Agapito de Lucrecia

Xosé Manuel Gulías Márquez

SEGUNDO CONTO

     DÍA DOS SANTOS LEOPOLDO E FIDENCIANO 

SEXTA FEIRA

AGAPITO DE LUCRECIA

Agapito de Lucrecia, de sobrenome “Pito”, naceu nunha recóndita aldeíña de montaña chamada Grovas, da indómita Terra de Montes, cando os calendarios abanaban na década dos anos trinta do século pasado.

O día que o pequeno mamote veu ó mundo coincidiu cunha potente treboada acompañada de fortes tronos e alustros que acobardou a máis dun varudo veciño do poboado.

Na aldea voaron tellas sen compaixón e algunha fiestra foi arrancada dos seus porlóns, pero o recén nacido non se enterou de nada.

Súa nai, a señora Lucrecia, e seu pai, o señor Agapito, eran bos cristiáns de misa dominical e cumprían puntualmente co preceuto de confesar e comungar polo menos unha vez ó ano.

Moito, a diario, non se lavaban, pero á celebración da misa dominical, coma ben acristianados que estaban, non fallaban.

Agapito de Lucrecia, Xosé Agapito Conde González,  foi criado con convencemento na relixión de seus pais e ía firmemente encamiñado a que o seu destino último, cando morrera, sería ir para o ceo onde se atoparía con Deus Noso Señor.

Cando era un neno pequeno, pero que xa se sentía capaz de camiñar por si mesmo, súa nai, en prevención de que non os mexara, poñíalle uns pantalóns que contaban cunha abertura no lugar da petrina, razón pola que moi a miúdo andaba co pito fóra do pantalón. Este motivo orixinaba que por veces os outros nenos se meteran co pequeno Agapito, aínda que maiormente non facían caso da tal circunstancia.

A medida que o tempo pasaba, foi facendo sol, houbo néboas, choveu, fixo frío, Agapito de Lucrecia foi medrando coma calquera ser humano e botando corpo coma todo fillo de veciño.

A pesar de que o seu vigoroso corpo xa non tiña pito, senón unha decente pirola, e non se mexaba polos zapatos, os seus coñecidos e amigos continuaron chamándolle polo alias de “Pito”.

Nunca se aclarou moi ben se esa circunstancia se daba polas dúas sílabas coas que remataba o seu nome ou porque de mocoso andaba co pito sansanicando fóra do pantalón.

Co paso de tempo, cando tiña a volúbel idade quince anos, comezou a frecuentar as festas dos arredores cando era a época do verán, e xa cando tivo dezaoito abriles a miúdo ía ós bailes que se celebraban en recintos cerrados na súa aldea e nas dos arredores, non moi lonxe, ademais de asistir ás festas do estío ás que as mozas a miudo asistían con roupa máis lixeira.

Agapito ademais coidaba da súa hixiene corporal máis ca o facían os pais. Lavaba e fregaba todo o corpo alomenos unha vez á semana, case sempre coincidindo co sábado, cun xabón que fabricaba súa nai.

Con vinte anos recén cumpridos, sen ter oficio nin beneficio coñecido, en contra do parecer dos pais, pois era fillo único, marchou ilusionado ó outro lado do mundo para facer as américas.

Un soleado día de mediados do mes de agosto, nun enorme buque de frete e pasaxeiros chamado Aragón, embarcou no transitado porto da cidade de Vigo para viaxar cara o para el descoñecido país de México.

Levaba consigo por toda  equipaxe a compañía dunha maleta de coiro que non contiña nada dentro, pero coa intención de que cando voltara para a casa viñera chea de relevantes obxectos.

Era aquela a época da gran emigración dos coitados galegos cara os máis diversos países do continente americano.

No tempo que durou a travesía foi na compañía dun veciño, algo máis vello e experimentado ca el, desembarcando despois de catorce días na dársena do peirao de Veracruz, importante cidade e porto do estado mexicano do mesmo nome.

A aquel veciño deberíalle a vida, pois se non é grazas á entrega, ós coidados e atencións que lle prodigou, estaría morto entre vómito e bocallada.

Cando o Aragón acadou a costa americana, o xove Agapito case era un cadáver vivente. 

Na fermosa e populosa cidade mexicana de Veracruz normalmente o tempo é soleado, sen embargo no día en que eles chegaron a casualidade, que en todo intervén, quixo que orballara.

-Saímos da nosa Galicia e chegamos a outra Galicia. –Dixo Eusebio, o compañeiro de Agapito.

A pesar de que Eusebio o dicía pola auga que o ceo sementaba con relaxado impeto naquel momento, a realidade é que nese preciso momento respiraban tantos galegos en México que era coma quen chegaba a unha sucursal de Galicia nas terras que no seu tempo Cristobal Colón engadira ó mapa de España.

Á baixada do barco, medio a bandazos porque Agapito continuaba mareado agarrado ó brazo esquerdo de Eusebio, tiveron a sorte de que un tal Olegario López Pacheco, propietario dunha pequena fábrica de chocolate na mesma cidade, estivera botando o ollo ós homes ou mulleres que desembarcaban esperando por man de obra galega.

Despois de calibralos e de falar con eles contratounos ós dous.

Olegario López sabía por experiencia que os galegos eran bos traballadores, ademais acostumaban a conformarse con pouco salario. Moitos deles aceptaban e tomaban con resignación o que lle ofrecían e incluso pasaban ó principio pola comida e a cama.

Cando despois dun período de tempo de permanencia no país espabilaban, xa pedían algo de cartos.

Nos primeiros tempos da súa estancia en Veracruz, Agapito de Lucrecia sentíase moi contento. O modesto pantalón que levaba vestido, que lle quedaba moi axustado na cintura e algo curto nas pernas, logo o cambiou, nunha tenda de venta roupa de segunda man, por outro máis cómodo.

A fábrica de chocolate de Olegario López “Xoco Sabrosón” atopábase situada nun lugar privilexiado que era do mellorciño da cidade. Encontábase localizada en plena Praza do Zócalo, a carón do Gran Hotel Diligencias e da Catedral da Nosa Señora da Asunción.

Agapito e Eusebio traballaron coma escravos de sol a sol durante tres meses e medio.

Pasado este tempo Agapito decidíu, despois de moito cavilar, ir probar sorte á capital do estado de Veracruz: Xalapa Enríquez.

O señor López tratábao ben, Agapito estaba ben mantido, pero pagaba mal.

Eusebio estaba contento e continuou na fábrica de chocolate “Xoco Sabrosón”. A comida e a bebida era abundante e de momento non sentía maiores necesidades.

Cargando a lixeira maleta na man dereita, seguía practicamente vacía e pesaba pouco, Agapito movíase sen présa paseando polo centro de Xalapa.

Camiñaba pola rúa Juan de La Luz Enríquez, fronte do Palacio Municipal de Xalapa e do Parque Juárez, solicitando traballo nos lugares que lle parecía que o podían coller e que a el lle conviña, cando de novo se atopou coa  boa sorte, ou a oportuna sorte tropezou con el.

No momento en que se atopaba sentado no fresco bordo da beirarrúa, nos soportais do Palacio Municipal, pois xa estaba esgotado polo tanto camiñar e de deambular dun lado para outro sen o menor éxito, acercóuselle mansamente un vello.

O cabaleiro, a si a primeira vista cavilou logo Agapito, contaría preto de oitenta anos. Era de corpo miúdo, barba branca e pelo ben longo con leves ondas tamén da mesma cor. Parándose ó seu lado faloulle con educación e cortesía da seguinte maneira:

-“Cuate”, véxote certamente cansado cunha maleta ó teu lado, con cara de pouco ánimo, ¿estarás por casualidade buscando traballo na cidade de Xalapa?

-Pois non erra vostede amigo, non se engana en absoluto. Se sabe dalgún lugar onde poida conseguir traballar agradeceríalle que mo dixera.

-Pode ser máis fácil ca iso, quizais eu mesmo podo ter un emprego para ti. Todo depende da túa vontade para o traballo e do espelido que sexas… Se vales para o negocio tamén vivirás comigo de balde, almorzo, xantar e cea ademais da cama, e algo de cartos hei de darche. Se te adecúas ás esixencias do traballo eu estarei encantado contigo.

Agapito era realmente un mozo esperto, non o pensou demasiado e contestou rápidamente.

-Próbeme…

-Antes de nada direiche que o meu nome é Enrique Oregón Vilchis, aínda que os xalapeños que me coñecen chámanme “Deus” –díxolle orgulloso o vello.

-Pois eu sonlle Agapito Conde González, ou máis ben Xosé Agapito, pero todo o mundo me coñece polo nome de Agapito ou “Pito” –contestoulle o mozo levantando cun pulo as pousadeiras do bordo da beirarrúa.

Agapito transitou camiñando parello con Enrique pola embaldosada “banqueta” ata chegaren á cercana rúa Dr. Rafael Lucio.

Ó lado do Hotel México, a cincuenta metros da Catedral Metropolitana da Inmaculada Concepción, e duns cen do Palacio do Goberno, pararon diante da tenda do vello Enrique: “Os Catro Reinos de Vilchis”.

Enrique Oregón Vilchis é o propietario e único empregado, á súa idade máis por distracción ca polo afán de ganar cartos, da tenda de obxectos esotéricos máis nomeada da capital do estado de Veracruz.

-¿Que che parece o meu negocio? –Preguntou Enrique cando traspasaron a porta.

-Moi ben… –Agapito tivo que facer un enorme esforzó de vontade para que non se lle abrira a boca coa extraordinaria sorpresa que levou ó ver aquilo.

-Pois o que ves é o que hai. Terás que ir asimilando e aprendendo pouco a pouco  o nome dos productos que tes diante túa e a utilidade práctica de cada un deles.

O novidoso establecemento comercial de Enrique Oregón Vilchis atesoura mercadorías de todo canto se poida atopar neste mundo referente a curacións milagrosas do corpo e da alma.

O señor Oregón exercía a tempo completo de curandeiro, herbeiro, chamán e graniceiro.

Era “Deus” en Xalapa Enríquez.

O recinto que alberga as diferentes pocións, fetiches e demais obxectos sanadores é pequeno e con pouca claridade. Só ten como iluminación unha bombilla que despide unha apagada luz vermella e outra moribunda amarela.

-Vai mirando por aí nos andeis por onde queiras, seguramente algo se che quedará dentro da moleira.

-Moi ben.

Agapito deixou colocada de modo conveniente a súa pobre e baleira maleta de coiro pousada no chan ó lado da porta.

Esperaba outro tipo de ocupación para poder ganarse a vida, pero gozar de pensión completa gratis e como o choio non parecía que o fora matar, animouno a sorrir para os seus adentros.

Xa falarían máis tarde do seu soldo cando houbera a oportunidade e unha ocasión adecuada para facelo.

O mozo púxose a dar voltas dun lado para outro mirando o que había nos diferentes andeis depositado en frascos, bolsiñas, colgadallos… foi lendo con calma as que a primeira vista máis lle chamaron a atención: Aceites sete machos, cinco pensamentos, seis poderes, aborrecedeira, abrecamiños, abundancia… Augas de rosas para a sorte o amor e para alonxar as discusións, de ruda, florida, volcánica, bendita… Xabóns… Colonias… Atractivos amuletos colgantes como a ala de anxo para a forza e a perfección, alas de mercurio, corazón, a figa, cinco poderes… Talismáns… Herbas para atraccións sexuais, barre problemas, espanta mortos, lavanda, eucalipto triturado, flor de santa Rita, flor de san Pancracio, herba dos druidas… Incienso en gran… Libros esotéricos… Péndulos… Polvos máxicos como o polvo de herba sete potencias, o abrecamiños, amansador, quédate na casa, de san Cipriano, para separar, para unir… Preparados de herbas e carbón… Tintas máxicas… Candeas de diversas cores de san Alejo, José Gregorio, abrecamiños, voaventa, amor contra a envidia… Vinagres esotéricos…

-¿Que? –inquire curioso Enrique Oregón.

-Paréceme que me vai custar aprender todo isto… –Agapito non minte, quere ser sincero co seu valedor.

-Non te desasosegues Agapito, a maior parte da xente que entra nesta tenda vén pedir de maneira precisa o que quere levar, e ós que entren para aconsellarse sobre algún problema específico atendos eu mentres ti miras, escoitas e aprendes.

-Se vostede o di… –expresa coa maior humildade “Pito”

Bo alumno, Agapito Conde González, logo adquiriu coñecementos para acomodar convenientemente membros descompostos, prescribir con meridiana certeza herbas para a dor de estómago, contra as afeccións gripais e doenzas varias que perturban o funcionamento de algún órgano do corpo, aconsellar os adecuados amuletos para levantar o espírito decaído…

Xa sendo Agapito un discípulo aventaxado, Enrique ensinoulle o que realmente podería ser a pedra filosofal dun santeiro: unha fermosa pedra de cuarzo exagonal que gardaba coma ouro en pano.

A aquela persoa conturbada porque non lle funcionara adecuadamente ningún dos múltiples remedios que Enrique lle podía aconsellar, aplicáballe finalmente e como último recurso a solución cuarzo.

A definitiva e decisiva solución cuarzo que Enrique empregaba, consistía en sentar ó atribulado cliente nun tallo e o santeiro sentaba noutro fronte del.

A persoa que ía utilizar os seus servicios porque tiña un problema, cos dous ollos pechados agarraba o anaco de cuarzo coa man esquerda mentres lle daba a man dereita a Enrique. Nese preciso momento, e durante aproximadamente un minuto, Enrique Oregón Vilchis, así mesmo cos ollos pechados, recitaba de seguido declamando lentamente a seguinte letanía:

-Con Deus me deito, con Deus me levanto a Virxe María e o Espírito Santo, con Deus me deito, con Deus me…

Non fallaba.

A serie de invocacións ordenadas que o señor Oregón recitaba como parte do remedio, a Agapito parecíalle que era a mesma ca lle facía rezar súa nai, mandando que se puñera de xeonllos, cando era un meniño e o levaba para a cama…

Agapito convivíu co vello Enrique Oregón Vilchis na cidade de Xalapa Enríquez, capital do estado de Veracruz, durante dous anos cinco meses e doce días.

A xornada na que Enrique Oregón “Deus” morreu, Agapito enterouse de que el era o seu herdeiro universal.

O vello menciñeiro non tiña parentes nin descendencia ningunha coñecida, polo que lle deixou todo o seu patrimonio a Agapito.

No testamento que realizara ante notario un ano despois de coñecer ó mozo, deixáballe un piso na rúa Francisco Javier Clavijero, no que viviran eses case dous anos e medio os dous homes, e o baixo do local comercial da rúa Dr. Rafael Lucio que igualmente era da súa propiedade.

Agapito chorou sinceramente e con fondo pesar a morte do seu xefe e amigo, pero como a vida continúa sen remedio el, daquela coñecedor de todo canto facía falta saber, continuou atendendo tenda e servindo ó público que o demandaba, coas composturas, os remedios e cos consellos.

Unha humilde mociña entra na tenda coa cabeza baixa, sinal da súa modestia, medio escondida porque non quere que a vexan.

-Necesitaría algún remedio efectivo que fixera que o meu mozo non andivera por aí parveando con outras mulleres e a ser posible que conseguira que lle mellorara o carácter bravo que ten –a moza falou tan baixiño e con tal apoucamento que se Agapito non tivera bo oído non lle entendería nada.

Agapito reflexiona un instante, a rapaza é moi noviña e díxolle que viñera a Xalapa nun autobús dende Guadalupe Victoria do concello de Tlalnelhuayocan.

-Cando esteas reunida con el nalgún lugar onde alternan mozas e mozos e vaiades tomar algunha bebida, faille unha distracción e bótalle nesa bebida que el pediu para tomar, un pouquiño do po amansador que che vou dar, pero ten que ser moi pouquiño, o que collas coa punta de dous dedos. Antes diso, cando te cite, na casa onde vives coloca unha candea rosa, que tamén che darei, nunha palmatoria ou nun candelabro e préndea cinco minutos antes da hora en que vaias saír con el. Non permitas nunca que te engane e se burle da túa persoa. Fai que desexe sempre con ansia o que trate de conseguir de ti.

-¿E iso funcionará? –pregunta inocentemente a tímida rapaza.

-Non me fallou nunca –a resposta de Agapito é contundente.

-¿E canto lle teño que pagar?

-Tan só o que custan o po amansador e a candea rosa, o consello é gratis.

Cando camiñando con calmada pachorra por algunha das rúas de Xalapa miraba cara o horizonte divisando o Pico de Orizaba, entráballe a incómoda morriña que notaba por estar lonxe de Grovas.

Os mércores de cada semana pola noite, dende que saía do choio, despois de deixar todo arranxado e cada obxecto colocado no seu lugar dos andeis, ía botar unha partida ás cartas ó tute ou ó subastado no casino de Galicia, situado na rúa Gutiérrez Zamora, con outros emigrantes do país.

Os que perdían a partida pagaban a tortilla española, con moitas patacas e pouco ovo, que ían picando ós poucos mentres xogaban.

En canto ás bebidas cada quen desembolsaba os cartos para abonar as súas.

Os amoríos minimamente serios non lle roubaron demasiado tempo, nin se rompeu moito a cachola co tema. Andivo algún tempo picando de flor en flor.

De cando en vez fíxolle as beiras a algunha moza compatriota, filla dalgún emigrante na mesma cidade, e mesmo a algunha indíxena morena de bo ver, pero nunca chegou a ser nada serio.

Coa noiva que máis lonxe chegou, estivo a punto de casar, foi  cunha fermosa xove huasteca que tivo unhas quenturas, por causa do dengue segundo lle dixeron os médicos, e morreu con vinte e un anos.

Agapito Conde González continuou traballando e dando consellos na tenda, en Xalapa Enríquez e en México, catro anos, sete meses e tres días máis. O tempo que tardou en desfacerse do piso e da tenda que herdara de Enrique Oregón, vendéndollos a un tal Moisés Sarmiento Corona, que ó parecer ía seguir co negocio que Agapito tan ben levaba.

Logo de poñer en orde e ó día o pasaporte español, sacaou sen demora unha pasaxe para embarcarse o antes posible e regresar para a súa Grovas anhelada.

Casualmente ía navegar outra vez no transatlántico Aragón, que procedía do Brasil do porto da populosa cidade carioca de Río de Xaneiro.

Subeu con tranquilidade e sosego a bordo do barco para volver a España. Esta vez non chegou a marearse durante a longa travesía, desembarcando na estación marítima do porto de Vigo despois de facer escala nas illas afortunadas, como tamén se coñece ás Illas Canarias, e en Lisboa.

 Con vintesete aproveitadas primaveras e catro meses de idade, cando no calendario caían as follas dos últimos anos da década dos anos cincuenta, Agapito volveu para a remota aldeiña de Grovas coa mesma maleta que levara para México e cun gran baúl cheo de artigos da súa propiedade e de regalos para seus pais.

Maletas de Agapito

       A maleta de agapito de ida e volta, o baúl co que volveu  de méxico e o cuarzo milagreiro 

E a peza máis importante que transportaba nesta viaxe de regreso á vez que valiosa para a súa persoa, era a milagrosa pedra de cuarzo que traía no peto da chaqueta que vestia e que gardaba con tanto celo coma se fora a mellor xoia.

En Grovas de novo foi Agapito de Lucrecia ou “Pito”.

Seus pais, aínda eran novos, non podían expresar con palabras a enorme ledicia de ver de volta na casa ó seu querido Agapito.

Pero o xove Agapito xa non se conformaba con ir ás festas e romarías nin ós bailes da aldea. Estivera nunha capital e a súa vida fora enfocada doutra maneira con outras miras.

Os bos pesos mexicanos que ganara coa venta do apartamento no que vivira e cos da cesión da tenda de Xalapa Enríquez, chegábanlle para poder comprar un piso ou unha casa preto da capital, Pontevedra, montar e organizar unha tenda de obxectos esotéricos medianamente decente, que era do que máis entendía, e aínda lle quedarían algúns cartos para andar de farra de cando en vez.

Despois de viaxar no autobús de liña varias veces a Pontevedra, e de preguntar e consultar aquí e máis acolá nas axencias inmobiliarias que atopou, por fin  decidiuse e comprou unha casa de baixo e piso no lugar de San Brais, na parroquia de San Martiño de Salcedo, moi preto da capital.

Os pais quedaron disgustados porque de novo marchaba de Grovas, pero no fondo contentos porque esta vez ía para cerca deles.

Xa vivindo na súa casa de San Brais, con todo o cariño e saber foi instalando no baixo unha tenda semellante á que tiña en Xalapa Enríquez. Colocou varios mobles con andeis a distinta altura e foi situando os artigos segundo a orde oportuna para atopalos con presteza.

Ata finais dos turbulentos e convulsos anos sesenta foille moi ben co negocio.

Tiña moita, boa e fiel clientela, o que fixo que gañara bastantes cartos tanto facendo de compostor de membros que se ían do lugar no que tiñan que estar polo seu natural, coma receitando as herbas que el mesmo colleitaba no campo e poñía a secar en parte do local onde as vendía, ou aconsellando poñer amuletos e fetiches que puideran mellorar os males do corpo ou do espírito ós seus clientes.

Indo paseando pola beira da estrada que conducía á fonte de Pamouro e prestando moita atención, atopaba herbas e arbustos que recolectaba para logo agostar e mesmo fabricar os seus xaropes: árnica, cola de cabalo, dente de león, herba luisa, loureiro, ortigas, xestas, silvas, toxos… 

Sen embargo a súa principal baza para coller fama de compostor e curandeiro fora a asombrosamente máxica solución cuarzo.

O anaco de cuarzo que o sanador Enrique Oregón Vilchis utilizaba como último recurso para curar calquera indisposición en Xalapa Enríquez, era o seu fascinante amuleto da sorte.

O que non conseguía curar con herbas prodixiosas, ungüentos milagreiros ou fetiches extraordinarios, era exposto ó ensaio da insuperable pedra de cuarzo e a solución era inmediata e infalible.

Cando un cliente chegaba cun problema complexo de resolver, despois de ensaiar e probar anteriormente outras solucións que non resultaran verdadeiramente eficaces, era sometido por último á proba do cuarzo e santo remedio:

-Con Deus me deito, con Deus me levanto a Virxe María e o Espírito Santo, con Deus me deito, con Deus me levanto…

Nunca fallaba.

Rematando os anos sesenta, prácticamente xa se pisaba cun pé nos setenta, Agapito foi á consulta do seu médico de cabeceira. Atopábase un pouco mal, sen forzas, e tiña síntomas como de estar incubando unha forte gripe. Quentura alta, calafríos, dor e presión no peito…

Os remedios que tomara coas herbas da súa recolleita non lle funcionaran.

Cando o facultativo do ambulatorio lle dixo que era necesario que ingresara no hospital, foi sen demora á casa a San Brais por algunhas cousas, e colleu camiño para a institución hospitalaria.

No hospital os doutores fixeron o que boa e humanamente puideron.

Ó cabo de cinco días da súa estancia na entidade sanitaria, tendo pouco máis de trinta e sete anos de idade, morreu dunha pneumonía; unha infección aguda do pulmón.

O día do seu falecemento facía tan mal tempo como o día en que nacera, as tormentas sucedéronse unha detrás de outra durante toda a xornada, os tronos e alustros asustaban a calquera.

No momento que o ían vestir para metelo na Caixa de defuntos, da man esquerda, que ata daquela tivera fortemente pechada, caeulle a pedra de cuarzo que suxeitaba agarrada dende que chegara ó hospital.

O bonito cristal de cuarzo foille entregado por unha enfermeira ós chorosos pais que foron facerse cargo do cadáver para proceder á súa inhumación.

Non sabían para que podía servir nin o uso que lle poderían dar a aquel anaco de crital de cuarzo, pero gardaríano coma ouro en pano recordando ó seu fillo.

Aquel infalible remedio do cuarzo, milagreiro para todos aqueles ós que lles fixo falta nun momento dado, ó seu dono non lle valera de nada cando máis o necesitou.

Q. E. P. D. Xosé Agapito Conde González, “Pito”.

Manolo Gulias Márquez

Manolo Gulias Márquez

Docente

Xosé Manuel Gulías Márquez naceu en Pontevedra en 1952, pero foi bautizado en Forcarei de onde eran seus pais. En 1983 aprobou as oposicións por ciencias logo fixo a especialidade de galego e daba as clases nesa lingua. O seu último destino levouno ao instituto onde estudou, é dicir ao Valle Inclán, non podía estar máis feliz xa que despois de case 20 anos non tivo que volver coller o coche. Neste instituto estivo 18 anos ata que con 65 xubilouse, porque xa tiña o tempo de servizo e xa tocaba. Colabora con nós relatando as súas viaxes.

Historia de vida

O carballo do Pelete

O pozo do Pego

O meniño co rabo no cu

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥