Moito mudaron as cousas ata chegar á vida tranquila de agora. Rosa recíbeme na súa casa cun sorriso que non lle desaparece da cara en toda a conversa, luminoso e sincero, deses que delatan unha maneira de estar no mundo. Hai nela algo de muller forte, entusiasta e alegre, mesmo cando os recordos a levan cara a etapas duras da súa vida. Mentres fala, custa imaxinar todo o que houbo detrás: a emigración, as despedidas demasiado cedo, a necesidade de aprender a vivir nun mundo completamente novo sen romper nunca o vínculo coa aldea e coa infancia.
Na conversa aparecen momentos felices, pero tamén silencios que deixan entrever feridas antigas e unha vida moito máis difícil do que ela mesma deixa ver. E, con todo, Rosa conta todo sen amargura, cunha serenidade que impresiona e coa naturalidade de quen aprendeu a seguir adiante sen esquecer nunca de onde vén.
Rosa María López Lorenzo naceu o 12 de decembro de 1954 en Quireza, no concello de Cerdedo. Era filla de Secundino López e Rosaura Lorenzo Rey, e medrou entre dúas familias marcadas pola emigración, o traballo duro e unha fonda ligazón coa terra.
Polo lado paterno estaba o avó Julio, canteiro especializado na restauración de monumentos nacionais. Traballaba a pedra con mestría e pasaba longas temporadas en Aragón, Cataluña, Zamora ou León, percorrendo España dun lado para outro, ás veces acompañado do seu fillo Secundino. Era fillo único de Sofía, a bisavoa que Rosa chegaría a coñecer e lembrar con cariño. Mentres Julio andaba polas obras, Mercedes, a avoa, quedaba na casa coidando dos fillos e mantendo a familia unida.
Rosa coa Bisavoa Sofía
Julio e Mercedes coñecéranse na Arxentina, en Mar del Plata. Ela era de Murillas, en Campolameiro; el, de Castro, en Cerdedo. Os dous naceran xa alá, porque os seus pais cruzaran o océano buscando unha vida mellor. Namoráronse na emigración e casaron. Tiveron primeiro a Secundino e, cando Sofía decidiu regresar a Galicia arredor dos anos trinta, Mercedes estaba embarazada do segundo fillo, Humberto. Máis tarde nacería Julio, xa en España.
Os avós maternos tamén pertencían ao mundo das aldeas de Quireza. Gerardo, dos Castros, era panadeiro e rexentaba unha pequena tenda onde se vendía de todo un pouco. Josefina Rey Rivas, de Piñeiro, tiña dous irmáns curas e, durante anos, un noivo mestre co que nunca chegou casar. A vida, porén, cruzouna cun Gerardo recentemente chegado da Arxentina, moi ben parecido, deses homes que deixaban pegada ao entrar nun cuarto. Namoráronse axiña, casaron e tiveron cinco fillos: José, Gerardo, Erundino, Maruja e Rosaura. Segundo soubo Rosa co paso dos anos, o nome da súa nai foi escollido polo avó en lembranza dunha moza arxentina da que estivera namorado.
Rosa na aldea coa nai, 1959
Rosa sempre considerou unha fortuna ter coñecido aos catro avós e tamén á bisavoa Sofía. A súa infancia repartíase entre Castro e Quireza, dous mundos distintos. O pai traballaba co avó na restauración da pedra, mentres Rosaura axudaba na panadaría familiar. Tiveron primeiro a Rosa e, case dez anos despois, naceu Rober.
“Son unha muller de aldea que marchou polo mundo sen esquecer nunca a terra.”
Secundino cantaba extraordinariamente ben. As jotas aragonesas saíanlle cunha forza e unha emoción que impresionaban a quen o escoitaba. Incluso chegaron a querer contratarlle profesionalmente, pero o pai impediullo. Aquela renuncia deixou nel unha frustración silenciosa que o acompañou toda a vida.
Rosa na escola de Quireza, no medio de chaqueta con botóns brancos, a esquerda de branco Pili Bello, a 3ª de atrás empezando pola esquerda Luisa, a segunda da dereita Marisa
Rosa coa súa nai en 1960
Rosa no día da comuñón, 1960
Entre semana enviaban a Rosa á casa da avoa Mercedes e da bisavoa Sofía, en Castro. Alí aburríase profundamente. Botaba de menos o rebumbio da panadaría de Quireza, aquel ir e vir de xente, o arrecendo do pan quente e as conversas arredor do mostrador. Na panadaría había vida; en Castro, para ela, había demasiado silencio.
A vida da familia mudou cando o tío Gerardo casou cunha muller emprendedora que revolucionou a tenda familiar. Pouco despois, os pais decidiron emigrar a Nova York grazas á axuda dun veciño. Corría o ano 1959 e, ao seren arxentinos, puideron entrar nos Estados Unidos con facilidade. Obtiveron axiña a residencia. Ao ano seguinte marcharon Rosa e a súa nai. Ela tiña apenas sete anos e deixou en Galicia toda a súa infancia feita: a primeira comuñón, a confirmación, a aldea, os avós. Aínda hoxe conserva lagoas daquela época, como se o cambio tan brusco lle borrase anacos da memoria.
Lembra tamén un episodio de cando tiña catro anos e foi a Pontevedra visitar uns parentes. Perdeuse pola rúa Sarmiento e unha muller recolleuna e levouna á radio local. A nai atopouna ao escoitar pola emisión: “Son Rosa López Lorenzo, de Quireza, e teño un tío en Pontevedra que vende reloxos”.
Co seus pais na nova casa en NY, 1962
Enfadada en NY, 1962
Co seus tios Pepe e Nélida e amigos do pai ao pouco de chegar a NY
Rosa co seu irmán rematando 1963 en NY
Antes de marchar definitivamente fixeron unha viaxe durísima a Madrid para preparar os papeis da emigración. Pouco despois embarcaron no Guadalupe, saíndo desde Vigo. Pararon en Cádiz, onde estaban os avós, e tras quince días de travesía chegaron á cidade das oportunidades: Nova York.
Instaláronse nun pequeno apartamento en Manhattan. O pai xa marchara antes para Nova York e tiña alí un traballo na construción agardando pola familia. Non falaba inglés e mesturaba palabras galegas co pouco vocabulario que ía aprendendo sobre a marcha. Para Rosa, aquela cidade foi un descubrimento absoluto. Na aldea non había practicamente nada e quedou abraiada ao atoparse cun piso con baño, neveira, auga corrente e comodidades que en Quireza parecían propias doutro mundo.
Rosa e seu irmán Héctor coa súa nai 1965
Houbo que escolarizala axiña. Tiña oito anos e entrou nunha escola onde só se falaba inglés. Era un centro mixto e non había nenos hispanos. A pesar de que xa sabía escribir perfectamente, a súa fermosa caligrafía redonda tivo que transformarse para adaptarse ás letras americanas. Estivo naquela escola desde abril ata xullo e, ao chegar os campamentos de verán, metérona nun deles. Pouco a pouco empezou a traducir frases, a entender conversas, a defenderse nun idioma novo.
Escola de Nova York 1966. Rosa cunha cinta rosa, a seu lado de cuadriños verdes, Yvette
O seu irmán naceu en 1963. Rosa cambiou varias veces de escola. Recorda especialmente a Miss Papoulas, unha profesora que pensa que era grega, e tamén a Encarnation School, un colexio católico onde era difícil entrar e no que remataría os estudos ata sétimo de EGB.
Naqueles anos os seus pais relacionáronse cun matrimonio coruñés. Fixéronse amigos e decidiron coller unha pequena tenda que quedaba libre, unha especie de bazar onde se vendía de todo, como os “todo a cen”. Foron anos bos, aínda que tamén difíciles. A amiga tivo dous xemelgos, un deles con síndrome de Down, e o marido acabou querendo regresar a España. Finalmente venderon o negocio.
Foto da escola 1966
Rosa co mandilón do colexio 1963
Rosa sempre sentiu paixón polas linguas. Gustáballe especialmente a maneira de ensinalas: a través da lectura, descubrindo personaxes, palabras e emocións. Tiña unha amiga cubana chamada Ivette coa que compartía moitas horas.
Con trece anos volveron a España para pasar o verán. Viaxaron no barco Independence e chegaron a Lisboa. Eran os anos setenta e ela estaba en plena adolescencia. Os tíos comezaron a dicir aos pais que talvez sería mellor deixala quedar en Galicia. Pensaban que aquí tería máis oportunidades e máis estabilidade. Rosa lembra aquel momento entre bágoas, agarrada á idea de que a estaban deixando atrás e, ao mesmo tempo, intentando convencerse de que era o mellor.
O primeiro ano preparou o exame de ingreso grazas á axuda dos tíos Erundino e Carmen, que tiñan pasantía. Durmía en Pontevedra cos tíos Maruja e Rafael, aínda que sempre que podía escapaba para a aldea, onde se sentía protexida.
No exame oral de literatura, un profesor sorprendeuse da súa idade e preguntoulle como podía ter aquel nivel sendo tan nova. Ela respondeu simplemente que viña dos Estados Unidos. Co tempo decataríase de que aquel home era Gonzalo Torrente Ballester.
Rosa con 14 anos na praza de Méndez Núñez
Rosa cos primos Pili, Mari Carmen, Teté, Miguel e diante Bea e Rafa. 1969
Primeiro estudou no Valle-Inclán, pero a nai decidiu ingresala interna nas Calasancias, onde había moitas fillas de emigrantes. Garda un recordo fondísimo da madre Julia e tamén da madre Josefina, a directora, que lle daba clases particulares de inglés para que non perdese o idioma. Foi a primeira alumna de inglés do colexio.
Entre os profesores e monxas quedaron nomes gravados na súa memoria: Tilve, Guillán, Nené, Rocafort, Paco Gulías, a madre Inés, Patrocinio, Carmen, Perfecta ou Rosa, a encargada das internas.
Con dezasete anos coñeceu a José Manuel, delineante, e apenas un ano maior ca ela. Entre risas, paseos e un amor que foi medrando sen facer ruído, Rosa quedou embarazada.
Viaxou a Nova York no Nadal e non se atreveu a contarllo á nai de inmediato. Cando finalmente falou con ela, a reacción foi complexa, pero decidiron seguir adiante e casaron en marzo nunha cerimonia íntima e humilde. O padriño acabou sendo o taxista que os levou. Foron vivir coa avoa Vicentina para non deixala soa en Pontevedra.
José Manuel soñaba con ser médico. Rosa daba clases particulares de inglés e el traballaba de delineante mentres empezaba Medicina en Santiago. Viña as fins de semana. Naceu Manuel e comezou para ambos outra vida feita de esforzos e renuncias.
Ela aprendeu a ensinar inglés ensinando. Primeiro nunha academia, despois no Sagrado Corazón, onde falou co padre Rubio e traballou durante dous anos. Máis tarde marcharon para Santiago. O pai de José Manuel, que vivía en México, axudóunos a mercar unha casa alí. Permaneceron en Santiago ata que el rematou a carreira. Rosa traballou no colexio San Jorge e, no último ano, volveron a Pontevedra mentres el facía as prácticas no hospital.
Foi a tía Carmen quen a animou a estudar Maxisterio. E así empezou unha nova etapa.
Nos anos oitenta había demasiados médicos e pouco traballo. A través dun amigo souberon que en Zamora as listas do paro funcionaban mellor. José Manuel marchou primeiro e pouco despois trasladouse toda a familia. Rosa quedou coidando dos dous fillos mentres remataba Maxisterio pola especialidade de inglés e seguía dando clases particulares.
Pasaron sete anos en Zamora. Logo conseguiron regresar a Galicia, aínda que o fillo levou mal o cambio e chegou a pasar un ano sen falarlles. José Manuel aprobou as oposicións de médico APD e pediu destino pola zona de Caldelas porque lle gustaba especialmente aquela paisaxe.
Compraron un piso en Pontevedra e Rosa volveu quedar embarazada. A tía Carmen animouna outra vez, desta vez para presentarse ás oposicións de ensino. Aprobou cunha moi boa nota.
Co paso dos anos chegou Sara, completando unha familia de tres fillos que se converterían no grande orgullo de Rosa. Fala deles cun brillo especial nos ollos, desa maneira tranquila e fonda coa que as nais falan do máis importante da súa vida. Manuel seguiu o camiño do esforzo e da responsabilidade que viu na casa; Ana herdou a sensibilidade e a capacidade de estar pendente dos demais; e Sara, a máis nova, achegou á familia unha enerxía alegre e decidida que Rosa describe cun sorriso constante. Entre mudanzas, traballos, estudos e sacrificios, os tres medraron sabendo sempre de onde viñan e escoitando as historias da aldea e da emigración que a súa nai nunca deixou de contarlles.
Os primeiros anos foron unha auténtica loucura: escolas distintas, desprazamentos continuos, substitucións de apenas tres días. Comezou en Arcade e acabou en Bueu. Máis tarde estivo tres anos provisionais en Cerdedo, dando clase aos fillos de amigas da infancia.
Foi tamén unha época dura pola enfermidade do pai. Conseguiron arranxarlle os papeis para operalo en Montecelo. El quixo regresar a Nova York para despedirse dos amigos e, cando volveu, xa tiña metástases. Morreu con só sesenta e nove anos.
En 2001 estivo un ano no Sánchez Cantón. A primeira praza definitiva chegou en Carballedo, onde permaneceu seis anos. Logo virían once na Reigosa e finalmente Ponte Caldelas, no CEIP Cordo Boullosa, onde se xubilou en 2021, con sesenta e seis anos.
Antes da xubilación participou na creación da asociación Mulleres Rurais do Verdugo, da que foi presidenta. Gústalle a música country, camiñar facendo andainas, pasar tempo cos amigos e conversar coa xente maior.
Rosa cos alumnos en 2020
Tamén se implicou durante un tempo na política local, unha experiencia que viviu con ilusión pero que lle permitiu coñecer tamén a parte máis dura dese mundo. Houbo momentos de tensión e comentarios que a marcaron, ata o punto de que lle chegasen a dicirlle ao seu marido: “Dille á túa muller que vaia para casa”. Co tempo, porén, Rosa preferiu quedar co aprendido daquela etapa e seguir vinculada á vida social e cultural da comarca doutros xeitos .
Cando cumpriron cincuenta anos de casados viaxaron ao Xapón, un país ao que volvería sen dubidalo. Máis tarde chegaría Exipto, unha experiencia que non repetiría. Lembra con especial emoción unha viaxe a Nova York cos fillos, unhas vacacións de Nadal inesquecibles que pecharon dalgún xeito o círculo da emigración. Aínda conserva o desexo de coñecer Arxentina.
Ten dous netos, Manuel, que estuda Bioloxía con vinte e un anos, e Mateo, de dezaseis, que cursa Bacharelato.
Viaxe a Nova York coa familia
Viaxe a Exipto 2026
Entre os seus soños pendentes está o de ter tido unha relación máis fonda coa nai. Sente que a coñeceu verdadeiramente só nos últimos anos da súa vida, antes de morrer con setenta e tres anos. Outro desexo que lle queda é ver ás súas fillas formar unha familia.
A súa nai traballou durante anos en casas de familias adiñeiradas de Nova York. Estivo no edificio Dakota coa señora Stelley e, en 1976, comezou a traballar na casa de John Lennon. Sempre dicía que lle gustaba del a naturalidade, o pouco que lle daba importancia á fama. A casa era elegante, pero sinxela. Coñecéronos entre 1976 e 1980.
No ano 2000, Rosa coñeceu a Eduardo Herrero e escribiu un libro contando aquela historia. O xinecólogo e gran admirador de John Lennon, Chema Ríos, interesouse polo tema e acabaron publicando outro libro que presentaron en televisións e radios de todo o mundo.
A nai enfermou en Castellón, promovendo o seu libro. Trasladárona en ambulancia a Montecelo e morreu apenas tres meses despois. Rosaura levou a súa historia por moitos lugares e atopou sempre unha acollida emocionada, como se na vida daquela muller emigrante tantas outras persoas recoñecesen tamén algo da súa propia memoria.
Con ese pouso de tristeza, a conversa mudou finalmente cara á parroquia, á aldea e á vida de sempre, como quen regresa, unha vez máis, ao lugar do que nunca marchou de todo.
Falamos tamén de Anceu, un lugar que coñeceu a través do marido. Un día Agustín apareceu pola casa por unha rapaza que estaba mal e acabou contándolles en que consistía o coliving. Participaron nalgunha actividade e a Rosa pareceulle unha idea marabillosa, unha maneira de atraer xente ao rural e de poñer en valor unha forma de vida que tantas veces semella esquecida. Unha grande entusiasta de todo isto é Rosabel, moi implicada tamén na difusión do traballo do coliving.
Rosa fala disto cun convencemento fondísimo. Di que sempre lles repetiu aos fillos que nunca esquecesen de onde viñan, que a súa nai nacera nunha pequena aldea de Quireza e que saber quen somos e de onde vimos é algo demasiado importante como para perdelo.

Ana Santos Solla
Profesora de E.F.
Son Ana Santos, nacín en Pontevedra no ano 1960, a miña infancia estivo moi ligada a Santa María de Xeve, a terra da miña nai, son a terceira de 8 irmáns, a maior das mozas, a máis vella como me dicían de pequena. Sempre me gustou o deporte e estudei INEF en Madrid, estiven 34 anos no IES Valle Inclán impartindo Educación Física alí foi onde coñecín ao resto dos meus compañeiros que agora me acompañan neste proxecto. Decidín xubilarme para dar un novo rumbo á miña vida e levar a cabo este tipo de iniciativas como @devellabella ue pretende que o envellecemento activo convértase en embelecemento persoal e poder achegar a miña experiencia nesta etapa da vida.
Nós os maiores aínda temos moita guerra que dar, espero que este blogue motívevos a querer colaborar connosco.
máis artigos
Actividades culturais do 5 ao 11 de outubro por Ana Santos
by Ana | Outubro 4, 2026 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 28 de setembro ao 4 de outubro
by Ana | Setembro 27, 2026 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 21 ao 27 de setembro por Ana Santos
by Ana | Setembro 20, 2026 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 14 ao 20 de setembro por Ana Santos
by Ana | Setembro 13, 2026 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 7 ao 13 de setembro por Ana Santos
by Ana | Setembro 6, 2026 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 25 ao 31 de Maio por Ana Santos
by Ana | Maio 24, 2026 | Actividades | 0 Comments
Pedro Ayuso Sierra por Ana Santos Solla
by Ana | Outubro 4, 2026 | Historias de vida | 0 Comments
Marisa Sánchez Martínez por Ana Santos Solla
by Ana | Setembro 20, 2026 | Historias de vida | 0 Comments
Lola Fontán Fernández-a Xenxa- por Ana Santos
by Ana | Decembro 16, 2025 | Historias de vida | 0 Comments
Piruca Baena Solla por Ana Santos Solla
by Ana | Setembro 21, 2025 | Historias de vida | 2 Comments
Ana Carretón Guada por Ana Santos Solla
by Ana | Febreiro 2, 2025 | Historias de vida | 0 Comments
José María Fernández Vázquez por Ana Santos
by Ana | Decembro 1, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Máis nervioso ca un crocodilo en augas do Peloponeso por Jose Solla
by Colaborador | Setembro 27, 2026 | Fotográficas | 0 Comments
La mañana de Marina Filgueira García
by Colaborador | Setembro 27, 2026 | Articulos | 0 Comments
Viaxe a Mallorca, parte 2 por Xosé Manuel Gulías
by Colaborador | Setembro 20, 2026 | Escapadas | 0 Comments
Atención Primaria por Isidro Cortízo del Río
by Isidro | Setembro 17, 2026 | Artísticas | 0 Comments