«O serán xa unha miguiña outonizo do setembro dourado espallábase docemente polos descubertos circos do horizonte» (Os camiños da vida, Ramón Otero Pedrayo).

Nun  serán de setembro leo nas redes sociais que o grupo de xubilados De vella a bella vai continuar co seu traballo cultural despois do caloroso verán de 2026, así que estarei obrigado a botar unha man (ou botarlle as dúas mans ao teclado), que ben o merecen.

Nestes días xa arrinca o outono despois dun verán de moita fogaxe. A vendima da nosa Casa de Baixo de Trasar (Carballedo-Lugo) nunca se fixo antes do día da Nosa Señora do Faro (Santa Querida!) o 8 de setembro. Neste 2026 vendimamos o día 4 de setembro. Onde se viu tal, o tempo anda tolo!

Que diría don Ramón Otero Pedrayo deste outono? A súa estación preferida, o tempo entre a vendima e a castañeira. Temos que renderlle homenaxe neste ano Otero Pedrayo, creo que se pensamos nos doce apóstolos da galeguidade, desde logo que don Ramón sería un deles. Un home único, ata no enterro, baixou ao sartego acollido polo seu ‘irmanciño’. Así lle chamaba á araucaria (que en verdade era un pinsapo) que seu pai plantou en Trasalba o día que el naceu. Por iso che chamaba ‘irmanciño’, acompañouno ata pouco antes de morrer. Un día de moito aire rachou a árbore e don Ramón encargoulle ao seu amigo Buciños (o escultor senlleiro da miña terra) que cortase a madeira para o seu cadaleito. E así foi para a cova, dentro do irmanciño, coa bandeira galega e unha presa de terra da horta de Rosalía de Castro. Enterros así só se producen con grandes persoeiros.

Bucinos

Estatua de Otero Pedrayo en Ourense, obra de Buciños

viña da casa

Viña da Casa de Baixo na Ribeira Sacra, Oleiros

Otero Pedrayo tamén me leva ao outono de 1992 cando o Centro Dramático Galego representou en Trasalba A lagarada. Alá fomos un fresco serán de novembro varios profesores e un autobús cargado con alumnado de COU. Tamén unha obra de teatro para lembrar. Nada máis entrar no pazo xa nos recibiron cun petisco na eira, os actores andaban polo medio e falábannos dun suceso terrible. Axiña se abriu unha fiestra e comezou a acción. Logo «veñan, veñan ver…» acompañáronnos a uns asentos, déronnos mantas para o frío e continuou a representación: os actores andaban polo corredor, entraban e saían dos cuartos. Así fomos asistindo ao asasinato do señor Vences ao envorcar a pipa de viño con el dentro e outros feitos protagonizados por Pico, Mela Casal, Susana Dans ou Laura Ponte. Mais quedamos sen a terceira parte, que era nunha carpa, porque se botou a chover e perigaban os equipos de son. Volvemos ao autobús, a maioría non levara bocatas e a fame facía das súas porque a aquela hora non atopamos onde mercar viandas. Menos mal que o condutor era boa persoa e parou nunha gasolineira para que rematásemos con todas as provisións de patacas fritidas e lambetadas. Foi un serán digno dun drama de don Ramón.

E tamén lembro asistir (non sei se no outono ou non) á representación en Pontevedra de O desengano do prioiro por Teatro do Aquí en 1995/6. Esta peza, dirixida e protagonizada polo grande Roberto Vidal Bolaño, é unha visión humorística do mundo do viño e a ledicia enfrontados á industria dos cadaleitos no Ribeiro (Floravia). O prioiro de Beade e o seu criado ao saíren da tumba e ver como os féretros substituíron os pipotes acaban convocando a Pedro Madruga para que remate coa situación. Se en A lagarada rolaban pipas de viño e se movían sombras, nesta cantan os piñeiros ou discuten un alambique e unha lámpada.

Serra de martinha
Serra da Martiñá, glosada por Otero Pedrayo

Son marabillas do teatro de Otero Pedrayo que tiven a sorte de presenciar, un teatro pensado para ser lido case máis que para ser representado. Pola contra, non tiven a sorte de ver nunca diante o Patriarca das Letras Galegas e menos de escoitar unha palestra do mellor orador que pariu a Galiza. El naceu dun lado da Serra da Martiñá e eu do outro (o ourensán e o lugués), mais non chegamos a coincidir. Este 20 de setembro presentouse en Trasalba o n.º 22 de Nós, a Xente do Redor no que colaboro cun artigo tamén sobre don Ramón.

Todo nun mes de setembro no que o solpor espectacular me acompaña cada día cando o sol pinta de amarelo-vermello Ons, Sálvora e as ribeiras da ría de Pontevedra, observadas desde Cela. Non estraña nada que fose a estación preferida do autor de Os camiños da vida.

Si, un serán unha miga outonizo.

Anxo González Guerra

Anxo González Guerra

Profesor de Galego

Son Anxo González Guerra. Crieme entre Trasar de Carballo e a Cervela, lugares da montaña luguesa. No Seminario tiven de profesor ao mestre das etimoloxías Nicandro Ares, no Instituto a Alonso Montero, no Colexio Universitario a Anxo Tarrío e na Facultade de Filoloxía a Carvalho Calero. Terán algo que ver en que sexa un dos integrantes da 1ª promoción de Galego-Portugués?

De xaneiro de 1980 a abril de 2015 fun profesor de Lingua Galega e Literatura no IES Sánchez Cantón onde tiven alumnos e alumnas marabillosos. Desde 2005 Vitoria Ogando e mais eu fomos poñendo materiais na Internet: ogalego.eu. E seguimos de xubilados.

Alá na miña terra da infancia aos xubilados dáselles por traballar unha ribeira ou un morteiro. A min dáseme por cousas de lingua e literatura, alí onde queiran escoitarme. A cabeza non para, non convén estar ocioso.

Lembranzas das mestras da infancia

O vello cárcere de Lugo e a memoria

Felices Peregrinas

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥