Rosa treme. Rosa cai coma un arboriño abatido. E il di:
—Non fága-las comedias. Compre que vaias á Casa Azul.
Ela érguese. Rosa vai e érguese. Rosa érguese nun chouto e agarra ao Portugués polas lapelas, descobríndolle o peito peludo, estreito.
—Á Casa Azul? Á Casa Azul, Portugués?
—E logo por qué non? Irás á Casa Azul. É o costume.
—Non sei o camiño.
—Ti xa sei que che gustaría non ir, e quedarmos coma porcos, dispensando, cos da Casa Azul.
—Teño medo.
—Iso xa. Non ias ti ter medo? Iso xa. Pero sabes qué máis? Tes que ir. E non lle deas voltas. Ademáis a Casa Azul é fremosa. Ten dúas torres traslúcidas e a lús entra pola paredes e alí as mulleres son felices.
—E ti cómo é que o sabes?
—Pergúntallo ás mulleres do bairro. Dínno todas.
—Portugués, escoita unha cousa. No teu pobo tamén van as mulleres á Casa Azul?
—Non.
—E logo por qué queres que vaia eu?
—Porque ti es de eiquí. Ouviches? E eiquí van as mulleres á Casa Azul en canto preñan. Está? É o costume.
—Pero ninguén o manda. Ninguén o manda. Eu teño medo e non vou.
Rosa agacha a cabeza, morde o groso labre de abaixo. Chora. Unha raiola de sol ledo, de mañá, entra por unha regandixa e incide sobre a cama desfeita onde xace o Portugués. Rosa espeta o papo no peito. Logo abre moito os brazos e move os dedos da mao frenéticamente e berra:
—Sodes unha presa de cagados… Non hai homes no bairro. Sodes mariolas. Estades todo o día deitados, mentres as vosas mulleres se desfán os riles apañando nas colillas. Vívides de señoritos, queréde-lo caldo con sustancia, traballades un día por somana, mallades en nosoutras cando vos peta… E nós calamos. As mulleres a calar. E de cada vez que empreñamos, veña, á Casa Azul; espelirse… Non tedes vergonza. Non sodes homes. E escoita isto: non vou á Casa Azul. Eu ríome do costume.
O Portugués blasfema. Dálle, ademáis, unha losqueada á Rosa. Despois ela cai no chao e bárreselle o senso por segunda vez. O Portugués cuspe de lado e bícaa nos ollos. Pasa un pouco tempo e ela esperta.
—Teño que ir, Portugués?
—É o costume.
—Portugués, e se nós desfixerámo-lo costume, se o romperamos, si construiramos un costume novo?
—Ti toleas. Imposibel. As mulleres, ao empreñaren por primeira vez, teñen que ir á Casa Azul.
—Bueno, pois logo vou á Casa Azul. Adeus…
—Non tardes moito.
E Rosa foise por un camiño ancho e lisiño. Foise polo acostumado camiño da Casa Azul.
Con este vídeo queremos render a nosa pequena homenaxe a Xosé Luís Méndez Ferrín, unha figura imprescindible das nosas letras e da nosa cultura que nos deixou recentemente.
Escollemos o relato “A casa azul”, pertencente ao seu libro O crepúsculo e as formigas (Edicións Xerais de Galicia) —e que o propio autor definiu na obra como unha “homenaxe pequena a Samuel Beckett”—, porque as súas palabras seguen hoxe máis presentes e necesarias ca nunca, demostrando que as grandes historias non entenden do paso do tempo.
A súa obra, a súa lingua e o seu legado quedan para sempre na nosa memoria.
Grazas por tanto, mestre. Agardamos que vos guste e que sirva para manter acesa a súa lembranza.
máis artigos
♥♥♥ síguenos ♥♥♥