudanza radical xa que empeza a estudar coas monxas, primeiro coas Xosefinas e logo coas Carmelitas.
Acostumada á liberdade que tivera, non entendía aquela disciplina absurda que lle impuñan e cuestionaba todo o que as monxas lle mandaban facer, especialmente o de estar tantas horas na capela entre rezos, misas, rosarios e novenas. Cando estaba en cuarto de bacharelato enfrontouse á superiora por un castigo que considerou inxusto e expulsárona aínda que como era final de curso deixáronlle ir facer os exames finais. Os seus pais, moi desgustados, obrigárona a estar na cama quince días. Para entreterse ela lía e escoitaba a radio.

O seu primeiro uniforme. Vigo 1963
Despois de deixar as monxas foi ao Instituto feminino de Vigo, rematou o bacharelato con boas notas e fixo o PREU para entrar na universidade. Durante estes anos tamén estudaba piano no conservatorio alentada polo seu proxenitor moi afeccionado á musica (tocaba de oído a harmónica e a bandurria).
Ao instituto ía moi contenta, os profes queríana ben e lembra con agradecemento a algúns deles: Mouriño de literatura, Ovidio de ciencias, Melón de arte, Piñeiro de latín, Capilla de filosofía.
Dende nena dicía que quería ser médico pero na casa sacáronlle a idea da cabeza porque lles parecía unha profesión moi sacrificada e como tamén lle gustaba a literatura animárona a estudar Filosofía e Letras coa especialidade de Filoloxía Románica.
“Pontevedra non lle gustaba nada, estaba porca, chea de coches, gris e cheiraba fatal.”
En outubro de 1970 Jenaro e Pilar levárona no seiscentos que tiñan daquela, xunto cunha amiga, para a pensión que lle buscaran en Santiago. Alí coñeceu a Libertad, filla dun exiliado que lle abriu os ollos sobre a verdadeira historia do golpe de estado franquista e a puxo ao día na política e noutros aspectos da vida dos que nunca se falaba na súa casa. O primeiro ano foi moi pouco á súa facultade pero si a de Medicina, ás clases de Echeverri. Tamén se adicou a facer turismo por Galicia en auto stop e a asistir a asembleas e manifestacións. Fíxose amiga dos irmáns Vaamonde (Suso o cantautor, Araceli, Luís) e a súa conciencia política foi medrando

Salinas 1970

Con Carlos 1972
O ano anterior á súa partida para Santiago coñecera a Carlos en Pontevedra e comezaron a mocear. Daquela esta cidade non lle gustaba nada, estaba porca, chea de coches, gris e cheiraba fatal, pero fora a ela porque as súas amigas empeñáranse en coñecer a boite do Universo e o destino quixo que alí encontrara ao pai dos deus fillos. No último ano de carreira casou con el e foron de viaxe dando a volta a España e a Mallorca. Establecéronse en Pontevedra, lugar de traballo de Carlos.
En 1975 naceu a súa filla Tatiana e Isabel alternaba o coidado da nena coas clases particulares que daba na casa. No curso 76/77 chamouna a directora do Instituto de Vilagarcía para cubrir unha baixa. Ao ano seguinte entrou como interina en Lalín. Alí marchou coa nena que aínda non cumprira os tres anos e dadas as condicións precarias nas que vivían, compartindo piso, nunha casa fría e vella, a nena sempre estaba enferma e tivo que resignarse a deixala en Pontevedra ao coidado das tías paternas que xa se fixeran cargo do seu pai.
En 1979 naceu o seu fillo Alexandre e despois dos tres meses de baixa maternal tivo que deixalo tamén en Pontevedra para incorporarse de novo a Lalín de onde viña en días alternos e a fin de semana.
No curso 80/81 veu para Pontevedra ao Valle Inclán para dar galego. Opositou en Madrid en xullo do 82 e aprobou, quedando no mesmo centro no ano de prácticas.

Voda con Carlos, o vestido foi deseño propio 1974

Foto da orla 1975

Cos amigos o día da voda en 1974

Co seu fillo Alex 1979

Isabel co seu pai e seu fillo 1979
En 1983 separouse de Carlos e no curso seguinte foi con destino provisional ao Barco de Valdeorras. Chegara a un acordo co seu exmarido para que os nenos quedaran en Pontevedra coa condición de que puidera velos e levalos con ela cando quixera e así o fixeron. Despois do primeiro ano da separación sempre tiveron unha boa relación entre eles e coas familias, de feito moitas veces comían xuntos cos fillos.
Logo de continuar varios anos con destinos provisionais no Sánchez Cantón e en Cambados, conseguiu destino definitivo no Torrente Ballester de Pontevedra co cargo de vicedirectora. Neste centro estivo dende o ano 90 até o 97 en que decidiu examinarse en Madrid para as prazas do exterior, aprobou e marchou a Brasil como asesora lingüística da Embaixada de España, con praza en Sao Paulo. Posteriormente estivo como profesora no Colexio español. Foi unha época marabillosa, de experiencias interesantísimas e de viaxes por todo o país e Sudamérica (Arxentina, Uruguay, Bolivia Paraguay…). Os seus fillos, tamén grandes viaxeiros, aproveitaron e foron para coñecer o país así como Carlos e a súa nai. Pasaban uns días con ela e logo adicábanse a facer turismo.

Isabel en Brasil 1998

Isabel co seu fillo en Brasil 1998

Iguazú 1998
Neses anos, o que máis apenaba a Isabel era que o seu pai, que morrera en 1995, non puidese coñecer todo aquilo, coas ganas que tiña de ir a América.
Despois de catro anos no alegre e precioso país, regresou a Pontevedra, ao instituto de Monteporreiro. No ano 2006 examinouse outra vez para o exterior e marchou a Marrocos. Volveu ao cabo de un ano porque non lle gustaba a vida de alí nin o traballo, aínda que o país parecíalle precioso.
Ocupou a súa praza de Monteporreiro até que se xubilou no ano 2011, farta da burocracia, informes, e traballo que non se ve.
As viaxes sempre formaron parte da súa vida: Canadá, Estados Unidos, Cuba, India, Tailandia, Nepal, Xapón, Túnez, Exipto, Turquía, Usbequistán, Xordania, Namibia, Kenia, Tanzania, e case toda Europa, incluída parte de Rusia. Na actualidade segue viaxando.

India 1994

Rhin 1996

Exipto 1989

Rusia 1991

Irán 2019
Con respecto á súa afección a escreber, comezou a facelo na adolescencia influenciada por Bécquer e Juan Ramón Jiménez. Nunca pensou en publicar e o que escribía líallo aos amigos. Despois de xubilarse ia pola Fundación Cuña-Casasbellas e o seu presidente Miguel coñeceu os seus poemas e díxolle que llos publicarían ademais de adicarlle un día do Brumario Poético. Para Isabel supuxo unha emoción profunda e sempre lle estará agradecida a Miguel e á Fundación. Continuou escribindo e a participando en recitais e encontros poéticos que hoxe ocupan parte do seu tempo libre.
Ten publicados dous libros de poesía: “Gotas de Luz” e “A Realidad Extraviada”.
Gústalle ler poesía, ensaio e algo de novela, sobre todo histórica. Tamén é afeccionada ao cine clásico e de autor.
En 2017, trouxo a súa nai a vivir con ela porque xa era moi maior até que faleceu a finais do 2021.
Vive soa coa súa cadeliña Xana (sempre amou aos animais) o que non quere dicir que se sinta soa xa que ten preto aos seus fillos aos que está moi unida e aos seus amigos.

Isabel séntese agradecida coa vida por todas as experiencia que tivo, os amores que viviu e as xentes que coñeceu e sobre todo pensa que é moi afortunada por ter dous fillos aos que quere e admira, Tatiana e Alexandre e dos que está moi orgullosa.
O tempo pasa e non nos decatamos. A conversa é fluída e moi interesante. Quedan moitas cousas no tinteiro desta vida que espera continuar enchendo de novos saberes e experiencias o futuro.


Ana Santos Solla
Profesora de E.F.
Son Ana Santos, nacín en Pontevedra no ano 1960, a miña infancia estivo moi ligada a Santa María de Xeve, a terra da miña nai, son a terceira de 8 irmáns, a maior das mozas, a máis vella como me dicían de pequena. Sempre me gustou o deporte e estudei INEF en Madrid, estiven 34 anos no IES Valle Inclán impartindo Educación Física alí foi onde coñecín ao resto dos meus compañeiros que agora me acompañan neste proxecto. Decidín xubilarme para dar un novo rumbo á miña vida e levar a cabo este tipo de iniciativas como @devellabella ue pretende que o envellecemento activo convértase en embelecemento persoal e poder achegar a miña experiencia nesta etapa da vida.
Nós os maiores aínda temos moita guerra que dar, espero que este blogue motívevos a querer colaborar connosco.
Juan Mejuto
máis artigos
Actividades do 29 de maio ao 4 de xuño 2023
by Ana | Maio 28, 2023 | Actividades | 0 Comments
Actividades do 22 ao 28 de Maio 2023 por Ana
by Ana | Maio 21, 2023 | Actividades | 0 Comments
Actividades do 15 ao 21 de Maio 2023 por Ana
by Ana | Maio 14, 2023 | Actividades | 0 Comments
Actividades do 1 ao 7 de Maio 2023 por Ana
by Ana | Abril 28, 2023 | Actividades | 0 Comments
Actividades do 24 ao 30 de abril 2023 por Ana
by Ana | Abril 23, 2023 | Actividades | 0 Comments
Juan Mejuto Pérez por Ana Santos Solla
by Ana | Abril 30, 2023 | Historias de vida | 0 Comments
Nieves Fernández Barrio por Ana Santos Solla
by Ana | Abril 16, 2023 | Historias de vida | 0 Comments
Rafael Sánchez-Agustino “Fis” por Ana Santos
by Ana | Marzo 10, 2023 | Historias de vida | 0 Comments
Juan Romero Ogando por Ana Santos
by Ana | Febreiro 12, 2023 | Historias de vida | 0 Comments
Marina de Sáa González por Ana Santos Solla
by Ana | Decembro 18, 2022 | Historias de vida | 0 Comments
Luis Otero Echart por Ana Santos
by Ana | Decembro 4, 2022 | Historias de vida | 0 Comments
Variacións Pérsicas (serie II): IIb. Sempre pasa por Ramón Caride
by Colaborador | Maio 28, 2023 | Literarias | 0 Comments
Horarios del mundo y España por Jesús Gayoso
by Colaborador | Maio 28, 2023 | Articulos | 0 Comments
Academia de pintura Tía Xuana por Ghislaine
by Ghislaine | Maio 28, 2023 | Artísticas | 0 Comments
Viaxe por España, 2ª parte por Manolo Gulias
by Colaborador | Maio 28, 2023 | Escapadas | 0 Comments