por Antonio Lois
Cando faltaron os pais
eu volvín á nosa casa.
Non estaba a porta aberta
e ninguén nos agardaba.
Ninguén nos daría un bico
nin as apertas de antes.
A porta estaba pechada,
pechada estaba con chave.
Funa buscar ó recanto
onde sempre se gardaba;
nun burato da parede,
con unha pedra tapada.
Abrín con coidado a porta,
pero ruxiu a bisagra.
Era o único da casa
que a benvida nos daba.
Dentro todo estaba igual
cómo eles o deixaran,
pero faltaballe a alma
que lle daba vida a casa.
Non había pan cocido
nin aquela empanada,
a que preparaba a nai
cada vez que eu chegaba;
porque ela ben sabía
o moito que me gustaba.
¡Faltaba a alma dos pais,
que lle daba vida a casa!
Foron pasando os días
e xa chegou o da marcha.
Pechei con coidado a porta,
non me volvín a mirala;
non fora que,ó volver vela,
unhas bágoas,sen querelas,
ós meus ollos asomaran.
Que triste a despedida
en que ninguén te despide
e de ninguén te despides,
e que soamente sintes
o ruxír dunhas bisagras,
que imaxínas que che dín:
Bó viaxe e deica pronto;
e non tardedes en volver,
que estaremos agardando.
O ver que era un recordo,
unhas bágoas,sen querelas,
ós meus ollos asomaron.
Hoxe só nos despedía
unha casa xa sen vida
e unha chave oxidada.
¡Elas nada nos dicían,
porque elas non falaban!
Antonio Lois

Antonio Lois Pérez
Colaborador
O meu nome é Antonio Lois Pérez.
Nacín un día 4 do mes de xaneiro, ano 1948, no lugar do Castro de Mourelos, parroquia de Mourelos (Saviñao – Lugo).
Son economista e técnico en tintes, estampación e acabados téxtiles.
Actualmente vivo en Barcelona.
Gústame escribir poesía en galego do pobo, o galego dos meus pais, que é o galego que amo; non en galego ilustrado!
Participei en tres libros de poesía (Poetas do Reencontro, Caminhos da Poesía e Raia Luso Española), así coma na revista Xistral do Concello de Lugo.
Non hai moito máis que contar de unha vida moi vulgar!
Son do Castro de Mourelos;
onde mellor se ve o Miño,
onde mellor se ve o ceo;
onde, ulindo ó seu vento,
eu xa sei se vai chover.
¡Que pena que non estén
aqueles que eu amei;
que pena que xa non vexa
o Castro que eu deixei!
A pesar de todo eso;
ou pode sexa por eso,
do Castro sempre serei
máis artigos
♥♥♥ síguenos ♥♥♥