A memoria de Muimenta non só se escribe a través da distancia de quen marcha, senón tamén na resistencia silenciosa de quen decide quedar. Olga acudiu, como o resto dos veciños da aldea, á xuntanza convocada na cociña comunitaria do novo proxecto institucional. Alí presentábanse os arquitectos encargados das vindeiras rehabilitacións e, canda eles, abríase o espazo para darme a coñecer como cronista de historias. Iniciaba así unha estancia de quince días orientada a documentar o pasado dos inmobles e a afondar no latexar vivo das súas xentes. Foi precisamente antes de establecer contacto con Luisa cando Olga, nun xesto de xenerosa hospitalidade, me guiou polos exteriores do seu fogar para mostrarme as vellas dependencias que antano acolleron as cortes: o espazo dos becerros, do porco, da cabra e, presidindo o centro da actividade gandeira, o sitio da vaca.

Castor e Zoila
Pais de Olga, Castor e Zoila

Olga veu ao mundo en Muimenta o 8 de marzo de 1949, dous anos antes que a súa gran amiga Marisa. É filla de Castor Rodríguez González e de Zoila Vázquez Lama. Por parte paterna, Castor era fillo de Digno Rodríguez Fernández (fillo de Severino Rodríguez e Herminda Fernández) e de Soledad González González, filla de Manuel González e Rosa González —a quen na contorna alcumaban “os Simons”—.

A xenealoxía de Olga está atravesada polas mesmas dificultades que marcaron o século pasado no rural galego. A súa avoa materna, Avelina —filla de Benito Lama e Rita Gómez—, enfrontouse a unha viuvez temperá cando o seu home, Primitivo Vázquez González (fillo de Domingo Vázquez e Balbina González), faleceu en Cuba cando a filla de ambos, Zoila, tiña apenas tres anos. Sendo filla única, Zoila medrou xusto en fronte da propiedade que hoxe recuperou o Concello para o desenvolvemento cultural, historicamente recoñecida como a casa de Albino.

A viúva Avelina contraeu segundas nupcias cun home que xa achegaba un fillo anterior, Darío Vázquez, e de cuxo novo matrimonio nacería José Vázquez. Porén, o trato do padrasto cara a Zoila estivo marcado pola severidade e o rexeitamento, chegando a interferir de xeito sistemático nas súas relacións sentimentais ao desautorizar a cantos pretendentes se achegaban a ela. Malia a oposición paterna, Zoila casou finalmente con Castor, trasladando a súa residencia ao fogar que hoxe habita Olga, orixinalmente propiedade de Primitivo. O inicio da vida en común coincidiu co drama da Guerra; Castor, que ata o de agora librara do servizo militar por ser fillo de viúva, foi mobilizado mentres a súa esposa se atopaba embarazada. A falta de alfabetización impediu calquera comunicación epistolar durante tres longos anos de campaña. Ao seu regreso, a súa primeira filla, Rosalía, incapaz de recoñecer a aquel home de quen lle falaban, rexeitou inicialmente a súa presenza, evidenciando as profundas fracturas emocionais que provoca a ausencia.

Durante ese período de soidade, Zoila sostivo a economía familiar unicamente co duro traballo da terra. Súa nai, Avelina, visitábaa ás agachadas para evitar os reproches do seu propio home. Na crónica familiar lémbrase con gratitude o nacemento de Rosalía, cando o tío Julio, medio irmán da nai de Zoila, acudiu a socorrela na penumbra dunha habitación desprotexida, pechando as ventás e ordenando á súa esposa, tamén chamada Rosalía, que preparase unha castaña de chocolate para confortar a parturienta. Ambos actuarían como padriños da nena cuxo pai permanecía na fronte. Fronte ao desexo inicial deles de bautizala como Aladina, prevaleceu a determinación materna de honrar o nome da madriña. Ademais de Rosalía, o matrimonio formado por Castor e Zoila tivo dous fillos máis: José, falecido no ano 2024 e cuxa viúva, Carmen Vidal, mantén a súa residencia na aldea, e a propia Olga. 

A traxedia volveu petar na casa co pasamento de Castor á temperá idade de 58 anos no ano 1973 , cando Olga tiña apenas 24. A ríxida tradición do loito impúxose con severidade: a nai non só se vestiu de negro, senón que obrigou a Olga a manter un rigoroso recollemento durante dous anos, privándoa de asistir a festas e bailes. Transcorrido ano e medio, a mediación dunha veciña que compartía o mesmo estado de dó permitiulle romper o illamento e acudir ao cine na veciña vila de Ribadavia. Alí cruzouse a súa vida coa de Rogelio Cao Abeledo, natural de Leiro e alcumado “o fogueteiro” pola súa mestría no manexo do pirotécnico festivo. Rogelio, que exercía como acomodador na sala de proxeccións, comezou a reservar as butacas para Olga e a súa acompañante dende o primeiro encontro. O noivado mantívose en segredo na casa ata que, cumpridos vinte e cinco meses de loito, Olga comunicoulle á súa nai a decisión definitiva de retirar o vestiario de negro con motivo dunha voda familiar.

Olga Rodríguez de moza
Olga de moza

Tras adquirir roupa nova, a parella mantivo dous anos de noivado oficial. Xa sen as restricións do loito, acudían aos bailes de Carballeda de Avia, regresando ao fogar grazas ao coche do que Rogelio dispoñía. O matrimonio celebrouse en Muimenta, fixando a súa residencia compartida na casa materna xunto a Zoila. Rogelio compatibilizou o seu oficio de albanel coas tarefas de enterrador da localidade, e a parella desfrutou dunha viaxe de noivos de oito días en coche con destino á Coruña.

“Olga propúxolle a seu fillo por a proba a súa vocación laboral: “Ti queres ser albanel coma teu pai?”. .”

Olga Rodríguez Vázquez

Aos dous anos do enlace naceu Jaime, o seu único fillo. A vida na aldea transcorría sen grandes sobresaltos e o neno realizaba os seus estudos en Carballeda de Avia, amosando certa desconformidade co sistema educativo escolar. Diante desta situación, Olga propúxolle pór a proba a súa vocación laboral: “Ti queres ser albanel coma teu pai?”. Tras unha xornada de duro traballo a pé de obra xunto ao proxenitor, Jaime comprendeu a dureza do oficio e reorientou o seu futuro cara á Formación Profesional en electrónica en Ribadavia, continuando a súa formación na Universidade Laboral de Ourense. O seu primeiro emprego tivo lugar na factoría PSA Citroën en Vigo, pero a súa verdadeira vocación agardaba nas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

zoila con Jaime
Zoila con Jaime
Jaime fillo de Olga
Jaime o fillo de Olga

Malia as reticencias iniciais da súa nai, preparou con constancia as oposicións. Superado un primeiro suspenso que non minguou a súa determinación, logrou acceder á academia na segunda convocatoria. Tras realizar as prácticas na Coruña, foi destinado a Madrid, onde exerce a súa profesión dende hai dezaoito anos. Jaime contraeu matrimonio cunha moza da mesma aldea, Lucía Raña, quen mantén a súa residencia en Vigo, cidade á que el regresa en semanas alternas mentres agarda a concesión dun traslado definitivo. Alí residen a súa esposa e a súa filla, cuxa mención ilumina de inmediato os ollos de Olga, quen conta con anhelo as horas para que se materialice o regreso estival do seu fillo e da súa familia á casa que os seus pais rehabilitaron con tanto esmero. Zoila morreu con 90 anos no ano 2007 e o matrimonio asumiu con tristeza a morte da matriarca.

Olga enfrontouse á viuvez hai xa unha década, asumindo de xeito paulatino a complexidade de vivir en soidade. Lonxe da compaña da televisión, atopa hoxe un refuxio na lectura, unha afección que goza máis ca na mocidade e que evoca o recordo agradecido da súa primeira mestra, cuxas ensinanzas lle permitiron no seu día educar tamén ao seu propio fillo. O espazo do descanso e a saúde tamén estivo vinculado á amizade: no ano 2015, o matrimonio acudiu a un balneario en compañía de Marisa e Román. Aquela estancia viuse interrompida por unha chamada urxente dirixida a Rogelio para que asistise ao enterro dun veciño en Vilar de Condes no seu papel de enterrador, un deber que cumpriu para regresar de inmediato e seguir desfrutando das augas medicinais. Tras o falecemento do seu esposo, Olga continuou mantendo viva esa tradición asistindo aos balnearios xunto a Marisa e Román, manifestando o seu desexo de repetir a experiencia este mesmo ano.

Coa neta Paula e Rogelio
Olga, Rogelio e a neta Paula

O horizonte de expectativas de Olga mantense austero pero profundo: o seu maior anhelo é que a vivenda familiar recupere a vida e a habitabilidade estables, ben sexa a través do seu fillo ou da súa neta, quen desfruta notablemente da tranquilidade do medio rural. Dende o pasamento do seu home, Olga evitou volver participar nas festas patronais, gardando a ausencia na intimidade do recordo. Declárase pouco afeccionada á cociña e cumpre con rigor a prescrición médica de camiñar diariamente; unha rutina que debuxa cada mañá entre o acougo do fogar, mentres atende as galiñas, recolle as berzas na leira ou acode por o pan cando o panadeiro anuncia a súa chegada coa bucina.

A andaina de Olga déixame un pouso onde conflúen a melancolía do vivido e a ledicia inmediata que achega a presenza da súa neta Paula, de once anos. Nesa nova xeración repousa hoxe o latexar e a esperanza de continuidade dunha estirpe familiar que sempre desexou ser máis numerosa, pero que aceptou con dignidade o destino que lle foi asignado.

Ana Santos Solla

Ana Santos Solla

Profesora de E.F.

Son Ana Santos, nacín en Pontevedra no ano 1960, a miña infancia estivo moi ligada a Santa María de Xeve, a terra da miña nai, son a terceira de 8 irmáns, a maior das mozas, a máis vella como me dicían de pequena. Sempre me gustou o deporte e estudei INEF en Madrid, estiven 34 anos no IES Valle Inclán impartindo Educación Física alí foi onde coñecín ao resto dos meus compañeiros que agora me acompañan neste proxecto. Decidín xubilarme para dar un novo rumbo á miña vida e levar a cabo este tipo de iniciativas como @devellabella ue pretende que o envellecemento activo convértase en embelecemento persoal e poder achegar a miña experiencia nesta etapa da vida.

Nós os maiores aínda temos moita guerra que dar, espero que este blogue motívevos a querer colaborar connosco.

Lola Fontán

Rosa López Lorenzo

Marisa Sánchez

Pedro Ayuso

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥